Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 10 de agosto de 2018 Páx. 37234

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 17 de xullo de 2018 pola que se autoriza a apertura e funcionamento temporal do centro privado estranxeiro Gándara International School, de Gondomar (Pontevedra).

A representante de Noguera y Valdés, S.L. solicita autorización de apertura e funcionamento do centro docente estranxeiro Gándara International School, de Gondomar, para impartir as ensinanzas do sistema educativo dos Estados Unidos de América a alumnado español e estranxeiro.

O centro achega certificado temporal, con validez ata o 31 de agosto de 2019, de elixibilidade no proceso de acreditación da New England Association of Schools & Colleges (NEASC) para impartir as ensinanzas de Pre-School Section que se corresponden coa etapa de educación infantil (de 3 a 6 anos) para un máximo de 25 postos escolares, e para as ensinanzas de Elementary Section que se corresponden coa etapa de educación primaria (de 6 a 12 anos) para un máximo de 50 postos escolares, do sistema educativo dos Estados Unidos de América.

Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre centros docentes estranxeiros en España, así como no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Autorización temporal

Autorizar a apertura e funcionamento, con carácter temporal ata o 31 de agosto de 2019, do centro privado estranxeiro Gándara International School, de Gondomar para impartir as ensinanzas de Pre-School Section (de 3 a 6 anos) e de Elementary Section (de 6 a 12 anos), do sistema educativo dos Estados Unidos de América.

Os datos do centro son os que se detallan a seguir:

Denominación xenérica: centro privado estranxeiro (CPR EX).

Denominación específica: Gándara International School.

Código do centro: 36025001.

Domicilio: r/ Moureira, 1.

Localidade: Mañufe.

Concello: 36388 Gondomar.

Provincia: Pontevedra.

Titular: Noguera y Valdés, S.L.

Ensinanzas que se autorizan temporalmente:

Sistema educativo dos Estados Unidos de América, para alumnado español e estranxeiro.

Pre-School Section que se corresponden coa etapa de educación infantil (de 3 a 6 anos) para un máximo de 25 postos escolares.

Elementary Section que se corresponden coa etapa de educación primaria (de 6 a 12 anos) para un máximo de 50 postos escolares.

Artigo 2. Inicio da actividade

O centro deberá complementar as ensinanzas autorizadas con ensinanzas de lingua española e de lingua galega, que deberán impartirse co mesmo deseño e horario establecidos no decreto da Comunidade Autónoma de Galicia, que regula as ensinanzas correspondentes á educación infantil e primaria.

Así mesmo, a cultura española deberá desenvolver os contidos esenciais da correspondente área de coñecemento, recollidos na norma reguladora das ensinanzas.

Artigo 3. Requisitos do profesorado

O profesorado que imparta as ensinanzas mencionadas no apartado anterior deberá reunir os requisitos de titulación requiridos pola lexislación española para o nivel educativo, e terá os dereitos e obrigas que determina o artigo 12 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España.

A Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta estas materias.

Artigo 4. Validez autorización temporal

A autorización temporal a que fai referencia o apartado primeiro desta orde terá validez desde o 1 de setembro de 2018 ata o 31 de agosto de 2019, conforme o certificado emitido pola New England Association of Schools & Colleges (NEASC). A partir desta data, a autorización dependerá dunha nova inspección dos servizos da Embaixada dos Estados Unidos de América.

Artigo 5. Inscrición no rexistro de centros

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6. Modificación da autorización

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e sometido á inspección educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de conformidade co establecido no artigo 9 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, así como a solicitar unha nova autorización e inscrición no caso de que se produza calquera variación nos elementos e circunstancias que dan lugar a esta autorización.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo de un mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas , ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria