Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Luns, 24 de setembro de 2018 Páx. 43230

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 14 de setembro de 2018 pola que se convoca o curso O liderado: estratexias e ferramentas, dirixido a mandos das policías locais de Galicia.

A Academia Galega de Seguridade Pública anuncia a convocatoria do curso O liderado: estratexias e ferramentas, de acordo coas seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: O liderado: estratexias e ferramentas.

Tipo: curso.

Edicións: 1.

Horas lectivas: 64.

Modalidade: presencial.

Contidos:

Os contidos organízanse a partir de cinco grandes bloques temáticos:

Bloque 1: Introdución ao liderado (4 horas).

Concepto de liderado.

Estilos de liderado.

Bloque 2: Cuestións básicas sobre liderado (4 horas).

Adaptación dos estilos de liderado ás diferentes situacións.

Clarificación e establecemento de obxectivos de equipo.

Tarefas, responsabilidades e competencias da persoa líder: organizar, motivar e delegar.

Bloque 3: A construción do/da líder (24 horas).

A xestión das emocións da persoa que lidera: conciencia e regulación.

Autocoñecemento e autoestima: fortalezas e vulnerabilidades.

Bloque 4: A comunicación no liderado (12 horas).

Comunicación receptiva e expresiva: a escoita e a fala.

Estilos comunicativos: a asertividade no liderado.

Prevención e resolución de conflitos.

Traballo en/co equipo.

Bloque 5: Líder/coach: ferramentas do coaching para o liderado (20 horas).

Definición de obxectivos.

Toma de decisión.

Deseño de plans de acción.

Repartición de tarefas e seguimento do equipo.

2. Desenvolvemento da actividade.

Destinatario/as:

Persoal dos mandos das policías locais de Galicia.

Poderán participar neste curso os mandos das policías locais que se atopen en situación de servizo activo ou excedencia por coidado de familiares. A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación, polo que, de producirse esta situación, os/as interesados deberán comunicalo á Agasp de xeito inmediato, no caso de non facelo serán penalizados coa non participación en accións formativas da Agasp nun ano contado desde o día seguinte a aquel en que se teña coñecemento do feito. Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal, cando esta veña producida por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na recuperación.

Prazas ofertadas: 20.

Lugar: Agasp.

Avda. da Cultura, s/n; A Estrada.

Datas: 16, 23 e 30 de outubro; 6, 13, 20 e 27 de novembro e 4 de decembro de 2018.

Horario: das 9.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 18.30 horas.

3. Solicitudes de participación.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es. E deberá enviar una memoria xustificativa do interese na realización do curso ao correo electrónico: Agasp.formacion@xunta.gal. No asunto do correo electrónico deberá pór «Memoria 181250». A non presentación desta memoria explicativa será motivo de exclusión.

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) Prazo para a presentación de solicitudes: o prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 4 de outubro de 2018.

4. Formulario normalizado de solicitude.

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, que poden encontrar no enderezo da http://agasp.xunta.es.

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet dispoñerase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través do número de teléfono 886 20 61 10, do fax 886 20 61 22 ou do enderezo de correo electrónico formacion.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Criterios de selección:

Os criterios de selección son os que a continuación se indican:

1. Presentación da memoria xustificativa do interese na realización do curso, Memoria 181250.

2. Menor número de cursos realizados na Agasp nos dous últimos anos.

3. Por orde de inscrición.

Terán preferencia na selección os/as candidatos/as que estean gozando ou gozasen, nos dous últimos anos, dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución da xornada ou dunha excedencia para o coidado de familiares, sempre que cumpran cos requisitos obxectivos para ser destinatarios do curso.

Ademais, de conformidade co establecido no artigo 37 bis da Lei 7/2004, para a igualdade de mulleres e homes, nos cursos, xornadas ou outras actividades formativas organizadas ou financiadas pola Administración pública galega reservarase un 50 % das prazas a mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria.

Lista de solicitudes seleccionadas:

O día 11 de outubro de 2018 a Academia Galega de Seguridade Pública publicará no sitio web http://agasp.xunta.es as solicitudes de participación que resultasen seleccionadas segundo os criterios de selección mencionados anteriormente.

Avaliación e asistencia:

Cada bloque de contidos concluirá cun espazo para resolver as posibles dúbidas das persoas participantes.

Ademais, tamén por cada bloque, realizarase un cuestionario tipo test para reforzar os conceptos clave e valorar de paso a súa comprensión; así poderase observar se resulta preciso fortalecer algún aspecto que non quedase suficientemente claro.

Así mesmo, realizarase unha actividade de análise reflexiva por cada bloque. Nesta, as persoas asistentes poderán describir as principais aprendizaxes do curso en relación coa súa actividade profesional, como exercicio para fomentar a significatividade dos contidos e a súa utilidade na súa práctica cotiá.

En canto á asistencia, para maximizar o aproveitamento da formación, será preciso rexistrar mediante sinatura a entrada e saída da aula cada sesión. Neste sentido, establécese como obriga a asistencia acreditable a un 80 % das horas de formación, e ter superado tamén o 80 % das probas e test que se realicen ao longo dela.

Certificado de aproveitamento:

Ao rematar a formación, o alumnado que teña participado con regularidade, superadas as probas de avaliación, obterá un diploma acreditativo personalizado que recoñecerá a superación do curso.

6. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

7. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións ou suspendelo temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización, realización ou docencia.

A Estrada, 14 de setembro de 2018

Luis Menor Pérez
Director xeral da Axencia Galega de Seguridade Pública