Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Mércores, 4 de xullo de 2018 Páx. 31994

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 26 de xuño de 2018 pola que se procede á segunda convocatoria das subvencións do Programa de incentivos á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

A través da Orde do 31 de decembro de 2017, Diario Oficial de Galicia do 2 de febreiro de 2018, a Consellería de Economía, Emprego e Industria estableceu as bases reguladoras e convocou axudas do Programa de incentivos á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020 prevéndose que, ao abeiro das bases reguladoras, existan múltiples convocatorias.

Esta segunda convocatoria axústase aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións, así como ao establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Consecuentemente con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

1. Esta orde ten por obxecto proceder á segunda convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, do Programa de incentivos á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas (procedemento TR310A).

As bases reguladoras desta convocatoria son as que constan na devandita Orde do 31 de decembro de 2017, coas especificacións que se establecen nesta orde.

Artigo 2. Orzamentos

1. A contía da subvención desta convocatoria, que se cofinancia nun 80 % con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, ascende a 2.250.000 euros, dos cales 1.500.000 euros corresponden á anualidade 2018, con cargo á aplicación 09.41.323B.471.0, e no proxecto 2016 00329, tal e como figura na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, e por outra banda 750.000 euros corresponden á anualidade 2019 con cargo á mesma aplicación e proxecto:

Aplicación

Proxecto

Anualidade 2018

Anualidade 2019

09.41.323B.471.0

2016 00329

1.500.000,00 €

750.000,00 €

Esta convocatoria de axudas está encadrada no programa operativo FSE Galicia 2014-2020, dentro do obxectivo temático 8: promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral, na prioridade de investimento 8.5: a adaptación dos traballadores e traballadoras, as empresas e o empresariado ao cambio, e no obxectivo específico 8.5.1: adaptar a cualificación das persoas traballadoras ás necesidades do mercado laboral, así como mellorar a súa situación contractual para garantir o seu mantemento no emprego e permitir a súa progresión profesional.

2. O dito crédito poderá ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación, incorporación ou da redistribución de fondos, coas limitacións que establezan as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nos supostos e nas condicións previstos nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de que as modificacións supoñan unha ampliación do crédito orzamentario que implique un aumento do importe total autorizado, deberase solicitar a modificación da autorización previa inicial da operación.

Artigo 3. Solicitudes e prazo

As solicitudes axustaranse ao establecido nas bases reguladoras.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 4. Data de inicio e fin das accións formativas. Prazos de xustificación

1. As accións de formación recollidas nesta convocatoria están amparadas polo réxime de minimis, de modo que serán financiables as actuacións implementadas desde o 1 de xaneiro de 2018.

2. As accións formativas apoiadas terán como data límite de finalización o 31 de xullo de 2019 e, en todo caso, respectarán os prazos de xustificación establecidos no artigo 31 da Orde do 31 de decembro de 2017.

Disposición adicional única. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Economía, Emprego e Industria coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia con finalidade estatística e dun eficaz tratamento tecnolóxico da información.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para que diten, no ámbito da súa competencia, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2018

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file