Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Luns, 16 de xullo de 2018 Páx. 33626

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Resolución do 3 de xullo de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciados polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2018 e 2019.

BDNS (Identif.): 407769.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser destinatarias das subvencións para o desenvolvemento das actuacións reguladas nesta convocatoria as entidades sen ánimo de lucro que cumpran as obrigas e os requisitos exixidos nesta resolución; de xeito particular, deben cumprir os seguintes requisitos:

a) Carecer de ánimo de lucro.

b) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.

c) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

d) Cumprir os requisitos e condicións establecidos na normativa xeral de subvencións.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e convocar, para os anos 2018 e 2019, subvencións ás entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de apoialas na súa integración ou reintegración no mercado laboral, como elemento clave para unha recuperación integral, tendo en conta que a falta de recursos propios, fundamentalmente dun posto de traballo, dificulta, en moitas ocasións, a ruptura da situación de violencia.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 3 de xullo de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciados polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2018 e 2019.

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse 660.742,50 euros imputables á aplicación orzamentaria 05.11.313D.481.02 (código de proxecto 2015 00154), de acordo coa seguinte distribución:

Ano 2018: 205.742,50 euros.

Ano 2019: 455.000,00 euros.

A contía máxima subvencionable para o período comprendido entre o 1 de setembro de 2018 e o 30 de novembro de 2018 será de 20.000 €.

A contía máxima subvencionable para o período comprendido entre o 1 de decembro de 2018 e o 30 de xuño de 2019 será de 75.000 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2018

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade