Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Martes, 17 de xullo de 2018 Páx. 33817

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 9 de xullo de 2018 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes da Resolución do 21 de decembro de 2017 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos obradoiros e das axudas á dixitalización Industria 4.0, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

Mediante Resolución do 21 de decembro de 2017 publicouse o acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, que aprobou as bases reguladoras dos obradoiros e das axudas á dixitalización Industria 4.0, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (DOG núm. 245, do 28 de decembro).

No punto terceiro do resolvo establecíanse dous prazos para a presentación das solicitudes de axuda. O primeiro (liña IG240.1 axudas) comprendía desde o día seguinte ao da publicación da resolución da convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 15.3.2018 e o segundo prazo (liña IG240.2 axudas) abriuse o 1.6.2018 e remata o 5.9.2018.

A publicación da resolución da primeira convocatoria está prevista para este mes de xullo. A publicación da concesión de axudas adoita xerar interese entre as empresas en xeral e fai que algunhas tomen a súa decisión de solicitar unha axuda á vista do resultado das convocatorias anteriores. O segundo prazo de solicitudes está previsto que remate o 5 de setembro, tan só tres días hábiles despois de rematado o período de vacacións na maior parte das empresas. Estas circunstancias unidas fan que o segundo prazo de solicitudes se presente, na práctica, como insuficiente, polo que consideramos que debe ampliarse o dito prazo a 12 días hábiles máis, é dicir, ata o 21 de setembro de 2018.

Por todo o anterior, de conformidade co disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e dado que non se causan prexuízos a terceiros,

RESOLVO:

Primeiro. Ampliar ata o 21 de setembro de 2018 o prazo de presentación de solicitudes da liña IG240.2 (axudas), establecido no punto terceiro do resolvo da Resolución do 21 de decembro de 2017 pola que se publicou o acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aprobou as bases reguladoras dos obradoiros e das axudas á dixitalización Industria 4.0, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

Segundo. Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2018

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica