Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Luns, 9 de xullo de 2018 Páx. 32674

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 28 de xuño de 2018 pola que se convoca o curso monográfico A planificación estratéxica como método de xestión pública.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 20/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar o curso monográfico A planificación estratéxica como método de xestión pública, de acordo coas bases que se indican a seguir:

1. Obxectivos.

Os obxectivos fundamentais deste curso monográfico son os seguintes:

• Analizar os aspectos máis destacados da planificación estratéxica e da dirección por obxectivos: conceptos fundamentais e principios.

• Motivar as persoas participantes na reflexión estratéxica para facer fronte aos desafíos do sector público.

• Profundar no coñecemento e no manexo das principais ferramentas necesarias para formular e implementar a planificación estratéxica como método de traballo nas organizacións públicas.

• Coñecer algunhas experiencias de planificación estratéxica levadas a cabo na Administración pública.

• Aplicar os coñecementos adquiridos mediante a elaboración dun plan estratéxico.

2. Contidos.

Neste curso monográfico serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

• Consideracións sobre a planificación estratéxica na Administración pública.

• O proceso de elaboración dun plan estratéxico xeral.

• O proceso de elaboración dun plan operativo anual.

• O sistema de seguimento e avaliación dun plan operativo anual.

• Experiencias de planificación estratéxica na Administración española.

3. Persoas destinatarias.

O curso diríxese ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local e de xustiza, dos entes instrumentais da Comunidade Autónoma e das universidades do Sistema universitario de Galicia, que se encadren nalgunha das seguintes categorías:

1º. Grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario.

2º. Grupos I e II do persoal laboral.

4. Desenvolvemento.

O curso terá unha duración de 20 horas lectivas.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Datas: 19, 20 e 21 de setembro de 2018.

Horario: os días 19 e 20, en horario de mañá e tarde; o día 21, en horario de mañá.

5. Número de prazas: 40.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.gal/matricula/.

O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 9 de setembro de 2018.

Excepto as persoas que pertenzan á Administración autonómica ou á Administración de xustiza, todos/ as os/as solicitantes deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, achegando a certificación acreditativa da súa condición de persoal empregado público e do grupo e/ou categoría á que pertencen. Esta certificación será expedida pola persoa que realice as tarefas de certificación da Administración en que preste os seus servizos.

Serán excluídas aquelas solicitudes que non xunten a dita certificación ou que sexa recibida con posterioridade ao último día habilitado para a inscrición, isto é, 9 de setembro de 2018.

Poderá obterse calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41, 981 54 62 39.

7. Criterios de admisión.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes.

8. Publicación da lista de persoas seleccionadas e prazo de presentación de alegacións.

8.1. Na parte deste curso da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/), publicarase a listaxe de persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas sexa superior ao número de prazas.

O prazo de presentación de alegacións será de dous días naturais contados desde o día da súa publicación.

8.2. Transcorrido o prazo de alegacións, publicarase, no mesmo espazo, a listaxe definitiva das persoas admitidas no curso.

9. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

9.1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

9.2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/as responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días naturais anteriores ao comezo da actividade formativa. Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

Para iso, poderá utilizarse, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico novas.egap@xunta.gal.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

9.3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante os/as responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia á actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

10. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

11. Certificado de asistencia oficial.

Ao final do curso emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2018

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública