Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Mércores, 19 de setembro de 2018 Páx. 42746

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 11 de setembro de 2018 pola que se convoca un curso práctico de actuación policial ante os tribunais.

A Academia Galega de Seguridade Pública anuncia a convocatoria dun Curso práctico de actuación policial ante os tribunais, de acordo coas seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: actuación policial ante os tribunais.

Tipo: curso.

Edicións: 1.

Horas lectivas: 100.

Modalidade: presencial.

Contido:

– O delito de violencia de xénero e violencia doméstica.

– O policía como proba periférica nos supostos en que a vítima de violencia de xénero non desexa declarar (a proba por indicios).

– Delitos contra o patrimonio.

– Delitos contra a seguridade viaria.

– As dilixencias urxentes como ferramentas eficaces.

– Redacción de atestados nos distintos delitos; elementos imprescindibles para a tipificación dos feitos.

– Interrogatorio polo fiscal.

– Interrogatorio por avogado.

– O que espera o xuíz da testemuña.

– Alianzas interpoliciais, mecanismos formais e informais de coordinación entre policías, especialmente cando o feito é iniciado por policía non competente territorial ou materialmente, e debe ser continuado por policía competente (eixe, CNP e alcoholemia, ou detención pola Policía Local e entrega de detido á Garda Civil).

– Os dereitos do detido, análise de cada un dos seus dereitos e a súa relación cos dereitos fundamentais (formulación de cuestións previas pola vulneración de dereitos fundamentais durante a detención e nulidade do procedemento).

– A entrada e rexistro, problemas operativos. Problemas directivos. A froita da árbore envelenada.

– As fases do procedemento, de feito punible á sentenza definitiva (feito punible, investigación policial, sumario xudicial, fases do procedemento, o xuízo, a sentenza, o recurso), importancia da redacción do atestado e informes policiais e das declaracións e actuacións en xuízo en cada unha das fases do procedemento.

– A problemática da instrución de causas penais en partidos xudiciais de máis e de menos de 5 xulgados.

– O policía como suxeito activo do delito, condutas a evitar.

– O policía como suxeito pasivo do delito, protección do garante da seguridade.

– A proporcionalidade no uso da forza por parte dos integrantes dos corpos e forzas de seguridade.

– Simulacro de xuízo: formarase un tribunal en que cada operador xurídico asumirá a súa función, para poñer en práctica os coñecementos transmitidos (realizaranse 2 ou 3 exercicios de simulación de xuízo con atestados reais durante o curso).

2. Desenvolvemento da actividade.

Destinatarios/as: Policía Local, Garda Civil, Policía Nacional, UPA, con destino na CCAA de Galicia (5 prazas para cada corpo).

Poderán participar neste curso os/as policías locais, gardas civís, policías nacionais, policías da unidade adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen en situación de servizo activo ou excedencia por coidado de familiares. A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación, polo que, de producirse esta situación, os/as interesados/as deberán comunicalo á Agasp de xeito inmediato. No caso de non facelo, serán penalizados coa non participación en accións formativas da Agasp nun ano contado desde o día seguinte a aquel en que se teña coñecemento do feito. Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal, cando esta veña producida por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na recuperación.

Prazas ofertadas: 20.

Lugar: Agasp. Avenida da Cultura, s/n, A Estrada.

Datas: 24 e 31 de outubro; 7, 14, 21 e 28 de novembro, 12 e 19 de decembro, 16, 23 e 30 de xaneiro e 6 de febreiro.

Horario: das 10.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 19.30 horas.

3. Solicitudes de participación.

a) O persoal da Policía Local que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es, e deberá enviar una memoria xustificativa do interese na realización do curso ao correo electrónico: agasp.formacion@xunta.gal. No asunto do correo electrónico deberá poñer «Memoria 181245». A non presentación desta memoria explicativa será motivo de exclusión.

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) Prazo para a presentación de solicitudes: o prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 11 de outubro de 2018.

c) O persoal da Garda Civil, Policía Nacional e UPA será seleccionado pola XV Zona e xefaturas, respectivamente.

4. Formulario normalizado de solicitude.

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, que poden encontrar no enderezo da internet http://agasp.xunta.es.

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet dispoñerase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través do número de teléfono 886 20 61 10, do fax: 886 20 61 22 ou enderezo de correo electrónico formacion.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Criterios de selección: os criterios de selección para o persoal da Policía Local son os que a seguir se indican:

1. Presentación da memoria xustificativa do interese na realización do curso.

2. Menor número de cursos realizados na Agasp nos dous últimos anos.

3. Por orde de inscrición.

Terán preferencia na selección os/as candidatos/as que estean gozando ou gozasen, nos dous últimos anos, dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución da xornada ou dunha excedencia para o coidado de familiares, sempre que cumpran cos requisitos obxectivos para seren destinatarios do curso.

Ademais, de conformidade co establecido no artigo 37.bis da Lei 7/2004, para a igualdade de homes e mulleres, nos cursos, xornadas ou outras actividades formativas organizadas ou financiadas pola Administración pública galega, reservarase un 50 % das prazas a mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria.

Listaxe de solicitudes seleccionadas: o día 17 de outubro de 2018 a Academia Galega de Seguridade Pública publicará no sitio web http://agasp.xunta.es, as solicitudes de participación que resultasen seleccionadas segundo os criterios de selección mencionados anteriormente.

Certificado de asistencia: ao finalizar a actividade entregarase un certificado de aproveitamento a todas aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada ao curso e superen o exame de coñecementos que se celebrará ao remate do curso.

5. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

6. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións del ou suspendelo temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización, realización ou docencia.

A Estrada, 11 de setembro de 2018

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública