Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 3 de xullo de 2018 Páx. 31814

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 19 de xuño de 2018 pola que se modifica a autorización do centro privado estranxeiro Trisquel Compostela International School, de Teo.

Por Orde do 15 de setembro de 2016, concédese autorización de apertura e funcionamento temporal, desde o 1 de setembro de 2016 ata o 31 de agosto de 2017, ao centro privado estranxeiro Trisquel Compostela International School, de Teo, para impartir as ensinanzas de nivel Elementary (de 6 a 12 anos de idade) do sistema educativo dos Estados Unidos de América; e por Orde do 4 de xullo de 2017 concédese unha prórroga desta autorización temporal ata o 31 de agosto de 2018.

A titularidade do centro solicita unha prórroga da autorización temporal ata o 31 de agosto de 2019.

O director da New England Association of Schools & Colleges (NEASC) renova o certificado de elixibilidade para entrar no proceso de acreditación do centro privado estranxeiro Trisquel Compostela International School, para impartir as ensinanzas de nivel Elementary (de 6 a 12 anos de idade) do sistema educativo dos Estados Unidos de América.

Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre centros docentes estranxeiros en España, así como no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da autorización

Prorrogar, ata o 31 de agosto de 2019, a autorización temporal do centro privado estranxeiro Trisquel Compostela International School, para impartir as ensinanzas de nivel Elementary (de 6 a 12 anos de idade) do sistema educativo dos Estados Unidos de América, para 30 postos escolares.

Os datos do centro son os que se detallan a seguir:

Denominación xenérica: centro privado estranxeiro (CRR EX)

Denominación específica: Trisquel Compostela International School.

Código do centro: 15033058.

Domicilio: travesía de Cacheiras, 64.

Localidade: Cacheiras.

Código postal: 15883.

Concello: Teo.

Provincia: A Coruña.

Titular: Trisquel Compostela I.S., S.L.

Artigo 2. Validez da autorización temporal

A autorización temporal terá validez desde o 1 de setembro de 2018 ata o 31 de agosto de 2019, conforme o certificado emitido pola New England Association of Schools & Colleges (NEASC). A partir desta data, a autorización dependerá dunha nova inspección dos servizos da Embaixada dos Estados Unidos de América.

Artigo 3. Inscrición no rexistro

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Obrigas do centro

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e sometido á inspección educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de conformidade co establecido no artigo 9 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, así como a solicitar unha nova autorización e inscrición no caso de que se produza calquera variación nos elementos e circunstancias que dan lugar a esta autorización.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria