Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 10 de agosto de 2018 Páx. 37156

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 20 de xullo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2018 axudas para fomentar o emprego das persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social no mercado ordinario de traballo, mediante os programas de emprego con apoio e de incentivos á contratación a tempo parcial e á formación.

No marco do establecido nos artigos 40 e 49 da Constitución española; no Real decreto lexislativo 3/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de emprego; nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia; nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia europea de emprego, e do respectivo Plan anual de política de emprego (PAPE), e co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, é preciso adoptar políticas que promovan a calidade dun modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade de toda a sociedade galega para crear emprego, en especial para aquelas persoas cuxa integración laboral supón máis dificultades, como son as persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.

De acordo co disposto no Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; e no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, correspóndelle a esta o exercicio das competencias e funcións relativas á xestión das políticas activas de emprego.

A Xunta está a implementar a Axenda 20 para o emprego, para impulsar o emprego estable e de calidade e acadar un novo modelo produtivo de Galicia baseado no crecemento e no coñecemento. Entre as medidas que se recollen nesta Axenda 20 destaca o programa Aprol persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que, en concordancia co desenvolvemento doutras medidas no ámbito social e na execución das políticas activas de emprego, aposta por un mercado laboral accesible, inclusivo e de calidade e establece accións específicas para a inserción deste colectivo que teñen por obxecto a mellora da súa empregabilidade e, coordinadamente, o establecemento de medidas para a súa inserción e permanencia no mercado de traballo.

No deseño e xestión das políticas activas de emprego débese ter en conta a diversidade e a pluralidade que caracteriza a poboación con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, que se debe atender de forma diferente segundo as demandas e as necesidades que cada grupo de persoas traballadoras presenta. Dentro dos colectivos indicados existen grupos que, debido á súa tipoloxía concreta, teñen maiores dificultades de acceso ao mercado ordinario de traballo. Esta realidade exixe a adopción de medidas específicas, que se poderían considerar de acción positiva dentro do grupo das persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, xa que se trata de tratamentos máis intensos e diferenciados para estimular a súa empregabilidade.

Nesta orde agrúpanse os programas que teñen por obxecto favorecer a creación de emprego para as persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social na empresa ordinaria, mediante o Programa de emprego con apoio e o Programa de contratación parcial e formación, que se regulan nos capítulos II e III, respectivamente.

Ambos os dous programas configúranse como programa propios da Comunidade Autónoma de Galicia no Plan anual de política de emprego (PAPE) para 2018, dentro do eixe 3 de Oportunidades de emprego (BOE nº 77, do 29 de marzo de 2018).

Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial, no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión; no Decreto 11/2009, do 9 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xuño.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e principios de xestión

1. Esta orde ten por obxecto regular as axudas que favorezan a contratación das persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social na empresa ordinaria e especialmente aquelas que teñen maiores dificultades de inserción laboral:

A orde estrutúrase en dous programas, regulados nos capítulos II e III desta orde:

I. Programa de emprego con apoio (procedemento TR341L), que consiste nun conxunto de actividades de orientación e acompañamento individualizado que prestan, no propio posto de traballo, preparadores laborais especializados ás persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, con especiais dificultades de inserción laboral e que realizan a súa actividade en empresas normalizadas, do mercado ordinario de traballo, en condicións similares ao resto dos traballadores que desempeñan postos de iguais características.

II. Programa de incentivos á contratación a tempo parcial, por conta allea, e á formación das persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social nas empresas ordinarias coa finalidade de fomentar e favorecer a súa integración laboral no sistema ordinario de traballo (procedemento TR341O). Por medio deste programa as empresas que soliciten a subvención terán a posibilidade de obter dous tipos de axuda compatibles: un bono de contratación tempo parcial e un bono de formación.

2. A xestión das axudas realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Financiamento

1. Os programas regulados nesta orde están financiados con fondos finalistas do Estado recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal.

2. A concesión das subvencións previstas para o ano 2018 nesta orde estará limitada á existencia de crédito orzamentario. Se é o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego o esgotamento das partidas orzamentarias.

Os créditos que financian esta orde terán a seguinte distribución inicial por programas, con cargo ás aplicacións orzamentarias da Secretaría Xeral de Emprego:

No código de proxecto 2016 00309:

Importe por programas

Importe por aplicacións

Aplicacións orzamentarias

Programa emprego con apoio

(capítulo II) procedemento TR341L

500.000 €

450.000 €

09.40.322C.470.9

50.000 €

09.40.322C.481.9

No código de proxecto 2016 00309:

Importe por programas

Importe por aplicacións

Aplicacións orzamentarias

Programa contratación a tempo parcial

(capítulo III) procedemento TR341O

500.000 €

450.000 €

09.40.322C.470.1

50.000 €

09.40.322C.481.9

3. De producirse remanentes de crédito na asignación inicial para o financiamento de cada programa, procederase á reasignación das contías sobrantes para atender as necesidades de crédito doutro programa. Así mesmo, de producirse remanentes nunha aplicación orzamentaria dun programa, procederase a reasignar as contías sobrantes na outra aplicación do mesmo programa. As reasignacións levaranse a cabo, logo das modificacións orzamentarias pertinentes, sen necesidade de facer unha nova publicación do importe dos créditos.

4. Os créditos que financian esta orde poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego. Poderá ampliarse a contía máxima e o incremento de crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 3. Beneficiarias das subvencións

1. Poderán ser persoas ou entidades beneficiarias das subvencións que se regulan nesta orde as que se establecen para cada programa nos capítulos II e III, sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos para cada tipo de axuda.

2. Non poderán obter a condición de persoa ou entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran as circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Tampouco poderán obter a condición de persoa ou entidade beneficiaria cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido nos artigos 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

4. A xustificación por parte das persoas ou entidades beneficiarias de non estar incursas nas prohibicións contidas nos puntos 2 e 3 anteriores para obter a condición de beneficiaria realizarase mediante declaración responsable.

Artigo 4. Normativa aplicable

As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 8/2017, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018; no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu Regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.

Artigo 5. Definicións

Para os efectos de esta orde considérase:

1. Persoa desempregada: aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego e que careza de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego e da vida laboral realizaraa directamente o órgano xestor das axudas.

Igualmente, a comprobación de carecer de ocupación, segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social na data da súa alta na Seguridade Social das persoas traballadoras que se incorporan á empresa polas cales se solicita a subvención realizaraa directamente o órgano xestor das axudas.

2. Persoa con discapacidade é aquela que teña recoñecido pola Administración competente un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

De acordo co disposto no artigo 4 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, considerarase que presentan unha discapacidade igual ou superior ao 33 % as persoas pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez e as persoas pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión por xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade. Nestes supostos, a acreditación do grao de discapacidade realizarase conforme o previsto no Real decreto 1414/2006, do 1 de decembro, polo que se determina a consideración de persoa con discapacidade para os efectos da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade (BOE nº 300, do 16 de decembro).

A comprobación da condición de persoa con discapacidade realizaraa directamente o órgano xestor das axudas; no caso de que a discapacidade fose recoñecida por outra Administración distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia, deberá presentar a documentación acreditativa da discapacidade.

3. Para os efectos desta orde, terán a consideración de persoas en situación ou risco de exclusión social as persoas perceptoras da renda de inclusión social de Galicia ou membros da súa unidade de convivencia ou as persoas que teñan o certificado emitido polos servizos sociais acreditativo da dita situación social, tras a verificación da ausencia ou déficit grave de recursos económicos e a situación de desemprego, así como a concorrencia dalgún dos factores de exclusión social recollidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

4. Emprego con apoio é o conxunto de accións de orientación e acompañamento individualizado no posto de traballo, prestadas por preparadores e preparadoras laborais especializados, que teñen por obxecto facilitar a adaptación social e laboral de persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social con especiais dificultades de inserción laboral en empresas do mercado ordinario de traballo en condicións similares ao resto das persoas traballadoras que desempeñan postos equivalentes.

5. Contrato a tempo parcial. O contrato de traballo entenderase subscrito a tempo parcial cando se acorde a prestación de servizos durante un número de horas ao día, á semana, ao mes ou ao ano inferior á xornada de traballo dun traballador a tempo completo comparable.

Está permitida a subscrición a tempo parcial en todas as modalidades de contratación de duración determinada, salvo o contrato para a formación e aprendizaxe.

6. Persoa emigrada retornada: de acordo co establecido nos artigos 53 e 54 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, terán a condición de persoa galega retornada as persoas galegas e nacidas en Galicia que, residindo fóra de España, retornen á Comunidade Autónoma galega. Para os efectos previstos nesa lei, asimílanse a persoas galegas retornadas os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os fillos e fillas das persoas galegas e nacidas en Galicia con residencia no estranxeiro que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma de Galicia.

Os requisitos, con carácter xeral, para adquirir a condición de persoa galega retornada son os seguintes:

a) Ser persoa galega nacida en Galicia.

b) Acreditar ou ter relación filial, conxugal ou análoga á conxugal.

c) Estar en posesión da nacionalidade española e estar vinculado ou vinculada a un concello galego no padrón de residentes no exterior antes do retorno.

d) Estar empadroado ou empadroada nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para adquirir esta condición de persoa emigrada retornada non deben transcorrer máis de dous anos entre a data do seu retorno a España e a data de presentación da solicitude de axuda ao abeiro desta orde.

7. Concello rural: aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia (ZPD) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl). Para estes efectos, considéranse concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

8. Persoas destinatarias finais dos programas regulados nesta orde serán as persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social desempregadas inscritas no servizo público de emprego como demandantes de emprego non ocupadas, así como as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, incluídas as procedentes de centros especias de emprego e de empresas de inserción laboral.

Artigo 6. Solicitudes

1. As solicitudes de subvención deberán presentarse por separado para cada un dos programas desta orde, nos modelos de solicitude que figuran como anexos que se indican e no prazo que se establece en cada un dos programas desta orde regulados nos capítulos II e III, e dirixiranse ao órgano competente para resolver.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De acordo co disposto no artigo 31 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, de acompañamento dos orzamentos para o ano 2017, a xustificación da concorrencia das circunstancias indicadas no dito artigo para establecer a obriga de relacionarse electronicamente coa Administración na presentación das persoas físicas vén motivada polo feito de que as entidades beneficiarias a que vai dirixida esta orde de subvencións son as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídos os autónomos, as sociedades civís e as comunidades de bens, as asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro e os centros especiais de emprego . Todas elas, incluídas as persoas autónomas, exercen unha actividade económica e dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento en calquera actividade comercial que realicen.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na cal fose realizada a emenda.

3. Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 7. Documentación complementaria

1. Ás solicitudes das persoas ou entidades interesadas xuntaranse os documentos sinalados nos capítulos II e III desta orde, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 53.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sempre que se faga constar a data e o órgano ou dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan. Coa achega desta información, presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na cal fose realizada a emenda.

3. No caso de que algún dos documentos que vai presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaños máximos admitidos da documentación complementaria para cada procedemento.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código do rexistro.

Artigo 8. Emenda das solicitudes

As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará que a persoa ou entidade interesada desiste da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano ou entidade responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións firmes que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, todas a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 35/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11. Procedemento de concesión

O procedemento de concesión das axudas e subvencións desta orde será en concorrencia non competitiva e axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

Artigo 12. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. A notificación por medios electrónicos entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización das propostas de resolución polas respectivas intervencións, as resolucións serán ditadas polo órgano competente, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e deberán serlles notificadas ás persoas ou entidades interesadas. As resolucións, concesorias ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver e notificar é de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Notificada a resolución polo órgano competente, as persoas ou entidades interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior é de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 14. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 15. Obrigas das persoas e das entidades beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias das axudas, sen prexuízo das obrigas específicas para cada programa sinaladas nos artigos 32 e 50, as seguintes:

a) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, por medios propios ou alleos, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos, tal e como establece o artigo 11.d) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

c) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

d) Dispor de libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

e) Excepto aquelas entidades beneficiarias que pola normativa vixente estean exentas da obriga de levar a cabo unha contabilidade, as entidades beneficiarias teñen a obriga de levar unha contabilidade separada ou un código contable adecuado para os ingresos da subvención.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos por un prazo de 5 anos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Perda do dereito ao cobramento, revogación e reintegro

Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no disposto especificamente nos capítulos II e III da presente orde.

O incumprimento das obrigas establecidas na presente orde e demais normas aplicables, así como das condicións que se establecesen na correspondente resolución de concesión, poderá dar lugar á perda total do dereito ao cobramento ou subvención ou, logo do oportuno procedemento de reintegro, á obriga de devolver a subvención percibida e os xuros de demora correspondentes.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 17. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas ou entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa ou entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

CAPÍTULO II

Programa de emprego con apoio (procedemento TR341L)

Artigo 18. Obxecto do programa e accións de emprego con apoio

1. Esta liña de axudas ten como obxecto subvencionar as entidades promotoras de proxectos de emprego con apoio para financiar os custos laborais e de seguridade social derivados da contratación dos preparadores e das preparadoras laborais que leven a cabo as accións de emprego con apoio.

Trátase de favorecer a integración laboral das persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social con especiais dificultades para a súa inserción laboral mediante a súa contratación en empresas con centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As accións de emprego con apoio desenvolveranse no marco de proxectos de emprego con apoio, nos cales se deberán recoller, polo menos, as seguintes accións:

a) Orientación, asesoramento e acompañamento á persoa traballadora apoiada elaborando para cada persoa traballadora un programa de adaptación ao posto de traballo.

b) Labores de achegamento e mutua axuda entre a persoa traballadora beneficiaria do Programa de emprego con apoio, o empregador ou empregadora e o persoal da empresa que comparta tarefas coa persoa traballadora apoiada.

c) Apoio á persoa traballadora no desenvolvemento de habilidades sociais e comunitarias, de modo que se poida relacionar co contorno laboral nas mellores condicións.

d) Adestramento específico da persoa traballadora apoiada nas tarefas inherentes ao posto de traballo.

e) Seguimento da persoa traballadora apoiada e avaliación do proceso de inserción no posto de traballo. Estas accións terán por obxecto a detección de necesidades e a prevención de posibles ameazas ou riscos, tanto para a persoa traballadora como para a empresa que a contrata, que poñan en perigo o obxectivo de inserción e permanencia no emprego.

f) Asesoramento e información á empresa sobre as necesidades e os procesos de adaptación do posto de traballo.

Artigo 19. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes do Programa de emprego con apoio será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

Artigo 20. Promotores de proxectos de emprego con apoio e entidades beneficiarias das subvencións

Poderán promover proxectos de emprego con apoio e seren beneficiarias das correspondentes subvencións reguladas nesta orde as seguintes entidades:

1. As asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro que subscriban o correspondente convenio de colaboración coa empresa que vai contratar as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social ás cales se lles vai prestar o emprego con apoio e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter por obxecto social, entre outros, a inserción laboral ou a creación de emprego a favor de persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.

b) Contar no seu cadro de persoal con preparadores ou preparadoras laborais especializados que cumpran os requisitos establecidos no artigo 24 ou comprometerse a incorporalos, así como dispor dos recursos materiais necesarios que garantan un desenvolvemento adecuado dos programas de emprego con apoio.

c) Ter experiencia acreditada no desenvolvemento de programas de integración laboral de persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.

d) Desenvolver as actividades de emprego con apoio de modo gratuíto, sen que caiba o cobramento ou a percepción de ningún tipo de cantidade ou tarifa a persoas traballadoras ou empresarios e empresarias.

2. Os centros especiais de emprego, cualificados e inscritos como tales no Rexistro administrativo de Centros Especiais de Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia que subscriban un convenio de colaboración coa empresa que vai contratar persoas traballadoras con discapacidade procedentes do cadro de persoal do mesmo centro ou doutros centros especiais de emprego.

Tamén as empresas de inserción laboral que subscriban convenio de colaboración coa empresa que vai contratar persoas traballadoras en situación ou risco de exclusión social procedentes do cadro de persoal do mesma empresa ou doutras empresas de inserción laboral.

Estes centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Contar no seu cadro de persoal con preparadores e preparadoras laborais especializados que cumpran os requisitos establecidos no artigo 24 ou comprometerse a incorporalos, así como dispor dos recursos materiais necesarios que garantan un desenvolvemento adecuado dos programas de emprego con apoio.

b) Desenvolver as actividades de emprego con apoio de modo gratuíto, sen que caiba o cobramento ou a percepción de ningún tipo de cantidade ou tarifa a persoas traballadoras ou empresarios e empresarias.

3. As empresas do mercado ordinario de traballo, incluídos os traballadores e traballadoras autónomos, que contraten as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social beneficiarias das ditas accións de apoio, sempre que conten no seu cadro de persoal con preparadores e preparadoras laborais especializados que cumpran os requisitos establecidos no artigo 24 ou se comprometan a incorporalos, e que dispoñan dos recursos materiais necesarios que garantan un desenvolvemento adecuado dos programas de emprego con apoio.

Artigo 21. Persoas destinatarias finais

1. As persoas destinatarias finais do Programa de emprego con apoio serán traballadores e traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social inscritos nos servizos públicos de emprego como demandantes de emprego non ocupados, así como traballadores e traballadoras con discapacidade procedentes de centros especiais de emprego ou persoas traballadoras en situación ou risco de exclusión social procedentes de empresas de inserción laboral, sempre que, en todos os casos, se atopen nalgún dos supostos que se describen a continuación:

a) Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual cun grao de recoñecido igual ou superior ao 33 %.

b) Persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

c) Persoas xordas e con discapacidade auditiva, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

d) Persoas en situación ou en risco de exclusión social recoñecido polo órgano competente en materia de servizos sociais da Xunta de Galicia que non teñan ningunha das discapacidades indicadas nas letras anteriores.

2. As ditas persoas traballadoras deberán ser contratadas por unha empresa do mercado ordinario de traballo para ser empregadas efectivamente na organización produtiva da empresa.

As empresas terán dereito aos beneficios previstos na normativa sobre contratación de persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social nos termos establecidos nela e poderán solicitar as subvencións dos programas de contratación de persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social na empresa ordinaria convocadas pola Consellería de Economía Emprego e Industria, e concretamente o Programa de contratación a tempo parcial de persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social na empresa ordinaria, regulado no capítulo III desta orde.

3. Poderán ser persoas destinatarias finais deste programa as sinaladas nas letras a), b) e c) do número 1 deste artigo que, estando empregadas mediante un contrato de carácter indefinido, requiran o desenvolvemento das accións de emprego con apoio previstas no artigo 18.2 desta orde, como consecuencia dunha alteración das condicións da prestación do seu traballo ou do seu contorno laboral que produzan agudos problemas de adaptación que ameacen a continuidade da súa actividade produtiva.

Artigo 22. Proxectos de emprego con apoio

1. Os proxectos de emprego con apoio deberán facer constar, polo menos, os seguintes aspectos:

a) Identificación da empresa que vai contratar as persoas traballadoras que van recibir apoio, así como o seu compromiso de contratación das ditas persoas.

b) Identificación da entidade promotora que vai levar a cabo as accións de emprego con apoio a través dos preparadores e das preparadoras laborais que ten contratados ou que vai contratar; neste caso, deberá expresar o seu compromiso de contratación.

c) Número de persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que van recibir as accións de emprego con apoio, con indicación do tipo e grao de discapacidade, tipo e duración do contrato que se lles vai formalizar e do centro ou centros de traballo en que van efectuar a prestación laboral, así como a descrición de cada un dos postos de traballo.

d) Relación dos preparadores e das preparadoras laborais que lles van prestar o apoio ás persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social con indicación do tipo e duración do contrato de traballo formalizado ou que van formalizar coa entidade promotora do emprego con apoio.

e) Descrición da previsión das accións de emprego con apoio que cada preparador ou preparadora vai prestar a cada unha das persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que lle corresponda atender, especificando a duración das ditas accións e a distribución temporal prevista nelas.

f) Nomeamento, por parte da empresa que vai contratar as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que van recibir apoio, entre o seu persoal, da figura do coordinador ou coordinadora do proxecto con apoio, que desenvolverá accións para facilitar as relacións entre as persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, os preparadores e as preparadoras laborais e o persoal da empresa, así como o seguimento e avaliación por parte da empresa.

g) Convenio ou convenios de colaboración a que se refire o artigo 23, no caso de que a entidade promotora sexa distinta da empresa que contrata as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.

2. As accións de emprego con apoio desenvolveranse no marco de proxectos de emprego con apoio que, para os efectos desta orde, terán unha duración máxima dun ano, prorrogable ata outro ano máis.

Non obstante, no caso de persoas traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido no artigo 21.a), o prazo máximo poderase ampliar ata tres anos.

Artigo 23. Convenio de colaboración entre a entidade promotora do emprego con apoio e a empresa empregadora

As entidades promotoras de emprego con apoio sinaladas nos números 1 e 2 do artigo 20 deberán subscribir un convenio de colaboración coa empresa que vaia contratar as persoas traballadoras destinatarias do emprego con apoio, co seguinte contido mínimo:

1. Identificación de ambas as dúas partes, facendo constar a denominación social, domicilio e o número de identificación fiscal.

2. Compromiso da entidade promotora de levar a cabo todas as accións de adaptación ao posto de traballo de cada persoa traballadora incluída no proxecto de emprego con apoio, para o cal a empresa tamén se deberá comprometer a permitir e facilitar a tarefa do preparador ou da preparadora laboral e a favorecer os apoios internos ao longo do proceso de inserción.

3. Compromiso de ambas as dúas partes de que as accións de emprego con apoio se prestarán de forma gratuíta.

Artigo 24. Preparadores e preparadoras laborais

1. As accións de emprego con apoio serán levadas a cabo por preparadores e preparadoras laborais, que deberán estar en posesión dunha titulación mínima de formación profesional de grao medio ou equivalente e acreditar unha experiencia previa de polo menos un ano en actividades de integración laboral de persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que as capacite para realizar as funcións propias do seu posto.

2. O tempo de atención a cada persoa traballadora con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social non poderá ser inferior á porcentaxe da xornada de traballo da dita persoa traballadora que se relaciona a continuación:

a) Un terzo no caso de persoas traballadoras con parálise cerebral, con enfermidade mental ou con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

b) Un quinto no caso de persoas traballadoras con parálise cerebral, con enfermidade mental ou con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 % e inferior ao 65 %.

c) Un oitavo no caso de persoas traballadoras:

– Con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

– Persoas xordas e con discapacidade auditiva, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

– Persoas en situación ou risco de exclusión social.

Cando un mesmo preparador ou preparadora laboral lle preste atención a máis dunha persoa traballadora con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, o tempo de atención conxunto será a suma dos tempos de atención de cada unha das ditas persoas traballadoras. En ningún caso un preparador ou preparadora laboral poderá atender simultaneamente máis de 3, 5 ou 8 persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social dos grupos a), b), c) antes sinalados, respectivamente, ou os equivalentes cando as persoas traballadoras atendidas pertenzan a distintos grupos.

Artigo 25. Contía das axudas

1. A subvención establecida neste programa destinarase a financiar custos laborais e de seguridade social derivados da contratación dos preparadores e das preparadoras laborais que se xeren durante o período de desenvolvemento do proxecto de emprego con apoio, dentro do período subvencionable. A dita contratación poderase realizar tanto durante o desenvolvemento do proxecto como con anterioridade ao seu inicio.

2. A contía base por preparador/a laboral establécese en función do número de persoas traballadoras en situación ou risco de exclusión social ou de persoas con discapacidade co tipo e grao indicados no artigo 24.2, destinatarias das accións de emprego con apoio, contratadas para prestar servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondendo:

a) 8.500 euros anuais por cada persoa traballadora incluída na alínea a) a xornada completa.

b) 5.500 euros anuais por cada persoa traballadora incluída na alínea b) a xornada completa.

c) 3.500 euros anuais por cada persoa traballadora incluída na alínea c) a xornada completa.

3. A contía base reducirase proporcionalmente en función da duración do contrato de cada persoa traballadora que recibe o apoio, así como en función da súa xornada no suposto de que o contrato sexa a tempo parcial.

4. Así mesmo, a contía base poderá incrementarse nas porcentaxes que se sinalan a seguir, segundo se dean as seguintes circunstancias (acumulables entre si) na persoa preparadora laboral contratada:

a) Un 25 % se é unha muller.

b) Un 25 % se é maior de 45 anos.

c) Un 25 % se é emigrante retornada

d) Un 25 % no caso de que o seu centro de traballo estea situado nun concello rural.

5. En ningún caso a contía da axuda poderá superar o 100 % dos custos laborais e de seguridade social da persoa preparadora laboral contratada para o desenvolvemento da actividade de emprego con apoio nin o fixado no convenio colectivo de aplicación (excluído o concepto de desprazamento).

6. No suposto das entidades promotoras de proxectos de emprego con apoio sinaladas nos números 1 e 2 do artigo 20, cando un mesmo preparador ou preparadora laboral teña que prestar apoios a persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social en centros de traballo ou empresas de distintos concellos, poderase conceder unha subvención en concepto de custos de desprazamento nunha contía máxima de 2.500 € por persoa preparadora laboral.

7. Estas subvencións concederanse por períodos máximos dun ano, sen prexuízo do establecido no artigo 22.2.

Para o cálculo das subvencións dos proxectos de emprego con apoio terase en conta unicamente o período en que cada persoa traballadora apoiada permaneza contratada e recibindo apoio durante o desenvolvemento do proxecto.

8. Non se poderán outorgar subvencións conforme o previsto nesta orde referidas a unha mesma persoa traballadora con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, aínda que correspondan a distintos proxectos de emprego con apoio, por tempo superior a dous anos ou, no suposto de persoas traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido no artigo 21.1.a), por tempo superior a 3 anos.

Artigo 26. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do Programa emprego con apoio

– As solicitudes deberanse presentar nos modelos normalizados que figuran como anexo I á orde e deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Se o solicitante é unha persoa xurídica, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade.

b) Documento constitutivo da entidade promotora do proxecto de emprego con apoio e as súas posibles modificacións, xunto cos estatutos sociais.

c) Documentos acreditativos da inscrición da entidade no rexistro correspondente.

d) Memoria que permita valorar a competencia, experiencia e capacidade da entidade promotora, con indicación dos recursos materiais de que dispoñen para desenvolver as actuacións polas cales se solicita subvención.

e) Proxecto de emprego con apoio, que incluirá as accións que se vaian desenvolver, segundo o previsto no artigo 18.2 desta orde, así como os requisitos e duración, establecidos no artigo 22, e recollerá os obxectivos, recursos, orzamento, fases de implantación e sistemas de avaliación dos resultados. Deberase indicar expresamente se se trata da solicitude de prorroga dun proxecto de emprego con apoio conforme o previsto no artigo 22.2 e, de ser o caso, acreditaranse as circunstancias do artigo 21.3.

f) Documentación relativa a preparadores e preparadoras laborais:

– Currículo e documentos que acrediten a súa formación e experiencia profesional para realizar as accións de emprego con apoio.

– Descrición detallada das accións de emprego con apoio que cada preparador ou preparadora vai prestar a cada unha das persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que lle corresponda atender, especificando a duración e a previsión da distribución temporal. Engadirase un cronograma cos apoios realizados ou que se van realizar no total do período subvencionable.

g) Convenio de colaboración entre a entidade promotora do emprego con apoio e a empresa empregadora, establecido no artigo 23.

h) Relación nominal dos preparadores e preparadoras laborais que prestan ou van prestar o apoio ás persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, con indicación do tipo, duración e xornada do contrato de traballo formalizado, ou que van formalizar, caso en que deberá expresar o seu compromiso de contratación (segundo o modelo do anexo II).

i) Certificación de gastos relativos aos custos laborais e de seguridade social por conta da entidade promotora dos preparadores e das preparadoras laborais, en función da duración do apoio e da xornada realizada, referido ao período polo cal se solicita a subvención, segundo o modelo do anexo III. Presentarase un anexo por cada preparador ou preparadora e, se fose o caso, incluirá relación dos gastos en concepto de desprazamento. Poderán achegarse copias de nóminas e documentos de transferencia bancaria que xustifiquen o pagamento, correspondentes a mensualidades xa aboadas na data da solicitude.

j) Relación nominal dos traballadores e das traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que van recibir as accións de emprego con apoio, con indicación do tipo e grao de discapacidade, do tipo, duración e xornada do contrato formalizado ou que se lles vai formalizar e do centro ou centros de traballo en que efectúan ou van efectuar a prestación laboral, segundo o modelo do anexo IV.

k) Descrición de cada un dos postos de traballo que van ocupar os traballadores ou traballadoras que recibirán o apoio segundo o modelo do anexo V (ou calquera outro modelo que, respectando o contido mínimo, queira presentar a persoa ou entidade solicitante).

l) Anexo VI cuberto para comprobar os datos da persoa preparadora laboral contratada e das persoas que van a recibir o apoio.

m) Documentación acreditativa da situación ou de risco de exclusión social das persoas traballadoras que van a recibir o apoio, no caso en que non sexa perceptora da renda de inclusión social de Galicia.

n) Certificado de discapacidade das persoas traballadoras con discapacidade polas que se solicita subvención (para os casos de discapacidade recoñecida fóra de Galicia).

o) No caso de solicitar o incremento de emigrante retornado, certificado de emigrante retornado, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España. No caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa traballadora contratada e, ademais, documentación que acredite o vinculo con esta.

Artigo 27. Comprobación de datos

1. Para tramitar os procedementos regulados nos capítulo II e III desta orde consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social das persoas ou entidade solicitante.

d) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia das persoas ou entidade solicitante.

e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal Tributaria das persoas ou entidade solicitante.

f) Informe da vida laboral das persoas preparadoras laborais polas cales se solicita a subvención e das persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que reciben apoio.

g) Inscrición como demandante de emprego no servizo público de emprego relativo ás persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que reciben o apoio.

h) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia relativo ás persoas con discapacidade que reciben apoio.

i) DNI das persoas preparadoras laborais polas cales se solicita a subvención e das persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que reciben apoio.

j) Certificado de empadroamento das persoas preparadoras laborais polas cales se solicita subvención, de ser o caso.

k) Contratos de traballo de preparadoras laborais polas cales se solicita a subvención e das persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que reciben apoio.

l) Certificado de prestacións sociais públicas da persoa con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que recibe apoio.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 28. Instrución, resolución e competencia

1. O órgano instrutor dos expedientes é a persoa titular da Subdirección Xeral de Emprego da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas e subvencións previstas neste programa, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, correspóndelle á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

3. O prazo de resolución e notificación de 3 meses computarase desde a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 29. Gasto subvencionable

1. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen durante o período subvencionable, que comprende desde o 1 de outubro de 2017 ata o 30 de setembro de 2018.

2. Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación. En todo caso, o pagamento dos gastos obxecto das subvencións desta orde deberá terse realizado como data límite o 15 de novembro de 2018.

A xustificación do pagamento dos gastos obxecto das subvencións desta orde deberase acreditar mediante transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

3. As empresas e entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo establecido na resolución de concesión ou, de ser o caso, ata 15 de novembro de 2018. Excepcionalmente, e por causas debidamente xustificadas, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación que non exceda a metade deste. O acordo de ampliación deberá ser notificado ás persoas ou entidades beneficiarias.

4. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres a persoa ou entidade beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias – estatais e autonómicas – e da Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 30. Pagamentos anticipados e á conta

1. Poderán realizarse pagamentos anticipados que suporán entregas de fondos, con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, e sempre que se solicite o pagamento anticipado conxuntamente coa solicitude de subvención.

Cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros, poderanse conceder pagamentos anticipados de ata un 80 % da subvención concedida. Cando o importe da subvención concedida supere os 18.000 euros, poderanse conceder, ademais, pagamentos anticipados dun 10 % adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros.

2. Poderanse realizar pagamentos áconta da subvención concedida que supoñan a realización de pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas, e serán aboados pola contía equivalente á xustificación presentada. O importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedan non poderá ser superior a unha porcentaxe do 80 % da subvención concedida.

3. Para realizar pagamentos anticipados e á conta, o beneficiario estará obrigado á constitución de garantías segundo o disposto no artigo 67 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Non obstante, conforme o previsto no artigo 65.4, letra f) e h) do dito regulamento, quedan exonerados da constitución de garantía:

– As entidades sen ánimo de lucro.

– Os/as beneficiarios/as de subvencións cuxos pagamentos á conta non superen os 18.000 euros.

Artigo 31. Documentación xustificativa da axuda

1. Para os efectos de proceder ao pagamento fraccionado, a entidade beneficiaria deberá presentar, referida ás mensualidades polas cales se solicita, a seguinte documentación:

a) Certificación de gastos relativos aos custos laborais e de seguridade social dos preparadores ou preparadoras laborais polos cales se concedeu a subvención, segundo o modelo do anexo III, xunto con copia das nóminas e dos documentos de transferencia bancaria que xustifiquen o seu pagamento.

b) RNT, relación nominal de persoas traballadoras incluídas na cotización á Seguridade Social.

c) Relación nominal das persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que recibiron as accións de emprego con apoio: certificación da permanencia ou variacións deste persoal no período, mediante o modelo anexo IV desta orde. Para o suposto de proxectos de emprego con apoio en que se realicen novas contratacións, descricións do posto de traballo segundo modelo do anexo V.

d) Declaración comprensiva do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (segundo o modelo do anexo VIII).

e) Acreditación do pagamento dos gastos en concepto de desprazamento nas nóminas dos preparadores ou preparadoras laborais, xunto cunha declaración asinada pola entidade e o preparador ou a preparadora laboral, relativa aos custos reais aboados, con relación dos desprazamentos aos concellos polos cales se xustifica a subvención.

f) Certificación do inicio das accións de emprego con apoio.

2. O pagamento final da subvención concedida realizarase unha vez presentada a documentación relacionada nos números anteriores, referida a todo o período subvencionado, xunto coa seguinte documentación:

a) Memoria xustificativa do cumprimento dos obxectivos previstos no proxecto de emprego con apoio e a avaliación dos seus resultados.

b) Descrición detallada das accións de emprego con apoio que cada preparador ou preparadora prestou a cada unha das persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que lle correspondeu atender, con especificación da duración das ditas accións e a distribución temporal destas. Engadirase un cronograma cos apoios realizados no total do período subvencionado do 1 de outubro de 2017 ao 30 de setembro de 2018.

c) Declaración do cumprimento por parte da persoa ou entidade beneficiaria da obriga de informar o preparador ou preparadora laboral acerca da subvención do seu contrato (segundo modelo anexo VII).

d) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (segundo o modelo do anexo VIII).

e) Se é o caso, extracto do balance provisional contable da entidade beneficiaria, asinado e selado, que permita verificar a contabilidade separada dos gastos subvencionados e da subvención concedida. Os documentos contables que se acheguen deben incluír as contas ou subcontas en que se contabilizaron os gastos imputados, as datas e os números de asentos contables e a indicación específica do seu cofinanciamento parcial pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Estes documentos contables poden ir xunto cunha breve descrición sobre a sistemática de contabilización dos gastos.

4. Se da documentación presentada pola entidade beneficiaria queda xustificada unha contía inferior de subvención da inicialmente concedida, ditarase resolución de perda parcial do dereito ao cobramento.

Artigo 32. Obrigas específicas, incumprimentos e reintegros

1. Son obrigas das entidades beneficiarias das subvencións previstas neste capítulo, ademais das xerais recollidas no artigo 15 da orde, as seguintes:

– Manter os postos de traballo dos preparadores e das preparadoras laborais polo período subvencionado. Cando se produza unha baixa dun preparador ou preparadora laboral deberá ser comunicada pola entidade beneficiaria á Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria. A substitución do preparador ou da preparadora laboral deberase realizar por outro profesional que reúna os mesmos requisitos exixidos para a concesión da subvención e terá que realizarse no prazo dun mes desde a data da baixa. A empresa disporá do prazo dun mes para comunicar a baixa e substitución da persoa preparadora laboral.

Unha vez realizada a substitución, deberá ser comunicada pola entidade beneficiaria á Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, achegando a seguinte documentación:

– Currículo do preparador ou da preparadora laboral, xunto cos documentos que acrediten a súa formación e experiencia profesional para realizar as accións de emprego con apoio.

– Contrato de traballo e documento de alta na Seguridade Social.

– Descrición detallada das accións de emprego con apoio que o preparador ou a preparadora laboral vai prestar a cada unha das persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que lle corresponda atender, especificando a duración das ditas accións e a distribución temporal prevista destas.

2. No suposto de non manter os postos de traballo dos preparadores e das preparadoras laborais polo total do período subvencionado, ou de non cumprir as condicións de apoio ás persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social previstas nesta orde, procederá a perda parcial do dereito ao cobramento da subvención concedida e, de ser o caso, o reintegro das contías percibidas.

Será causa de revogación total da subvención concedida e, de ser o caso, de reintegro das subvencións percibidas pola contratación do preparador ou preparadora laboral o seu despedimento declarado ou recoñecido improcedente.

3. Aos centros especiais de emprego que perciban as subvencións deste programa seralles de aplicación, para os efectos de seguimento e control, o disposto no artigo 13 do Real decreto 2273/1985, do 4 de decembro, polo que se aproba o Regulamento dos centros especiais de emprego , e deberán achegar a memoria anual conforme o previsto no artigo 8 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento.

Artigo 33. Incompatibilidade e concorrencia de axudas

1. En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro deste programa poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 100 % dos custos laborais e de seguridade social da persoa preparadora laboral subvencionada.

2. Estas subvencións son compatibles coas reguladas na Orde da Consellería de Economía, Emprego e Industria pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional e orientadores laborais en empresas de inserción, no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que o centro especial de emprego, tanto a través da unidade de apoio á actividade profesional como do proxecto de emprego con apoio, preste as accións de apoio previstas ás persoas traballadoras con discapacidade contratadas e atendidas en cada programa, coas limitacións en canto ao tempo de atención e número de persoas traballadoras que se van atender establecidas para os ditos programas.

b) Que os custos laborais e de seguridade social xerados pola contratación laboral dos preparadores ou das preparadoras laborais a que se refire o artigo 25.1 desta orde e os correspondentes ao período de contratación das persoas traballadoras da unidade de apoio á actividade profesional se imputen proporcionalmente en función da dedicación á unidade de apoio, á actividade profesional ou ao proxecto de emprego con apoio, sempre que a suma total das dúas subvencións non supere tales custos.

3. No caso de empresas de inserción laboral, as axudas ao emprego con apoio serán incompatibles coa axudas por persoal técnico en orientación e acompañamento á inserción que se establecen nas bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras.

Artigo 34. Réxime de axudas

1. As axudas establecidas no Programa de emprego con apoio, cando teñan por destinatarias persoas en situación ou risco de exclusión social indicadas no artigo 21.d), quedan sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro de 2013). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión da subvención. Polo tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante o período dos dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal actual da empresa solicitante, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte por estrada. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.

2. Cando as persoas destinatarias finais das axudas sexan persoas con discapacidade con especiais dificultades de inserción que estean nalgún dos casos indicados nas letras a), b) e c) do artigo 21, as axudas serán compatibles co mercado común, xa que se rexen polo Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigo 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014). En concreto, regúlanse no artigo 34 2.b) do regulamento, xa que se trata de axudas para compensar os custos adicionais do emprego de persoas traballadoras con discapacidade para os seguintes custos subvencionables: «b) Os custos salariais do persoal exclusivamente durante o tempo que se dedique a asistir ás persoas traballadoras con discapacidade e da formación do dito persoal para axudar as persoas traballadoras con discapacidade».

As axudas que se rexen por este regulamento sométense ás seguintes condicións:

A) Neste caso a intensidade da axuda non poderá superar o 100 % dos custos subvencionables indicados.

B) O artigo 1 do Regulamento 651/2014 sinala os supostos en que non poderán concederse as axudas:

I. Axudas a actividades relacionadas coa exportación, concretamente as axudas directamente vinculadas ás cantidades exportadas, as axudas ao establecemento e funcionamento dunha rede de distribución ou as axudas a outros custos correntes vinculados á actividade exportadora.

II. As axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

III. As axudas ás empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente logo da decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.

IV. As axudas a empresas en crise. Considerarase empresa en crise a empresa na cal concorra polo menos unha das seguintes circunstancias:

a) Se se trata dunha sociedade de responsabilidade limitada (distinta dunha peme con menos de tres anos de antigüidade), cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas; é o que ocorre cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que adoitan considerarse fondos propios da sociedade) levan a un resultado negativo superior á metade do capital social subscrito; para os efectos da presente disposición, «sociedade de responsabilidade limitada» refírese, en particular, aos tipos de sociedades mencionados no anexo I da Directiva 2013/34/UE e «capital social» inclúe, cando proceda, toda prima de emisión.

b) Se se trata dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade (distinta dunha peme con menos de tres anos de antigüidade), cando desaparecesen polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade; para os efectos da presente disposición, «sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade» refírese, en particular, aos tipos de sociedades mencionados no anexo II da Directiva 2013/34/UE.

c) Cando a empresa se atope inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos no seu dereito nacional para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por petición dos seus acredores.

d) Cando a empresa recibise axuda de salvamento e aínda non devolvese o préstamo ou puxese fin á garantía, ou recibise axuda de reestruturación e estea aínda suxeita ao plan de reestruturación.

e) Se se trata dunha empresa distinta dunha peme, cando durante os dous exercicios anteriores:

1º. A ratio débeda/capital da empresa fose superior a 7,5 e

2º. A ratio de cobertura de xuros da empresa, calculada sobre a base do Ebitda, estivese situada por debaixo do 1,0.

V. As axudas estatais que entrañen, por si mesmas, polas condicións inherentes a elas ou polo seu método de financiamento, unha infracción indisociable do dereito da Unión, en particular:

a) As medidas de axuda cuxa concesión estea supeditada á obriga de que o beneficiario teña a súa sede nun Estado membro pertinente ou de que estea establecido predominantemente nese Estado membro; con todo, se se autoriza o requisito de dispor dun establecemento ou dunha sucursal no Estado membro que concede as axudas no momento en que se fagan efectivas.

b) As medidas de axuda cuxa concesión estea supeditada á obriga de que o beneficiario utilice bens de produción nacional ou servizos nacionais.

c) As medidas de axuda que restrinxan a posibilidade de que os beneficiarios exploten os resultados da investigación, o desenvolvemento e a innovación noutros Estados membros.

C) Tampouco resultarán subvencionables por esta orde as axudas que superen os dez millóns de euros por empresa e ano, conforme o establecidos no artigo 4 do Regulamento 651/2014. Este limiar máximo de axuda non poderá ser evitado mediante a división artificial dos réximes de axudas ou dos proxectos de axuda.

D) Na solicitude da axuda e nas solicitudes de pagamento da subvención concedida a empresa declarará que se cumpren todas as condicións previstas neste artigo, que non está incursa en algún dos supostos de exclusión e que non se supera o limiar máximo da axuda.

CAPÍTULO III

Programa de incentivos á contratación a tempo parcial e á formación (TR341U)

Artigo 35. Obxecto do programa de contratación a tempo parcial, por conta allea

1. Este programa ten por obxecto regular os incentivos á contratación por conta allea a tempo parcial das persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social nas empresas ordinarias coa finalidade de fomentar e favorecer a súa integración laboral no sistema ordinario de traballo.

2. Por medio deste programa as empresas que soliciten a subvención terán a posibilidade de obter axudas para a contratación por conta allea a tempo parcial e pola formación.

Inclúense dous tipos de axuda compatibles:

a) Bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación por conta allea cunha duración inicial mínima de seis meses e xornada a tempo parcial das persoas con discapacidade ou en situación de risco ou exclusión social.

b) Bono de formación (opcional) dirixido ás persoas contratadas por medio desta orde, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

Artigo 36. Persoas destinatarias finais

Persoas con discapacidade ou en situación de risco ou exclusión social desempregadas inscritas no servizo público de emprego como demandantes de emprego non ocupadas e persoas traballadoras con discapacidade procedentes de centros especiais de emprego.

Artigo 37. Prazo de solicitudes

O prazo xeral para presentar as solicitudes das axudas establecidas neste capítulo comezará o día seguinte ao da súa publicación.

As solicitudes dos bonos de contratación e formación polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2017 e a data de publicación desta orde deberán presentarse no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación.

As solicitudes dos bonos de contratación e formación polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberán presentarse no prazo dun mes desde a data en que se inicie a relación laboral pola cal se solicita a axuda.

O prazo para presentar as solicitudes rematará o 15 de outubro de 2018, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado no parágrafo anterior. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 38. Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

No caso de sociedades civís, comunidades de bens e unións temporais de empresas, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiario. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación. No suposto de unións temporais de empresas, cada empresa que forme parte desta unión deberá reunir os requisitos exixidos para acceder ás axudas.

As empresas que teñan cincuenta ou máis persoas traballadoras deberán cumprir a cota de reserva para persoas con discapacidade, conforme se dea ocupación, polo menos, ao 2 % de traballadores e traballadoras con discapacidade sobre o total das persoas traballadoras ou, no seu defecto, as medidas de carácter excepcional establecidas no artigo 42 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e reguladas no Real decreto 364/2005, do 8 de abril (BOE nº 94, do 20 de abril). Para o cómputo do número de persoas traballadoras da empresa teranse en conta as regras previstas na disposición adicional primeira do dito real decreto.

Artigo 39. Distribución provincial de créditos

A distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas neste programa será directamente proporcional á porcentaxe do paro rexistrado en cada provincia en 31 de decembro de 2017, segundo os datos de paro rexistrados do Servizo Público de Emprego de Galicia.

