Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 3 de xullo de 2018 Páx. 31847

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 21 de xuño de 2018 pola que se regulan as axudas económicas para a atención da primeira infancia en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos a través do programa Bono concilia, e se procede á súa convocatoria para o curso 2018/19.

BDNS (Identif.): 405882.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Familias residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se encontren nos supostos seguintes:

a) Ter un fillo ou filla nacido ou nacida con posterioridade ao 31 de decembro de 2015.

b) Estar en calquera das circunstancias seguintes:

1º. Ter solicitado praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2018/19 e non obtela, sempre que se exercese a opción do programa Bono concilia.

2º. Ter solicitado praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2018/19 exercendo a opción do programa Bono concilia e que, tendo dereito por puntuación a unha praza, o horario demandado non coincida co de apertura da escola infantil, porque ambos/as os/as proxenitores/as traballan en quenda de tarde ou en quendas rotativas, circunstancia que se acreditará documentalmente.

3º. Obter praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2018/19 e que se modifiquen considerablemente as condicións en que esta foi concedida.

4º. Ter obtido axuda deste programa no curso 2017/18 e solicitala para a mesma nena ou neno.

5º. Ter un fillo ou filla que renove a axuda deste programa para o curso 2018/19 e solicitala para un irmán ou irmá.

6º. Residir en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia competitiva, para a atención educativa de nenas e nenos de 0 a 3 anos, nas modalidades establecidas no artigo 4.2, en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos a través do programa Bono concilia (procedemento BS403A), e proceder á súa convocatoria para o curso 2018/19.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 21 de xuño de 2018 pola que se regulan as axudas económicas para a atención da primeira infancia en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos a través do programa Bono concilia e se procede á súa convocatoria para o curso 2018/19.

Cuarto. Importe

A axuda consistirá nunha cantidade mensual para contribuír ao pagamento do importe da praza nunha escola infantil 0-3 non sostida con fondos públicos por un período máximo de 11 meses, e estará en función da renda per cápita da unidade familiar.

Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de tres millóns catrocentos oitenta e nove mil douscentos euros (3.489.200 €), que se imputará á aplicación orzamentaria 12.02.312B.480.1, distribuído en dúas anualidades, das cales 1.268.800 euros corresponden á parte do curso 2018/19 que se desenvolve en 2018 e 2.220.400 euros á que se desenvolve en 2019.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes de axuda será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

3. Con carácter excepcional, poderán presentar solicitudes fóra do prazo ordinario establecido no punto 2 e con data límite do 30 de novembro de 2018:

a) As familias que residan en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos en que se producise un nacemento, acollemento ou adopción da nena ou neno con posterioridade á finalización do dito prazo.

b) As mulleres vítimas de violencia de xénero que residan en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos ás cales se lles expedise a documentación acreditativa desta condición con posterioridade á finalización do dito prazo.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2018

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social