Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Martes, 18 de setembro de 2018 Páx. 42666

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 4 de setembro de 2018, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural o Arquivo Fotográfico Vidal.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución, e a teor do disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

No artigo 83 do capítulo I, bens que integran o patrimonio artístico, disponse que compoñen o patrimonio artístico de Galicia as manifestacións pictóricas, escultóricas, cinematográficas, fotográficas, musicais e das restantes artes plásticas, de especial relevancia, de interese para Galicia.

Igualmente, o artigo 109, patrimonio documental de Galicia, manifesta que:

«1. Para os efectos desta lei, o patrimonio documental galego está constituído polo conxunto de documentos de titularidade pública. Así mesmo, está constituído polos de titularidade privada, custodiados ou non en arquivos de Galicia e de fóra dela, que, pola súa orixe, antigüidade ou valor, sexan de interese para a Comunidade Autónoma de Galicia nos termos establecidos neste capítulo e na normativa sectorial aplicable.

2. Forman parte do patrimonio documental, sempre que reúnan os requisitos sinalados no número anterior, independentemente do soporte en que se encontren:

a) Os documentos de calquera época xerados, conservados ou reunidos, no exercicio da súa función, pola Administración xeral e as entidades integrantes do sector público autonómico de Galicia.

b) Os documentos anteriores a 1965, xerados, conservados ou reunidos, no exercicio das súas actividades, polas entidades e asociacións de carácter político, sindical ou relixioso e polas entidades, fundacións e asociacións culturais e educativas de carácter privado, que teñan interese para a historia de Galicia.

c) Os documentos anteriores a 1901, xerados, conservados ou reunidos por outras entidades particulares ou persoas físicas, que teñan interese para a historia de Galicia»

Ademais o artigo 110, patrimonio bibliográfico de Galicia, establece que este patrimonio está constituído polos fondos e coleccións bibliográficas e hemerográficas de especial valor cultural, incluíndo as obras literarias, históricas, científicas ou artísticas, xa sexan impresas, manuscritas, fotográficas, cinematográficas, fonográficas ou magnéticas, de carácter unitario ou seriado, que reúnan os requisitos do punto anterior, en calquera tipo de soporte e independentemente da técnica utilizada para a súa creación ou reprodución, en que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Que, respecto destas obras, conste a inexistencia de, cando menos, tres exemplares idénticos en bibliotecas ou servizos públicos.

b) Que sexan anteriores a 1901.

c) Que teñan características singulares que lles outorguen carácter único (ex libris, expurgacións, etc.).

Así mesmo, no parágrafo 4 deste artigo 110, maniféstase que este capítulo será de aplicación aos orixinais fonográficos, gráficos ou cinematográficos, así como aos exemplares hemerográficos, independentemente do soporte en que se encontren.

No artigo 8.2 da devandita Lei 5/2016, do 4 de maio, indícase que: «Terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei. Os bens de interese cultural poden ser inmobles, mobles ou inmateriais».

O 10 de outubro de 2017, o Concello de Laxe presentou unha solicitude de declaración de ben de interese cultural do denominado Arquivo Fotográfico Vidal, fondo que integra a produción fotográfica de Plácido Vidal Díaz e do seu fillo José María Vidal García, realizada, entre outras, nas vilas de Laxe, Corme, Ponteceso, Camariñas, Camelle, Baio, Zas, Malpica de Bergantiños, Buño, Carballo e Caión, nun período que abrangue desde finais do século XIX ata a década dos anos setenta do pasado século.

O 10 de outubro de 2017 a Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural solicitou á Subdirección Xeral de Arquivos, como órgano da Secretaría Xeral de Cultura que ten atribuídas as funcións en materia de patrimonio documental, un informe técnico sobre o valor cultural da documentación presentada co fin de avaliar a pertinencia da incoación desta colección como ben de interese cultural. Despois de analizar o arquivo fotográfico, o 23 de marzo de 2018 a Subdirección Xeral de Arquivos informou da relevancia e o recoñecemento do interese histórico, artístico e documental do Arquivo Fotográfico Vidal para a conservación da memoria social e cultural colectiva e que, en liñas xerais, se atopa nunhas boas condicións de conservación.

A continuación, solicitouse o informe ao Consello de Cultura Galega, á Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario e ao Museo do Pobo Galego, segundo se establece no artigo 18.2 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. Todos eles informaron positivamente a proposta de incoación presentada como ben de interese cultural.

Segundo o contido dos informes, este arquivo, catalogado por temáticas e ámbitos xeográficos que abranguen as comarcas de Soneira e Bergantiños, realizadas por Plácido Vidal Díaz e José María Vidal García, pai e fillo, respectivamente, desde finais do século XIX ata a década dos anos 70 do pasado século, constitúe un testemuño gráfico e documental de moito interese para coñecer os costumes, a paisaxe, os oficios, a pesca, a vida política e social, a moda... desta zona da Costa da Morte, podéndose, deste xeito, documentar paisaxes, arquitecturas, persoas desenvolvendo actividades profesionais ou lúdicas...

Este fondo, integrado como fondo singular no arquivo municipal de Laxe, está formado por 43.475 fotografías en soporte plástico, 5.886 fotografías en vidro e 10.306 en papel, o que supón un total de 59.667 fotografías, sendo innegable a súa importancia como fonte de información, tanto para a realización de estudos da evolución da propia técnica ao longo do tempo como para a realización de estudos de historia económica, política, social, de historia da arte ou das mentalidades, polo que se propón a incoación do expediente de declaración como ben de interese cultural como colección do Arquivo Fotográfico Vidal, tal como se establece no artigo 11 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

A directora xeral de Patrimonio Cultural, exercendo as competencias que lle atribúe o artigo 13.1.d) do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 13, do 18 de xaneiro) e, en virtude do que dispón o título I da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio) e o Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia (DOG núm. 14, do 22 de xaneiro de 1992), como consecuencia dos informes técnicos devanditos e da documentación xustificativa completa,

RESOLVE:

Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural como colección o Arquivo Fotográfico Vidal, conforme o descrito no anexo I desta resolución e proceder cos trámites para a súa declaración.

Segundo. Ordenar que se anote esta incoación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se lle comunique ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Terceiro. Aplicar de forma inmediata e provisional o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens de interese cultural e para os bens mobles en particular. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro (24) meses, desde a data desta resolución, ou producirase a súa caducidade e o remate do réxime provisional establecido.

Cuarto. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Quinto. Abrir un período de información pública durante o prazo dun mes, que comezará a contar desde o día seguinte ao da súa publicación, co fin de que as persoas que poidan ter interese poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente. A consulta realizaríase nas dependencias administrativas da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, situada no Edificio Administrativo de San Caetano, s/n, bloque 3, piso 2, en Santiago de Compostela, despois da correspondente petición da cita e no servizo de Patrimonio Cultural da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na Coruña (r/ Vicente Ferrer, 2, 15071 A Coruña).

Sexto. Notificar esta resolución ao concello de Laxe.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2018

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO

Descrición do ben

1. Denominación. Arquivo Fotográfico Vidal.

2. Descrición xeral:

a) Tipo: arquivo.

b) Carácter: seriado.

c) Interese: histórico/artístico.

d) Técnica: fotográfica.

3. Localización:

Este fondo localízase como fondo singular no arquivo municipal de Laxe.

4. Características xerais:

a) Condicións físicas: o conxunto está formado por 43.475 fotografías en soporte plástico, 5.886 fotografías en vidro (89 delas estereoscópicas) e 10.306 en papel.

b) Dimensións: a totalidade do conxunto componse, polo tanto, de 59.667 fotografías.

c) Instalacións: o fondo esta instalado no depósito documental do arquivo municipal, dotado con amoblamento compacto.

5. Datos históricos.

Os documentos que compoñen o fondo son o produto da actividade de Plácido Vidal Díaz e do seu fillo José María Vidal García.

Plácido Vidal Díaz (1867-1956). Avogado, nacido en Laxe nunha familia acomodada, era un home cosmopolita e culto, interesado pola arqueoloxía e apaixonado da fotografía. Representa un claro exemplo do papel que xogou a pequena burguesía no seu desenvolvemento e popularización. Aproveitou as súas viaxes a París e Londres para adquirir as últimas innovacións técnicas, que lle permitiron plasmar a súa realidade máis próxima.

José María Vidal García (1900-1988). Compaxinou o seu traballo na Administración de Correos coa fotografía profesional e artística. Como fotógrafo profesional recorreu as vilas e aldeas dos arredores de Laxe, aproveitando feiras e festexos para ofrecer os seus servizos, contribuíndo así a popularizar a fotografía entre as clases máis populares. Como fotógrafo artístico abordará a técnica dunha forma máis experimental.

6. Organización.

Os documentos son o produto da actividade de dous membros da familia: Plácido Vidal Díaz e o seu fillo, José María Vidal García, e abarcan un período cronolóxico comprendido entre finais do século XIX e a década dos 70 do século XX. Dado que non se mantivo separada a produción dun e doutro, no momento actual resulta difícil asignar a autoría a cada fotografía. A organización do fondo poderá realizarse atendendo a unha clasificación temática.

7. Valoración cultural.

É innegable o valor da fotografía como fonte de información, tanto para a realización de estudos da evolución da propia técnica ao longo do tempo como para a realización de estudos de historia económica, política, social...

8. Ámbito territorial.

As fotografías abarcan un espazo xeográfico bastante amplo posto que abranguen as comarcas de Bergantiños e Soneira. En calquera caso, se o seu valor para a historia destas comarcas resulta evidente, compre ter en conta que a información que proporcionan transcende o interese puramente local.

9. Temática: a grandes trazos pódense establecer como principais motivos de atención dos fotógrafos os seguintes:

– Paisaxe: reflicten a evolución da paisaxe rural e urbana das súas comarcas.

– Retratos: existe un importante volume de retratos tanto individuais como colectivos que achegan unha rica información sobre a evolución do propio concepto da familia, sobre usos e costumes como o de fotografar os mortos, modas, e incluso as diferentes actitudes ante a cámara das diferentes clases sociais.

– Actividades laborais: están representados diferentes tipos de actividades e oficios (agricultura, gandaría, pesca...) pero destacan, entre todas, as relacionadas co mundo do mar.

– Actividades de lecer: son tamén moitas as imaxes dedicadas a capturar momentos festivos e de lecer. Moitas teñen carácter relixioso (vodas, bautizos, comuñóns, procesións...) outras carácter popular (romarías, bailes, bandas de música...).

– Actividade política: algunhas fotografías ilustran a actividade de diversas institucións de carácter político durante o período da Guerra Civil e da posguerra.

10. Réxime de protección e salvagarda provisional.

A incoación para declarar ben de interese cultural o Arquivo Fotográfico Vidal determinará a aplicación inmediata, aínda que provisional, do réxime de protección previsto na presente lei para os bens xa declarados, segundo o artigo 17.4 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG) e co que se establece na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (LPHE) en materia de exportación e espolio. Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección. Este réxime implica:

• Autorización: as intervencións que se pretendan realizar terán que ser autorizadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o seu uso quedará subordinado a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola citada consellería.

• Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre as esculturas están obrigadas a conservalas, mantelas e custodialas debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

• Acceso: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre os bens están obrigadas a permitirlle o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora, ao persoal investigador e ao persoal técnico da Administración nas condicións legais establecidas. Este acceso poderá ser substituído para o caso de investigación polo seu depósito na institución ou entidade que sinale a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, e que non poderá superar os dous meses cada cinco anos.

• Visita pública: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais sobre os bens, deberán permitir a visita pública nas condicións establecidas na normativa vixente, que poderá ser substituída polo depósito para a súa exposición durante un período máximo de cinco meses cada dous anos.

• Transmisión: toda pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de desfrute deberalle ser notificada á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizar, podendo a Administración exercer os dereitos de tenteo ou retracto nas condicións legais establecidas.

• Expropiación: o incumprimento das obrigas de conservación será causa de interese social para a expropiación forzosa por parte da Administración competente.

• Traslado: calquera traslado deberá ser autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural con indicación da orixe e destino, carácter temporal ou definitivo e condicións de conservación, seguridade, transporte e, se é o caso, aseguramento.

• Exportación: a súa exportación queda prohibida en aplicación do disposto no artigo 5.3 da LPHE, sen prexuízo de que poida ser autorizada pola Administración do Estado a súa saída temporal nas condicións que se determinen e tomando en consideración que o incumprimento delas ou do seu retorno terá a consideración de exportación ilícita.