Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Luns, 20 de agosto de 2018 Páx. 38411

III. Outras disposicións

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 2 de agosto de 2018 pola que se dá publicidade do Acordo do Pleno do Consello de Contas do 26 de xullo polo que se aproban as normas de funcionamento do Comité de Ética e da canle de queixas e denuncias.

O Pleno do Consello de Contas, na súa reunión do día 26 de xullo de 2018, adoptou o acordo polo que se aproban as normas de funcionamento do Comité de Ética e da canle de queixas e denuncias.

Para o seu coñecemento xeral e ao abeiro das competencias que me corresponden conforme o artigo 10 do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas,

RESOLVO:

Dispor a publicación das normas de funcionamento do Comité de Ética e da canle de queixas e denuncias do Consello de Contas de Galicia como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2018

José Antonio Redondo López
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

ANEXO

Normas de funcionamento do Comité de Ética e da canle de queixas e denuncias

De conformidade co disposto no número 49 do Código ético institucional do Consello de Contas, aprobado polo Pleno da institución o 13 de novembro de 2017 (DOG nº 234, do 12 de decembro), o órgano competente para a supervisión do cumprimento deste código será un Comité de Ética, que valorará e resolverá as consultas e os incumprimentos que se puidesen detectar no seo da institución. O número 54 dispón a habilitación por parte do Consello dunha canle de queixas e denuncias sobre posibles incumprimentos dos valores, principios ou condutas recollidos no Código ético. O obxecto destas normas é desenvolver o funcionamento do Comité de Ética e desta canle de comunicacións.

Primeira. Obxecto

A presente normativa ten por obxecto a regulación do funcionamento do Comité de Ética, o establecemento dunha canle de queixas e denuncias ante este comité e a regulación do procedemento necesario para a tramitación desas comunicacións.

Segunda. Funcións do Comité

As funcións do Comité de Ética son as establecidas no número 51 do Código ético institucional do Consello de Contas.

Ademais, supervisará o Plan de prevención de riscos de corrupción que elabore o órgano de prevención da corrupción do Consello de Contas.

Terceira. Constitución e composición

De conformidade co disposto no número 50 do Código ético, o Comité está formado por catro vogais e un secretario ou secretaria:

– Dous conselleiros ou conselleiras designados polo Pleno do Consello por un período de catro anos. Entre estes, exercerá a presidencia a persoa que teña maior antigüidade no cargo.

– Dúas persoas de experiencia, competencia e prestixio profesional contrastados en materias relacionadas coa ética, o dereito ou a gobernanza de organizacións tanto do sector público como do privado, designadas polo Pleno do Consello de Contas por un período de catro anos.

– A persoa que exerza a Presidencia da Comisión Técnica de Prevención da Corrupción do Consello, que desenvolverá as funcións da Secretaría do Comité.

Cuarta. Funcionamento

O funcionamento do Comité rexerase por estas normas de funcionamento e supletoriamente polo establecido para os órganos colexiados das administracións públicas.

Poderán incorporarse ao Comité, en calidade de asesores, con voz pero sen voto, outras persoas cando se considere necesario. O Comité tamén poderá establecer grupos de traballo, formados por persoal do Consello ou externo, para o desenvolvemento de tarefas específicas.

O Comité reunirase polo menos dúas veces ao ano e tamén sempre que sexa necesario para o tratamento e a resolución de todos aqueles asuntos que eventualmente se formulen.

As convocatorias das reunións, que incluirán na orde do día os asuntos que se van tratar, serán realizadas pola persoa que exerza a presidencia do Comité cunha antelación mínima de catro días.

As actas de cada sesión serán elaboradas pola Secretaría do Comité e aprobadas nela ou na seguinte sesión.

Os acordos ou resolucións adoptaranse por maioría de votos dos membros do Comité. No caso de empate, decidirá a persoa que exerza a presidencia co seu voto de calidade.

Quinta. Apoio administrativo ao Comité

A Secretaría do Comité ocuparase de dar o apoio administrativo necesario para garantir a súa operatividade. Encargarase, por indicación da Presidencia, de efectuar as convocatorias para as reunións, así como atender aquelas solicitudes que se lle formulen desde o Comité, e levará a elaboración e o rexistro das actas e documentos que se xeren.

O Comité disporá dun espazo asignado no servidor do Consello como repositorio dos traballos desenvolvidos e asignará ás comunicacións un código que permita a adecuada identificación e xestión de cada un dos expedientes.

Crearase unha base de datos de comunicacións que garanta o cumprimento das exixencias en materia de protección de datos de carácter persoal e de confidencialidade das persoas que presenten as comunicacións e das persoas obxecto das denuncias.

O Comité contará cun rexistro de documentación específico.

Sexta. Consultas e dúbidas respecto da aplicación do Código

Calquera empregado do Consello ou calquera outra persoa poderá solicitar consultas sobre a aplicación do Código ético e sobre o funcionamento da canle de queixas e denuncias. Para tal efecto disporá do enderezo electrónico comiteetica@ccontasgalicia.es para a súa formulación.

As consultas serán resoltas pola persoa que exerce a Secretaría do Comité cando afecten o funcionamento desa canle de comunicacións ou polo Comité, por proposta daquela, cando afecten a aplicación das regras, principios e valores contemplados no Código.

Sétima. Establecemento dunha canle de queixas e denuncias

O Consello de Contas habilita unha canle de comunicación electrónica para que calquera empregado do Consello ou calquera outra persoa lle poida comunicar ao Comité de Ética as accións ou omisións que supoñan o incumprimento dos valores, principios e regras recollidos no Código ético ou as condutas de potencial transcendencia para a integridade que se advirtan no seo do Consello de Contas. Esta canle garantirá a confidencialidade e, de ser o caso, o anonimato das comunicacións presentadas.

De forma complementaria, ponse á disposición dos interesados unha caixa de correo física para que poidan formular queixas ou denuncias en formato papel. A caixa de correo dispón dunha fiestra translúcida que permite apreciar se contén algún documento no seu interior.

Terán acceso a esta caixa a persoa titular da presidencia do Comité de Ética e o conselleiro ou conselleira vogal do Comité. A caixa abrirase sempre que se advirta que contén algún escrito e, polo menos, dúas veces ao mes.

Oitava. Procedemento de tramitación

8.1. Contido das comunicacións.

Para estes efectos, denomínanse comunicacións as queixas e as denuncias dirixidas ao Comité de Ética. Enténdese por queixas aquelas comunicacións referidas a incumprimentos dos valores, principios e regras de conduta establecidas no Código ético sen atribución dos feitos a unha persoa concreta.

As comunicacións especificarán as circunstancias que faciliten a identificación das accións ou omisións que se queren pór en coñecemento do Comité, e deberase detallar a conduta contraria a dereito ou aos principios ou regras éticas.

No caso de comunicacións anónimas, na medida en que os medios tecnolóxicos o permitan, porase en funcionamento unha interface que, mantendo en todo caso o anonimato, permita o contacto entre o Comité e aquela persoa que efectúa a comunicación, para os efectos da súa colaboración na comprobación dos feitos.

As comunicacións non supoñen en ningún caso a formulación dun recurso administrativo nin o exercicio de calquera acción ou reclamación a que puidesen ter dereito as persoas que as presenten.

A formulación dunha comunicación mediante as canles habilitadas para o efecto supón a aceptación de todo o disposto nas presentes normas de funcionamento.

8.2. Forma de presentación.

As comunicacións faranse preferentemente de maneira telemática. Tamén se admiten as comunicacións por outras canles ou de maneira presencial.

No caso de comunicacións non anónimas, expedirase á persoa que a formula un xustificante de recepción no que se fará constar que se lle informará dos resultado das actuacións.

As comunicacións recibidas serán anotadas no rexistro documental que se leve para estes efectos.

8.3. Admisión das comunicacións.

Recibida a comunicación, a persoa que exerza a presidencia do Comité trasladaraa no prazo máximo de dez días a todos os membros do Comité para a súa análise e convocará unha sesión do Comité onde se resolverá sobre a súa admisión a trámite.

Admitiranse aquelas comunicacións que conteñan unha descrición dos feitos que resulte verosímil e que permita identificar a conduta denunciada. Non se admitirán aquelas que describan feitos que resulten faltos de fundamento ou notoriamente falsos.

8.4. Comprobación dos feitos.

O Comité comisionará un dos seus membros para realizar a comprobación dos feitos mediante as tarefas que sexan procedentes.

As actuacións de comprobación realizaranse de acordo cos principios de congruencia, necesidade, proporcionalidade, celeridade, eficacia e economía procedemental, respectando en todo caso o principio de máxima reserva.

Nas denuncias o comisionado contrastará a descrición dos feitos coa versión da persoa a que se lle atribúan. Calquera das persoas que poidan ser concernidas polas tarefas de comprobación están obrigadas a prestar a súa colaboración e facilitar a información e a documentación que lles solicite o Comité.

A información persoal que poida obterse a través dunha comunicación utilizarase exclusivamente para tratar o asunto a que se refira. Estes datos non se cederán nin comunicarán a outras persoas ás cales non concirna asunto, e soamente serán tratados polo persoal expresamente encargado das tarefas de comprobar e elaborar o informe que sexa procedente, salvo no caso de que se trate dunha responsabilidade disciplinaria ou penal. En todo caso, os datos trataranse conforme o disposto na lexislación de protección de datos de carácter persoal.

As tarefas de comprobación levaranse a cabo no prazo máis breve posible e, como norma xeral, nun período que non sobrepase os tres meses desde a presentación da comunicación.

8.5. Informe final.

Unha vez finalizada a comprobación dos feitos, o comisionado elaborará un informe final dirixido ao Comité de Ética que conterá o detalle dos feitos comunicados, as tarefas de comprobación realizadas, a proposta de decisión que se van adoptar, e, de ser o caso, as accións de resposta para corrixir ou previr que o citado incumprimento se volva producir.

Novena. Pronunciamento do Comité.

Á vista do informe e da proposta do comisionado, o Comité de Ética poderá adoptar algunha das seguintes decisións:

– Apercibimento ao denunciado de cesamento das actuacións cando a conduta, sen constituir infracción administrativa, sexa eticamente reprobable.

– Proposta de incoación de expediente ao órgano administrativo competente cando a conduta fose constitutiva de infracción administrativa ou disciplinaria.

– Proposta ao Pleno do Consello de remisión ao Ministerio fiscal cando existan indicios de infracción penal, logo informe da Asesoría Xurídica do Consello.

– Proposta ao Pleno do Consello de aplicación das medidas correctoras dos incumprimentos constatados do Código ético.

– Arquivamento das actuacións.

Décima. Informe anual

A Secretaría do Comité elaborará un informe que recollerá todas as actuacións desenvolvidas durante o ano natural, que será elevado ao Pleno do Consello e xuntarase á memoria anual do Consello de Contas.

Décimo primeira. Entrada en vigor

As presentes normas de funcionamento entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.