Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 13 de xullo de 2018 Páx. 33530

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 29 de xuño de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se comunica aos posibles titulares de dereitos e intereses o acordo adoptado por este xurado, relativo ao monte Toxiza, Braña, Pena do Boi e Pombeiro, do concello de Mondoñedo (expediente 17/79).

Na sesión celebrada polo xurado provincial o día 14 de xuño de 2018, figura o seguinte acordo:

Monte Toxiza, Braña, Pena do Boi e Pombeiro (expediente 17/79), pertencente aos veciños da parroquia de Figueiras, no termo municipal de Mondoñedo, e clasificado con data do 26 de novembro de 1979. Con data do 5 de decembro de 2017, recíbese escrito de Justo Sánchez Fernández, que actúa como presidente da comunidade, en que solicita a homologación do deslindamento entre o monte veciñal e predios particulares, que foi deslindado no seu momento como monte de utilidade pública. Achega documentación dixital e fotográfica elaborada por unha empresa contratada pola comunidade a partir da dixitalización do plano do amolloamento contrastado cos límites físicos existentes no terreo. Con data do 15 de marzo de 2018, o Servizo de Montes elabora un informe-proposta de deslindamento parcial do monte (nº 93/17), que consta dunha memoria e da planimetría resultante. Na memoria consta que o monte Pena do Boi e Pombeiro estaba incluído no catálogo de utilidade pública co número 44 e foi deslindado por resolución do Ministerio de Agricultura o 30 de xuño de 1956. A parte de Toxiza e Braña non chegou a deslindarse. O amolloamento de Pena do Boi e Pombeiro foi aprobado con data do 8 de marzo de 1962 e publicado no BOP de Lugo o 14 de marzo de 1962, e estes planos foron copiados e remitidos á comunidade de Figueiras para que referenciasen o plano para realizar a proposta de delimitación do monte. Feitas as comprobacións e matizacións pertinentes que constan na devandita memoria, o Servizo de Montes propón que o monte Pena do Boi e Pombeiro quede definido pola cartografía que se xunta. Como consecuencia dos axustes realizados, resulta unha superficie de 293,02 ha, e queda o conxunto do monte Toxiza, Braña, Pena do Boi e Pombeiro cunha superficie total de 1.037 ha. A parte de Toxiza e Braña está pendente doutra proposta de deslindamento con particulares que se deberá tramitar conforme o disposto no artigo 54 e con outras comunidades, de acordo co artigo 53 da Lei 7/2012, de montes de Galicia. En vista do anterior, o xurado, por unanimidade, acorda, aceptando a proposta do Servizo de Montes, homologar o deslindamento referido, e facer as oportunas correccións no expediente, de conformidade co informe do Servizo de Montes.

Contra este acordo, desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Lugo no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 29 de xuño de 2018

Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Lugo