Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Xoves, 28 de xuño de 2018 Páx. 31188

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE do 22 de xuño de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 e se procede á súa convocatoria para o ano 2018, con carácter plurianual.

No Boletín Oficial del Estado núm. 61, do 10 de marzo de 2018, publicouse o Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021. No artigo 5 do citado real decreto sinálase que corresponde aos órganos competentes das comunidades autónomas a tramitación e resolución dos procedementos de concesión e pagamento das axudas dos distintos programas do Plan, unha vez que se teña recoñecido o dereito das persoas beneficiarias a obtelas dentro das condicións e límites establecidos neste real decreto.

No novo Plan de vivenda mantense, con carácter prioritario, a aposta polo fomento do alugamento e da rehabilitación, xa iniciada polo Plan estatal 2013-2016.

No ámbito do alugamento, ademais do programa xeral de axudas ao alugamento de vivendas, introdúcese un novo programa de axudas á mocidade para o acceso a unha vivenda en alugamento, en prol de facer máis doada a súa emancipación.

A Comunidade Autónoma de Galicia comparte o criterio de establecer medidas e programas para favorecer o acceso á vivenda aos colectivos máis desfavorecidos e ás persoas novas que pretendan acceder a unha vivenda por primeira vez. Con este obxectivo tramítase esta orde, onde se conteñen as bases reguladoras destas dúas liñas de axudas de alugamento citadas e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2018, con carácter plurianual.

Esta orde axústase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 37/2017, do 6 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, e o artigo 34 da Lei 1/1983, do 12 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión (código de procedemento VI432A) e a renovación (código de procedemento VI432B) das seguintes axudas ao alugamento de vivendas, de conformidade co Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021:

a) Liña A, axuda ao alugamento de vivenda: a súa finalidade é facilitar o desfrute dunha vivenda en réxime de alugamento a sectores de poboación con escasos medios económicos, mediante a concesión de axudas directas ás persoas inquilinas.

b) Liña B, axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente: a súa finalidade é facilitar o acceso ao desfrute dunha vivenda digna e adecuada, en réxime de alugamento, a persoas menores de 35 anos con escasos medios económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas inquilinas.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse estas liñas de axudas para a anualidade 2018, con carácter plurianual.

3. A concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase polo procedemento de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Definicións

Para os efectos da aplicación desta orde, os termos incluídos neste artigo interpretaranse co significado e alcance seguintes:

a) Unidade de convivencia da persoa beneficiaria: conxunto de persoas que habitan e gozan dunha vivenda de forma habitual e permanente, así como con vocación de estabilidade, con independencia da relación que exista entre todas elas.

b) Residencia habitual e permanente da persoa arrendataria e do resto das persoas integrantes da unidade de convivencia: domicilio en que constan empadroados todos eles.

c) Persoa menor de 35 anos: aquela que, na data de presentación da solicitude, non teña feitos os 35 anos.

d) Persoa maior de 65 anos: aquela que, na data de presentación da solicitude, teña feitos 65 ou máis anos.

e) Familia numerosa: interpretarase de conformidade co artigo 4 da Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas, desenvolvida polo Real decreto 1621/2005, do 30 de decembro.

f) Unidade familiar monoparental: interpretarase de conformidade co artigo 13 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

g) Vítima de violencia de xénero: interpretarase de conformidade co artigo 1 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, modificado pola disposición derradeira terceira da Lei orgánica 8/2015, do 22 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia.

h) Unidade de convivencia afectada por situación catastrófica: interpretarase de conformidade co artigo 2 da Lei 17/2015, do 9 de xullo, do sistema nacional de protección civil.

i) Persoa con discapacidade: interpretarase de conformidade co Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social.

j) Vítima do terrorismo: interpretarase de conformidade co artigo 3 da Lei 29/2011, do 22 de setembro, de recoñecemento e protección integral ás vítimas do terrorismo.

k) Indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM): é o indicador definido no Real decreto lei 3/2004, do 25 de xuño, para a racionalización da regulación do salario mínimo interprofesional e para o incremento da súa contía; considerarase unidade de medida para a determinación da contía dos ingresos familiares, no seu cómputo anual, incluíndo dúas pagas extras.

Para os efectos destas axudas, tomarase en consideración o IPREM do ano que se especifique na correspondente convocatoria.

l) Zonas territoriais, para os efectos de determinar a renda máxima das vivendas do artigo 6: son as zonas establecidas no anexo I do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e na Orde VIV/1952/2009, do 2 de xullo, pola que se declaran os ámbitos territoriais de prezo máximo superior para o ano 2009, para os efectos do Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, polo que se regula o Plan estatal de vivenda e rehabilitación 2009-2012.

CAPÍTULO II
Bases reguladoras

Artigo 3. Requisitos das persoas beneficiarias

1. Requisitos específicos da liña A, axuda ao alugamento de vivenda:

Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que na data de presentación da solicitude sexan titulares, en condición de persoa arrendataria, dun contrato de alugamento de vivenda, con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.

2. Requisitos específicos da liña B, axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente.

Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ser titular ou estar en condicións de subscribir, en condición de persoa arrendataria, un contrato de alugamento de vivenda, con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.

b) Ter menos de 35 anos na data de presentación da solicitude desta axuda.

3. Requisitos comúns ás dúas liñas de axudas.

a) A persoa beneficiaria deberá posuír a nacionalidade española; no caso de que sexa estranxeira, deberá ter a residencia legal en España.

b) Que a vivenda arrendada constitúa ou vaia constituír a residencia habitual e permanente da persoa beneficiaria durante todo o período polo que se conceda a axuda. Para estes efectos, as persoas integrantes da unidade de convivencia deben constar empadroadas na vivenda obxecto do contrato de alugamento na data da presentación da solicitude ou, tratándose de axudas da liña B, no momento da presentación do contrato, para o caso de que este non se achegase coa solicitude.

c) Que a renda mensual da vivenda que teñen alugada ou vaian alugar non supere os importes establecidos no artigo 6.

d) Que os ingresos das persoas que compoñen a unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a 2,5 veces o IPREM. Este límite será de 4 veces o IPREM, se a unidade de convivencia é unha familia numerosa de categoría xeral ou ten persoas cunha discapacidade distinta das sinaladas a continuación. O límite será de cinco 5 veces o IPREM cando a unidade de convivencia sexa unha familia numerosa de categoría especial ou teña persoas con algún dos seguintes tipos de discapacidade:

i) Parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade intelectual ou discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33  %.

ii) Discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

e) Que os ingresos mínimos da unidade de convivencia non sexan inferiores a 0,7 veces o IPREM. Para o cómputo destes ingresos non serán de aplicación os coeficientes multiplicadores previstos no artigo 8.4.

f) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da unidade de convivencia se atopen ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da unidade de convivencia non estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como que non se lles teña revogada, ou fosen obxecto dunha resolución de reintegro dunha axuda, deste ou dun plan de vivenda anterior, por causa imputable a algunha das persoas integrantes da unidade de convivencia.

4. Non poderá concederse a axuda cando a persoa solicitante ou algunha das persoas integrantes da unidade de convivencia se atope nalgunha das situacións que a seguir se indican:

a) Ser propietario ou usufrutuario dalgunha vivenda en España. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito as persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten a non dispoñibilidade dela por causa de separación, divorcio ou por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou dalgún membro da súa unidade de convivencia.

b) Que teña parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade coa persoa arrendadora da vivenda.

c) Que sexa socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora.

d) Que sexa arrendataria dunha vivenda xestionada polo IGVS.

Artigo 4. Participación nas liñas de axuda

1. No momento de realizar a súa solicitude a persoa interesada deberá optar por unha das dúas liñas de axuda previstas nesta orde. No caso de que a persoa solicitante seleccione as dúas liñas no formulario de solicitude, a axuda tramitarase pola liña A.

2. Só se admitirá unha única solicitude por cada unidade de convivencia. No caso de presentar máis dunha solicitude, só se tramitará a primeira das presentadas, téndose por inadmitidas todas as demais.

3. No caso de contratos de alugamento asinados por máis dunha persoa da unidade de convivencia, só se poderá conceder unha única axuda polo dito contrato.

Artigo 5. Contía das axudas

1. A contía da axuda para a liña A, axuda ao alugamento de vivenda, será do 40 % da renda mensual que se deba satisfacer polo alugamento. Non obstante, para as persoas beneficiarias que na data de presentación da solicitude teñan máis de 65 anos, esta axuda será do 50 % da renda mensual que se deba satisfacer polo alugamento.

2. A contía da axuda para a liña B, axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente, será do 50 % da renda mensual que se deba satisfacer polo alugamento.

3. Tanto na liña A como na liña B, a contía da axuda recoñecida na resolución de concesión determinarase en función da renda establecida no contrato, sen que en ningún caso poida ser aumentada, aínda que a citada renda se incremente ao longo da duración do contrato.

Artigo 6. Renda das vivendas

A renda mensual da vivenda obxecto do contrato de alugamento non poderá superar os seguintes importes, dependendo do concello en que estea situada:

Zona territorial

Importe da renda mensual de alugamento

Concellos

Prezo máximo superior

500 €

A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e Pontevedra.

Zona territorial 1

400 €

Ames, Ares, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Cee, Cedeira, Culleredo, Fene, Ferrol, Melide, Mugardos, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Ribeira, Sada e Teo.

Burela, Cervo, Chantada, Foz, Lugo, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro.

Allariz, A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia.

A Estrada, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, Gondomar, Lalín, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Redondela, Sanxenxo, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Zona territorial 2

300 €

O resto de concellos de Galicia.

Non obstante o anterior, estes importes poderán ser incrementados ata un 20 %, no caso de que as persoas arrendatarias sexan familias numerosas ou integrantes dunha unidade de convivencia que precise unha vivenda adaptada para algún dos seus membros.

Artigo 7. Cómputo dos ingresos da unidade de convivencia para acceder ás axudas

Para a determinación dos ingresos da unidade de convivencia partirase da contía da base impoñible xeral e do aforro, reguladas nos artigos 48 e 49, respectivamente, da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto da renda das persoas físicas (en diante, IRPF), correspondente á declaración ou declaracións presentadas pola persoa solicitante e por cada unha das persoas integrantes da unidade de convivencia, relativa ao período impositivo que se defina na correspondente convocatoria. De non dispoñer da correspondente declaración, deberanse acreditar os ingresos mediante a presentación dunha declaración responsable, acompañada da documentación prevista no artigo 11.

Artigo 8. Criterios obxectivos de outorgamento da axuda

1. A contía dos ingresos da unidade de convivencia converterase a número de veces o IPREM.

2. Para os efectos da concesión da axuda, os ingresos da unidade de convivencia deberán ser inferiores ao límite máximo de ingresos da unidade de convivencia (LIUC) previsto no punto seguinte. O citado límite de ingresos virá determinado pola composición da unidade de convivencia.

3. O LIUC expresarase en número de veces a contía anual do IPREM e non poderá ser superior as tres veces o citado índice, salvo os supostos especificados no artigo 3.3.d); o LIUC determinarase conforme ás seguintes regras:

– Se a unidade de convivencia está composta por unha soa persoa, computa 1,5 veces o IPREM.

– Se a unidade de convivencia está composta por dúas ou máis persoas, a primeira persoa computa 1,5 veces o IPREM e cada persoa adicional 0,5 veces o IPREM.

4. A prioridade das solicitudes determinarase en función do maior resultado de aplicar a seguinte fórmula:

1 – IUC/CLIUC

Onde:

IUC = ingresos, en euros, da unidade de convivencia.

Para os efectos do cálculo do IUC, no caso de familias numerosas de categoría xeral ou de persoas con discapacidade, a contía dos ingresos multiplicarase polo coeficiente 0,75. No caso de familias numerosas de categoría especial ou de persoas coas discapacidades dos tipos i) ou ii) especificadas no artigo 3.3.d), o coeficiente a utilizar será de 0,60.

CLIUC = contía, en euros, do límite máximo de ingresos da unidade de convivencia que permite o acceso á axuda, no suposto de que non existisen os limiares límite en número de veces o IPREM contemplado no artigo 3.

5. No caso de empate, terán preferencia os seguintes colectivos:

– Familias numerosas.

– Unidades familiares monoparentais con cargas familiares.

– Persoas que fosen obxecto dunha execución hipotecaria da súa vivenda habitual ou que a tivesen entregado en pagamento da débeda.

– Unidades de convivencia en que exista algunha vítima de violencia de xénero.

– Unidades de convivencia en que algunha persoa asuma a patria potestade, tutela ou acollemento familiar permanente dalgún menor orfo por violencia de xénero.

– Unidades de convivencia afectadas por situacións catastróficas.

– Unidades de convivencia que conten con algún membro con discapacidade.

– Unidades de convivencia en que estean integradas persoas que sufrisen danos incapacitantes como consecuencia da actividade terrorista, o/a cónxuxe ou persoa con análoga relación de afectividade, durante os dous anos anteriores, de vítimas falecidas en actos terroristas, as/os súas/seus fillas/os e as/os fillas/os das persoas incapacitadas, así como as ameazadas como consecuencia do dito feito.

6. Se as solicitudes presentadas nunha convocatoria, que cumpran o sinalado neste artigo, fosen inferiores ao número de axudas que puidesen ser concedidas conforme o crédito orzamentario habilitado, poderán resultar beneficiarias aquelas persoas solicitantes cuxas unidades de convivencia teñan ingresos que non superen 2,5 veces IPREM, priorizándose o acceso coa fórmula que figure neste artigo.

Artigo 9. Duración das axudas

1. As axudas de ambas as dúas liñas concederanse por un prazo máximo de 3 anos, de conformidade co previsto nos puntos 2 e 3 deste artigo. Non obstante, para poder desfrutar das anualidades do segundo e terceiro ano deberá solicitarse a renovación anual no prazo que se sinale na resolución de concesión da axuda inicial ou, de ser o caso, da primeira renovación, debéndose achegar, para estes efectos, a documentación especificada no artigo 14.

2. O recoñecemento do dereito da axuda poderá ter carácter retroactivo, nos termos que se determinen en cada convocatoria.

Artigo 10. Solicitudes

1. A solicitude realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta orde, debidamente cuberto. Deberá dirixirse á área provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) onde estea situada a vivenda.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Tamén se poderán presentar as solicitudes presencialmente por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No modelo de solicitude a persoa solicitante realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida á persoa solicitante ou a calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia para a mesma finalidade.

c) Declaración responsable de que a persoa solicitante é titular ou, se é o caso, está en condicións de subscribir un contrato de alugamento nun concello de Galicia.

d) Declaración responsable de que a vivenda obxecto do contrato de alugamento que se presente constitúe ou, se é o caso, vai constituír o seu domicilio habitual e permanente.

e) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia é propietaria ou usufrutuaria dunha vivenda situada no territorio nacional, agás o suposto exceptuado no artigo 3.4.a).

f) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia ten parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata o segundo grao, coa persoa arrendadora.

g) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia é socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora.

h) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia é arrendataria de vivendas xestionadas polo IGVS.

i) Declaración responsable de que nin á persoa solicitante nin a ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia se lle teña revogada, ou for obxecto dunha resolución de reintegro dunha axuda, deste ou dun plan de vivenda anterior por causa imputable a algunha das persoas integrantes da unidade de convivencia.

j) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

k) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

l) Declaración responsable de que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia están ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

m) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.

Artigo 11. Documentación necesaria para a tramitación do procedemento

1. Coa solicitude deberase achegar a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón:
https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados

b) Contrato de alugamento da vivenda, con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.

No caso de persoas solicitantes da liña B, axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente, que desexen acceder a un alugamento de vivenda e non dispoñan dun contrato de alugamento no momento de presentar a solicitude, deberán indicar no anexo I en cal das zonas territoriais sinaladas no artigo 6 de convocatoria se localizará a vivenda que se vaia alugar. No prazo de dous (2) meses, contados desde a notificación da resolución de concesión, deberán presentar o contrato de alugamento nun concello da categoría referida, xunto co certificado de empadroamento.

c) Anexo II, de declaración responsable das persoas integrantes da unidade de convivencia da persoa solicitante e autorización para solicitar por vía telemática as acreditacións relativas a identidade, residencia, datos catastrais e de titularidade de bens inmobles, ingresos, débedas e discapacidade.

No caso de que unha unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar, deberase cubrir un modelo de anexo II por cada unha delas.

d) Anexo III, de compromiso de someterse ás condicións das axudas ao alugamento desta orde, con indicación do número de conta bancaria da persoa arrendataria e da persoa arrendadora.

e) Anexo IV, de declaración da persoa arrendadora da vivenda obxecto do contrato de alugamento de que a persoa arrendataria non ten débedas por non pagamento das rendas nin das subministracións, no caso de dispoñer de contrato no momento de presentar a solicitude.

f) Anexo V, de declaración responsable da persoa solicitante e das persoas integrantes da unidade de convivencia, no caso de non estar obrigados a presentar a declaración do IRPF, acompañado da seguinte documentación:

– Certificado de imputacións do IRPF do exercicio que se especifique na correspondente convocatoria, emitido pola AEAT.

– Certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas cales estivese de alta no devandito exercicio.

– Certificado de pensións ou prestacións periódicas, emitido polo correspondente organismo oficial, no caso de non ser outorgadas polo INSS.

– Certificados bancarios de rendementos do capital mobiliario.

g) Xustificante de empadroamento conxunto de todas as persoas integrantes da unidade de convivencia. Estes xustificantes deberán estar expedidos dentro dos seis meses, anteriores á data da presentación da solicitude.

A data de alta das persoas integrantes da unidade de convivencia na vivenda obxecto do contrato que figure neste documento deberá ser igual ou anterior á do día de presentación da solicitude da axuda, agás para o caso das persoas solicitantes da liña B, axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente, que non presenten contrato no momento da solicitude. Neste caso, a data de alta na vivenda das persoas integrantes da unidade de convivencia que figure no xustificante de empadroamento conxunto deberá ser igual ou anterior á data de presentación do contrato.

h) De ser o caso, convenio regulador de nulidade, separación ou divorcio, ou sentenza que acredite que a persoa solicitante non ten o uso da vivenda familiar, así como a documentación acreditativa de estar ao día no pagamento das pensións alimenticias e compensatorias, se for o caso, no caso das persoas separadas ou divorciadas.

2. Aquelas persoas que na solicitude indiquen que pertencen a algún dos colectivos preferentes especificados no artigo 8.5 deberán achegar a seguinte documentación:

a) No caso de familias numerosas, título de familia numerosa, no suposto de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia.

b) No caso de unidades familiares monoparentais con cargas familiares, de non dispoñer do certificado de monoparentalidade expedido pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia na data de presentación da solicitude, deberase achegar a seguinte documentación:

– Copia do libro de familia.

– Declaración responsable de non constituír unión estable de parella ou manter unha relación análoga á conxugal, así como de non ter contraído matrimonio con outra persoa.

– Copia da resolución xudicial ou administrativa pola que se constitúa a tutela, adopción ou o acollemento permanente ou preadoptivo ou sentenza que acredite a exclusividade da patria potestade, de ser o caso.

– Copia do certificado de defunción da persoa proxenitora falecida, no caso de atoparse nesta circunstancia e non constar no libro de familia.

– Sentenza xudicial pola que se acredita cal dos proxenitores ten a obriga legal de pagar a pensión alimenticia e o réxime de convivencia coas fillas e fillos, de ser o caso.

Para o suposto de que un proxenitor teña a garda e custodia exclusiva ou total das fillas e fillos e non perciba a pensión alimenticia establecida xudicialmente, deberá acreditar esta circunstancia mediante un dos seguintes documentos:

– Certificado da/do letrada/o da Administración de xustiza, dilixencia, providencia ou documento análogo do xulgado que acredite que o procedemento de reclamación da pensión alimenticia está en curso. Este documento deberá estar expedido dentro dos tres meses anteriores á data de presentación da solicitude.

– Sentenza condenatoria por impago de alimentos.

c) No caso de que algunha das persoas integrantes da unidade de convivencia for obxecto dunha execución hipotecaria da súa vivenda habitual ou a tiver entregado en pagamento da débeda, documentación acreditativa da dita circunstancia, a cal deberá estar emitida dentro do prazo dos seis meses anteriores á data de presentación da solicitude.

d) No caso de unidades de convivencia en que exista algunha vítima acreditada de violencia de xénero:

– Certificación da orde de protección ou medida cautelar, testemuño ou copia autenticada da/do letrada/o da Administración de xustiza da propia orde de protección ou medida cautelar.

– Resolución xudicial que declare a existencia de violencia de xénero.

– Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

– Informe dos servizos de acollida.

– Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

– Calquera outro que se estableza legal ou regulamentariamente para a acreditación da dita situación.

Os documentos acreditativos da situación de violencia anteditos deben de estar emitidos dentro dos seis meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

e) No caso de unidades de convivencia en que algunha persoa asuma a patria potestade, tutela ou acollemento familiar permanente dalgún menor orfo por violencia de xénero, documentación acreditativa desta circunstancia e copia da resolución xudicial ou administrativa pola que se constitúa a tutela, adopción ou o acollemento permanente ou preadoptivo, de ser o caso.

f) No caso de unidades de convivencia afectadas por situacións catastróficas, documentación que permita acreditar a citada situación.

g) No caso de unidades de convivencia que conten con algún membro con discapacidade, o correspondente certificado de discapacidade, no suposto de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia.

h) No caso de persoas vítimas de terrorismo, documento oficial que acredite esta circunstancia.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente, sempre que non se modificasen as súas circunstancias e a persoa interesada outorgue o seu consentimento expreso para que sexan consultados ou obtidos os ditos documentos, segundo o Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas, no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos, DOUE do 4 de maio).

4. No suposto de que exista a imposibilidade material de obter o documento, a área provincial do IGVS poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos contidos a que se refire o documento.

Artigo 12. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Tamén se poderá presentar en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada.

4. No caso de que os documentos que se presenten superen os tamaños máximos establecidos na sede electrónica ou teñan un formato non admitido, deberán seguirse para a súa presentación as instrucións da sede electrónica da Xunta de Galicia sinaladas no seguinte enderezo: https://sede.xunta.gal/documentacion-de-gran-tamano

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, da súa persoa representante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia e da/s persoa/s arrendadora/s da vivenda.

b) Permiso de residencia legal da persoa solicitante, cando sexa estranxeira.

c) Certificado de empadroamento da persoa solicitante, así como das persoas que integran a unidade de convivencia.

d) Certificacións da Axencia Estatal de Administración Tributaria (en diante, AEAT), da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, correspondentes á persoa solicitante e ás persoas que integran a unidade de convivencia.

e) Certificado da renda expedido pola AEAT, da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia, correspondente aos datos fiscais que se establezan en cada convocatoria.

f) Certificado do nivel de renda expedido pola AEAT, da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia, correspondente aos datos fiscais que se establezan en cada convocatoria.

g) Datos catastrais correspondentes á persoa solicitante e ás persoas que integran a súa unidade de convivencia.

h) Certificación de titularidade de bens inmobles da Dirección Xeral do Catastro onde conste que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da unidade de convivencia teñen en usufruto ou en propiedade outra vivenda en territorio español.

i) Consulta das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, incapacidade temporal e maternidade do Instituto Nacional da Seguridade Social, da persoa solicitante así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

j) Certificado das percepcións da renda de integración social de Galicia.

k) Certificado de monoparentalidade expedido pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

l) Importes das prestacións de desemprego percibidos pola persoa solicitante, así como polas persoas que integran a súa unidade de convivencia, no caso de que fagan constar na solicitude que lle é de aplicación esta circunstancia.

m) Certificado de inscrición no Rexistro de parellas de feito de Galicia da persoa solicitante.

n) Título autonómico de familia numerosa, no caso de que a persoa solicitante ou calquera das persoas que integran a súa unidade de convivencia faga constar na solicitude que lle é de aplicación esta circunstancia. No suposto de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia, deberá achegarse a correspondente documentación.

o) Certificado acreditativo da discapacidade, para o suposto de que o documento deba ser expedido pola Xunta de Galicia, no caso de que a persoa solicitante ou calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia faga constar na solicitude que lle é de aplicación esta circunstancia. No suposto de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia, deberá achegarse a correspondente documentación.

2. No caso de que a persoa solicitante, calquera das persoas que integran a súa unidade de convivencia e/ou a persoa arrendadora non autoricen esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado nos anexos I, II e III, respectivamente, e achegar os devanditos documentos.

3. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 14. Renovación da subvención

1. Todas as persoas que resulten beneficiarias das liñas de axudas previstas nesta orde e que non perdesen o dereito mediante a oportuna resolución poderán renovala anualmente, ata acadar unha duración máxima de tres anos. Para tal efecto, deberán presentar, no prazo que se sinale na correspondente resolución de concesión da axuda inicial ou da primeira da renovación, o anexo VI, de solicitude de renovación, acompañado da seguinte documentación (código de procedemento VI432B):

a) Anexo II, de declaración responsable das persoas integrantes da unidade de convivencia da persoa solicitante e autorización para solicitar por vía telemática as acreditacións relativas a identidade, residencia, datos catastrais e de titularidade de bens inmobles, ingresos, débedas e discapacidade.

No caso de que unha unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar, deberá cubrir un modelo de anexo II por cada unha delas.

b) Anexo IV, de declaración da persoa arrendadora da vivenda de que a persoa arrendataria non ten ningunha reclamación pendente por non pagamento das rendas e/ou das subministracións.

c) Anexo V, de declaración responsable de ingresos da unidade de convivencia da persoa solicitante, no suposto de non estar obrigado/a a realizar a correspondente declaración do IRPF, acompañado da documentación acreditativa dos ingresos percibidos que figuren neste anexo.

d) De ser o caso, declaración formalizada polas/os asinantes do contrato de alugamento de que este se prorrogará nas mesmas condicións.

2. A comprobación dos datos necesarios para a tramitación do procedemento de renovación efectuarase de conformidade co previsto no artigo 13 desta orde.

3. No momento de renovación da axuda a persoa beneficiaria deberá cumprir os requisitos comúns previstos no artigo 3 desta orde. A contía da axuda renovada será a mesma que a que se viña percibindo, sen prexuízo do seu reaxuste, para o caso de cambio de domicilio, conforme o artigo 23.

4. Para os efectos de determinar o cumprimento dos requisitos no momento da renovación anual das axudas, utilizaranse o IPREM e os datos fiscais correspondentes ao último período impositivo con prazo de presentación vencido.

Artigo 15. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda ou, no caso de non ter contrato, na área provincial que se indique no anexo de solicitude. Asumirá as funcións de coordinación dos órganos instrutores a Dirección Técnica de Fomento do IGVS.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas.

Artigo 16. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento iníciase de oficio, en réxime de concorrencia competitiva, mediante a publicación da correspondente convocatoria.

2. O prazo de presentación de solicitudes será o establecido na correspondente convocatoria.

3. Se a solicitude presentada non reune os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que, no prazo de dez (10) días hábiles, a emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndoa de que, no caso de non atender o requirimento, se considerará que desiste da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.

Poderanse enviar mensaxes ás persoas interesadas ao teléfono móbil e correo electrónico avisando destas publicacións. Para estes efectos, as persoas solicitantes poderán, indicar no anexo de solicitude, un teléfono móbil e/ou un correo electrónico de contacto para recibir as ditas comunicacións.

5. Os órganos instrutores avaliarán as solicitudes presentadas en prazo e que estean completas, logo da comprobación do cumprimento dos requisitos exixidos. Posteriormente, emitirán un informe por cada unha das dúas liñas de axudas, no cal se valorará o cumprimento das condicións impostas para adquirir a condición de persoa beneficiaria procedendo, acto seguido, a ordenar as solicitudes de maior a menor puntuación, segundo a aplicación do criterio de prelación previsto no artigo 8.

6. Á vista das propostas das áreas provinciais do IGVS e dos recursos económicos dispoñibles, a persoa titular da Dirección Técnica de Fomento do IGVS, en calidade de coordinador dos órganos instrutores, elaborará unha relación de todas as solicitudes, ordenada en función do maior resultado de aplicar a fórmula referida no artigo 8, con indicación da axuda que lle corresponde, de acordo co establecido no artigo 33.5 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e elevará as propostas de resolución ao órgano concedente.

7. O órgano concedente resolverá en función do crédito dispoñible na convocatoria.

Artigo 17. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Resolución e recursos

1. A resolución estimará, desestimará ou declarará a inadmisión da axuda ao alugamento. A resolución de concesión indicará a contía da axuda, a súa duración, os seus efectos económicos, así como a súa forma de xustificación e o prazo en que deberá solicitarse a súa renovación.

2. No suposto das persoas solicitantes da liña B, axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente, que no momento da solicitude non acheguen o contrato de alugamento con indicación expresa da referencia catastral, acompañado do certificado de empadroamento, nos termos previstos no artigo 11, a resolución estimatoria da axuda estará condicionada á achega dos citados documentos. Nestes supostos deberanse ter en conta as seguintes regras:

– Se o contrato presentado corresponde a unha vivenda dunha zona territorial cun límite de renda de alugamento superior a sinalada na resolución de concesión, o importe da renda mensual deste contrato non poderá ser superior ao límite máximo da renda fixada na citada resolución; no caso contrario, perderase o dereito á axuda.

– Se o contrato presentado corresponde a unha vivenda dunha zona territorial cun límite de renda inferior á sinalada na resolución de concesión, a subvención reaxustarase en función da renda do contrato presentado.

3. O prazo para resolver e notificar a concesión das axudas será de cinco (5) meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Finalizado o citado prazo sen que se dite e notifique a resolución, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 19. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, de ser o caso, a obtención concorrente doutras subvencións, fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención ou á súa revogación.

2. A modificación ou revogación da resolución de concesión acordarase a través dunha nova resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS. De ser o caso, comunicaralle á persoa beneficiaria a obriga de devolver as cantidades anteriormente percibidas en concepto de subvención.

Artigo 20. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da solicitude de subvención o incumprimento dalgúns dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo. En particular, serán denegadas aquelas solicitudes nas cales as datas de alta na vivenda obxecto do contrato que figuren no certificado de empadroamento ou se obteñan da consulta de datos sexan posteriores á data de solicitude.

2. Tamén serán denegadas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución.

Artigo 21. Xustificación da subvención

1. A xustificación da concesión da subvención realizarase co correspondente contrato de alugamento.

2. A xustificación pola persoa arrendataria do pagamento das rendas mensuais do contrato de alugamento realizarase de conformidade co establecido na correspondente convocatoria anual.

Artigo 22. Pagamento da subvención

A subvención aboarase de conformidade co establecido na correspondente convocatoria anual.

Artigo 23. Cambio de domicilio

1. Se durante a vixencia da concesión inicial ou das sucesivas renovacións, a persoa beneficiaria da axuda cambia o seu domicilio dentro da Comunidade Autónoma de Galicia e subscribe un novo contrato de alugamento de vivenda, quedará obrigada a comunicar o dito cambio á correspondente área provincial do IGVS. A comunicación deberá facerse no prazo máximo de cinco (5) días, contados desde a sinatura do novo contrato de alugamento, debendo achegar o citado contrato, con indicación expresa da súa referencia catastral, o certificado de empadroamento na vivenda obxecto do novo contrato, o anexo III e o anexo IV, asinado pola persoa arrendadora do anterior contrato de alugamento.

2. O cambio de domicilio non suporá a perda do dereito á subvención, sempre que co novo alugamento se cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras, na correspondente convocatoria, no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo e, ademais, o novo contrato de alugamento sexa sucesivo no tempo co anterior.

3. O importe da subvención axustarase á contía do novo contrato de alugamento, sen que en ningún caso poida recibir máis subvención da que viña percibindo.

Artigo 24. Obrigas das persoas beneficiarias

Ademais das recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas beneficiarias terán as seguintes obrigas:

1. Acreditar o pagamento da renda, conforme o previsto nestas bases reguladoras.

2. Subministrar ao IGVS, logo de requirimento para o efecto, de conformidade co artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Permitirlle ao IGVS a realización das inspeccións ou as comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados e/ou o destino da subvención concedida.

4. Estar ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social no momento en que se aboen as subvencións.

5. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

6. As demais obrigas que derivan desta orde.

Artigo 25. Perda e reintegro da subvención

1. Poderán ser causa de perda e posterior reintegro da subvención, ademais dos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o incumprimento das obrigas recollidas no artigo anterior, así como a falta de xustificación ou a falsidade no pagamento das rendas á persoa arrendadora da vivenda e a resolución do contrato de alugamento. Así mesmo, poderá ser causa de perda e posterior reintegro da subvención a non comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

2. Así mesmo, será causa de perda do dereito á concesión da axuda da liña B, á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente, no suposto de que o contrato achegado, unha vez notificada a resolución de concesión, tivese unha data de formalización anterior ao do día de presentación da solicitude e as persoas integrantes da unidade de convivencia non constasen empadroadas nesa vivenda previamente a esa data.

3. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que poidan corresponder, o reintegro da subvención percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento, máis o 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 xuño, salvo que a Lei de orzamentos xerais do Estado estableza outro diferente.

4. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, se é o caso, para facer efectiva a devolución, será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 xuño.

Artigo 26. Compatibilidade e incompatibilidade

1. Estas axudas serán compatibles cos supostos excepcionais nos que a Comunidade Autónoma, os municipios, outras entidades públicas, organizacións non gobernamentais ou asociacións, acheguen unha axuda para esa mesma finalidade a persoas beneficiarias en situacións de especial vulnerabilidade. Así mesmo, estas axudas serán compatibles coa percepción de prestacións non contributivas da Seguridade Social.

2. De conformidade co artigo 13 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, estas axudas serán incompatibles con percepcións da Renda básica de emancipación, co Programa do bono de alugueiro social, con calquera outra axuda para o pagamento do alugamento prevista no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, e coas que, para esa mesma finalidade, poida conceder a Comunidade Autónoma de Galicia ou calquera outras administracións ou entidades públicas. Tampouco poderán ser beneficiarias destas liñas de axudas as persoas arrendatarias de vivendas de promoción pública xestionadas polo IGVS.

3. As persoas beneficiarias das axudas previstas nesta orde non as poderán continuar percibindo no caso de que se lles conceda a axuda para a adquisición de vivenda habitual e permanente localizada nun concello de menos a 5.000 habitantes, prevista no artigo 56 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo. Neste caso, declararase a perda automática do dereito á axuda ao alugamento desde a data de notificación da resolución de concesión da citada axuda de adquisición.

4. En ningún caso o importe da subvención concedida en virtude desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas concedidas para a mesma finalidade por calquera Administración ou ente público ou privado, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 27. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel).

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 28. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o IGVS publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a suministrar ao IGVS, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

CAPÍTULO III

Convocatoria con financiamento no ano 2018

Artigo 29. Obxecto

A convocatoria para solicitar as subvencións da liña A, axuda ao alugamento de vivenda, e para a liña B, axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente, rexerase polo establecido nesta orde.

Artigo 30. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 31. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.451B.480.6, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2018, con carácter plurianual, por un importe total de 14.800.000 euros, distribuído nas seguintes liñas e anualidades:

Liñas de axudas

Aplicación

Importe 2018 (€)

Importe 2019 (€)

Importe 2020 (€)

Importe 2021 (€)

Total (€)

LIña A. Axuda ao alugamento de vivenda

08.80.451B.480.6

3.000.000

3.000.000

3.000.000

3.000.000

12.000.000

Liña B. Axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente

08.80.451B.480.6

700.000

700.000

700.000

700.000

2.800.000

Total

3.700.000

3.700.000

3.700.000

3.700.000

14.800.000

2. A concesión das axudas estará supeditada ao efectivo financiamento por parte do Ministerio de Fomento, no marco do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo.

3. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 32. Datos fiscais e valor do IPREM para a concesión das axudas

Os datos fiscais que se avaliarán nesta convocatoria para a concesión inicial das axudas corresponderán ao exercicio económico 2017. Para a valoración das solicitudes utilizarase o valor do IPREM dese mesmo ano.

Artigo 33. Retroactividade das axudas

1. De conformidade co previsto no artigo 9 das bases reguladoras, estas axudas terán carácter retroactivo nos seguintes termos:

a) No caso da liña A, axuda ao alugamento de vivenda, a retroactividade realizarase de conformidade coas seguintes regras:

– Naqueles casos en que se dispoña dun contrato con efectos económicos anteriores a 1 de xaneiro de 2018, a axuda terá efectos dende o 1 de xaneiro de 2018.

– Para os contratos asinados con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2018 e, en todo caso, con anterioridade á data de presentación da solicitude, a axuda terá efectos desde a data dos efectos económicos do contrato.

b) No caso da liña B, axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente, a retroactividade realizarase de conformidade coas seguintes regras:

– Naqueles casos en que se presente un contrato con efectos económicos anteriores a 1 de xaneiro de 2018, a axuda terá efectos desde o 1 de xaneiro de 2018.

– Para os contratos asinados con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2018 e antes da data de presentación da solicitude, a axuda terá efectos desde a data dos efectos económicos do contrato.

– Naqueles casos en que coa solicitude non se presente o contrato, a axuda aboarase desde a data dos efectos económicos do contrato que se achegue para xustificar a concesión da subvención, ben que a resolución de concesión estará condicionada a que dentro dos dous (2) meses, contados desde a data da notificación desta resolución, se achegue o citado contrato, así como o certificado de empadroamento.

Se o contrato que se presente for de data anterior ao da solicitude, a data de alta na vivenda das persoas que integran a unidade de convivencia que consten no certificado de empadroamento deberá ser igual ou anterior a do día de presentación da solicitude.

Artigo 34. Xustificación dos pagamentos mensuais

Segundo o establecido no artigo 21 das bases reguladoras, a xustificación dos pagamentos das rendas mensuais desta convocatoria realizaranse do seguinte xeito:

1. Ata o 28 de febreiro de 2019, a xustificación do pagamento mensual realizarase utilizando o modelo normalizado para a achega de documentación xustificativa dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou ben na área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda, a través dun extracto ou dun certificado bancarios, de acordo co establecido nos artigos 42 e 60 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

a) No caso de contratos de alugamento vixentes en 1 de xaneiro de 2018 ou celebrados con posterioridade a esta data e con anterioridade á notificación da resolución de concesión, o pagamento da renda das mensualidades anteriores á data da resolución de concesión deberase xustificar nos dez primeiros días naturais, contados desde a notificación da citada resolución.

b) Para o suposto da liña B, axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente, cando non se dispoña de contrato no momento de presentación da solicitude, deberase xustificar o pagamento da primeira mensualidade no momento de achegar o contrato xustificativo da subvención.

Nos casos de non terse xustificado o pagamento mensual da renda no prazo establecido, perderase o dereito ao cobramento da subvención do citado mes.

2. A partir do 1 de marzo de 2019, o sistema de xustificación será o seguinte:

A persoa beneficiaria da subvención deberá ingresar o importe da renda mensual de alugamento, descontando a contía mensual da subvención concedida, na conta bancaria do IGVS designada para o efecto, dentro dos dez (10) primeiros días naturais de cada mes segundo as consideracións que se establezan na resolución de concesión ou de renovación.

Unha vez comprobado o ingreso realizado pola persoa arrendataria, o IGVS procederá ao pagamento íntegro da renda á persoa titular da vivenda dentro da última quincena de cada mes, mediante transferencia bancaria á conta bancaria indicada pola persoa arrendadora no anexo III.

No caso de falta de pagamento da renda, no prazo dos dez (10) primeiros días naturais de cada mes, por parte da persoa arrendataria na conta bancaria do IGVS designada para o efecto, perderase o dereito á subvención desa mensualidade, e a persoa arrendataria será a responsable do pagamento íntegro da renda estipulada á persoa arrendadora na súa conta bancaria.

Artigo 35. Pagamento da subvención

1. Ata o 28 de febreiro de 2019, o ingreso da subvención realizarase unha vez xustificado o correspondente pagamento da renda mensual, mediante transferencia bancaria na conta de titularidade da persoa beneficiaria da subvención sinalada para estes efectos no anexo III.

2. A partir do 1 de marzo de 2019, o ingreso da subvención realizarase na conta de titularidade da persoa arrendadora indicada no anexo III, de conformidade co disposto no artigo anterior.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Instituto Galego de Vivenda e Solo coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta do cidadán.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https:// www. xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición adicional segunda. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro e na Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión destas axudas.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2018

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file