Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Xoves, 27 de setembro de 2018 Páx. 43690

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 19 de setembro de 2018 pola que se convoca un curso de patrón de embarcacións de lecer (PER) dirixido a membros do corpo da Garda Civil con destino na Comunidade Autónoma de Galicia.

De acordo co convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio do Interior para a colaboración en materia de formación e actualización do persoal dos corpos de seguridade do Estado destinados na Comunidade Autónoma de Galicia, convocase un curso de patrón de embarcacións de lecer (PER) dirixido a membros do corpo da Garda Civil con destino na Comunidade Autónoma de Galicia, cuxas bases se especifican a seguir:

Obxectivo do curso.

Obter a capacitación necesaria para poder pilotar embarcacións de ata 12 metros e a unha distancia da costa de ata 12 millas, no desenvolvemento das súas funcións.

Contidos do curso.

Parte teórica:

– Tecnoloxía naval, manobras, seguridade no mar, navegación, meteoroloxía, radiocomunicacións, propulsión mecánica e lexislación.

Parte práctica:

– Prácticas de seguridade e navegación:

Formas de utilizar o chaleco salvavidas, extintores, sinais pirotécnicos e espello de sinais, manexo de cabos, preparación para saír ao mar, preparativos antes de iniciar a manobra, comprobacións despois de arrancar, manobras na dársena, aplicacións das regras de rumbo e goberno, velocidade de seguridade e identificación de marcas e balizas, gobernar cunha referencia de terra e cun rumbo de agulla. Rumbo inverso. Obter a corrección total para un rumbo determinado cunha enfilación, situarse por liñas de posición simultánea. Identificación dos puntos notables da costa. Navegación de seguridade, manobras de home á auga. Utilización do M.O.B. do GPS e navegación electrónica.

– Prácticas básicas de radiocomunicacións en simuladores homologados:

Chamadas de socorro en radiotelefonía e LSD en VHF e utilización práctica de VHF portátiles.

Desenvolvemento do curso.

O curso ten unha duración de 50 horas lectivas, desenvolverase entre o 10 de outubro e o 11 de decembro de 2018. As sesións teóricas terán lugar na Agasp os días 10, 17, 24 e 31 de outubro; 7, 14, 21 e 28 de novembro e 5 de decembro de 2018 en horario de 16.00 a 20.00 horas.

Número de plazas, destinatarios y criterios de selección.

24 prazas repartidas por provincias da seguinte forma:

– 8 prazas A Coruña.

– 4 prazas Lugo.

– 4 prazas Ourense.

– 8 prazas Pontevedra.

O curso está dirixido ao persoal dos corpos da Garda Civil que prestan servizos na Comunidade Autónoma galega.

O criterio de selección será por rigorosa orde de inscrición ata cubrir o número de prazas. Os aspirantes que non obteñan praza pasarán a ocupar un posto de reserva, igualmente por orde de inscrición, e serán chamados no caso de producírense baixas antes de iniciarse o curso.

Inscrición.

A inscripción dos participantes será totalmente gratuíta.

Solicitudes e prazo de presentación de solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.es), non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas solicitantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado ou que sexan presentadas fóra de prazo.

4. O prazo de presentación de solicitudes remata o día 4 de outubro de 2018, e comeza a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Admisión.

A Agasp publicará na súa páxina web a relación de persoas seleccionadas para participar no curso, así como un número adecuado de reservas, o día 8 de outubro de 2018.

Os/as alumnos/as seleccionados/as serán informados/as da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxaría telefónica.

Lugar.

A parte teórica do curso desenvolverase na sede da Agasp e as prácticas de seguridade e navegación na ría de Vigo.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 19 de setembro de 2018

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública