Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 10 de agosto de 2018 Páx. 37228

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 20 de xullo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2018 axudas para fomentar o emprego das persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social no mercado ordinario de traballo, mediante os programas de emprego con apoio e de incentivos á contratación a tempo parcial e á formación. Programa de incentivos á contratación a tempo parcial e á formación.

BDNS (Identif.): 411376.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

No caso de unións temporais de empresas, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiario. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación. Cada empresa que forme parte desta unión deberá reunir os requisitos exixidos para acceder ás axudas.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular as axudas que favorezan a contratación das persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social na empresa ordinaria, e especialmente aquelas que teñen maiores dificultades de inserción laboral.

Por medio deste programa as empresas que soliciten a subvención terán a posibilidade de obter dous tipos de axuda compatibles: un bono de contratación a tempo parcial e un bono de formación.

Terceiro. Tipos de axudas

a) Bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación por conta allea cunha duración inicial mínima de seis meses e xornada a tempo parcial das persoas con discapacidade ou en situación de risco ou exclusión social.

b) Bono de formación (opcional) dirixido ás persoas contratadas por medio desta orde, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

Cuarto. Bases reguladoras

Orde do 20 de xullo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2018 axudas para fomentar o emprego das persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social no mercado ordinario de traballo, mediante os programas de emprego con apoio e de incentivos á contratación a tempo parcial e á formación.

Quinto. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse cincocentos mil euros (500.000 €).

Sexto. Contía

Para o bono de contratación:

1. As contías dos incentivos aos contratos a tempo parcial subscritos con persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria máxima legal, tomando como referencia para o cálculo da subvención a contía correspondente ao 50 % da xornada, que será de 2.000 euros.

2. A contía establecida no punto 1 incrementarase nun 25% nos seguintes casos, que son acumulables entre si:

– Se a persoa incorporada é unha muller.

– No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural.

– Persoas maiores de 45 anos.

– Se a persoa incorporada é un emigrante retornado.

Para o bono de formación:

Esta formación incentivarase cunha axuda de 1.000 euros por cada persoa contratada que a reciba na súa integridade.

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo xeral para presentar as solicitudes das axudas establecidas neste capítulo comezará o día seguinte ao da súa publicación.

As solicitudes dos bonos de contratación e formación polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2017 e a data de publicación desta orde deberán presentarse no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación.

As solicitudes dos bonos de contratación e formación polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberán presentarse no prazo dun mes desde a data en que se inicie a relación laboral pola que se solicita a axuda.

O prazo para presentar as solicitudes rematará o 15 de outubro de 2018, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado no parágrafo anterior. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2018

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria