Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 3 de xullo de 2018 Páx. 31816

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 21 de xuño de 2018 pola que se regulan as axudas económicas para a atención da primeira infancia en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos a través do programa Bono concilia, e se procede á súa convocatoria para o curso 2018/19.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 3, os obxectivos do Sistema galego de servizos sociais, incluíndo entre eles o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recoñece no seu artigo 6 como un dos principios de responsabilidade pública o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

Contar cunha educación infantil accesible e de calidade non só mellora os resultados educativos posteriores dos nenos e nenas, senón que tamén facilita a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e a participación feminina no mercado de traballo. A atención das necesidades de conciliación das familias galegas é unha das áreas estratéxicas do Programa de apoio á natalidade (PAN), un programa posto en marcha pola Administración autonómica co obxectivo de dar unha resposta global ás necesidades das nais e dos pais galegos de forma que se garanta o benestar das familias e estas sexan apoiadas dun xeito integral e continuo. Dentro da área de conciliación deste programa atópase o Bono concilia, unha axuda económica directa ás familias para colaborar no pagamento dunha praza nunha escola infantil privada da súa elección naqueles casos de nenos ou nenas que queden en lista de espera nas escolas infantís públicas ou financiadas con fondos públicos, ou residan en localidades en que non existen prazas públicas.

De conformidade co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, atribúese á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas públicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garanten un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias.

Esta orde adáptase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e ao regulamento que a desenvolve, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo. Así mesmo, adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ten en conta, en todo caso, os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non-discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos, e os demais requisitos exixidos na Lei 8/2017, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia competitiva, para a atención educativa de nenas e nenos de 0 a 3 anos, nas modalidades establecidas no artigo 4.2, en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos a través do programa Bono concilia (procedemento BS403A), e proceder á súa convocatoria para o curso 2018/19.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de tres millóns catrocentos oitenta e nove mil douscentos euros (3.489.200 €), que se imputará á aplicación orzamentaria 12.02.312B.480.1, distribuído en dúas anualidades, dos cales 1.268.800 euros corresponden á parte do curso 2018/19 que se desenvolve en 2018 e 2.220.400 euros á que se desenvolve en 2019.

2. O crédito dispoñible desconcentrarase entre as xefaturas territoriais da Consellería de Política Social en función do que resulte da aplicación dos criterios de adxudicación establecidos no artigo 12.

3. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Bono concilia as familias residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nos supostos seguintes:

a) Ter un fillo ou filla nacido ou nacida con posterioridade ao 31 de decembro de 2015.

b) Estar en calquera das circunstancias seguintes:

1º. Ter solicitado praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2018/19 e non obtela, sempre que se exercese a opción do programa Bono concilia.

2º. Ter solicitado praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2018/19 exercendo a opción do programa Bono concilia e que, tendo dereito por puntuación a unha praza, o horario demandado non coincida co de apertura da escola infantil, porque ambos/as os/as proxenitores/as traballan en quenda de tarde ou en quendas rotativas, circunstancia que se acreditará documentalmente.

3º. Obter praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2018/19 e que se modifiquen considerablemente as condicións en que esta foi concedida.

4º. Ter obtido axuda deste programa no curso 2017/18 e solicitala para a mesma nena ou neno.

5º. Ter un fillo ou filla que renove a axuda deste programa para o curso 2018/19 e solicitala para un irmán ou irmá.

6º. Residir en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos.

c) Non dispoñer doutras axudas para igual ou análoga finalidade outorgadas por outros organismos ou institucións públicas ou entes privados que, en concorrencia coa regulada nesta orde, supere o custo da praza.

d) Escolarizar o neno ou nena nunha escola infantil 0-3 non sostida con fondos públicos que conte coa autorización pertinente segundo o establecido no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección de servizos sociais en Galicia.

2. Para os efectos desta orde, enténdese por escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos: as escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais, as escolas infantís 0-3 dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, as escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais e as escolas infantís 0-3 dependentes das entidades privadas de iniciativa social que reciban axudas da Xunta de Galicia para mantemento do centro.

Artigo 4. Tipo de axuda, contía e concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. A axuda consistirá nunha cantidade mensual para contribuír ao pagamento do importe da praza nunha escola infantil 0-3 non sostida con fondos públicos por un período máximo de 11 meses.

2. A contía da dita axuda estará en función da renda per cápita da unidade familiar, de acordo co cadro seguinte, e non poderá superar en ningún caso o custo da praza:

Tramo de renda per cápita

Xornada completa

Media xornada

Atención educativa

Atención educativa con comedor

Atención educativa

Atención educativa con comedor

Inferior ao 30 % do IPREM

De 0 a 161,34 €

180,00 €

250,00 €

90,00 €

125,00 €

Do 30 % ou superior e inferior ao 50 % do IPREM

De 161,35 a 268,91 €

180,00 €

233,00 €

90,00 €

116,50 €

Do 50 % ou superior e inferior ao 75 % do IPREM

De 268,92 a 403,37 €

147,00 €

200,00 €

73,50 €

100,00 €

Do 75 % ou superior e inferior ao 100 % do IPREM

De 403,38 a 537,83 €

115,00 €

159,00 €

57,50 €

79,50 €

Do 100 % ou superior e inferior ao 125 % do IPREM

De 537,84 a 672,29 €

75,00 €

109,00 €

37,50 €

54,50 €

Do 125 % ou superior e inferior ao 150 % do IPREM

De 672,30 a 806,75 €

55,00 €

74,00 €

27,50 €

37,00 €

Entre o 150 % do IPREM e 1.000 €

De 806,76 a 1.000 €

45,00 €

51,00 €

22,50 €

25,50 €

Superior a 1.000 €

45,00 €

45,00 €

22,50 €

22,50 €

3. Enténdese por servizo de comedor o definido no artigo 26 do Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia. Este servizo comprenderá o xantar, que será prestado por persoal do propio centro ou contratado con tal fin (servizo de catering), e incluirá en todo caso os alimentos.

4. Para os efectos desta orde, considérase que as nenas e os nenos con necesidades específicas de apoio educativo ocupan dúas prazas. Neste caso, a axuda que resulte segundo o establecido neste artigo multiplicarase por dous.

5. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

No caso de percibírense outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

En ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da praza subvencionada.

As persoas solicitantes deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, usando o formulario establecido para o efecto nesta orde, o cal terán que volver achegar actualizado no suposto de variaren as circunstancias inicialmente declaradas.

Artigo 5. Renda per cápita mensual

1. Para os efectos de determinación da contía da axuda, a renda per cápita mensual da unidade familiar computarase segundo as seguintes regras:

a) Entenderase por unidade familiar a formada polos/as cónxuxes ou persoas con relación análoga de afectividade e mais:

1º. As fillas e os fillos menores, agás que, con consentimento do/da pai/nai, vivan de xeito independente.

2º. As fillas e os fillos maiores de idade con incapacitación xudicial e patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

3º. As fillas e os fillos maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.

A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente no momento de solicitude de praza.

b) Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas de cada un dos seus membros no exercicio 2016, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas.

c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a dita unidade familiar.

Entenderase por familia monoparental a unidade familiar a que se refire a letra a) cando forme parte dela un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa cal manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

d) A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe anterior entre doce.

2. Cando as circunstancias, na data da devindicación do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante IRPF), non coincidan coas circunstancias concorrentes no momento de presentación da solicitude da axuda, teranse en conta estas últimas, previamente xustificadas documentalmente, tanto para o cálculo da renda per cápita como para a aplicación do baremo.

3. Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles a que se fai referencia obteranse como resultado de aplicar aos datos existentes na Administración os criterios da lexislación do IRPF.

Artigo 6. Vías de acceso ao Bono concilia e documentación necesaria

1. As persoas interesadas que se atopen nos supostos recollidos nos números 1º, 2º e 3º da letra b) do artigo 3 optarán automaticamente ao programa do Bono concilia dende o momento en que formen parte das correspondentes listas de agarda definitivas, sen ter que presentar a solicitude regulada nesta orde.

2. De non atoparse nos supostos previstos no punto anterior, deberán presentar unha solicitude, segundo o modelo oficial do anexo I indicando a opción de renovación da axuda ou de nova solicitude, segundo corresponda, e tamén o anexo II relativo á comprobación de datos da/do cónxuxe, parella ou outros membros da unidade familiar.

Os impresos de solicitude (BS403A) estarán dispoñibles nos enderezos electrónicos https://sede.xunta.gal e https://www.xunta.gal/politica-social.

3. Nos supostos de nova solicitude xuntarase, ademais, a seguinte documentación:

a) Copia do libro de familia ou, na súa falta, dun documento que acredite oficialmente a situación familiar.

b) Certificado de discapacidade ou do grao de dependencia do neno ou nena para quen se solicita a axuda, de ser o caso, cando non fora expedido pola Comunidade Autónoma galega.

c) Informe emitido polo equipo de valoración e orientación da xefatura territorial correspondente da Consellería de Política Social sobre a necesidade de integración na escola infantil, no caso dos nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativo.

d) Copia da resolución administrativa de acollemento, de ser o caso, cando se trate de acollementos formalizados por outra comunidade autónoma distinta da galega.

e) Xustificación de ocupación da/do nai/pai, titor/a legal ou acolledor/a actualizada:

1º. No caso de persoas traballadoras por conta allea: copia da última nómina, certificación de empresa ou vida laboral.

2º. No caso de persoas traballadoras por conta propia ou autónomas: copia do último recibo do pagamento da cota á Seguridade Social no réxime especial de traballadores autónomos ou da correspondente mutualidade.

3º. No caso de persoas desempregadas, certificación de ser demandante de emprego con efectos do día anterior ao da publicación desta orde.

f) Se procede, os documentos en que consten incidencias familiares, económicas e sociais puntuables no baremo:

1º. Certificado de discapacidade ou do grao de dependencia da/do nai/pai, acolledor/a, do/da titor/a legal, ou outros membros da unidade familiar, cando non sexan expedidos pola Comunidade Autónoma de Galicia.

2º. Certificado de convivencia e sentenza de separación ou divorcio, convenio regulador ou resolución de medidas paterno-filiais, no caso de familia monoparental.

3º. Copia do título de familia numerosa, no caso de que non sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Acreditación da condición de muller vítima de violencia de xénero mediante calquera dos seguintes documentos:

1º. Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia dela autenticada pola/o secretaria/o xudicial.

2º. Sentenza de calquera orde xurisdicional, que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

3º. Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

4º. Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.

5º. Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

6º. Informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

4. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos os ditos documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo os presentou.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, de dispor del.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia ou teña un formato non admitido pola dita sede, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos na forma prevista no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Obrigas das escolas infantís sostidas con fondos públicos con lista de agarda

1. As escolas infantís sostidas con fondos públicos que teñan en lista de agarda solicitudes que optasen polo Bono concilia dentro do prazo ordinario de solicitudes, deberán remitir á xefatura territorial correspondente da Consellería de Política Social, con data límite do 6 de xullo, a seguinte documentación:

a) Un arquivo informático coas solicitudes en lista de agarda.

b) Unha certificación da puntuación acadada por estas solicitudes.

c) O anexo III da Resolución do 1 de marzo de 2018, pola que se convoca o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais, cuberto polas persoas solicitantes.

O arquivo informático e o modelo de certificación sinalados atópanse dispoñibles na páxina web https://www.xunta.gal/politica-social.

2. De non presentar a documentación sinalada no prazo establecido, non se tramitarán estas solicitudes, agás que se esgote a lista do resto de persoas candidatas ao Bono concilia.

3. Poderanse tamén achegar ao longo do curso escolar as solicitudes admitidas fóra de prazo por tratarse dos supostos recollidos no artigo 3.2.b) da Resolución do 1 de marzo de 2018, que non obtivesen praza e exercesen a opción do Bono concilia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. De conformidade co establecido na normativa de protección de datos, para a tramitación deste procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identificación de estranxeiros da persoa solicitante e do/da cónxuxe ou parella, de ser o caso.

b) Declaración do IRPF da persoa solicitante e do/da cónxuxe ou parella, de ser o caso, correspondente ao ano 2016.

2. Nos supostos de solicitudes de novo ingreso consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Discapacidade ou grao de dependencia do neno ou da nena para quen se solicita a axuda recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Acollemento ou garda con fins adoptivos do neno ou da nena para quen se solicita praza formalizados pola Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Certificado de estar inscrito como demandante de emprego na data do día anterior ao da publicación desta orde.

d) Discapacidade ou grao de dependencia da/do nai/pai, acolledor/a, titor/a legal recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Situación de monoparentalidade recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Familia numerosa recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os correspondentes documentos acreditativos.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes, xunto coa documentación requirida, presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Opcionalmente, poderán presentarse as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. O prazo para a presentación de solicitudes de axuda será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

3. Con carácter excepcional poderán presentar solicitudes fóra do prazo ordinario establecido no punto 2 e con data límite do 30 de novembro de 2018:

a) As familias que residan en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos en que se producise un nacemento, acollemento ou adopción da nena ou neno con posterioridade á finalización do dito prazo.

b) As mulleres vítimas de violencia de xénero que residan en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos ás cales se lles expedise a documentación acreditativa desta condición con posterioridade á finalización do dito prazo.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento corresponde á subdirección xeral con competencias en materia de demografía e conciliación da Consellería de Política Social, que realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos que se debe formular a proposta de resolución, e para iso solicitará a colaboración dos servizos de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social.

2. As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia competitiva, mediante a comparación e prelación das solicitudes presentadas de acordo cos criterios de selección e valoración fixados nestas bases, segundo a puntuación obtida e respectando o límite orzamentario dispoñible. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixeren así, se considerará que desisten da súa petición, logo da resolución, que se deberá ditar nos termos previstos no artigo 21 da mesma lei.

5. Respecto dos expedientes en que concorran causas de inadmisión, así como de declaración ou aceptación de desistencia, o órgano instrutor formulará a correspondente proposta.

6. En todo caso, non se admitirán a trámite e arquivaranse as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria, agás os supostos establecidos no artigo 9.3.

Artigo 11. Comisións de valoración

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, créase, como órgano avaliador das solicitudes, unha comisión central de valoración a que lle serán remitidos os expedientes unha vez completos, xunto cun informe emitido por cada xefatura territorial. Esta comisión realizará a selección de acordo cos criterios de baremación de solicitudes establecidos no artigo 12.

A comisión rexerase polo establecido na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e mais na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no relativo aos órganos colexiados, e estará formada polos seguintes membros:

a) Presidencia: a persoa titular do servizo con competencias en materia de conciliación familiar, da Consellería de Política Social, ou persoa en quen delegue.

b) Vogais: as persoas titulares dos servizos con competencias en materia de familia, infancia e dinamización demográfica das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social.

c) Actuará como secretario/a unha persoa da subdirección xeral con competencias en materia de demografía e conciliación.

No caso de ausencia dalgunha das persoas que integran a comisión de valoración, será substituída pola persoa designada pola presidencia da comisión.

2. Avaliadas as solicitudes presentadas no prazo ordinario seguindo os criterios establecidos no artigo 12, a comisión de valoración emitirá un informe no cal se concrete o seu resultado, en que indicará a puntuación que corresponde a cada un deles e a axuda aplicable en cada caso, segundo o cal a subdirección xeral con competencias en materia de demografía e conciliación formulará a proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada, propoñendo a concesión de subvención segundo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda, ata esgotar o crédito dispoñible.

Inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, cando no procedemento se teñan en conta feitos, alegacións ou probas distintas das aducidas pola persoa interesada, poráselle de manifesto para que, no prazo de dez días, alegue ou presente os documentos e xustificación que coide pertinentes, de acordo co disposto no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. No suposto de que algunha persoa beneficiaria non acepte a axuda ou renuncie a esta, a subdirección xeral con competencias en materia de demografía e conciliación poderá formular proposta de resolución complementaria, e adxudicar o importe dispoñible ás solicitudes avaliadas pola comisión e que non acadaron axuda por límites orzamentarios, de acordo coa orde de puntuación obtida.

4. As solicitudes presentadas fóra do prazo ordinario ao abeiro do previsto no artigo 9.3 e mais aquelas que, presentadas consonte o previsto no artigo 3.2.b) da Resolución do 1 de marzo de 2018, non obtivesen praza e marcasen a opción ao programa Bono concilia, de haber crédito dispoñible unha vez esgotada a lista de agarda das presentadas no prazo ordinario, serán avaliadas seguindo os criterios establecidos no artigo 12 e atendidas ata esgotar o dito crédito.

5. A persoa que rexeite a axuda concedida polo procedemento establecido nesta orde quedará excluída da lista de agarda a que se refire o punto 4, así como da lista de agarda da escola pública, agás neste último suposto cando a renuncia estea motivada polo cambio substancial das condicións en que se concedeu a dita praza.

Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes

As solicitudes presentadas avaliaranse conforme os seguintes criterios:

1. Situación socio-familiar:

a) Por cada membro da unidade familiar: 2 puntos.

b) Por cada persoa que, non formando parte da unidade familiar, estea ao seu cargo: 1 punto.

c) No caso de que o/a neno/a para o cal se solicita a praza nacese nun parto múltiple: 1 punto.

d) Por cada membro da unidade familiar afectado por discapacidade ou enfermidade que requira internamento periódico: 2 puntos.

e) Pola condición de familia monoparental: 3 puntos.

f) Por ausencia do fogar familiar de ambos os dous membros parentais: 6 puntos.

g) Pola condición de familia numerosa: 3 puntos.

h) Outras situacións de necesidade persoal, familiar ou social grave, debidamente xustificadas e non recollidas nas alíneas anteriores: 3 puntos.

2. Situación laboral familiar: no caso de familias monoparentais ou aquelas en que o neno ou a nena estea a cargo dunha soa persoa proxenitora, adxudicarase a puntuación da epígrafe correspondente computando por dous. Así mesmo, só se poderá obter puntuación por unha das epígrafes anteriores.

a) Situación laboral de ocupación:

1º. Nai: 7 puntos.

2º. Pai: 7 puntos.

b) Situación laboral de desemprego:

1º. Nai: 2 puntos.

2º. Pai: 2 puntos.

c) Persoas que desenvolvan e perciban o tramo de inserción (Risga):

1º. Nai: 3 puntos.

2º. Pai: 3 puntos.

3. Renda per cápita mensual da unidade familiar referida ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente e calculada de acordo co establecido no artigo 5:

– Inferior ao 30 % do IPREM: 4 puntos.

– Do 30 % ou superior e inferior ao 50 % do IPREM: 3 puntos.

– Do 50 % ou superior e inferior ao 75 % do IPREM: 2 puntos.

– Do 75 % ou superior e inferior ao 100 % do IPREM: 1 punto.

– Do 100 % ou superior e inferior ao 125 % do IPREM: -1 punto.

– Do 125 % ou superior e inferior ao 150 % do IPREM: -2 puntos.

– Entre o 150 % e o 200 % do IPREM:-3 puntos.

– Superior ao 200 % do IPREM: -4 puntos.

4. Condición de vítima de violencia de xénero: 60 puntos.

5. Unidades familiares cun/cunha fillo/a que obtivese bono concilia no curso anterior e que soliciten para este/a ou para este/a e un/unha irmán/á: 50 puntos.

6. Residencia en concellos en que non exista ningún recurso público de atención á infancia 0-3: 40 puntos.

7. En caso de obter igual puntuación, terán preferencia as solicitudes coa renda per cápita máis baixa.

8. Para os efectos desta orde, están a cargo da unidade familiar as persoas que, convivindo no mesmo domicilio, teñen ingresos inferiores ao IPREM vixente.

9. No caso de ausencia do fogar familiar de ambos os dous membros parentais, adxudicarase a puntuación máxima nas epígrafes 2 e 3.

10. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar.

Artigo 13. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo da fiscalización da proposta, en uso do previsto no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, corresponde por delegación á persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social, que deberá resolver no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta.

2. A resolución fixará os termos da axuda e considerarase ditada polo órgano delegante.

3. O prazo para resolver e notificar a resolución das axudas será de seis meses, contados desde o día seguinte á data da súa publicación; transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

Artigo 14. Notificacións

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os actos administrativos de requirimento de emenda de documentación, así como as correspondentes resolucións, sen prexuízo do disposto no artigo 46 da mesma lei. Esta publicación producirá os efectos de notificación. Así mesmo, de forma complementaria poderase efectuar a notificación de todos os actos administrativos de acordo co reflectido nos parágrafos seguintes:

a) As notificacións dos actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

b) As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

c) A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel).

d) As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

e) Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En caso de silencio administrativo, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG. Se a resolución é presunta, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ao abeiro dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 16. Modificación da resolución de concesión

1. En todo caso, dará lugar á modificación da resolución e á minoración da contía no importe correspondente a escolarización nunha praza de custo inferior á axuda concedida.

2. De acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, tamén poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión a alteración das condicións tidas en conta para a súa concesión e, en todo caso, a obtención de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

3. Unha vez concedida a subvención, unicamente se pode variar o tipo de servizo subvencionado con base nas seguintes circunstancias, sobrevidas e xustificadas documentalmente:

a) Pasar á situación de desemprego ou outros motivos de carácter laboral.

b) Enfermidade grave das/dos nais/pais ou representantes legais.

c) Situación de nulidade, separación ou divorcio.

Artigo 17. Pagamento e xustificación da axuda

1. Unha vez notificada a resolución de concesión, as persoas beneficiarias dispoñen dun prazo de dez días hábiles para achegar á xefatura territorial correspondente:

a) Orixinal ou copia cotexada do xustificante de matrícula do centro onde vai acudir a nena ou neno (anexo IV), en que deberá constar a data de comezo no centro, o horario de asistencia e o importe da mensualidade desagregada por conceptos.

b) Declaración de axudas para o mesmo concepto, coa indicación da súa contía no caso de percibir algunha (anexo III). No suposto de producirse algunha variación respecto do declarado, deberá comunicarse á xefatura territorial da Consellería de Política Social correspondente con carácter inmediato.

Así mesmo, de non telo achegado coa solicitude, deberase indicar o número da conta corrente en que se debe ingresar a axuda.

2. O importe da axuda aboarase ás familias con carácter mensual.

3. O pagamento, sen prexuízo das xustificacións complementarias que se poidan exixir cando se dean circunstancias obxectivas que así o demanden e das comprobacións necesarias por parte da xefatura territorial da Consellería de Política Social, realizarase logo da presentación, orixinal ou copia cotexada, da factura mensual emitida polo centro, en que consten a cota aboada e os servizos a que corresponde, xunto co xustificante do seu pagamento. Esta documentación deberá ser remitida á xefatura territorial correspondente con data límite do día 20 do mes a que se refire o servizo.

Artigo 18. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e mais no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e especificamente a:

a) Facilitar aos órganos competentes toda a información necesaria para asegurar o cumprimento da finalidade da axuda concedida, particularmente a que sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

b) Destinar a axuda á finalidade para a cal se concede.

c) Comunicar calquera alteración das condicións que motivaron o seu outorgamento.

Artigo 19. Baixas

Será causa de baixa no programa do Bono concilia, o que levará consigo a perda da axuda, calquera das circunstancias seguintes:

a) Non presentar o documento acreditativo de ter efectuado a matrícula no centro elixido.

b) Non presentar a documentación xustificativa relacionada no punto 3 do artigo 17.

c) A falta de asistencia continuada ao centro durante 15 días sen causa xustificada.

Artigo 20. Reintegro

Procederá o reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nos seguintes casos:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentan a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e, de ser o caso, nas normas reguladoras da subvención.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Incumprimento das condicións impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e ás persoas beneficiarias, así como os compromisos por estas asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g) Incumprimento das condicións impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e ás persoas beneficiarias, así como os compromisos asumidos por estas con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

h) Adopción, en virtude do establecido nos artigos 107 a 109 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

i) Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

Artigo 21. Réxime de infraccións e sancións

As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional primeira. Bono concilia para nenos/as con necesidades específicas de apoio educativo

Poderá optar a axuda do Bono concilia o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo que, superando a idade máxima regulamentaria, teña concedida a flexibilización da duración do período de escolarización.

Disposición adicional segunda. Bono concilia para o alumnado de renovación de praza concertada

Para o curso 2018/19 os nenos e as nenas que gozasen dunha praza concertada durante o curso 2017/18 recibirán a puntuación prevista para as unidades familiares que desfrutasen do bono concilia no curso anterior. Para estes efectos, deberá presentarse unha solicitude segundo o modelo do anexo I.

Disposición adicional terceira. Límite orzamentario

A concesión destas axudas terá como límite global as dispoñibilidades orzamentarias consignadas para esta finalidade.

Disposición adicional cuarta. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións do conselleiro de Política Social na persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias en relación coas subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Igualmente, apróbase a delegación de atribucións do conselleiro de Política Social nas persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social para o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento previstos no artigo 73.a) anteriormente mencionado.

Disposición adicional quinta. Publicidade

1. As axudas concedidas ao abeiro desta orde non se publicarán por ser un dos supostos de excepción contidos no artigo 15.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 9.3 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

2. Por outra parte, de acordo co previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria.

Disposición adicional sexta. Información básica sobre protección de datos

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Política Social, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais ou páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2018

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file