Na Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería do Medio Rural recibiuse unha denuncia por non cumprir cos deberes de xestión da biomasa vexetal e retirada das especies arbóreas prohibidas que exixe a Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
Segundo recolle o Catastro, a parcela é propiedade de Silva Parama, S.L., non obstante, ao intentar a notificación postal, o servizo de Correos informa de que o destinatario é descoñecido. Por este motivo, procede a aplicación do artigo 22.3 da norma arriba citada; así como do parágrafo octavo, punto 1 (c) da Instrución 1/2018, do 26 de abril, relativa ás actuacións administrativas na materia de cumprimento dos deberes de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas imposta pola Lei 3/2007 (DOG do 7 de maio de 2018).
Ambas as normas dispoñen que, nestes casos, as comunicacións previas recordatorias da citada obriga practicaranse directamente mediante a publicación dos anuncios no BOE e no DOG cos datos catastrais da parcela, computa no prazo para o cumprimento do deber desde a publicación do BOE.
Polo tanto, comunícaselle ao propietario da parcela 1, do polígono 11592, do Concello da Estrada que, no prazo de quince (15) días naturais desde a publicación do presente anuncio no DOG e no BOE, deberá xestionar a biomasa vexetal no radio de 50 metros de distancia respecto da edificación do denunciante, situada na parcela 13 do polígono 10606.
Unha vez se cumpra coa obriga, haberá que notificarlla á Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería do Medio Rural á dirección avenida María Victoria Moreno, 43, 2º andar, 36071 Pontevedra.
De non actuar da maneira indicada procederase, sen máis trámites, á execución subsidiaria tendo o propietario o deber legal de facilitar o acceso á súa parcela ás persoas que realicen os traballos de execución; e, asemade, estas persoas poderán acceder ao terreo sen o seu consentimento, excepto no suposto en que o acceso afecte, dentro da parcela, a espazos físicos que se poidan considerar domicilio de acordo co artigo 18.2 da Constitución.
Doutra banda, en aplicación do artigo 22.4, parágrafo 4, no momento en que (de ser o caso) chegue a coñecerse ao propietario da parcela, se lle cobrarán os custos da xestión da biomasa co comiso das especies arbóreas prohibidas, se as hai, que serán alleadas, aplicando o importe obtido pola súa venda a sufragar os gastos derivados desa execución subsidiaria.
Ademais, tal e como dispón o artigo 22.9 da lei, se os custos da execución subsidiaria superan o valor catastral da parcela e non poden ser repercutidos por descoñecerse ao propietario, será causa de expropiación forzosa por interese social.
Pontevedra, 29 de agosto de 2018
Manuel Francisco Gutiérrez
Xefe do Servizo de Prevención e Defensa
contra Incendios Forestais de Pontevedra