Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Martes, 17 de xullo de 2018 Páx. 33815

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 5 de xullo de 2018 pola que se modifica a Orde do 13 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas á colaboración no financiamento de actuacións en materia de arquivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

O día 19 de xaneiro de 2018 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 13 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas á colaboración no financiamento de actuacións en materia de arquivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

No artigo 16.1 da devandita orde establecíase que o prazo para que os beneficiarios das axudas acrediten e xustifiquen os proxectos subvencionados será ata o 30 de setembro de 2018; en caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción.

Tendo en conta a data de resolución das devanditas axudas, motivada polo longo proceso de avaliación e resolución, xunto á complexidade da execución dos proxectos, co fin de facer viables os procesos de execución e xustificación por parte dos beneficiarios resultantes, sen que con iso se cause prexuízo a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación.

Visto o anterior,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 13 de decembro de 2017

Modifícase o artigo 16.1 da Orde do 13 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas á colaboración no financiamento de actuacións en materia de arquivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2018, que quedaría redactada como segue:

Artigo 16. Prazo, xustificación e pagamento das axudas

1. O prazo para que os beneficiarios das axudas acrediten e xustifiquen os proxectos subvencionados será ata o 31 de outubro de 2018; en caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria