Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Luns, 10 de setembro de 2018 Páx. 41893

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 29 de agosto de 2018, do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Pontevedra, polo que se procede á comunicación previa á execución subsidiaria do propietario non identificado da parcela 2, polígono 11592, do concello da Estrada, ante o deber de xestión da biomasa como prevención de incendios forestais no expediente 28/2017.

Na Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería do Medio Rural recibiuse unha denuncia por non cumprir cos deberes de xestión da biomasa vexetal e retirada das especies arbóreas prohibidas que exixe a Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Segundo recolle o Catastro, a parcela é propiedade de Sanmartín Rey, hdros. Elena, non obstante, ao intentar a notificación postal, o servizo de Correos informa de que o destinatario é descoñecido. Por este motivo, procede a aplicación do artigo 22.3 da norma arriba citada; así como do parágrafo octavo, punto 1 (c) da Instrución 1/2018, do 26 de abril, relativa ás actuacións administrativas na materia de cumprimento dos deberes de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas imposta pola Lei 3/2007 (DOG do 7 de maio de 2018).

Ambas as normas dispoñen que, nestes casos, as comunicacións previas recordatorias da citada obriga practicaranse directamente mediante a publicación dos anuncios no BOE e no DOG cos datos catastrais da parcela, computando no prazo para o cumprimento do deber desde a publicación do BOE.

Polo tanto, comunícaselle ao propietario da parcela 2, do polígono 11592, do Concello da Estrada que, no prazo de quince (15) días naturais desde a publicación do presente anuncio no DOG e no BOE, deberá xestionar a biomasa vexetal no radio de 50 metros de distancia respecto da edificación do denunciante, situada na parcela 13 do polígono 10606.

Unha vez se cumpra coa obriga, haberá que notificarlla á Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería do Medio Rural á dirección avenida María Victoria Moreno, 43, 2º andar, 36071 Pontevedra.

De non actuar da maneira indicada procederase, sen máis trámites á execución subsidiaria tendo o propietario o deber legal de facilitar o acceso á súa parcela ás persoas que realicen os traballos de execución; e, asemade, estas persoas poderán acceder ao terreo sen o seu consentimento, excepto no suposto en que o acceso afecte, dentro da parcela, a espazos físicos que se poidan considerar domicilio de acordo co artigo 18.2 da Constitución.

Doutra banda, en aplicación do artigo 22.4, parágrafo 4, no momento en que (de ser o caso) chegue a coñecerse ao propietario da parcela, se lle cobrarán os custos da xestión da biomasa co comiso das especies arbóreas prohibidas, se as hai, que serán alleadas, e aplicarase o importe obtido pola súa venda para sufragar os gastos derivados desa execución subsidiaria.

Ademais, tal e como dispón o artigo 22.9 da lei, se os custos da execución subsidiaria superan o valor catastral da parcela e non poden ser repercutidos por descoñecerse ao propietario, será causa de expropiación forzosa por interese social.

Pontevedra, 29 de agosto de 2018

Manuel Francisco Gutiérrez
Xefe do Servizo de Prevención e Defensa
contra Incendios Forestais de Pontevedra