Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 13 de xullo de 2018 Páx. 33522

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 29 de xuño de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publica a resolución do recurso de reposición interposto contra a ampliación do monte veciñal en man común de Rubiás, no concello de Lugo (expediente 14/2016).

Para os efectos previstos no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, Decreto 260/1992, do 4 de setembro, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, na sesión do día 14 de xuño de 2018, baixo a presidencia de María Olga Iglesias Fontal e coa asistencia dos vogais Josefina Pereira de la Riera e Antonio José López-Acuña Herrero e do secretario en funcións, Juan Carlos López Seijas, tomou o seguinte acordo:

Monte de Rubiás (ampliación) (expediente 14/2016) pertencente aos veciños da parroquia de Rubiás, no termo municipal de Lugo. Na reunión celebrada polo xurado con data do 13 de decembro de 2017, acordouse clasificar este monte como veciñal en man común, cunha superficie de 7 ha, descontando da superficie inicialmente solicitada varias parcelas reclamadas durante o expediente polos seus titulares catastrais. Con data do 29 de xaneiro de 2018, ten entrada escrito presentado por Ana Prieto Nieto, como tenente de alcalde delegada da Área de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, do Concello de Lugo, en que interpón recurso de reposición contra a dita resolución, e solicita, con base nos fundamentos que expón, a súa estimación ao acordar anular a resolución impugnada e ao recoñecer a titularidade do concello duns predios que considera da súa titularidade.

A resolución impugnada foi notificada directamente ao Concello e consta recepcionada, segundo o xustificante de recepción con data do 26.12.2017 (aínda que a recorrente manifesta recibir a notificación o 27.12.2017), e confirmado no localizador de Correos, como entregado, o día 26 de decembro de 2017, ás 13.43.08, o recurso foi presentado no Portelo Único do propio concello con data do 29.1.2018 (luns), polo tanto, o prazo remataría con data do 26 de xaneiro de 2018 (venres), e o recurso estaría presentado fóra de prazo.

O recurso fundaméntase, de xeito resumido, nas seguintes consideracións:

• A resolución do xurado indica que o concello non acredita que consten no seu inventario de bens as parcelas en cuestión e que no catastro se alude a un terreo de natureza comunal de veciños, pero non aparece a nome da entidade local como propietaria. As parcelas 9003 do polígono 384, 9003 do polígono 388 e 9005 do polígono 382 si constan no inventario municipal como vías públicas e de dominio e uso público. O resto das parcelas non constan en tal inventario e a única consecuencia sería a necesidade de rectificalo para incluílas, xa que, a súa inscrición non ten carácter constitutivo.

• Respecto das parcelas 165 e 166 do polígono 383, respecto das cales na resolución indícase que non son obxecto do expediente da ampliación, e afirma que o Arquivo Histórico Provincial de Lugo indica que constan de titularidade común, e no Catastro, como monte comunal de Rubiás, polo que non se pode afirmar, sen máis, que sexa un monte veciñal en man común.

Xuntan certificación catastral das parcelas.

Dado traslado do recurso presentado á comunidade propietaria do monte de Rubiás, presentan escrito, a través do seu presidente, Jesús Arias Veiga, en que amosan a súa desconformidade co recurso e solicitan a súa desestimación, alegando, en resumo:

• Os camiños referidos no recurso non foron obxecto de clasificación.

• A parcela 166 do polígono 383 xa foi obxecto de clasificación por Resolución do 12 de xullo de 1982, non sendo obxecto do presente expediente, mentres que, a parcela 165, tamén foi obxecto de clasificación na mesma resolución, aínda que, ao superpoñer o esbozo sobre o parcelario catastral unha pequena parte quedaría fóra da zona pintada no esbozo, polo que, ao tramitar a ampliación, cartografíase esta parcela que, en realidade, xa foi clasificada no seu momento.

• Nega que tales parcelas figuren catastralmente a nome do concello, en que constan como «monte comunal de Rubiás», sen CIF nin enderezo do concello, como se pode comprobar dos propios certificados achegados por este, e conclúe que non pode entenderse como de titularidade municipal, de dominio público, senón do común da parroquia de Rubiás, monte veciñal en man común.

• Realiza un repaso histórico da relación dos concellos cos montes veciñais en man común, tentando xustificar o intervencionismo por parte destes e do Estado, ante a falta de recoñecemento destes montes ata que foron reguladas estas comunidades propietarias especialmente a partir do ano 68.

• As parcelas concretas foron sempre traballadas e aproveitadas polos veciños da parroquia de Rubiás, sendo repoboadas recentemente, costeando eles os traballos.

Examinado o dito recurso, o xurado, por unanimidade, acorda inadmitir o recurso de reposición interposto, de conformidade cos fundamentos que se recollen na correspondente resolución do recurso.

Contra este acordo poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo, de conformidade cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 29 de xuño de 2018

María Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Lugo