Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Martes, 21 de agosto de 2018 Páx. 38717

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 27 de xuño de 2018 pola que se regulan os procedementos e se aproban e se dá publicidade dos modelos de solicitude e comunicación relativos aos traballos con risco de exposición ao amianto en Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29.1, atribúe á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1.7 da Constitución española, a competencia de execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.

O Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, atribúe á Secretaría Xeral de Emprego as competencias e funcións, entre outras materias, relativas ás relacións laborais e á seguridade e saúde laboral.

A autoridade laboral de Galicia, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, tramita determinados procedementos recollidos no Real decreto 396/2006, do 31 de marzo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde aplicables aos traballos con risco de exposición ao amianto. É o caso dos procedementos de alta, baixa e variación de datos no Rexistro de empresas con risco por amianto de Galicia e de aprobación de plans de traballo con risco por amianto, e recepción das comunicacións de inicio de traballo e das fichas para o rexistro dos datos da avaliación da exposición nos traballos con amianto.

Por outra parte, o artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece as entidades que están obrigadas en todo caso a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas para a realización de calquera trámite dun procedemento administrativo.

Por isto, e á vista do establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, así como na Orde do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, resulta imprescindible adaptar os modelos de solicitude e comunicación destes procedementos ás novas exixencias establecendo a súa presentación a través de medios electrónicos, facilitando así unha maior comunicación e unha relación máis áxil e simple entre a Administración galega e aquelas empresas que realicen traballos con risco de exposición ao amianto en Galicia.

De conformidade co disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, o proxecto de orde foi informado pola consellería competente en materia de facenda, polos órganos con competencias horizontais en materia de administración electrónica, avaliación e reforma administrativa e polos órganos competentes en materia de impacto de xénero. Así mesmo, o proxecto foi sometido a informe do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral e do Consello Galego de Relacións Laborais.

En consecuencia, no exercicio das atribucións conferidas de conformidade co disposto no artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular os seguintes procedementos e aprobar e dar publicidade aos seus modelos normalizados, para a súa tramitación por medios electrónicos:

a) Rexistro de empresas con risco por amianto da Comunidade Autónoma de Galicia: alta, baixa e variación de datos (anexo I). Código do procedemento TR900A.

b) Aprobación de plans de traballo con risco por amianto (anexo III). Código do procedemento TR900B.

c) Inicio de traballo con risco por amianto (anexo IV). Código do procedemento TR900C.

d) Rexistro dos datos da avaliación da exposición nos traballos con amianto (anexo V). Código do procedemento TR900D.

Artigo 2. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes e comunicacións presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude ou comunicación presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude ou comunicación aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes ou comunicacións poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. De acordo co disposto no artigo 31 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, a xustificación da concorrencia das circunstancias indicadas no devandito artigo para establecer a obriga de relacionarse electronicamente coa Administración na presentación das persoas físicas vén motivada polo feito de que as persoas físicas a que vai dirixida esta orde son autónomas que exercen unha actividade económica e dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento, en calquera actividade comercial que realicen.

Artigo 3. Documentación complementaria necesaria para a tramitación dos procedementos

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude ou comunicación a seguinte documentación:

a) Solicitudes de alta no Rexistro de empresas con risco por amianto de Galicia (anexo I):

– Anexo II: ficha de inscrición, segundo anexo III do Real decreto 396/2006, do 31 de marzo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde aplicables aos traballos con risco de exposición ao amianto.

– No caso de persoas xurídicas, copia dos estatutos vixentes debidamente inscritos no rexistro público que corresponda, segundo o tipo de personalidade xurídica de que se trate.

– No caso de traballadores/as autónomos/as con persoas traballadoras contratadas, copia do último documento RNT (relación nominal de traballadores) de que se dispoña.

– Xustificante de estar de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional, no caso de persoas físicas.

– No caso de representación, documento acreditativo desta por calquera medio válido en dereito.

b) Solicitudes de baixa no Rexistro de empresas con risco por amianto de Galicia (anexo I):

– Anexo II: ficha de inscrición, segundo anexo III do Real decreto 396/2006.

– No caso de representación, documento acreditativo desta por calquera medio válido en dereito.

c) Solicitudes de variación de datos no Rexistro de empresas con risco por amianto (anexo I):

– Anexo II: ficha de inscrición, segundo anexo III do Real decreto 396/2006.

– No caso de persoas xurídicas, copia do acordo social elevado a público ou do documento acreditativo da modificación dos datos inscritos.

– No caso de representación, documento acreditativo desta por calquera medio válido en dereito.

d) Solicitudes de aprobación de plans de traballo con risco por amianto (anexo III):

– Copia do plan de traballo, que deberá axustarse ao contido establecido no artigo 11 do Real decreto 396/2006.

– Certificados de formación, información e aptitude médica das persoas traballadoras que figuran no plan de traballo.

– Nomeamento e certificado de formación da persoa ou persoas designadas como recurso preventivo.

– Copia do último documento RNT (relación nominal de traballadores) de que se dispoña.

– Documento acreditativo da consulta realizada á representación legal laboral das persoas traballadoras para a elaboración do plan.

– Contrato de tratamento do residuo onde figure a empresa xestora e o vertedoiro. Na súa falta, documento de aceptación do residuo.

– Copia da resolución aprobatoria do plan de traballo do transportista do residuo, no caso de que o dito plan fose aprobado noutra comunidade autónoma.

– Plano e fotografías do lugar de traballo, no caso de plans específicos ou sucesivos.

– No caso de representación, documento acreditativo desta por calquera medio válido en dereito.

e) Comunicacións de inicio de traballo con risco por amianto, que deben de realizarse con polo menos 3 días hábiles de antelación ao inicio dos traballos (este prazo non é de aplicación aos traballos asociados a plans únicos de carácter xeral que non se poidan programar con antelación por ser urxentes e imprevisibles ou que sexan de curta duración con presentación irregular) (anexo IV):

– Certificados de formación, información e aptitude médica das persoas traballadoras que non figuran no plan aprobado, e indicación da súa categoría profesional e experiencia nos traballos especificados no plan.

– Nomeamento e certificado de formación da persoa ou persoas designadas como recurso preventivo (se non coinciden coas do plan de traballo).

– Copia do último documento RNT (relación nominal de traballadores) de que se dispoña, cando sexa máis recente que o achegado no procedemento de aprobación do plan de traballo.

– Contrato de tratamento do residuo onde figure a empresa xestora e o vertedoiro, unicamente no caso de que non se achegase no procedemento de solicitude de aprobación do plan de traballo.

– Copia da resolución aprobatoria do plan de traballo do transportista do residuo se foi aprobado noutra comunidade autónoma, no caso de que non se achegase no procedemento de solicitude de aprobación do plan de traballo.

– Copia do plan e resolución aprobatoria do plan de traballo en caso de comunicacións correspondentes a plans únicos de carácter xeral aprobados noutra comunidade autónoma.

– Plano e fotografías do lugar de traballo, unicamente no caso de comunicacións asociadas a plans únicos de carácter xeral.

– No caso de representación, documento acreditativo desta por calquera medio válido en dereito.

f) Comunicación das fichas para o rexistro dos datos da avaliación da exposición nos traballos con amianto (anexo V):

– Anexo VI: ficha para o rexistro dos datos da avaliación da exposición nos traballos con amianto, segundo anexo IV do Real decreto 396/2006.

– No caso de representación, documento acreditativo desta por calquera medio válido en dereito.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude ou comunicación e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Artigo 4. Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– Documento acreditativo da personalidade da persoa solicitante, consistente no NIF no caso de persoas xurídicas e no DNI ou NIE no caso de traballadores/as autónomos/as con persoas traballadoras contratadas.

– DNI ou NIE da persoa representante.

No procedemento TR900A comprobarase, ademais:

– Xustificante de estar de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional.

– No caso de persoas físicas, alta no imposto de actividades económicas.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude ou comunicación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de Notificación Electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación destes procedementos deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais deste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Economía, Emprego e Industria, Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición adicional segunda. Actualización de formularios

Os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2018

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

TR900AG.pdf
TR900AG.pdf
TR900AG.pdf
TR900BG.pdf
TR900BG.pdf
TR900BG.pdf
TR900CG.pdf
TR900CG.pdf
TR900CG.pdf
TR900DG.pdf
TR900DG.pdf
TR900DG.pdf
TR900DG.pdf