Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Mércores, 18 de xullo de 2018 Páx. 34083

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 28 de xuño de 2018 pola que se outorga o recoñecemento á Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (Acerga) como organización de produtores pesqueiros.

Antecedentes.

Primeiro. Con data do 13.10.2017 José Blanco Agraso, con NIF núm. 33211231J, en calidade de presidente da Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (en diante, Acerga), con NIF núm. G70338702, presentou solicitude para o recoñecemento como organización de produtores pesqueiros (OPP), de ámbito autonómico, para o sector da pesca-segmento de litoral/local.

Segundo. O 7.11.2017 Acerga remitiu, o 10.8.2017, a relación de baixas voluntarias na Organización de Produtores Artesanais de Galicia (Opaga), dos produtores e unidades de produción asociados a Acerga.

Terceiro. Con data do 13.12.2017, a Subdirección Xeral de Acuicultura e Comercialización Pesqueira, do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente certificou a non pertenza das unidades de produción a ningunha OPP de ámbito nacional ou transnacional, pero si a pertenza á organización de produtores de Pesca Fresca do Puerto de Vigo (OPP4), da gran maioría dos buques.

Cuarto. Con data de rexistro do 15.12.2017 a OPP4 comunicou a relación de socios que tiñan confirmado a súa baixa na dita OPP nos últimos meses, indicando expresamente o medio de produción, o seu código do censo e a data en que causaron baixa (30.6.2017). Esta comunicación remitiuse á Subdirección Xeral de Acuicultura e Comercialización Pesqueira, do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente.

Quinto. O día 31.1.2018 notificóuselle a Acerga un requirimento de emenda, e con datas 9.2.2018 e 11.4.2018 tiveron entrada na Administración dúas entregas da documentación solicitada no dito requirimento.

Sexto. O 20.4.2018 solicitouse certificación da Dirección Xeral de Pesca e Alimentación da Comunidade Autónoma de Cantabria para o produtor e unidade de produción con porto base na dita Comunidade Autónoma, e o 3.5.2018 certifica, respecto da devandita unidade, a non pertenza a ningunha OPP do ámbito da Comunidade Autónoma de Cantabria.

Sétimo. Con data do 14.5.2018 Acerga modifica a relación de produtores e medios que se adhiren á asociación, indicando que a dita relación cumpre igualmente co requisito de actividade económica suficiente, xunto cunha memoria xustificativa e a súa corrección de erros do 18.5.2018.

Oitavo. O 4.6.2018 emítese informe para os efectos de determinar o ámbito da OPP o segmento de pesca a que pertence e a actividade económica suficiente, de conformidade cos artigos 2.3, 2.4 e 3.3.a) do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño.

Noveno. Con data do 8.6.2018 emítese informe favorable á solicitude da Acerga, de recoñecemento como organización de produtores pesqueiros de ámbito autonómico para o sector da pesca-segmento de litoral.

Décimo. En consecuencia, o 18.6.2018 dítase proposta de recoñecemento de Acerga como organización de produtores pesqueiros do sector da pesca e segmento de litoral, considerando que reúne os requisitos e condicións exixidas pola normativa vixente.

Fundamentos de dereito.

Primeiro

O artigo 14.1 do Regulamento (UE) núm. 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello do 11 de decembro, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, modifícanse os regulamentos (CE) núm. 1184/2006 e (CE) núm. 1224/2009 do Consello e derrógase o Regulamento (CE) núm. 104/2000 do Consello, establece que poden ser recoñecidas como organizacións de produtores todas as agrupacións creadas por iniciativa de produtores do sector pesqueiro que o soliciten, sempre que desenvolvan a actividade económica suficiente, teñan personalidade xurídica e cumpran os principios establecidos no artigo 17 do dito regulamento, entre outros.

Segundo

Regulamento de execución (UE) núm. 1419/2013 da Comisión do 17 de decembro de 2013, relativo ao recoñecemento das organizacións de produtores e ás organizacións interprofesionais, a aplicación extensiva das normas das organizacións de produtores e ás organizacións interprofesionais e a publicación dos prezos de activación, de conformidade co Regulamento (UE) núm. 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura.

Terceiro

Regulamento de execución (UE) núm. 1418/2013 da Comisión do 17 de decembro de 2013, relativo aos plans de produción e comercialización en virtude do Regulamento (UE) núm. 1379/2013 do Parlamento europeo e do Consello, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura.

Cuarto

Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, modificada pola Lei 33/2014, do 26 de decembro.

Quinto

Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, modificado polo Real decreto 956/2017, do 3 de novembro, polo que se establece o marco regulador de axudas ás organizacións profesionais do sector da pesca e da acuicultura, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e as súas bases reguladoras de ámbito estatal, e polo que se modifican o Real decreto 418/2015, do 29 de maio, polo que se regula a primeira venda de produtos pesqueiros, e o Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura. O artigo 3.3 establece que unha organización de produtores pesqueiros ten actividade económica suficiente cando obteña polo menos unha produción cuxo valor económico supera os catro millóns de euros, calculado de acordo coa produción media dos últimos tres anos anteriores á solicitude. O artigo 3.6 establece que o recoñecemento dunha OPP, así como a súa modificación e retirada, corresponderá aos órganos competentes da comunidades autónomas no caso de ámbito autonómico.

Sexto

Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro. Os artigos 90 e 91 establecen que as organizacións de produtores son entidades recoñecidas oficialmente, constituídas por iniciativa das persoas produtoras co fin de garantir o exercicio racional da pesca, do marisqueo e da acuicultura e a mellora das condicións de venda da súa produción; e que validamente constituída unha asociación de produtores, para obter o recoñecemento oficial de organización de produtores, os seus membros deberán ter principalmente o seu domicilio social e a súa produción en Galicia, nas porcentaxes e nos termos establecidos na normativa vixente nesta materia, que regulamentariamente se establecerán as condicións e os requisitos para acceder e conservar o recoñecemento de organización de produtores, e que este recoñecemento se poderá retirar cando se incumpran os requisitos que determinaron o seu outorgamento.

Sétimo

O artigo 1 do Decreto 168/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, establece a competencia da Consellería do Mar para propor e executar as directrices xerais do Goberno en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo, acuicultura, confrarías de pescadores/as e demais organizacións e asociacións dos/as profesionais do sector.

Oitavo

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Noveno. Demais normativa de aplicación

Na súa virtude, esta consellería en cumprimento do artigo 55.1.a) da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do establecido no artigo 3.6 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura,

RESOLVE:

Primeiro. Recoñecer á Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (Acerga), con NIF G70338702, como organización de produtores pesqueiros, para o ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e para o sector da pesca e segmento de litoral.

Este recoñecemento queda supeditado ao cumprimento das condicións e obrigas das organizacións de produtores pesqueiros establecidas na lexislación vixente e, en particular:

– Comunicar á consellería competente en materia de pesca calquera cambio nas condicións que deron lugar ao seu recoñecemento.

– Adaptar os seu estatutos ás exixencias que deriven da evolución da organización común de mercados (OCM) ou normativa vixente que lles afecte as OPP.

– Aplicar as medidas previstas no artigo 8 do Regulamento (UE) núm. 1379/2013, do 11 de decembro, para acadar os distintos obxectivos establecidos no artigo 7 do dito regulamento.

– Cumprir os principios de funcionamento interno establecidos no artigo 17 do Regulamento (UE) núm. 1379/2013, do 11 de decembro.

– Dispoñer dunha estrutura organizativa propia dotada do persoal, da infraestrutura e do equipamento necesario para poder cumprir as obrigas establecidas na normativa, en particular, o coñecemento da produción dos seus membros e da xestión orzamentaria. Criterio que deberá cumprir antes do 31.12.2018, de conformidade co Plan galego de control das organizacións de produtores pesqueiros.

– Levar unha contabilidade axeitada e específica para a actividade obxecto de recoñecemento.

– Facer constar por escrito as normas que adopten en materia de explotación, produción e comercialización, e velar polo cumprimento delas por parte dos seus produtores asociados.

– Rexerse, no seu funcionamento, polo disposto no capítulo V da OCM, así como na Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia, de xeito que non exista unha posición dominante no mercado da OPP.

– Manter a actividade económica suficiente conforme os artigos 3.3 e 4.4 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño.

– Impoñer aos seus membros a obriga de permanecer na organización un período mínimo dun ano natural desde a data da súa admisión. Una vez transcorrido o dito período, a renuncia á condición de membro comunicarase por escrito cunha antelación de, polo menos, catro meses á data efectiva da baixa, de acordo co artigo 3.2 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño.

– Notificar as novas adhesións e as baixas, para dar cumprimento ao disposto no artigo 3.8 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño.

– Presentar ante a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica un plan de produción e comercialización, no prazo de dous meses a partir do día seguinte á resolución de recoñecemento, e ata o 31 de decembro do ano seguinte ao seu recoñecemento. Posteriormente, poderán presentar un plan anual o plurianual, de conformidade co disposto no artigo 14.3 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño. Os plans de produción e comercialización posteriores presentaranse antes do 31 de outubro do ano en que finalice a vixencia do seu plan aprobado de conformidade co artigo 14 da dita norma.

– Presentar ante a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica un informe anual de actividades desenvolvidas no marco do plan de produción e comercialización establecido no artigo 28 do Regulamento (UE) núm. 1379/2013, do 11 de decembro. Este informe deberá presentarse antes do 28 de febreiro de cada ano segundo o artigo 15 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño.

– Cumprir coas normas comúns de comercialización vixentes e en particular co disposto nos artigos 34 e 47 do Regulamento (UE) núm. 1379/2013, do 11 de decembro.

– Facilitar o labor de inspección e subministrar a documentación e información que se precise por requirimento da Administración competente, de acordo co artigo 3.9 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, ou como consecuencia da aplicación do Plan galego de control das organizacións de produtores pesqueiros aprobado pola Consellería do Mar, no marco do Programa nacional de control das organizacións profesionais, conforme o establecido na OCM, os artigos 69 e 70 do Regulamento (CE) núm. 1224/2009 e a Lei 38/1994, de organizacións interprofesionais agroalimentarias do 30 de decembro.

– En todo caso, o incumprimento das condicións de recoñecemento como organización de produtores pode levar consigo a retirada deste.

Segundo. Ordenar a publicación da presente resolución conforme o establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira do Mar no prazo máximo de un (1) mes, ou ben recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente desta orde xurisdicional, no prazo de dous (2) meses, contados en ambos os dous casos desde o día seguinte ao da súa notificación.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2018

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar