Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 13 de xullo de 2018 Páx. 33527

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 29 de xuño de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publica a resolución do recurso de reposición interposto contra a revisión do esbozo do monte veciñal en man común Coto das Louseiras de Xemil, do concello da Pastoriza (expediente 36/78).

Para os efectos previstos no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, na sesión do día 14 de xuño de 2018, baixo a presidencia de María Olga Iglesias Fontal e coa asistencia dos vogais Josefina Pereira de la Riera e Antonio José López-Acuña Herrero, e do secretario en funcións Juan Carlos López Seijas, tomou o seguinte acordo:

Monte Coto das Louseiras de Xemil (expediente 36/78), pertencente aos veciños do lugar de Xemil, da parroquia de Bretoña, no termo municipal da Pastoriza. Na reunión celebrada polo xurado con data do 6 de marzo de 2018, acordouse aceptar a revisión de esbozo proposta polo Servizo de Montes, axustando a superficie a unha cartografía actualizada na súa zona estremeira con zonas de concentración parcelaria, e proceder á oportuna incorporación do esbozo ao expediente, e constancia no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común, de conformidade co dito. Con data do 19 de abril de 2018, ten entrada escrito presentado por José Mel Redondo, presidente da xunta reitora, en que interpón recurso de reposición contra o dito acordo, e solicita con base nas fundamentacións que expón, a súa estimación e que se acorde fixar o límite leste do monte polo Rego das Brañas e excluír dúas parcelas catastrais por seren propiedades particulares. O recurso fundaméntase, de xeito resumido:

• O novo esbozo aceptado polo xurado non recolle o verdadeiro límite leste do monte, que vén configurado polo Regato das Brañas ou Rego de Bragada, senón que deixa unha porción de monte clasificado fóra do perímetro.

• O dito Rego figura mencionado na descrición do perímetro que consta no punto 3.4 da carpeta-ficha que consta no expediente 36/78.

• O novo esbozo deixa fóra do perímetro do monte clasificado unha superficie da parcela catastral 27044A00080000MB, que pertence á comunidade de Xemil, e que fai límite polo leste co mencionado Rego das Brañas.

• Contravención da finalidade que determinou a revisión do esbozo, por considerar que a adaptación da cartografía ás estremas con zonas de concentración parcelaria non se efectuou correctamente polo límite leste.

• Indebida inclusión dentro do perímetro do monte das parcelas catastrais 27044AQ003000510000MQ e 27044A003000500000MG por seren de titularidade particular, que están separadas do monte veciñal por un muro de terra e pedra e a primeira figuraba nun certificado do Catastro do 20 de decembro de 1990 a nome dos herdeiros de Salustiano Maseda Seivane.

Dado traslado do recurso ao Servizo de Montes, este emite informe con data do 25.4.2018, en que consta, de xeito resumido:

• O linde leste do monte é o que estrema co monte veciñal en man común de Carracedo e Rioseco e, precisamente, esta linde non foi modificada, posto que para a súa precisa determinación deberá ser obxecto do deslindamento por avinza, conforme o artigo 53 da Lei de montes de Galicia.

• As parcelas catastrais de suposta propiedade particular non teñen documentos de propiedade, e no catastro figuran a nome do monte veciñal das Louseiras de Xemil. Por outra banda, estas parcelas estarían encravadas no monte e, consecuentemente, tampouco serían obxecto de revisión de esbozo xa que é o perímetro do monte o que é obxecto de revisión.

Examinado o dito recurso, o xurado, por unanimidade, acorda desestimar o recurso de reposición interposto, de conformidade cos fundamentos que se recollen na correspondente resolución do recurso.

Contra esta resolución, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo, de conformidade cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 29 de xuño de 2018

María Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Lugo