Se o orzamento asignado a cada provincia non é suficiente para pagar todas as axudas solicitadas aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación en cada ámbito provincial. Para estes efectos, terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentou .

No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou más solicitudes presentadas que correspondan ao mesmo ámbito provincial, a orde de prioridade virá determinada pola hora.

No suposto de que o crédito asignado a unha provincia sexa superior ao número de solicitudes presentadas de xeito que exista remanente orzamentario, realizarase unha repartición proporcional deste entre as provincias restantes en función do número de solicitudes presentadas en cada ámbito provincial.

Artigo 40. Instrución, resolución e competencia

1. O órgano instrutor dos expedientes deste programa será o Servizo de Emprego e Economía Social da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria competente por razón do territorio, que instruirá os procedementos de acordo cos criterios establecidos para o dito programa.

2. Entenderase que a empresa desiste da súa solicitude cando a persoa traballadora por quen se solicita subvención cause baixa na empresa solicitante en data anterior á resolución da concesión da axuda. A empresa solicitante está obrigada a comunicar esta situación ao órgano ante o que solicitou a axuda.

3. A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas e subvencións previstas nesta programa corresponderalle, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, á xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria competente por razón do territorio.

4. O prazo para resolver e notificar de tres meses computarase desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 41. Réxime de axudas

As axudas establecidas en este capítulo quedan sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro de 2013). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión da subvención. Polo tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante o período dos dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal actual da empresa solicitante, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte pola estrada. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.

Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderá concederse a empresas dos seguintes sectores:

a) Pesca e acuicultura, segundo se establece no Regulamento (UE) nº 1379/2013 do Consello.

b) As axudas concedidas ás empresas dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.

c) As axudas concedidas ás empresas que operan no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, nos casos seguintes:

i) Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.

ii) Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a totalidade desta se repercuta aos produtores primarios.

d) As axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

e) As axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Artigo 42. Incompatibilidades e concorrencia

1. As axudas previstas no bono de contratación son incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. Non obstante, serán compatibles, se é o caso, cos incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

2. As subvencións previstas no bono de formación son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o financiamento das horas de formación procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

3. Os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 80 % do custo salarial dunha anualidade correspondente ao contrato que se subvenciona.

4. Os incentivos establecidos neste programa serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados, pero sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poidan superar os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Sección 1ª. Bono de incentivos á contratación a tempo parcial para persoas desempregadas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social

Artigo 43. Ámbito temporal de aplicación e contratacións subvencionables

1. Serán subvencionables ao abeiro deste programa as contratacións por conta allea cunha duración inicial mínima de seis meses cunha xornada a tempo parcial realizadas con persoas desempregadas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que se formalicen desde o día 1 de outubro de 2017 ata o 15 de outubro de 2018, ambas inclusive.

Artigo 44. Requisitos

1. A persoa traballadora por quen se solicita a subvención debe ser unha persoa desempregada con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, segundo o establecido no artigo 5 desta orde.

2. O contrato por conta allea dunha duración inicial mínima de 6 meses deberá subscribirse cunha xornada a tempo parcial segundo o establecido no artigo 5 desta orde.

3. Como consecuencia da contratación inicial que se fomenta ten que incrementarse o emprego neto da empresa no ámbito territorial de Galicia, respecto aos tres meses anteriores ao mes de realización da contratación pola cal se solicita subvención.

4. Para o cálculo do incremento do cadro de persoal neto non se computarán as persoas traballadoras cuxas baixas se producisen por dimisión da persoa traballadora ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas ou por resolución do contrato de traballo durante o período de proba.

No caso de que nos tres meses anteriores á contratación pola cal se solicita a subvención coincida con períodos de inactividade de persoas traballadoras fixas-descontinuas, estas computaranse como persoal fixo.

5. As contratacións polas cales se solicita subvención deberán formalizarse e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

Artigo 45. Contía dos incentivos

1. As contías dos incentivos aos contratos a tempo parcial subscritos con persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria máxima legal, tomando como referencia para o cálculo da subvención a contía correspondente ao 50 % da xornada, que será de 2.000 euros.

2. A contía establecida no punto 1 incrementarase nun 25 % nos seguintes casos, que son acumulables entre si:

– Se a persoa incorporada é unha muller.

– No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural.

– Persoas maiores de 45 anos.

– Se a persoa incorporada é un emigrante retornado.

3. Os incentivos establecidos neste artigo non poderán superar o 80 % do custo salarial total dunha anualidade do contrato que se subvenciona.

Artigo 46. Exclusións

Exclúense dos beneficios regulados neste programa

1. As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadores ou traballadoras para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.

2. Os contratos realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da empresaria ou empresario ou das persoas que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos. Non será aplicable esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea os fillos e fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con el, ou cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas e contrate un só familiar menor de 45 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.

3. As contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos 24 meses anteriores á data da contratación prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter indefinido ou nos últimos 3 meses mediante un contrato de carácter temporal ou mediante un contrato formativo, de revezamento ou de substitución por anticipación da idade de xubilación. O disposto neste parágrafo será tamén de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior do traballador ou da traballadora con empresas ás cales a persoa solicitante dos beneficios sucedese en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

4. As persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido noutra empresa nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, agás que a dita relación laboral finalizase por causa dun despedimento recoñecido ou declarado improcedente ou se extinga por algunha das causas sinaladas nos artigos 49.1.g), 51 e 52.c) do Estatuto dos traballadores.

Artigo 47. Documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I-A) a seguinte documentación:

a) Cando se actúe mediante representación, esta atribución expresa acreditarase por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna.

b) Informe de vida laboral dun código conta de cotización correspondente aos tres meses anteriores ao mes en que se realiza a contratación inicial, máis o correspondente ao mes en que se realiza a dita contratación.

c) Declaración do cadro de persoal de todos os centros de traballo da empresa en Galicia nos tres meses anteriores ao mes de inicio da relación laboral da persoa traballadora contratada pola cal se solicita a subvención, anexo I-B. De ser o caso, TA2 de baixa das persoas traballadoras indefinidas contratadas que causaron baixa polas causas previstas no artigo 44.4 da orde de convocatoria.

d) Relación nominal das persoas traballadoras polas cales se solicita subvención na que se inclúan os custos laborais e da Seguridade Social anuais de cada persoa traballadora por quen se solicita subvención, anexo I-C, e a nómina do mes de contratación.

e) Documentación acreditativa do colectivo polo cal se opta (para os casos de situación de risco ou exclusión social ou discapacidade recoñecida fóra de Galicia) das persoas traballadoras polas cales se solicita subvención.

f) Comprobación de datos da persoa traballadora contratada, anexo I-D.

g) Documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa traballadora contratada e ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentación que acredite o vinculo con esta, no caso de solicitar o incremento de emigrante retornado.

h) Certificado de emigrante retornado, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España, no caso de solicitar o incremento de emigrante retornado.

Artigo 48. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da empresa solicitante.

c) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

d) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

f) DNI ou NIE da persoa traballadora contratada.

g) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia da persoa traballadora contratada.

h) Certificado de prestacións sociais públicas da persoa traballadora contratada, de ser o caso.

i) Certificado de empadroamento da persoa traballadora contratada, de ser o caso.

j) Certificado de inscrición no Servizo Público de Emprego da persoa traballadora contratada.

k) Informe da vida laboral da persoa traballadora contratada.

l) Contrato laboral da persoa traballadora contratada.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 49. Xustificación e pagamento

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa para o pagamento no prazo, nos termos e no modo que se exixa de forma expresa na resolución de concesión.

2. Excepcionalmente e por causas debidamente xustificadas, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación que non exceda a metade deste. O acordo de ampliación deberá ser notificado ás persoas ou entidades beneficiarias.

3. A documentación que se deberá presentar é a seguinte:

Declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, complementaria da presentada coa solicitude anexo I-E

4. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a entidade beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución firme declarativa de procedencia de reintegro.

Artigo 50. Obrigas específicas das entidades beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias deste programa, ademais das obrigas xerais indicadas no artigo 15, as seguintes:

1. Manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada durante un período mínimo de seis meses contado desde a data de realización da contratación.

No suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora por quen se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación realizada cunha persoa traballadora desempregada por quen se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que cause baixa. Para cumprir esta obriga, a empresa ten de prazo ata o último día do mes seguinte ao da baixa. Esta nova contratación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención.

2. Unha vez finalizado o período de seis meses desde a realización da contratación pola cal se concedeu a axuda, a entidade beneficiaria está obrigada a presentar, nos tres meses seguintes, as nóminas correspondentes aos seis primeiros meses da contratación.

Artigo 51. Reintegros no bono de contratación

Procederá o reintegro das axudas cando se produza algunha das seguintes circunstancias:

1. Cando a entidade beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 50.1 desta orde, por cada contratación subvencionada e non substituída conforme o establecido no antedito artigo, procederá o reintegro da axuda concedida pola persoa traballadora de que se trate.

Neste suposto hai que diferenciar entre o reintegro total, cando non se leve a cabo a substitución da persoa traballadora que causou baixa, e o reintegro parcial, que procederá nos seguintes casos:

a) Se se efectuou a substitución, pero esta non foi feita no prazo anteriormente indicado.

O cálculo da contía que se vai reintegrar parcialmente farase do seguinte xeito:

i. Divídese entre seis meses a subvención concedida.

ii. Calcúlase o número de meses que o posto estivo vacante; computarase para estes efectos o prazo que se concede para proceder á substitución. Así mesmo, o mes en que se leve a cabo a substitución considerarase como mes de incumprimento, sexa cal sexa o día de dito mes en que aquela se realice.

iii. E multiplícase o importe obtido na primeira operación (i) polo número de meses nos cales o posto de traballo estivese vacante.

b) Se se efectuou a substitución, pero esta non foi feita polo menos cunha xornada de traballo igual á da persoa que causou baixa, ou no suposto dunha modificación da xornada de traballo da persoa contratada e subvencionada.

Procederá o reintegro parcial da axuda concedida pola diferenza entre a cantidade percibida e a cantidade que correspondería pola xornada inferior e o cálculo da contía que se deberá reintegrar farase do seguinte xeito:

i. Divídese entre seis meses o importe concedido pola persoa traballadora de que se trate.

ii. Calcúlase a subvención que lle correspondería en función da nova xornada de traballo e divídese entre seis meses.

iii. Á contía obtida na operación primeira (i) réstaselle a contía obtida na operación segunda (ii).

iiii. O resultado multiplícase polo número de meses que resten ata cumprir os seis, tendo en conta que o mes en que se leve a cabo a substitución será computado entre os meses con xornada inferior, sexa cal sexa o día do dito mes en que aquela se realice.

Sección 2ª. Bono de incentivos á formación (opcional)

Artigo 52. Accións subvencionables e requisitos

As empresas que así o soliciten poderán ser beneficiarias dun bono para a formación das persoas contratadas por medio do programa de bono de contratación previsto nesta orde. Para isto teñen que cumprir os seguintes requisitos:

a) A persoa traballadora que recibe a formación e titorización ten que ser a mesma que participa no programa de bonos de contratación e, polo tanto, cumprir os mesmos requisitos que se establecen para participar no capítulo III.

b) A acción formativa terá lugar dentro dos tres primeiros meses desde o inicio do contrato e dentro da xornada laboral establecida no contrato.

c) Para as contratacións realizadas entre o 1 de outubro de 2017 e a data de publicación desta orde, a acción formativa levarase a cabo no prazo de tres meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación. Nas contratacións que se realicen con posterioridade ao 15 de setembro de 2018 e ata o 15 de outubro de 2018, a acción formativa terá como data límite para a súa finalización o 15 de decembro de 2018.

c) A acción formativa deberá ter unha duración mínima de 25 horas de formación teórica en contidos relacionados co posto de traballo ás cales asista integramente a persoa traballadora que participa neste programa.

d) Queda excluída deste bono de formación aquela que supoña o cumprimento de obrigas legais empresariais en materia preventiva a que fai referencia o artigo 19 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Artigo 53. Execución das accións formativas

As entidades beneficiarias desenvolverán as accións formativas a través de medios propios ou por medio da súa contratación, e poderán realizalas tanto nas súas instalacións como nas da entidade encargada da súa formación, dentro dos tres primeiros meses da formalización do contrato.

Artigo 54. Contías dos incentivos e condicións da percepción

Esta formación incentivarase cunha axuda de 1.000 euros por cada persoa contratada que a reciba na súa integridade e que cumpra os requisitos establecidos no artigo 36 da presente orde.

Artigo 55. Xustificación e pagamento

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa para o pagamento no prazo, nos termos e no modo que se exixa de forma expresa na resolución de concesión. Excepcionalmente e por causas debidamente xustificadas, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para presentar a documentación que non exceda a metade deste. O acordo de ampliación deberalles ser notificado ás persoas ou entidades beneficiarias.

2. A documentación que se deberá presentar é a seguinte:

– Declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, complementaria da presentada coa solicitude anexo I-E.

– Plan formativo xustificativo da formación.

– Copia dos partes de firmas asinados pola persoa titora e a persoa traballadora por cada sesión diaria de formación.

– Informe de aproveitamento asinado pola persoa titora e a persoa traballadora no cal se detallen:

• Os contidos do plan formativo na empresa, con descrición do programa de actividades e servizos que a empresa puxese á disposición do formando para familiarizarse coa empresa, os seus coñecementos e habilidades melloradas.

• As tarefas desenvolvidas pola persoa titora e estimación horaria por cada unha.

– Documento acreditativo de que a solicitante comunicou ás persoas representantes legais das persoas traballadoras a acción formativa xustificativa do bono de formación que se realizou coa solicitude desta axuda. No suposto de que non haxa representantes legais, a comunicación debe realizarse a todas as persoas traballadoras da empresa.

4. Non poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución firme declarativa de procedencia de reintegro.

Disposición adicional primeira. Control, avaliación e seguimento

1. Sen prexuízo das facultades que teñen atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Economía, Emprego e Industria levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

2. As xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Secretaría Xeral de Emprego poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, a persoa beneficiaria deberá cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

3. Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios propios como alleos estean ao dispor da Consellería de Economía, Emprego e Industria para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Disposición adicional segunda. Acreditación do cumprimento das condicións exixidas

A Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nos diferentes programas desta orde.

Disposición adicional terceira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Para o programa de emprego con apoio na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas ou entidades beneficiarias, respecto das resolucións concesorias de que deriven, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Para o programa de contratación a tempo parcial nos xefes e xefas territoriais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas ou entidades beneficiarias, respecto das resolucións concesorias de que deriven, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Así mesmo, apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para a tramitación e resolución dos expedientes de desconcentración e redistribución de créditos necesarios para o financiamento nesta orde.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, as atribucións citadas no parágrafo anterior serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, pola persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral ou, na súa falta, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, de acordo co disposto na disposición adicional primeira do Decreto 175/2016, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Disposición adicional cuarta. Información básica sobre protección de datos persoais

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e o Regulamento (UE) 2016/679 xeral de protección de datos, os datos persoais recadados na tramitación dos procedementos regulados nesta orde serán tratados na súa condición de responsables pola Consellería de Economía Emprego e Industria da Xunta de Galicia coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión destes procedementos e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2018

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file