Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Xoves, 9 de agosto de 2018 Páx. 36910

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 79/2018, do 19 de xullo, polo que se aproba o cambio de titularidade dun treito da estrada provincial LU-P-0803 de alto de Gaibor á feira de Barrazoso, a prol do Concello de Begonte.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Begonte, o día 20 de xuño de 2017, solicita á Deputación Provincial de Lugo a transmisión de titularidade da vía provincial LU-P-0803 de alto de Gaibor á feira de Barrazoso unha vez que foron executadas as obras de acondicionamento.

A Deputación Provincial de Lugo, na sesión ordinaria levada a cabo o 31 de outubro de 2017, aceptou a proposta de transferencia de titularidade a prol do Concello de Begonte do treito da estrada provincial LU-P-0803 de alto de Gaibor á feira de Barrazoso, logo de realizar as obras de mellora no devandito treito provincial.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezanove de xullo de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Begonte:

– Treito da estrada LU-P-0803 de alto de Gaibor á feira de Barrazoso.

Artigo 2

En aplicación dos puntos 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Begonte deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade ao que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderalle ao Concello de Begonte, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de xullo de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda