Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Xoves, 13 de setembro de 2018 Páx. 42120

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 5 de setembro de 2018, de modificación da Orde do 19 de xaneiro de 2018 pola que se establecen as normas de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada de 2018.

Con data do 21 de xullo de 2018 publicouse no BOE a Lei 7/2018, do 20 de xullo, de modificación da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade.

A citada norma establece na súa disposición transitoria segunda que, ata que se aproben os instrumentos normativos de planificación e xestión e a delimitación cartográfica da área ocupada polas especies catalogadas como exóticas invasoras introducidas antes da entrada en vigor da Lei 42/2007, do 13 de decembro, as comunidades autónomas poderán autorizar a práctica da pesca, en zonas delimitadas, daquelas especies que teñan relevancia social e/ou económica, nas súas distintas modalidades, e adoptarán as debidas medidas tendentes á salvagarda do medio natural e do ecosistema onde se desenvolvan.

De acordo co anterior, e tendo en conta a relevancia adquirida na nosa comunidade autónoma por certas especies, cómpre modificar a Orde do 19 de xaneiro de 2018 pola que se establecen as normas de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada de 2018 para adaptala ás recentes modificacións da lexislación básica do Estado.

En virtude do anterior, en concordancia co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía, e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e a súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 19 de xaneiro de 2018 pola que se establecen as normas de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada de 2018

O artigo 9 da Orde do 19 de xaneiro de 2018 pola que se establecen as normas de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada de 2018 queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 9. Normas xerais para a pesca de especies do Catálogo español de especies exóticas invasoras

1. Conforme o disposto na Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, modificada pola Lei 7/2018, do 20 de xullo, autorízase a pesca das seguintes especies: perca americana común (Micropterus salmoides), carpa (Cyprinus carpio), cangrexo vermello americano (Procambarus clarkii) e cangrexo sinal (Pacifastacus leniusculus).

2. Ámbito territorial das autorizacións e período hábil.

a) Perca americana común e carpa.

Encoros de Zamáns, O Vao, Montefurado, As Portas, As Conchas, Lindoso, Vilasouto, A Hedrada, Cecebre, Belesar, Castrelo de Miño, Frieira, Os Peares, Velle, Pumares, San Martiño, San Pedro, Santiago, Santo Estevo, Sequeiros, Leboreiro e Portodemouros. En todos os casos, os límites dos encoros son os que se sinalan no anexo VIII da presente orde. O período hábil comprende todo o ano.

b) Cangrexo vermello americano e cangrexo sinal.

• Encoros de Sabón, As Forcadas e Cecebre (agás tramos vedados): todo o ano.

• Ríos Sil e Bibei: todo o ano.

• Ríos Furnia, Hospital e Pego (afluentes do Baixo Miño) augas abaixo da estrada PO-552 (Vigo-Tui) en todos os casos: todo o ano.

• Canles e pozas da antiga lagoa de Antela, pozas dos Milagres (concello de Maceda), pozas de Rioseco (concello de Paderne de Allariz), pozas de Niñodaguia (concello de Xunqueira de Espadanedo) e coiñais de Oímbra (concello de Oímbra): todo o ano.

• Encoro da Fervenza e tramo do río Xallas augas abaixo da presa de Ventín: do 16 de marzo ao 30 de setembro.

• Encoros de Belesar e Os Peares, nos tramos incluídos no réxime especial de encoros do anexo VIII: todo o ano.

3. Dimensións mínimas e cotas de captura.

Non se establecen dimensións mínimas nin cotas de captura.

4. Cebos e artes autorizadas.

Fóra da tempada hábil de salmónidos, nos tramos autorizados para a captura de perca americana común poderanse empregar peixes artificiais, estrimers, engados de superficie (comunmente coñecidos como poppers e plugs) e engados de materiais plásticos ou semellantes (comunmente coñecidos como «vinilos»).

A única arte de pesca autorizada para o cangrexo vermello americano e o cangrexo sinal é o retel. Cada persoa só poderá empregar un máximo de 10 reteis e non ocupará cos seus reteis máis de 100 metros de río ou de beira de encoro.

5. Normas de pesca no ámbito territorial autorizado.

Os exemplares das especies citadas no punto 1 que sexan extraídos da natureza por calquera procedemento non poderán ser devoltos ao medio natural. Tampouco poderán ser transportados en vivo ou ser mantidos con vida, deberán ser sacrificados inmediatamente no lugar de captura. Estas prescricións aplicaranse en todo caso e lugar, incluídas as capturas accidentais, mesmo cando se trate dun tramo de pesca sen morte.

6. Normas de pesca fóra do ámbito territorial autorizado e pesca doutras especies do catálogo.

Prohíbese a pesca doutras especies do catálogo español de especies exóticas invasoras distintas das incluídas no punto 1, así como a pesca destas últimas fóra do ámbito territorial autorizado indicado no punto 2 deste artigo.

En todo caso, as capturas accidentais están sometidas ás prohibicións xenéricas de posesión, transporte ou devolución ao medio natural».

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2018

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio