Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Xoves, 9 de agosto de 2018 Páx. 36906

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2018, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sobre a aprobación definitiva do expediente de delimitación de solo de núcleo rural das Veiguiñas, na parroquia de Moncelos, do concello de Abadín (exediente PTU-LU-16/114).

O 2.5.2018 recibiuse expediente de referencia, que fora requirida pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) o 7.2.2018; remitida polo Concello de Abadín para os efectos da súa aprobación definitiva, consonte o establecido na disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), pola que poderá continuar a súa tramitación, ata a súa aprobación definitiva a teor das normas procedimentais e determinacións dispostas na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), establecidas na disposición adicional 2ª.2.

Analizada a documentación achegada, e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Abadín carece de planeamento xeral, contando cunha delimitación de solo urbano aprobada o 24.1.1992 e varias delimitacións de núcleos rurais.

I.2. Tramitación do expediente.

• Certificación do acordo de aprobación inicial adoptado o 27.3.2013.

• Certificacións dos anuncios de exposición pública realizados en abril de 2013.

• Informe emitido pola Dirección Xeral do patrimonio Cultural con datas do 5.2.2014 e 4.11.2014 (desfavorables) e 11.2.2015 (favorable).

• Informe do 28.3.2014 do técnico municipal, sobre a incorporación das correccións exixidas no informe de Patrimonio.

• Certificación do acordo de aprobación provisional (AP) adoptado o 28.3.2014.

• Informe do 24.4.2015 do técnico municipal, sobre a incorporación das correccións exixidas no informe de Patrimonio.

• Certificación do acordo de aprobación provisional adoptado o 25.4.2015.

• Certificación con data do 28.1.2016, de ratificación do acordo de AP do 25.4.2015.

• Informe da Secretaría do concello con data do 10.10.2017.

• Requirimento da DXOTU do 6.2.2018.

• Certificación do acordo de nova aprobación provisional, adoptado o 28.3.2018.

II. Aspectos xerais. Contido.

Trátase dun proxecto de iniciativa do Concello de Abadín, que propón a delimitación como solo de núcleo rural dun ámbito de 21.894 m2, dos cales 7.922 m2 pertencen ao núcleo rural histórico-tradicional e 13.972 m2 ao núcleo rural común.

O proxecto delimita o núcleo, define o trazado da rede viaria existente e propón a apertura de novas vías, así como a modificación dalgunha existente; regula as condicións urbanísticas aplicables no núcleo; e cataloga varias construcións de carácter tradicional, incorporando medidas de protección. Non identifica dotacións existentes nin previstas.

III. Análise e observacións.

O asentamento cumpre o artigo 23 da LSG para núcleos rurais; conta cun topónimo oficial, As Veiguiñas, recoñecido no nomenclátor oficial de entidades da provincia de Lugo (Decreto autonómico 6/2000); e acada o requisito de consolidación mínima exixida do 50 % para NRT e dun terzo para NRC establecidos no artigo 13.3 da Louga.

En canto ao requirimento da DXOTU do 6.2.2018, no documento xustifícase a obtención da nova vía e a discrepancia catastral en relación co tramo viario existente no NRT e NRC; incorpórase a regulación das edificacións auxiliares (puntos 11.2.8.7 e 11.3.8.7); regúlanse as condicións hixiénico-sanitarias dos terreos e das construcións (punto 11); e na representación viaria (plano 7) engade as aliñacións consolidadas pola edificación.

De conformidade co artigo 78.2.c) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 10 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das Consellerías da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación do solo de núcleo rural, correspóndelle á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

IV. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a delimitación de solo de núcleo rural das Veiguiñas, Parroquia de Moncelos, no Concello de Abadín.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a delimitación no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa da delimitación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita esta no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese ao Concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2018

María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

missing image file