Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Luns, 1 de outubro de 2018 Páx. 43956

I. Disposicións xerais

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 103/2018, do 13 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia.

A través da aprobación da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, acadouse, por primeira vez, unha ordenación legal do sector do transporte público de persoas en vehículos de turismo na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo a súa propia parte expositiva, esta regulación materializouse no ámbito da competencia autonómica exclusiva sobre o transporte de persoas viaxeiras por estrada cuxo itinerario se desenvolva integramente no territorio da Comunidade Autónoma, mais tamén tendo en conta as competencias dos concellos en materia de xestión e ordenación dos servizos urbanos e as competencias de titularidade estatal en materia de transporte terrestre, todo isto co fin de acadar un marco de relación interadministrativa axustado ao bloque constitucional presidido polo principio de lealdade institucional.

Entre as ideas que presidiron a elaboración desta lei e que, en consecuencia, inspiran o seu desenvolvemento a través deste texto regulamentario, figura tanto a simplificación e harmonización das actuacións que corresponden ás administracións local e autonómica sobre a actividade de taxi como o propio recoñecemento da conexión do exercicio desta actividade coa Administración local, polo que se outorga un papel preponderante á actuación dos concellos, sen prexuízo de posibilitar, naqueles casos en que intereses supramunicipais resulten primordialmente afectados, a actuación ordenadora e de coordinación da Comunidade Autónoma, respectando, en todo caso, a autonomía municipal constitucionalmente recoñecida, de conformidade coa doutrina emanada do Tribunal Constitucional.

Este regulamento persegue facer efectiva esa coordinación interadministrativa, acadando unha maior simplificación, na medida en que a prestación dos servizos de taxi está suxeita á obtención previa dos correspondentes títulos administrativos que habilitan ás persoas titulares para exerceren a dita actividade, garantindo a continuidade e regularidade na prestación do servizo e no establecemento dun réxime tarifario.

Estes títulos serán a licenza municipal e a autorización interurbana, e expediranse a través do procedemento coordinado aquí desenvolto. Trátase de articular un procedemento en que, mantendo a exixencia de ambos os dous títulos habilitantes emitidos por diferentes administracións públicas, se permita unha maior axilidade e simplificación dos trámites que realiza a cidadanía e se consiga unha maior eficiencia e rapidez na tramitación dos procedementos, de xeito que, a través dunha única actuación perante a Administración local, se poña en funcionamento un procedemento administrativo coordinado que permita a obtención das dúas autorizacións.

Todo isto vese reforzado coa existencia dun rexistro de títulos habilitantes mediante o cal se poderán tramitar telematicamente os referidos procedementos, en prol de acadar non só unha adecuada coordinación interadministrativa senón tamén garantir a existencia de procedementos telemáticos adaptados ás novas tecnoloxías e exixencias de modernización administrativa.

Neste senso o regulamento tamén desenvolve a posibilidade da contratación por medios telemáticos prevendo un sistema adaptado ás novas plataformas de concertación do servizo a distancia, e establecendo uns requisitos mínimos con que deben contar todas as contratacións así realizadas.

Xunto a esta mellora na tramitación de todos os procedementos relativos aos servizos de taxi, o regulamento persegue afianzar e completar os dereitos das persoas usuarias do taxi mediante un desenvolvemento dos dereitos recoñecidos na Lei 4/2013, do 30 de maio, e nesta liña faise un especial fincapé na regulación dos requisitos que deben cumprir os vehículos de taxi, instrumento esencial da prestación do servizo público, garantindo que a prestación do servizo se leve a cabo nas mellores condicións e cumprindo cuns estándares de calidade homoxéneos.

Finalmente, o regulamento leva a cabo un desenvolvemento da actividade de arrendamento de vehículos con condutor na cal se posibilita unha máis fácil identificación dos vehículos adscritos á prestación destes servizos, e defínense con claridade os requisitos e as exixencias previstos para o desempeño da actividade, reforzando a idea da súa distinción coa actividade do taxi.

En calquera caso, trátase dunha norma que non pretende esgotar as diferentes habilitacións que a lei establece para o seu desenvolvemento regulamentario, deixando para normas posteriores aspectos que, por presentaren unha elevada especialidade, considérase preferente afrontar en normas máis puntuais, dando continuidade ao procedemento de elaboración normativa fortemente colaborativo que se iniciou no proceso de elaboración daquela lei, tal como reflicte a súa exposición de motivos.

O decreto consta dun artigo único, cuxo obxecto é a aprobación do Regulamento da Lei 4/2013, do 30 de maio, de tres disposicións derradeiras (relativas á habilitación para o desenvolvemento, á adaptación das ordenanzas municipais e á entrada en vigor) e dun anexo, no cal se recolle o regulamento.

Polo que respecta á estrutura do regulamento, este divídese en seis capítulos, referidos ás normas xerais, títulos habilitantes para prestar servizos de taxi, réxime xurídico de exercicio da actividade de taxi, áreas territoriais de prestación conxunta, actividade de arrendamento de vehículos con condutor e infraccións e sancións, así como tres disposicións adicionais e cinco disposicións transitorias.

O primeiro capítulo é o relativo ás normas xerais. Estas ocúpanse de sinalar o obxecto deste regulamento e de establecer a obriga de dispor de licenza e autorización para exercer a actividade de prestación dos servizos de taxi, e a obriga de dispor de autorización administrativa para exercer a actividade de arrendamento de vehículos con condutor. A regulación destes títulos habilitantes recóllese nos capítulos seguintes.

O segundo capítulo ten por obxecto regular os títulos habilitantes para prestar servizos de taxi. Está dividido en cinco seccións, que abranguen a regulación dos procedementos coordinados, coa finalidade de obter unha simplificación dos trámites, e unha maior eficiencia na tramitación dos procedementos, así como diferentes tipos de procedementos relacionados cos títulos habilitantes, tanto en relación co seu outorgamento inicial como coa súa posible transmisión, visado, suspensión ou extinción, entre outros. Por último, neste capítulo regúlase tamén o Rexistro de Títulos Habilitantes, que se configura como un instrumento para a inscrición e constancia unificada da información relativa ás licenzas e ás autorizacións interurbanas de taxi existentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

No capítulo terceiro establécese o réxime xurídico de exercicio da actividade de taxi, facendo especial fincapé na regulación dos dereitos e deberes das persoas usuarias e das persoas profesionais da actividade do taxi; nas características e condicións que deben reunir os vehículos adscritos ao servizo; no réxime de explotación do taxi a través da persoa titular e de persoal asalariado; as condicións de contratación e prestación do servizo, regulando a posibilidade de contratación telemática; así como o réxime económico dos servizos de taxi coa regulación das tarifas e do procedemento para a súa revisión.

No capítulo cuarto desenvólvese a regulación do réxime xurídico aplicable á creación das áreas territoriais de prestación conxunta, sexa por iniciativa municipal ou autonómica.

No capítulo quinto regúlase a actividade de arrendamento de vehículos con condutor, definindo con claridade os requisitos para o desempeño da actividade e contribuíndo á súa diferenciación da actividade de taxi.

No capítulo sexto regúlanse as cuestións relativas ao réxime de infraccións e sancións aplicables aos transportes de persoas en vehículos de turismo de Galicia.

Finalmente, nas disposicións adicionais recóllense previsións relativas ás áreas territoriais de prestación conxunta, á limitación á transmisión de títulos habilitantes e á capacitación profesional de persoas condutoras actuais. Establécese, ademais, un réxime transitorio en relación cos vehículos que superan ou están preto de superar a antigüidade máxima permitida no momento de entrada en vigor da norma regulamentaria, co visado e coa rehabilitación de autorizacións interurbanas de taxi, coa exixencia da capacitación profesional de persoas condutoras, coas autorizacións para prestar servizos de arrendamento de vehículos con condutor e cos concellos fusionados.

Na elaboración desta disposición observáronse os trámites previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na restante normativa de obrigado cumprimento, entre os que cabe destacar a audiencia aos sectores afectados e a emisión de informe pola Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo do Consello Galego de Transportes e pola Comisión Galega da Competencia.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, de acordo co Consello Consultivo de Galicia, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de setembro de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación do regulamento

Apróbase o Regulamento da Lei 4/2013, do 30 de maio, que figura como anexo deste decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitacións para o desenvolvemento

1. A regulación dos procedementos administrativos previstos no Regulamento da Lei 4/2013, do 30 de maio, iniciados por instancia de parte e tramitados perante o órgano autonómico competente en materia de transportes, así como os formularios correspondentes, serán obxecto de desenvolvemento normativo posterior.

2. Habilítase a persoa titular da consellería competente en materia de transportes para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto no relativo á organización e materias propias do seu departamento.

Disposición derradeira segunda. Adaptación de ordenanzas municipais

Os concellos adaptarán as súas ordenanzas reguladoras do servizo de taxi ao previsto neste decreto no prazo dun ano desde a súa entrada en vigor.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de setembro de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda

ANEXO

Regulamento da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público
de persoas en vehículos de turismo de Galicia

ÍNDICE

CAPÍTULO I

Normas xerais

Artigo 1. Obxecto

Artigo 2. Obrigatoriedade de títulos habilitantes

CAPÍTULO II

Títulos habilitantes para prestar servizos de taxi

Sección 1ª. Procedementos coordinados

Artigo 3. Vinculación e procedementos coordinados

Artigo 4. Impugnación de informes vinculantes

Sección 2ª. Adxudicación de novos títulos habilitantes

Artigo 5. Continxentamento

Artigo 6. Continxentamento especial de taxis adaptados

Artigo 7. Continxentamento de autorizacións interurbanas de taxi

Artigo 8. Memoria para adxudicar novos títulos habilitantes

Artigo 9. Concurso para adxudicación de novas licenzas

Artigo 10. Adxudicación de novas licenzas e autorizacións

Sección 3ª. Transmisión de títulos habilitantes

Artigo 11. Transmisión inter vivos

Artigo 12. Transmisión mortis causa

Artigo 13. Vehículos adscritos aos títulos transmitidos

Sección 4ª. Visado, suspensión e extinción de títulos habilitantes

Artigo 14. Visado e rehabilitación

Artigo 15. Suspensión

Artigo 16. Medidas de garantía do servizo no caso de suspensión de títulos habilitantes

Artigo 17. Causas de extinción

Artigo 18. Renuncia da persoa titular

Artigo 19. Falecemento da persoa titular

Artigo 20. Caducidade

Artigo 21. Revogación

Artigo 22. Medidas provisionais en caso de extinción

Sección 5ª. Rexistro de Títulos Habilitantes

Artigo 23. Rexistro de Títulos Habilitantes

CAPÍTULO III

Réxime xurídico de exercicio da actividade de taxi

Sección 1ª. Dereitos e deberes

Artigo 24. Dereitos das persoas usuarias

Artigo 25. Deberes das persoas usuarias

Artigo 26. Dereitos das persoas profesionais do taxi

Artigo 27. Deberes das persoas profesionais do taxi

Sección 2ª. Vehículos

Artigo 28. Vehículos aptos para prestar o servizo

Artigo 29. Características dos vehículos

Artigo 30. Taxímetro e indicadores externos

Artigo 31. Substitución de vehículos

Artigo 32. Modificación das características dos vehículos

Artigo 33. Imaxe dos vehículos

Artigo 34. Documentación a bordo do vehículo

Artigo 35. Taxis adaptados

Sección 3ª. Persoas condutoras e persoal asalariado

Artigo 36. Persoas condutoras

Artigo 37. Persoal asalariado

Artigo 38. Capacitación profesional de persoas condutoras

Sección 4ª. Condicións de contratación e prestación do servizo

Artigo 39. Condicións de contratación do servizo

Artigo 40. Desenvolvemento do servizo

Artigo 41. Inicio do servizo e posta en marcha do taxímetro

Artigo 42. Facultades dos concellos en relación coa prestación do servizo

Artigo 43. Contratación por medios telemáticos e reserva previa

Artigo 44. Servizos particulares

Sección 5ª. Réxime económico dos servizos de taxi

Artigo 45. Obrigatoriedade e tipos de tarifas

Artigo 46. Revisión de tarifas

CAPÍTULO IV

Áreas territoriais de prestación conxunta

Artigo 47. Áreas territoriais de prestación conxunta

Artigo 48. Creación de áreas de prestación conxunta por iniciativa municipal

Artigo 49. Creación de áreas de prestación conxunta por iniciativa autonómica

CAPÍTULO V

Actividade de arrendamento de vehículos con condutor

Artigo 50. Servizos de arrendamento de vehículos con condutor

Artigo 51. Autorización para prestar servizos de arrendamento de vehículos con condutor

Artigo 52. Vehículos adscritos á actividade de arrendamento de vehículos con condutor

Artigo 53. Persoas condutoras

Artigo 54. Contratación

Artigo 55. Folla de ruta

CAPÍTULO VI

Infraccións e sancións

Artigo 56. Infraccións moi graves

Artigo 57. Infraccións graves

Artigo 58. Infraccións leves

Artigo 59. Sancións e procedemento sancionador

Disposición adicional primeira. Áreas territoriais de prestación conxunta

Disposición adicional segunda. Limitación á transmisión de títulos habilitantes

Disposición adicional terceira. Capacitación profesional de persoas condutoras actuais

Disposición transitoria primeira. Vehículos que superan ou están preto de superar a antigüidade máxima permitida

Disposición transitoria segunda. Normativa aplicable ao visado e á rehabilitación de autorizacións interurbanas de taxi

Disposición transitoria terceira. Exixencia da capacitación profesional de persoas condutoras

Disposición transitoria cuarta. Normativa aplicable ás autorizacións para prestar servizos de arrendamento de vehículos con condutor

Disposición transitoria quinta. Concellos fusionados

CAPÍTULO I

Normas xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Este regulamento ten por obxecto desenvolver a Lei 4/2013, do 30 de maio.

2. Neste regulamento empréganse os conceptos previstos no artigo 2 da Lei 4/2013, do 30 de maio, de acordo coa definición que deles se contén nese precepto.

Artigo 2. Obrigatoriedade de títulos habilitantes

1. De conformidade co artigo 4.1 da Lei 4/2013, do 30 de maio, a prestación dos servizos de taxi está suxeita á obtención previa dos correspondentes títulos administrativos que habiliten as persoas titulares para exerceren a dita actividade. Estes títulos son a licenza de taxi e a autorización interurbana.

2. De acordo co artigo 45.2 da Lei 4/2013, do 30 de maio, a actividade de arrendamento de vehículos con condutor unicamente poderá ser realizada por aquelas persoas físicas ou xurídicas que dispoñan da correspondente autorización administrativa que as habilite para a súa realización.

3. A obtención e o réxime xurídico dos títulos habilitantes a que se refiren os dous números anteriores regúlanse na Lei 4/2013, do 30 de maio, nas disposicións deste regulamento e nas restantes normas que, respectando o disposto en ambos os textos normativos, se diten.

CAPÍTULO II

Títulos habilitantes para prestar servizos de taxi

Sección 1ª. Procedementos coordinados

Artigo 3. Vinculación e procedementos coordinados

1. As licenzas e as autorizacións interurbanas para prestar servizos de taxi estarán vinculadas, no sentido que establece o artigo 15 da Lei 4/2013, do 30 de maio.

2. Sen prexuízo das especialidades que conteñen as seccións 2ª e 3ª deste capítulo, a adxudicación a particulares de novas licenzas e autorizacións e a autorización da súa transmisión, xa sexa inter vivos ou mortis causa, e a substitución de vehículos ou a modificación das súas características, suxeitarase a un procedemento coordinado integrado polos seguintes trámites:

a) Solicitude da persoa interesada, que deberá dirixir ao concello, tanto en relación coa licenza municipal como coa autorización autonómica. A solicitude deberá ir acompañada da documentación precisa para acreditar os requisitos legal e regulamentariamente exixibles para resolvela favorablemente, e incluirá, en particular, a xustificación do pagamento das posibles taxas que se deban aboar tanto á Facenda local como á autonómica. De acordo co artigo 53 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa interesada ten dereito a non presentar documentos que xa se atopen en poder das administracións públicas ou que fosen elaborados por estas, de conformidade co artigo 28 da dita lei.

b) A solicitude anterior será tramitada polo concello de acordo co establecido con carácter xeral pola Lei 39/2015, do 1 de outubro. En concreto, deberá requirir á persoa interesada que emende a solicitude, de conformidade co artigo 68 da dita lei, en caso de que non xunte a documentación mencionada na letra anterior.

c) Completada a tramitación, o concello poderá desestimar directamente a solicitude se entende que non concorren os requisitos precisos para acceder ao solicitado desde o punto de vista das competencias municipais.

Se, pola contra, considera que si se dan eses requisitos, efectuará unha proposta de resolución nese sentido e remitirá esta, xunto con todo o expediente, ao órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, para que se emita informe sobre a concorrencia das exixencias para completar o procedemento en relación coa autorización interurbana.

d) O informe terá carácter vinculante e deberá ser evacuado polo órgano que determine o decreto polo que se estableza a estrutura orgánica da consellería competente en materia de transporte, no prazo máximo que para cada caso se especifica na Lei 4/2013, do 30 de maio. Por tratarse dun informe preceptivo, de non emitirse no prazo sinalado poderá suspenderse o prazo máximo para resolver o procedemento nos termos establecidos nos artigos 22.1.d) e 80.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Atendendo á documentación achegada para a emisión do informe, á propia vixencia desta, ou a trámites preceptivos previstos con posterioridade en relación coa autorización, como o seu visado periódico, o informe especificará o seu prazo de validez, que en ningún caso poderá ser inferior a dous meses.

e) En caso de que o informe antedito teña carácter desfavorable, o concello deberá ditar unha resolución desestimatoria da solicitude formulada, e notificarallo á persoa interesada.

Se, pola contra, o informe for favorable, o concello completará o procedemento, exixindo da persoa interesada a achega daquela documentación complementaria da inicialmente achegada que resulte precisa para resolver, tales como a acreditación da titularidade e disposición efectiva do vehículo, a xustificación da existencia dun seguro suficiente xa en vigor, ou a situación de alta efectiva da actividade económica e na Seguridade Social. Feito isto, e agás que desta documentación se deduza a imposibilidade de prestar o servizo, ditará unha resolución favorable á petición da persoa interesada. A dita resolución seralle notificada a esta, con indicación de que a súa eficacia está condicionada á resolución favorable da Administración autonómica, e inscribirase no Rexistro de Títulos Habilitantes.

En caso de que transcorra o prazo de eficacia do informe sen que o concello dite e anote no Rexistro de Títulos Habilitantes a correspondente resolución, retrotraerase o procedemento e o concello deberá solicitar un novo informe vinculante.

f) Unha vez que o concello dite a resolución e a anote no rexistro, o servizo de mobilidade correspondente resolverá sobre o procedemento que corresponda relacionado coa autorización interurbana ou sobre a transmisión desta, en coherencia co decidido no informe vinculante previo. A dita resolución será notificada á persoa interesada e inscribirase no Rexistro de Títulos Habilitantes.

De conformidade co artigo 17.5 da Lei 4/2013, do 30 de maio, no prazo máximo dun mes desde a notificación da autorización de transmisión da autorización interurbana de taxi deberá darse inicio efectivo ao exercicio da actividade. A mesma regra resultará de aplicación no suposto de outorgamento de novas autorizacións interurbanas de taxi.

3. Todas as comunicacións e a remisión de documentos a que se refire o número anterior realizaranse polas administracións exclusivamente a través da plataforma informática en que se sustenta o Rexistro de Títulos Habilitantes para prestar servizos de taxi.

4. Aqueles procedementos que non se suxeiten ao procedemento coordinado previsto nos números anteriores someteranse, non obstante, aos principios de coordinación e comunicación directa entre administracións por vía telemática.

Artigo 4. Impugnación de informes vinculantes

1. As persoas interesadas poderán opoñerse aos informes vinculantes emitidos nos procedementos coordinados regulados neste regulamento mediante a impugnación das resolucións administrativas que lles poñan fin, sen prexuízo do establecido no artigo 112.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, para os casos en que os citados informes vinculantes sexan contrarios ao solicitado ou concorra algún outro suposto en que, en atención ao referido precepto legal, os ditos informes sexan directamente impugnables.

2. Cando a impugnación, en vía administrativa, da resolución municipal que poña fin ao procedemento correspondente afecte as condicións establecidas no informe vinculante, o concello competente para resolver o recurso dará traslado deste ao órgano que o emitise, co fin de que este, se o considera oportuno, presente alegacións sobre aqueles aspectos relacionados co exercicio de competencias autonómicas no prazo de quince días. De emitirse en prazo, as citadas alegacións serán vinculantes para a resolución do recurso.

Sección 2ª. Adxudicación de novos títulos habilitantes

Artigo 5. Continxentamento

1. Unicamente poderán ser outorgadas novas licenzas de taxi por aqueles concellos que dispoñan de continxente para facelo.

En todo caso, para outorgar novas licenzas teranse en conta as exixencias do Real decreto 1544/2007, do 23 de novembro, polo que se regulan as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e utilización dos modos de transporte para persoas con discapacidade, e do resto da normativa vixente en materia de accesibilidade.

2. Como regra xeral, o número máximo de licenzas de taxi por cada municipio será o previsto no artigo 6.2 da Lei 4/2013, do 30 de maio. Para efectos do cómputo da poboación a que se refire este precepto, teranse en conta as cifras oficiais de poboación resultantes da última revisión do padrón municipal establecidas polo Instituto Nacional de Estatística, referidas á data en que se emita a memoria prevista no artigo 16.2 da mencionada lei.

3. Non obstante o anterior, os concellos poderán establecer un continxentamento específico para o seu ámbito territorial, superior ou inferior ao que resultaría de aplicar o previsto no artigo 6.2 da Lei 4/2013, do 30 de maio.

Para tal fin, seguirase un procedemento, que se regulará por orde da persoa titular da consellería competente en materia de transportes, e que contará, como mínimo, cos seguintes trámites:

a) Elaboración dun estudo previo de mobilidade por parte do concello interesado. Este estudo deberá ser suficientemente detallado e xustificado, e consonte o que establece o artigo 7.2 da Lei 4/2013, do 30 de maio, contará co contido mínimo seguinte:

1º. Nivel de oferta e demanda de servizos de taxi existente no correspondente ámbito territorial en cada momento, considerando dentro da oferta, entre outros aspectos, as horas de servizo que prestan os vehículos adscritos aos títulos habilitantes, así como a aplicación de novas tecnoloxías que optimicen e maximicen o rendemento da prestación do servizo.

2º. Nivel de cobertura, mediante os servizos de transporte público, das necesidades de mobilidade da poboación do concello. En particular, terase en conta o grao de desenvolvemento dos medios de transporte colectivos coa implantación de liñas urbanas e, se for o caso, interurbanas e/ou metropolitanas, así como de liñas nocturnas.

3º. A existencia de infraestruturas de servizos públicos do correspondente ámbito territorial vinculadas á sanidade, ao ensino, aos servizos sociais e aos espazos en que se desenvolvan actividades deportivas ou de ocio, así como os espazos de lecer, os transportes ou a outros factores que teñan incidencia na demanda de servizos do taxi, recompilando de todas elas e analizando a súa suficiencia en relación coas correspondentes necesidades de mobilidade. Así mesmo, tamén se examinará a influencia das vías de comunicación, a situación do tráfico rodado, a extensión na peonalización das vías públicas e a implantación de carrís bici.

4º. Detalle da evolución recente e da proxección futura das actividades comerciais, industriais, lúdicas, turísticas, económicas en xeral ou doutro tipo que se realicen no municipio e que poidan xerar unha demanda específica do servizo de taxi.

5º. Análise do grao de dispersión dos distintos núcleos urbanos que compoñen o municipio e da súa incidencia na demanda de transporte en xeral e de servizos de taxi en particular.

6º. Valoración do grao de satisfacción das persoas usuarias do servizo de taxi.

b) Audiencia sobre o estudo de mobilidade, por prazo non inferior a 10 días hábiles, ás asociacións representativas do sector do transporte en taxi, aos sindicatos, ás asociacións de persoas condutoras de taxi e ás asociacións de persoas consumidoras e usuarias.

Para estes efectos, tomaranse en consideración as entidades mencionadas no parágrafo anterior que teñan implantación no concello de que se trate, e igualmente darase audiencia á entidade ou entidades que teñan representación na Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo do Consello Galego de Transportes.

c) Solicitude e emisión de informe da Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo do Consello Galego de Transportes. Para os efectos deste punto, e de acordo co que dispón o artigo 20.5 da Lei 4/2013, do 30 de maio, entenderase cumprido o trámite coa certificación expedida para o efecto pola persoa titular da secretaría da comisión na cal se recollerá o contido do informe emitido, sen prexuízo da posterior aprobación da acta correspondente.

 d) Formulación de proposta por parte do concello, unha vez completados os trámites anteriores. Esta remitirase coa copia do expediente á dirección xeral que corresponda da consellería competente en materia de transportes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, que será a encargada de emitir informe preceptivo e vinculante sobre ela. Para emitir o informe ponderaranse, ademais do contido do expediente, os proxectos ou estudos de planificación aprobados ou en fase de elaboración que puidesen afectar os servizos de transporte público da comunidade.

A devandita dirección xeral poderá requirir a documentación que corresponda ou solicitar a realización de trámites adicionais que resulten precisos para emitir o seu informe, devolvendo o expediente ao correspondente concello para a súa emenda e nova remisión á dita dirección xeral.

O informe deberá ser evacuado nun prazo máximo de tres meses desde a recepción, polo órgano competente para o emitir, do expediente completo xunto coa proposta formulada polo concello. Por tratarse dun informe preceptivo, de non emitirse no prazo sinalado poderá suspenderse o prazo máximo para resolver o procedemento nos termos establecidos nos artigos 22.1.d) e 80.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

e) Resolución por parte do concello, de acordo co que resulte do informe vinculante da dirección xeral. Esta resolución deberá ditarse no prazo máximo de dous meses desde a emisión do dito informe.

En todo caso, na resolución deberá figurar o número concreto e taxativo de licenzas que, como máximo, poderán existir nese concello, así como o calendario que se seguirá para outorgalas en caso de que o concello non opte por licitalas todas simultaneamente.

Artigo 6. Continxentamento especial de taxis adaptados

1. Non obstante o disposto no artigo anterior, disporán de continxente para outorgar novas licenzas aqueles concellos que, de conformidade co disposto na disposición transitoria oitava da Lei 4/2013, do 30 de maio, constatasen que non se acada de forma voluntaria, entre as persoas titulares de licenzas preexistentes, a porcentaxe mínima de taxis adaptados establecida polo Real decreto 1544/2007, do 23 de novembro, polo que se regulan as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización dos modos de transporte para persoas con discapacidade, e que, ante tal circunstancia, optasen por crear novas licenzas de taxi.

O continxente de que disporán será o imprescindible para acadar a dita porcentaxe mínima.

2. Para os efectos anteriores, os concellos deberán acreditar na memoria a que se refire o artigo 8 que desde a entrada en vigor do dito real decreto non se solicitou a adscrición de ningún vehículo adaptado a unha licenza municipal preexistente, ou que as adscricións solicitadas son insuficientes para cubrir a porcentaxe mínima exixida por aquela norma.

Na memoria indicarase, ademais, a preferencia do concello por crear novas licenzas de taxi para acadar a porcentaxe mínima precisa, no canto exixir ás persoas titulares dos títulos outorgados en data máis recente a prestación do servizo mediante taxis adaptados. Sen prexuízo disto, en caso de que o concurso para adxudicar as novas licenzas creadas ao abeiro deste artigo quede total ou parcialmente deserto, o concello deberá garantir en todo caso a cobertura da porcentaxe mínima exixida polo artigo 8.1 do Real decreto 1544/2007, do 23 de novembro, para o que poderá mudar de criterio e optar por aquela última exixencia, ou abrir un novo procedemento de concurso modificando as condicións requiridas previamente.

Tamén se poderá acudir ao procedemento previsto neste artigo en caso de que inicialmente o concello optase por exixir ás persoas titulares dos títulos outorgados en data máis recente a prestación do servizo mediante taxis adaptados, pero esta non fose asumida no prazo que para o efecto lles concedese. Isto último entenderase sen prexuízo das consecuencias que para tales persoas puidese implicar a inobservancia da dita exixencia.

3. O previsto neste artigo deberá aplicarse a cubrir a totalidade de licenzas que sexan precisas para acadar a porcentaxe mínima exixida polo Real decreto 1544/2007, do 23 de novembro. Así pois, non poderá iniciarse o procedemento para cubrir só unha parte delas.

Se posteriormente se promove unha modificación do número de licenzas que faga necesario dispoñer de novas adscricións de taxis adaptados, estas deberán preverse xa na correspondente convocatoria do concurso para adxudicar aquelas.

4. As novas licenzas para taxis adaptados que se creen ao abeiro deste artigo, quedarán de maneira indefinida adscritas á dita condición.

Así mesmo, conservarán a súa vixencia e vinculación a tal servizo aínda que con posterioridade se incremente a frota de taxis adaptados de que dispoña o concello.

Artigo 7. Continxentamento de autorizacións interurbanas de taxi

O número máximo de autorizacións interurbanas de taxi virá establecido polo número de licenzas outorgadas polos correspondentes concellos conforme a Lei 4/2013, do 30 de maio, a este regulamento e a demais normativa que resulte de aplicación.

Artigo 8. Memoria para adxudicar novos títulos habilitantes

1. Os concellos que dispoñan de continxente para outorgar novas licenzas poderán promover a súa adxudicación a aquelas persoas que cumpran os requisitos normativamente exixidos para seren titulares delas. A resolución deste procedemento será determinante do outorgamento, pola Administración autonómica, das correspondentes autorizacións interurbanas de taxi a favor das persoas adxudicatarias da licenza municipal.

2. Para efectos do disposto no número anterior, os concellos elaborarán unha memoria, que deberá estar subscrita, cando menos, pola persoa titular da alcaldía, na cal constarán os seguintes aspectos:

a) Número de licenzas existentes no concello, especificando cantas están en vigor e cantas se atopan suspendidas, así como aquelas que se atopen adscritas a vehículos adaptados para o seu uso por persoas con mobilidade reducida.

b) Xustificación da dispoñibilidade de continxente, de conformidade co previsto nos artigos 5 e 6.

c) Data en que se resolveu o último concurso para adxudicar licenzas que fose convocado no concello.

d) Número de licenzas novas que se pretenden crear e indicación de a cales delas se lles adscribirán taxis adaptados, se for o caso.

e) Indicación dos criterios de adxudicación que se aplicarán no concurso público que o concello convocará para o efecto.

3. A dita memoria será remitida á dirección xeral competente en materia de transportes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, que será a encargada de emitir informe preceptivo e vinculante referente ao outorgamento das autorizacións interurbanas de taxi correspondentes.

No caso de que a memoria non estea completa ou sexan necesarias aclaracións ou completar o expediente con documentación adicional, a devandita dirección xeral devolverá o expediente ao concello para a súa emenda e nova solicitude de informe.

Este informe emitirase no prazo máximo de tres meses desde a recepción da memoria. Logo do transcurso do indicado prazo sen que se emitise o informe, os interesados poderán considerar que o informe é de carácter desfavorable.

O informe analizará os seguintes aspectos:

a) Dispoñibilidade de continxente para outorgar novos títulos habilitantes, de conformidade coa Lei 4/2013, do 30 de maio, e co previsto neste regulamento.

b) Encaixe do número e tipo de títulos habilitantes de nova creación que se pretenden crear dentro do continxente anterior.

c) Adecuación dos criterios de adxudicación propostos ás exixencias previstas no artigo 8.3 da Lei 4/2013, do 30 de maio.

d) Existencia dalgunha outra limitación contida na Lei 4/2013, do 30 de maio, ou neste regulamento para convocar o concurso nos termos formulados.

Á vista do anterior, o informe concluirá de maneira expresa se se pode promover a adxudicación de novos títulos habilitantes nos termos propostos.

De non ser posible, poderá incorporarse ao informe a indicación das adaptacións que resulten precisas para efectos de que poida optar pola emenda da solicitude ou do expediente e unha nova solicitude de informe.

O informe deberá ser evacuado nun prazo máximo de tres meses desde a recepción, polo órgano competente para o emitir, do expediente completo xunto coa proposta formulada polo concello. Por tratarse dun informe preceptivo, de non emitirse no prazo sinalado, poderá suspenderse o prazo máximo para resolver o procedemento nos termos establecidos nos artigos 22.1.d) e 80.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 9. Concurso para adxudicación de novas licenzas

1. Se o informe previsto no artigo anterior é favorable, o concello poderá convocar o correspondente concurso público para adxudicar as novas licenzas.

A convocatoria terá que realizarse no prazo de seis meses desde a recepción do informe indicado no número anterior. Transcorrido ese prazo sen que aquela se fixese, o dito informe quedará sen efecto e deberá solicitarse de novo.

2. Nos pregos do concurso faranse constar os criterios consonte os cales se efectuará a adxudicación, entre os cales se incluirán necesariamente os indicados no artigo 8.3 da Lei 4/2013, do 30 de maio. En todo caso, os ditos criterios deberán ser obxectivos, indicando os que se terán en conta para a súa cuantificación.

Artigo 10. Adxudicación de novas licenzas e autorizacións

1. A adxudicación dos títulos habilitantes farase consonte o procedemento coordinado regulado na sección 1ª deste capítulo.

2. A memoria municipal ou da entidade competente nunha área territorial de prestación conxunta sobre o cumprimento dos requisitos para poder ser titular do título habilitante que a entidade promotora someta a informe da Administración autonómica valorará o cumprimento dos requisitos para a obtención da licenza e deberá facer constar, como mínimo, os seguintes datos:

a) Nome, apelidos e número de documento nacional de identidade, ou documento equivalente, da persoa proposta para ser adxudicataria de cada unha das licenzas.

b) Indicación de se as ditas persoas son titulares doutras licenzas no mesmo concello, e identificación destas, se for o caso.

c) Indicación de se as persoas propostas acreditaron o cumprimento dos requisitos exixidos nos pregos para seren adxudicatarias.

d) Constancia de que as persoas propostas non efectuaron a transmisión doutra licenza nos cinco anos inmediatamente anteriores.

e) Indicación do modelo e características técnicas do vehículo ou vehículos que se adscribirán á prestación do servizo.

f) Aqueloutros que, de ser o caso, se poidan establecer mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de transportes.

O informe vinculante sobre o cumprimento dos requisitos para poder ser titular de título habilitante deberá ser ditado no prazo máximo de tres meses desde a súa recepción.

3. En caso de que o informe a que se refire o número anterior sexa contrario á adxudicación a unha ou varias das persoas licitadoras propostas, o concello efectuará unha nova valoración, de modo congruente co disposto no informe. Unha vez completada, remitirase novamente a proposta ao órgano autonómico competente para que emita un novo informe vinculante no prazo de tres meses.

No caso de que non concorra ningún licitador que reúna os requisitos exixidos, o concurso quedará deserto. De ser constatado este extremo polo concello, non será necesario solicitar o informe vinculante da Administración autonómica.

Sección 3ª. Transmisión de títulos habilitantes

Artigo 11. Transmisión inter vivos

1. Os títulos habilitantes para prestar servizos de taxi serán transmisibles, de acordo co establecido no artigo 17 da Lei 4/2013, do 30 de maio. A dita transmisión deberá ser autorizada polas administracións competentes sobre cada un dos títulos habilitantes consonte o procedemento coordinado regulado na sección 1ª deste capítulo.

2. A solicitude de autorización para a transmisión identificará de maneira indubidable a licenza e mais as persoas transmitente e adquirente, e irá subscrita por ambas as dúas. Tamén indicará, cando menos, a marca, o modelo e a matrícula do vehículo ou vehículos previstos para a prestación do servizo.

3. A proposta de resolución que o concello remitirá coa solicitude de informe da Administración autonómica, deberá especificar que se entenden acreditados os seguintes requisitos:

a) Que transcorreu un mínimo de dous anos desde a adquisición pola persoa transmitente da condición de titular da licenza. A limitación temporal indicada non será aplicable no caso de xubilación, falecemento ou declaración de incapacidade para prestar o servizo de taxi, e no previsto no artigo 12.4.

b) Que as persoas transmitente e adquirente están ao día nas súas obrigas tributarias locais e nas relacionadas coa actividade propia do servizo de taxi.

c) Que nin a persoa transmitente nin a adquirente teñen pendentes de cumprimento sancións pecuniarias derivadas do exercicio da actividade como taxista que lles fosen impostas polo concello por resolución administrativa firme.

d) Que a persoa adquirente non superaría, como consecuencia da transmisión, o límite máximo de concentración de licenzas de taxi nunha mesma persoa titular, de acordo co disposto no artigo 9 e concordantes da Lei 4/2013, do 30 de maio, así como que a dita persoa cumpre os requisitos para ser titular da licenza municipal.

e) Que non se impuxo a prohibición de transmisión como medida provisional durante a tramitación dun procedemento de extinción da licenza, nin obsta ningún outro impedimento para a transmisión.

4. O informe vinculante sobre a procedencia de transmitir a autorización interurbana de taxi deberá ser ditado no prazo máximo dun mes desde a súa recepción.

Nese informe a Administración autonómica comprobará especialmente que a persoa adquirente cumpre os requisitos para ser titular de autorización interurbana, así como:

a) Que as persoas transmitente e adquirente estean ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e de seguridade social.

b) Que nin a persoa transmitente nin a adquirente teñan pendentes de cumprimento sancións pecuniarias derivadas do exercicio da actividade como taxista que lles fosen impostas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou polas do Estado ou doutras comunidades autónomas no exercicio da actividade de transporte interurbano por resolución administrativa firme.

c) Que a persoa adquirente non sexa titular de licenzas de taxi noutro concello. 

5. O concello non autorizará a transmisión da licenza de taxi logo de transcorrer o prazo que fixe o informe da Administración autonómica para a súa materialización.

Artigo 12. Transmisión mortis causa

1. No suposto de falecemento da persoa titular, as persoas herdeiras adquirirán os dereitos e as obrigas inherentes aos títulos habilitantes logo da autorización da dita transmisión por parte das administracións competente sobre cada un dos títulos habilitantes consonte o procedemento coordinado regulado na sección 1ª deste capítulo.

De non existiren persoas herdeiras, a licenza e mais a autorización quedarán extinguidas.

2. A solicitude de autorización para a transmisión por causa de falecemento tramitarase de acordo co establecido no artigo anterior, ben que a dita solicitude de autorización será iniciada e subscrita pola persoa ou persoas adquirentes ou as súas representantes. A dita solicitude deberá ir acompañada, ademais, do orixinal ou unha fotocopia compulsada do certificado de defunción da persoa causante, agás no suposto en que a dita certificación poida ser obtida directamente por medios electrónicos pola Administración competente e a persoa interesada non manifeste expresamente a súa negativa á súa obtención de oficio pola propia Administración.

Non obstante, en canto á comprobación de que concorren os requisitos para a transmisión, observaranse as seguintes especialidades:

a) Poderá autorizarse a transmisión aínda en caso de que non transcorresen dous anos desde que a persoa transmitente falecida adquirise a condición de titular.

b) En relación coa persoa transmitente, as obrigas tributarias, coa seguridade social e demais relacionadas coa actividade do taxi, así como as sancións pecuniarias derivadas do exercicio da actividade como taxista que lle fosen impostas por resolución administrativa firme, deberán estar satisfeitas por aquela ou aquelas a quen legalmente lles corresponda por mor do pasamento.

A proposta de resolución que lle corresponde emitir ao concello expedirase en coherencia con estas especialidades.

3. Se a transmisión non puider chegar a autorizarse por non reunir a persoa adquirente os requisitos legalmente exixidos ou por calquera outra causa, os títulos habilitantes quedarán extinguidos. Non obstante, en caso de que a transmisión se produza a favor dunha persoa herdeira forzosa que careza dos requisitos exixidos para ser titular, os ditos títulos quedarán en suspensión por un prazo máximo de dous anos, antes de quedar definitivamente extinguidos en caso de que non se cumpran tales requisitos ou se produza a transmisión a favor dunha persoa terceira.

4. Non obstante o previsto nos números anteriores, en caso de que se constitúa unha comunidade de persoas herdeiras, esta poderá figurar como titular dos títulos habilitantes por un período máximo de dous anos desde o falecemento da persoa causante.

Porén, antes de que conclúa ese período os ditos títulos deberán constar adscritos a nome dunha persoa física, xa sexa membro da comunidade ou non. De non facerse así, os títulos caducarán de maneira automática.

5. Será de aplicación o disposto na disposición transitoria terceira da Lei 4/2013, do 30 de maio, no caso da primeira transmisión mortis causa que se produza logo da súa entrada en vigor.

Artigo 13. Vehículos adscritos aos títulos transmitidos

1. De conformidade co disposto no artigo 17.1 da Lei 4/2013, do 30 de maio, o vehículo a que se refiran os títulos habilitantes transmitidos poderá ser o mesmo a que anteriormente estivesen referidos, cando a nova persoa titular tivese adquirido a disposición sobre tal vehículo, ou un vehículo distinto.

2. En calquera caso, os ditos vehículos deberán reunir as condicións exixidas na sección 2ª do capítulo III.

Sección 4ª. Visado, suspensión e extinción de títulos habilitantes

Artigo 14. Visado e rehabilitación

1. De conformidade co artigo 18 da Lei 4/2013, do 30 de maio, os títulos habilitantes están suxeitos a visado periódico, que se realizará conforme o previsto neste artigo, no referido artigo 18 da Lei 4/2013, do 30 de maio, e na orde prevista neste último.

2. O visado dos títulos habilitantes é a actuación pola cal os órganos competentes constatan de forma periódica que a persoa titular mantén as condicións que orixinariamente xustificaron o seu outorgamento e que constitúen requisitos para a súa validez, así como o pagamento das sancións impostas por resolución que poña fin á vía administrativa e o cumprimento daqueloutros requisitos que, aínda que non fosen exixidos orixinariamente, resulten, así mesmo, de obrigado cumprimento.

3. O visado das autorizacións interurbanas para prestar servizos de taxi será realizado de oficio polo servizo de mobilidade correspondente á provincia en que se sitúa a licenza cunha periodicidade cuatrienal, e pode establecerse mediante orde unha frecuencia maior. Dentro do ano que corresponda, o visado de cada autorización efectuarase de acordo co calendario que para tal fin se determine por resolución da dirección xeral competente en materia de transportes.

Unha vez que a autorización interurbana supere o visado e este se anote no Rexistro de Títulos Habilitantes con indicación do seu período de validez, o concello disporá do prazo dun ano para visar a correspondente licenza municipal, e fará tamén a correspondente anotación no devandito rexistro.

O visado municipal efectuarase de acordo co que para o efecto establezan as ordenanzas, sen prexuízo do que se estableza por orde da persoa titular da consellería competente en materia de transporte. Mentres non se produza aquel desenvolvemento a través das ordenanzas municipais, a persoa titular da licenza deberá presentar no prazo de visado que corresponda, unha declaración responsable en que manifeste, baixo a súa responsabilidade, que cumpre os requisitos establecidos para o exercicio da actividade de taxi para a que a habilita a licenza e que xustificaron o seu outorgamento, que dispón da documentación que así o acredita, que a porá á disposición da Administración cando se lle requira e que se compromete a mantelas ata o próximo visado. O concello realizará a debida anotación no Rexistro de Títulos Habilitantes da presentación desta declaración.

De conformidade co número 3 do artigo 18 da Lei 4/2013, do 30 de maio, mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de transportes regularanse os trámites, a documentación, a periodicidade e os demais requisitos necesarios para o visado dos títulos habilitantes.

4. De acordo co artigo 18.2 da Lei 4/2013, do 30 de maio, a falta de visado en prazo determinará a extinción automática do correspondente título habilitante, sen necesidade dunha declaración da Administración nese sentido. Paralelamente, o non visado da licenza ou da autorización interurbana de taxi comportará automaticamente a extinción do outro título, como consecuencia da vinculación de ambos os títulos prevista no artigo 15 da Lei 4/2013, do 30 de maio.

Non obstante, os títulos así extinguidos poderán ser rehabilitados, no prazo dun ano desde a fin do prazo de visado, prazo no cal continuarán a se computar para efectos de cuantificar o continxente a que se refire o artigo 6.2 da Lei 4/2013, do 30 de maio, salvo renuncia expresa do seu titular á dita rehabilitación. Para tal fin, a persoa interesada terá que solicitar a rehabilitación ante a Administración competente sobre o título que non superou o visado achegando a mesma documentación exixida para este. Unha vez que esta comprobe que se reúnen os requisitos para rehabilitar o título, resolverá en tal sentido e fará a correspondente anotación no rexistro. A rehabilitación do título que non fora visado orixinariamente comportará automaticamente a rehabilitación do outro que causase baixa pola falta de visado do primeiro, agás no caso de que este tampouco se tivese visado en prazo, suposto en que tamén deberá solicitarse e xustificarse a súa rehabilitación.

Artigo 15. Suspensión

1. Os títulos habilitantes poderán ser suspendidos temporalmente, por un período máximo de dous anos, por solicitude da persoa interesada consonte co procedemento establecido neste artigo, ou de oficio pola Administración competente, no caso de transmisións forzosas, cando a persoa adxudicataria careza dos requisitos exixidos para ser titular de acordo co artigo 12.

2. A persoa titular dun título habilitante poderá solicitar a suspensión temporal da súa vixencia en caso de accidente, avaría, enfermidade, incapacidade ou por calquera outra causa xustificada pola que deba deixar de exercer a actividade temporalmente.

3. A solicitude dirixirase ao concello que outorgase a licenza e irá acompañada da documentación precisa para acreditar a causa de suspensión que se alegue, podendo o concello solicitar calquera outra documentación que resulte necesaria para decidir sobre a suspensión e que non estea no seu poder, sen prexuízo do dereito da persoa interesada a non presentar aqueles documentos que xa se atopen en poder das administracións públicas ou teñan sido elaboradas por elas, de acordo cos artigos 53.1.d) e 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Á vista da dita solicitude, o concello outorgará a suspensión ou denegaraa mediante resolución motivada. En calquera caso, non procederá estimar unha solicitude de suspensión ata que transcorra un período de dous anos contados desde a data de finalización do anterior período de suspensión, agás causas de forza maior debidamente acreditadas.

A resolución que se adopte será notificada á persoa interesada e tomarase asento dela no Rexistro de Títulos Habilitantes. A suspensión da licenza implicará a da autorización, polo mesmo período e baixo as mesmas condicións.

4. A suspensión outorgarase polo período mínimo imprescindible para salvar a dificultade que impida prestar o servizo, e, como máximo, por dous anos contados desde a data da resolución en que se estime a solicitude de suspensión, agás no caso de que na data da solicitude xa concorrese a causa en que se funde a dita suspensión, suposto en que se computará desde a data da dita solicitude. En caso de que non resulte posible determinar no momento do outorgamento a duración daquel período, concederase polo prazo máximo indicado.

A suspensión poderá prorrogarse, a pedimento da persoa interesada e por unha soa vez, pola metade do período inicial outorgado e un máximo de tres meses, en caso de que persistan as circunstancias que a motivaron. Non obstante, en ningún caso se poderá superar o prazo máximo de dous anos desde o momento da solicitude inicial de suspensión.

Vencido o prazo de suspensión, a actividade deberá reiniciarse de maneira efectiva no prazo dun mes. Para tal fin, a persoa interesada deberá poñer en coñecemento do concello o dito reinicio. De non retomarse a actividade no prazo indicado, incorrerase en causa determinante da caducidade dos títulos habilitantes.

5. As solicitudes de suspensión entenderanse estimadas se no prazo de tres meses o concello non dita e notifica resolución expresa. Do mesmo xeito, entenderanse estimadas as solicitudes de prórroga se non se dita e notifica a resolución expresa no prazo dun mes, agás que se supere o prazo máximo de dous anos de duración da suspensión previsto no número anterior, caso en que a solicitude de prórroga se entenderá desestimada na súa totalidade.

6. En caso de que, de conformidade co artigo 9 da Lei 4/2013, do 30 de maio, exista unha concentración de licenzas nunha mesma persoa titular, a suspensión regulada neste artigo afectará todas elas, así como as súas respectivas autorizacións interurbanas. Porén, se o motivo de suspensión alegado se refire exclusivamente a algunha ou algunha delas, só esta ou estas serán obxecto de suspensión.

Artigo 16. Medidas de garantía do servizo no caso de suspensión de títulos habilitantes

1. En caso de que, por mor da concesión dunha suspensión temporal, o número de licenzas sufra unha redución superior á terceira parte das existentes no concello de que se trate, este poderá optar entre:

a) Adxudicar unha licenza temporal. Para tal fin, solicitará o correspondente informe vinculante da dirección xeral competente en materia de transportes, quen se pronunciará sobre a procedencia de outorgar, así mesmo, unha autorización interurbana de vixencia temporal.

b) Solicitar da dirección xeral competente en materia de transportes que autorice de maneira transitoria a prestación de servizo no seu termo municipal a persoas titulares de títulos habilitantes correspondentes a outros concellos. Neste caso, garantirase a audiencia destes outros concellos que poidan resultar afectados. Para resolver sobre a autorización destes servizos atenderase, entre outros aspectos, ao continxente dispoñible nos concellos afectados e á distancia entre eles.

2. En todo caso, as medidas de garantía previstas neste artigo estarán vixentes unicamente ata que remate a suspensión temporal que as motivou ou ata que os títulos habilitantes perdan definitivamente a súa vixencia por calquera causa, de producirse tal circunstancia antes do remate do período de suspensión.

Artigo 17. Causas de extinción

1. Os títulos habilitantes para prestar o servizo de taxi extinguiranse polas causas previstas no artigo 12 da Lei 4/2013, do 30 de maio. O procedemento de extinción tramitarase consonte o que para cada suposto prevé este regulamento.

A extinción producirase tamén de xeito automático nos casos previstos no dito texto legal.

2. Os títulos habilitantes tamén se extinguirán no caso de revisión de oficio do acto ou actos de outorgamento deles, nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. A concorrencia de calquera dos supostos anteriores implica a desaparición dos títulos e non só a falta de adscrición a unha persoa titular, de maneira que non poden entenderse vixentes pendentes de outorgamento a unha nova persoa adxudicataria.

4. De conformidade co artigo 15.2 da Lei 4/2013, do 30 de maio, a vinculación entre licenzas de taxi e autorizacións interurbanas de taxi supón que a extinción da licenza de taxi ou da autorización interurbana de taxi dará lugar, respectivamente, á extinción do outro título habilitante a que estea vinculado.

Artigo 18. Renuncia da persoa titular

1. A persoa titular dos títulos habilitantes para prestar servizos de taxi poderá renunciar a estes en calquera momento, mediante comunicación remitida ao concello e/ou á dirección xeral competente en materia de transportes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A renuncia debe ser clara, expresa e incondicionada. En caso de que os títulos se atopasen a nome dunha comunidade de persoas herdeiras, deberá ir subscrita por todas elas ou por representante con poderes abondos para actuar en nome dela.

3. A renuncia á licenza ou á autorización interurbana de taxi implicará necesariamente e de xeito automático a do outro título, mesmo se a comunicación se refería só a un deles.

Para estes efectos, a Administración que reciba a comunicación de renuncia resolverá a extinción do título da súa competencia no prazo dun mes, anotaraa no Rexistro de Títulos Habilitantes e comunicara á Administración competente sobre o outro título habilitante para efectos da realización da anotación que a ela lle corresponde.

Artigo 19. Falecemento da persoa titular

1. De acordo co disposto no artigo 12, o falecemento da persoa titular sen deixar persoas herdeiras determinará a extinción dos títulos habilitantes para prestar servizos de taxi.

2. Para estes efectos, as administracións competentes procederán á baixa dos ditos títulos tan pronto como teñan coñecemento de tal circunstancia, e daranse traslado recíproco desta.

Artigo 20. Caducidade

1. Procederá declarar caducados os títulos habilitantes polas seguintes causas:

a) Incumprimento por parte da persoa titular das condicións que xustificaron o seu outorgamento.

b) Non iniciarse a prestación do servizo unha vez transcorrido o prazo dun mes contado desde a data de vencemento da suspensión outorgada, incluída a prórroga que, se for o caso, se concedese.

c) Falta de dedicación á actividade por parte da persoa titular cando esta lle for exixible de acordo co establecido na Lei 4/2013, do 30 de maio, ou neste regulamento.

d) Obtención, xestión ou explotación dos títulos por calquera forma non prevista na dita lei ou neste regulamento.

e) Permanecer os ditos títulos a nome dunha comunidade de persoas herdeiras máis alá dos límites temporais especificados no artigo 17.2 da Lei 4/2013, do 30 de maio, e no artigo 12.4 deste regulamento.

f) Imposición da sanción de caducidade en caso de cometer unha infracción moi grave, de acordo co previsto no artigo 63.1 da Lei 4/2013, do 30 de maio.

2. A declaración de caducidade efectuarase logo de tramitar o oportuno procedemento, que se axustará ao previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e no cal se garantirá, en todo caso, a audiencia das persoas interesadas. No suposto de caducidade previsto na letra f) do número anterior, esta tramitación e o trámite de audiencia estimarase realizada coa do correspondente procedemento sancionador, polo que a declaración de caducidade será declarada na propia resolución do referido expediente sancionador.

O procedemento poderá ser incoado polo concello ou polo servizo de mobilidade que corresponda. Unha vez concluído aquel coa declaración de caducidade do título, inscribirase a baixa no Rexistro de Títulos Habilitantes e daráselle traslado á outra Administración para que proceda a declarar tamén a caducidade do título da súa competencia, que será automática en virtude do disposto no artigo 15.2 da Lei 4/2013, do 30 de maio.

3. En todo caso, a extinción da licenza ou da autorización interurbana inscribirase no Rexistro de Títulos Habilitantes e implicará de maneira automática a extinción do outro título a que estea vinculado de conformidade co artigo 15.2 da Lei 4/2013, do 30 de maio.

Artigo 21. Revogación

1. Os títulos habilitantes para prestar servizos de taxis poderán ser revogados polas administracións competentes para o seu outorgamento, nos casos previstos no artigo 12.3 da Lei 4/2013, do 30 de maio.

2. O procedemento de revogación iniciarase por acordo conxunto do concello e mais da dirección xeral competente en materia de transportes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, por iniciativa de calquera deles.

O dito acordo estará fundamentado nun estudo detallado que abranguerá os seguintes aspectos:

a) Motivos de interese público que aconsellen reducir o número de títulos.

b) Valor de mercado dos ditos títulos e parámetros obxectivos de acordo cos cales se determina aquel.

c) Indemnización que, se for o caso, corresponde recoñecer á persoa titular dos títulos por mor da revogación.

d) Reparto da responsabilidade de aboamento da dita indemnización entre ambas as dúas administracións, e criterios consonte os cales se determina aquel.

3. Na tramitación seguirase o previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, dando, en todo caso, audiencia ás persoas interesadas. Igualmente, someterase a informe da Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo do Consello Galego de Transportes.

Á vista das ditas alegacións e mais do que resulte da tramitación do procedemento, poderán realizarse as modificacións oportunas no estudo a que se refire o número anterior, antes de efectuar a correspondente proposta de resolución. Ditada a resolución de revogación, notificarase á persoa titular e inscribirase no Rexistro de Títulos Habilitantes.

Artigo 22. Medidas provisionais en caso de extinción

1. Mentres se tramitan os procedementos previstos nos artigos anteriores para a extinción dos títulos habilitantes, os órganos que os incoasen poderán adoptar, mediante resolución motivada, a medida provisional de prohibir a transmisión do correspondente título ou calquera outra que se considere adecuada para asegurar a eficacia da resolución que puider recaer. Para tal efecto, observarase o disposto no artigo 56 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. No suposto de tramitación dun procedemento de revogación, os títulos habilitantes afectados conservarán a súa vixencia, sen prexuízo de que, nos termos previstos no artigo 56 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se acorde motivadamente a suspensión temporal da actividade.

3. Das medidas provisionais que se adopten tomarase asento no Rexistro de Títulos Habilitantes.

Sección 5ª. Rexistro de Títulos Habilitantes

Artigo 23. Rexistro de Títulos Habilitantes

1. O Rexistro de Títulos Habilitantes, recollido no artigo 19 da Lei 4/2013, do 30 de maio, é o instrumento para a inscrición e constancia unificada da información relativa ás licenzas de taxi e ás autorizacións interurbanas de taxi existentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Por orde da persoa titular da consellería competente en materia de transportes da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia regularase a organización, finalidades, estrutura, contido e funcionamento do Rexistro de Títulos Habilitantes, e poderá determinarse a súa aplicación á actividade de arrendamento de vehículos con condutor e as condicións desta. O dito rexistro quedará adscrito á dirección xeral competente en materia de transportes.

3. As comunicacións entre as administracións e as persoas inscritas ou que participen en procedementos que dean lugar á súa inscrición no Rexistro, relacionados con procedementos previstos na Lei 4/2013, do 30 de maio, ou nas normas ou disposicións ditadas para a súa execución e desenvolvemento, efectuarase exclusivamente por medios electrónicos.

CAPÍTULO III

Réxime xurídico de exercicio da actividade de taxi

Sección 1ª. Dereitos e deberes

Artigo 24. Dereitos das persoas usuarias

Ademais daqueles que lles son recoñecidos polo artigo 42 da Lei 4/2013, do 30 de maio, as persoas usuarias de servizos de taxi terán os seguintes dereitos:

a) A ser informados polas administracións públicas competentes das condicións en que deben prestarse os servizos de transporte en taxi obxecto da antedita lei e deste regulamento.

b) A exixir da persoa condutora e mais, se for o caso, da persoa titular da licenza e da autorización interurbana o cumprimento de todas as obrigas vinculadas á prestación dos ditos servizos, de acordo coa normativa de aplicación.

c) Con carácter xeral, a que a persoa condutora observe a máxima dilixencia na condución do vehículo e no trato coas persoas ocupantes del, e demais ocupantes da vía pública, para o mellor cumprimento do réxime de prestación dos servizos.

d) A recibir da persoa condutora, se así llo demanda, xustificación escrita das causas da negativa a prestar o servizo, de acordo co disposto no artigo 26.

e) A decidir sobre o funcionamento do aire acondicionado ou calefacción no vehículo, de acordo co que para tal efecto poidan establecer as ordenanzas municipais.

f) Obter axuda da persoa condutora sempre que se necesite, tanto para subir e baixar do vehículo coma para cargar e descargar equipaxes ou aparellos necesarios para o desprazamento da persoa usuaria, tales como cadeiras de rodas ou carros infantís.

g) O transporte das súas equipaxes ou pertenzas, podendo portar gratuitamente no maleteiro do vehículo un vulto de equipaxe ou pertenza por persoa usuaria, coa limitación da capacidade do dito maleteiro. As ditas equipaxes ou pertenzas non poderán supor risco para a integridade das persoas ou do vehículo nin causar danos no seu interior, agás no caso de animais de axuda ou auxilio a persoas cegas, con discapacidade visual ou con mobilidade reducida.

h) A decidir que se apague ou baixe o volume da radio ou de calquera outro aparello de reprodución, agás o aparello de comunicación de radiotaxi ou equivalente.

i) A que se lle facilite o cambio de moeda ata o importe de 50 euros ou, se for o caso, o que determine a consellería competente en materia de transporte en vehículos de turismo na determinación da estrutura harmonizada das tarifas de taxi que prevé o artigo 40.2 da Lei 4/2013, do 30 de maio.

Artigo 25. Deberes das persoas usuarias

As persoas usuarias de servizos de taxi, ademais das obrigas previstas con carácter xeral na normativa vixente e das recollidas no artigo 43 da Lei 4/2013, do 30 de maio, terán os seguintes deberes:

a) Non subir nin baixar do vehículo cando estea este en movemento.

b) Non manter actitudes que poidan resultar molestas ou ofensivas para a persoa condutora.

Artigo 26. Dereitos das persoas profesionais do taxi

As persoas que se dediquen profesionalmente á actividade do taxi, xa sexan as persoas titulares dos títulos habilitantes ou persoas condutoras asalariadas, gozarán dos seguintes dereitos:

a) A negarse a prestar o servizo cando sexa solicitado para fins que se presuman racionalmente como ilícitos ou cando concorran circunstancias especiais de risco para a seguridade ou integridade física das persoas ou do vehículo.

Entenderase que se dan as indicadas circunstancias de risco para a seguridade ou integridade física das persoas ou do vehículo cando calquera das persoas viaxeiras se atope en estado de manifesta embriaguez ou intoxicación por estupefacientes, ou cando a natureza e carácter dos vultos, equipaxes, utensilios, indumentaria ou animais que as persoas viaxeiras leven consigo poidan supoñer risco, deteriorar ou causar danos no interior do vehículo, salvo que se trate de animais ou utensilios de axuda ou auxilio a persoas cegas ou con mobilidade reducida.

Considerarase que concorren as circunstancias de falta de licitude da finalidade do servizo cando exista unha reiterada demanda telefónica ou telemática de servizos que despois sexan abandonados sen pagamento e sen causa xustificada, ou o coñecemento fidedigno por parte da persoa profesional do taxi ou condutora do reiterado uso do servizo e posterior falta de pagamento deste por parte da persoa viaxeira que o demande, logo da prestación do servizo. Para estes efectos, considerarase que existe reiteración cando se produza o mesmo feito ao mesmo condutor ou a distintos condutores dúas ou máis veces no prazo dun ano, correspondendo á persoa profesional do taxi a proba destes incumprimentos.

b) A que as persoas usuarias non suban nin baixen do vehículo cando este estea en movemento, e a que non manteñan actitudes que poidan resultar molestas ou ofensivas para a persoa condutora.

Artigo 27. Deberes das persoas profesionais do taxi

As persoas que se dediquen profesionalmente á actividade do taxi, xa sexan as persoas titulares dos títulos habilitantes ou persoas condutoras asalariadas, terán as seguintes obrigas en relación coa prestación do servizo:

a) Prestar o servizo que se lles demande, sempre que o vehículo estea en situación de libre e a solicitude se realice cumprindo as obrigas que corresponden ás persoas usuarias consonte o disposto na Lei 4/2013, do 30 de maio, e neste regulamento.

b) Con carácter xeral, estar dispoñible para prestar o servizo na parada correspondente, de acordo co que dispoñan as ordenanzas municipais.

c) Non transportar un número de persoas viaxeiras superior ao das prazas autorizadas na licenza ou autorización.

d) Observar a máxima dilixencia no desenvolvemento da actividade de condución do vehículo e demais prestacións vinculadas co exercicio da actividade de taxi.

e) Cobrar os servizos de acordo co réxime tarifario oficialmente establecido.

f) Observar un comportamento correcto e non discriminatorio coas persoas usuarias.

g) Exhibir de forma visible no interior do vehículo o número de licenza de taxi, así como as tarifas aplicables aos servizos.

h) Coidar o seu aspecto persoal e vestir axeitadamente durante o seu horario de prestación do servizo público a que está adscrito o taxi, con observancia das regras que, se for o caso, estableza ao respecto a ordenanza municipal de aplicación.

i) Pór á disposición das persoas usuarias do servizo e daqueloutras que así llo soliciten as correspondentes follas de queixas e reclamacións, de acordo co previsto na normativa vixente.

l) Informar as persoas usuarias da existencia das follas de queixas e reclamacións.

m) Acender as luces interiores do vehículo durante a noite para facilitar o ascenso e descenso das persoas usuarias e mais o pagamento.

n) Dar conta ao concello da aparición de obxectos abandonados no vehículo logo da prestación dun servizo, proporcionando o maior número de datos posibles que permitan identificar a persoa propietaria.

ñ) En xeral, todas as obrigas que lle corresponden de acordo coa Lei 4/2013, do 30 de maio, e con este regulamento para prestar o servizo, e, en particular, para garantir os dereitos recoñecidos ás persoas usuarias no artigo 42 da dita lei e no artigo 24 deste regulamento.

Sección 2ª. Vehículos

Artigo 28. Vehículos aptos para prestar o servizo

1. A prestación de servizos de taxi só poderá levarse a cabo mediante vehículos que reúnan as condicións previstas na Lei 4/2013, do 30 de maio, e neste regulamento.

2. Os vehículos deberán estar debidamente matriculados e habilitados para circular, e ter ao día a última inspección técnica periódica que legalmente lles corresponda.

3. Os vehículos dedicados á prestación de servizos de taxi deberán estar adscritos a unha licenza e autorización interurbana en vigor, e a persoa titular destas deberá de dispoñer dun título xuridicamente válido que lle permita a súa utilización en forma suficiente para a axeitada prestación do servizo.

4. O número de prazas dos vehículos destinados ao servizo de taxi deberá axustarse ao disposto no artigo 25 da Lei 4/2013, do 30 de maio. Para o cómputo desas prazas, ademais da correspondente á persoa condutora, só se terán en conta aquelas que resulten aptas para que as utilice calquera persoa usuaria. Quedarán, deste xeito, excluídas aquelas que teñan unhas dimensións reducidas en relación co resto de prazas do vehículo.

Artigo 29. Características dos vehículos

1. Os vehículos destinados a prestar servizos de taxi deberán estar clasificados na súa tarxeta de inspección técnica no grupo axeitado para tal fin, e reunirán, en todo caso, as seguintes características mínimas:

a) Dimensións mínimas e características do interior do vehículo e dos asentos que sexan precisas para proporcionarlle ás persoas usuarias a seguridade e comodidade propias deste tipo de servizo. Deberán contar cun mínimo de catro portas e unha capacidade de maleteiro non inferior a 330 litros, a cal se deberá alcanzar coa configuración de asentos e prazas máximas que teña autorizada nos títulos habilitantes; no caso de taxis adaptados, atenderase á configuración propia dos vehículos desta tipoloxía.

Para os efectos do artigo 25.3 da Lei 4/2013, do 30 de maio, entenderase que o maleteiro é totalmente independente e diferenciado cando estea separado do habitáculo destinado a transportar a pasaxe por elementos físicos fixos, xa sexan permanentes ou removibles, que impidan o corremento de vultos entre ambos os dous durante a marcha.

Non obstante o anterior, para o cómputo da capacidade do maleteiro terase en conta aquela que figure como oficial na ficha técnica ou que sexa certificada expresamente polo concesionario oficial para a configuración de asentos e prazas máximas que teña autorizados nos títulos habilitantes, ou aquela que expresamente certifique ou informe o fabricante ou concesionario oficial, tomando como base da dita medición o espazo comprendido entre o respaldo da última fila de asentos, os repousacabezas da dita fila e a porta traseira do vehículo.

Na certificación ou informe emitido polo fabricante ou concesionario oficial, deberá facerse constar que todas as prazas son aptas para que as utilicen as persoas usuarias do servizo e que ningunha delas ten dimensións reducidas en relación co resto das prazas.

b) Dispositivos de calefacción e aire acondicionado en correcto estado de funcionamento.

c) Pintura, distintivos e equipamentos que sexan exixidos regulamentariamente para unificar a imaxe do servizo de taxi na comunidade autónoma, así como, na súa falta, na licenza.

d) Placa de servizo público, ou «SP», visible, que irá instalada na parte dianteira e traseira dos vehículos.

e) Demais características, incluídas as relativas á accesibilidade, condicións de limpeza ou instalación de dispositivos de seguranza ou de comunicación que o órgano competente regule nas súas ordenanzas e que vaian dirixidas a garantir unha axeitada prestación do servizo.

2. Os vehículos non poderán ter unha antigüidade superior a dous anos, contados desde a súa primeira matriculación, no momento de adscribírense aos títulos habilitantes, agás no suposto de transmisión ou cando con antelación xa estivesen adscritos a outros titulos habilitantes.

Así mesmo, os vehículos adscritos aos títulos habilitantes non poderán ter unha antigüidade superior a doce anos, contados desde a súa primeira matriculación, para concellos de ata 20.000 habitantes ou para aqueles vehículos que teñan a condición de adaptados, ou a dez, computados do mesmo xeito, para concellos de máis de 20.000 habitantes. En caso de que o vehículo acade as ditas antigüidades sen ser substituído por outro, declararase a caducidade dos correspondentes títulos habilitantes.

No caso de substitución, o novo vehículo deberá ter unha antigüidade inferior á do vehículo substituído, e ter en todo caso menos de 4 anos.

3. Os vehículos de máis de 7 prazas que, de conformidade co artigo 25.2 da Lei 4/2013, do 30 de maio, se autoricen a partir da aprobación deste regulamento, deberán incorporar unha praza para o traslado de persoas en cadeira de rodas.

Artigo 30. Taxímetro e indicadores externos

1. Os vehículos que presten servizos de taxi deberán estar equipados cun aparello taxímetro e un módulo indicador, nos supostos e coas condicións que prevé o artigo 41 da Lei 4/2013, do 30 de maio.

2. O taxímetro estará situado de forma que resulte visible para as persoas usuarias e para os servizos de inspección. Para tal efecto, deberá indicar, como mínimo, o prezo do transporte, e estará iluminado cando se encontre en funcionamento. O taxímetro deberá permitir a aplicación das tarifas vixentes aplicables ao servizo e, no caso dos taxímetros instalados a partir do 14 de xullo de 2013, contará cun terminal que posibilite a emisión de recibos.

Así mesmo, o taxímetro deberá estar homologado e será sometido ao control metrolóxico establecido na normativa sectorial de aplicación.

3. O módulo indicador deberá ser luminoso, e irá colocado na parte dianteira do teito do vehículo. Estará destinado a indicar no exterior a tarifa que estea seleccionada no taxímetro, polo que deberá estar debidamente conectado con este.

O módulo informará, así mesmo, da dispoñibilidade do vehículo para prestar o servizo; para este efecto, indicará cunha luz verde a posición de libre.

Artigo 31. Substitución de vehículos

1. As persoas titulares de títulos habilitantes para prestar o servizo de taxi poderán substituír o vehículo adscrito a estes, seguindo para tal fin o procedemento coordinado previsto na sección 1ª do capítulo II.

2. A solicitude de substitución identificará con claridade o número de licenza e de autorización interurbana, o vehículo orixinal e mais o substituto. A solicitude deberá ir acompañada, ademais, da documentación precisa para acreditar que o novo vehículo cumpre cos requisitos necesarios para adscribirse aos títulos habilitantes para prestar o servizo, sen prexuízo do dereito da persoa interesada a non presentar aqueles documentos que xa se atopen en poder das administracións públicas ou teñan sido elaboradas por elas, de acordo cos artigos 53.1.d) e 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Para que a substitución poida ser autorizada, ademais de cumprir co resto de requisitos establecidos para poder adscribirse ao servizo, o vehículo substituto debe ser máis novo que o substituído, atendendo á data da súa primeira matriculación, e non superar as antigüidades máximas establecidas no artigo 29.2.

Artigo 32. Modificación das características dos vehículos

1. En caso de que o vehículo adscrito aos títulos habilitantes para prestar servizos de taxi sufra modificacións substanciais nas súas características, deberá autorizarse a continuidade da vixencia da súa adscrición aos correspondentes títulos habilitantes. Para tales efectos, terán a consideración de modificacións substanciais das características do vehículo aquelas que afecten o seu peso máximo autorizado, a súa capacidade de carga, o número de prazas, ou outras relacionadas directamente coa prestación e calidade do servizo público que fosen tidas en consideración no momento da súa adscrición inicial.

2. Para tal fin, a persoa titular dirixirá a correspondente solicitude ao concello correspondente, indicando con claridade a modificación operada e xuntando a documentación que a xustifique, sen prexuízo do dereito da persoa interesada a non presentar aqueles documentos que xa se atopen en poder das administracións públicas ou teñan sido elaboradas por elas, de acordo cos artigos 53.1.d) e 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Esta solicitude será tramitada de acordo co procedemento coordinado previsto na sección 1ª do capítulo II.

Artigo 33. Imaxe dos vehículos

1. A cor e os distintivos que permitan identificar os vehículos a que se atopan referidos os títulos habilitantes para prestar servizos de taxi terán as características que para o efecto establezan os correspondentes concellos. O anterior entenderase sen prexuízo da obriga de respectar a imaxe unificada que para os servizos de taxi da Comunidade Autónoma poida establecerse regulamentariamente.

2. Non obstante, e de acordo co que dispón o artigo 27.1 da Lei 4/2013, do 30 de maio, faranse constar en todo caso no exterior do vehículo os signos distintivos do concello de adscrición e o número de licenza de taxi a que se encontre afecto, así como unha placa co dito número no interior do vehículo. Estes distintivos terán as dimensións e cores que estableza o concello, pero deberán ser, en calquera caso, claramente visibles e identificables.

Artigo 34. Documentación a bordo do vehículo

1. Durante a realización dos servizos de taxi deberán levarse a bordo do vehículo os seguintes documentos:

a) A copia da licenza e da autorización interurbana que habiliten para prestar o servizo, referidos ao vehículo de que se trate.

b) O permiso de circulación do vehículo, a súa ficha de características e a xustificación de que superou a inspección técnica (ITV) correspondente.

c) A póliza do seguro de circulación do vehículo.

d) O permiso de conducir da persoa condutora do vehículo.

e) O certificado de aptitude profesional da persoa condutora, en caso de que sexa exixible.

f) As follas de queixas e reclamacións axustadas á normativa vixente.

g) Un exemplar da Lei 4/2013, do 30 de maio, deste regulamento e, se for o caso, da ordenanza municipal reguladora do servizo.

h) Os enderezos e localizacións de centros sanitarios, comisarías de policía, bombeiros/as e demais servizos de urxencia ou, na súa falta, navegador que as recolla.

i) Un plano e rueiro da localidade de adscrición da licenza, cando estea dispoñible, ou, na súa falta, un navegador actualizado.

l) Un exemplar oficial da tarifa vixente, que deberá estar tamén á disposición das persoas usuarias en formato braille.

m) Unha copia do contrato de traballo da persoa condutora asalariada, se for o caso, e último TC2 ou documento que o substitúa.

n) A acreditación da verificación do taxímetro.

ñ) O contrato subscrito entre as partes para o caso de concertación previa con toma de persoas viaxeiras fóra do termo municipal correspondente, no suposto do artigo 43.2.

2. A relación de documentos prevista no número anterior poderá ser modificada por orde da persoa titular da consellería competente en materia de transportes. Igualmente, por resolución da persoa titular da dirección xeral competente en materia de transporte poderá actualizarse a dita relación, a fin de introducir as adaptacións derivadas da evolución da técnica ou de cambios normativos dos cales se derive a supresión ou transformación dos formatos ou tipoloxía dos documentos indicados no número un. A dita dirección xeral garantirá a publicidade da indicada relación actualizada.

3. No interior do vehículo, en lugar visible para todas as persoas ocupantes, deberá levarse, ademais, un impreso en que figure o correspondente cadro de tarifas urbanas e interurbanas, con indicación de todos os suplementos, tarifas especiais e tarifas fixas que proceda aplicar, en especial con ocasión de traslados a aeroportos, portos e outros, así como da celebración de feiras e festas. O devandito cadro deberá axustarse ao modelo oficial que, se for ocaso, sexa aprobado polo concello.

Artigo 35. Taxis adaptados

1. Consonte o previsto no artigo 38 da Lei 4/2013, do 30 de maio, os concellos promoverán o acceso ao servizo do taxi do conxunto de persoas usuarias e, en particular, a incorporación do vehículo adaptado para persoas usuarias con mobilidade reducida e en cadeira de rodas, de acordo co establecido na normativa vixente.

2. Os concellos ou, de ser o caso, as entidades competentes nas áreas territoriais de prestación conxunta deberán establecer nas disposicións oportunas os criterios para a coordinación dos horarios en que prestarán servizo os vehículos adaptados, e fixarán os criterios para o establecemento dun calendario semanal de dispoñibilidade destes vehículos. Será obxectivo desta normativa a consecución da dispoñibilidade de taxis adaptados para a prestación de servizo as 24 horas do día e os sete días da semana, sen prexuízo dos dereitos laborais dos traballadores.

3. As persoas condutoras que presten o servizo do taxi axudarán a subir e baixar do vehículo ás persoas con mobilidade reducida, a empregar os sistemas de retención, se for o caso, e a cargar no espazo do vehículo destinado para tal efecto os elementos que aquelas poidan necesitar para se desprazaren.

Estas persoas poderán ir acompañadas de cans guía ou de asistencia sen que iso supoña incremento do prezo do servizo.

Sección 3ª. Persoas condutoras e persoal asalariado

Artigo 36. Persoas condutoras

1. Durante a prestación do servizo público de taxi, os vehículos deberán ser conducidos por unha única persoa condutora, xa sexa esta a titular da licenza e autorización interurbana ou outra que fose contratada laboralmente por esta para tal fin, de acordo co previsto no artigo seguinte.

2. En todo caso, a persoa condutora deberá reunir, no momento de prestar o servizo, os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión e ter vixente o permiso de condución suficiente expedido polo órgano competente en materia de tráfico e seguridade viaria.

b) Dispoñer de certificado de aptitude profesional vixente para o exercicio da actividade de acordo co previsto neste regulamento.

c) Figurar dada de alta e ao día no pagamento no réxime correspondente da Seguridade Social.

Artigo 37. Persoal asalariado

1. A persoa titular dunha licenza e autorización interurbana de taxi deberá prestar o servizo persoalmente realizando labores de condución. En caso de ser titular de varios deses títulos, deberá estar adscrito á prestación persoal do servizo nun deles.

2. Non obstante o anterior, a persoa titular poderá contratar persoas condutoras asalariadas para prestar o servizo naquelas horas en que non a realice ela directamente. Estas persoas asalariadas deberán estar contratadas en réxime laboral, figurando a xornada completa e con dedicación exclusiva, ou estar incluídas no réxime de persoal autónomo colaborador, de acordo coa lexislación laboral.

Consonte o disposto no artigo 20 da Lei 4/2013, do 30 de maio, cada licenza de taxi e autorización interurbana de taxi en ningún caso poderá ter adscritas máis de dúas persoas condutoras. Unha delas terá que ser a persoa titular, agás no suposto de que sexa titular de máis dun título habilitante, respecto do segundo e, se for o caso, terceiro deles, así como no caso de que estea exenta de prestar persoalmente o servizo de conformidade coa disposición transitoria terceira da dita lei, casos estes en que será posible a contratación de ata dúas persoas condutoras asalariadas.

Sen prexuízo do indicado, nos supostos de baixa médica por enfermidade ou declaración de incapacidade permanente revisable, por un período superior a 60 días e polo tempo que estas duren, poderase substituír a persoa condutora asalariada afectada, por un período igual ao da correspondente baixa ou declaración.

3. Unha persoa condutora, xa sexa titular ou asalariada, adscrita a unha licenza e autorización interurbana de taxi, non poderá conducir un vehículo distinto do correspondente aos ditos títulos, aínda que ambos os dous estean a nome dun mesmo titular.

4. A adscrición dunha persoa condutora asalariada a un título habilitante deberá ser autorizada polo concello a que estea adscrita a licenza, logo de solicitude para o efecto formulada pola persoa titular. O concello verificará que a persoa contratada reúne os requisitos precisos para realizar os servizos, e, logo da súa autorización, inscribiraa a seguir na sección correspondente do Rexistro de Títulos Habilitantes para prestar servizos de taxi.

5. As administracións competentes poderán promover a introdución de medidas de acción positiva para fomentar a presenza de mulleres entre as persoas condutoras.

Artigo 38. Capacitación profesional de persoas condutoras

1. A capacitación profesional para prestar servizos de taxi como persoa condutora virá acreditada polo correspondente certificado de aptitude profesional expedido polos concellos.

2. O certificado de aptitude profesional expedido por un concello habilita exclusivamente para prestar servizos de taxi con vehículos adscritos a títulos habilitantes correspondentes ao dito municipio, sen prexuízo da posibilidade de saír do termo municipal para prestar servizos interurbanos nos termos legalmente previstos.

3. Para obter o certificado de aptitude profesional, os concellos convocarán as correspondentes probas, que se axustarán aos principios de mérito, capacidade, igualdade e publicidade. As ditas probas rexeranse en canto ao seu contido e forma pola normativa que para o efecto dite cada concello; porén, garantirase en todo caso que a través delas se acredite:

a) Coñecer perfectamente o municipio e os seus arredores, as súas vías públicas e a rede de estradas da comunidade autónoma, os lugares de interese turístico, oficinas públicas, centros sanitarios, dependencias oficiais e hoteis principais, así como os accesos e itinerarios máis directos para chegar a eles e a calquera punto do termo municipal.

b) Coñecer as normas relativas ao servizo, así como as tarifas vixentes.

c) Posuír coñecementos contables e fiscais básicos sobre a actividade do transporte de persoas viaxeiras en vehículos de turismo.

d) A competencia no uso das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Ter os coñecementos oportunos para atender debidamente as persoas usuarias en xeral e, en particular, aquelas que teñan mobilidade reducida ou que presenten algunha discapacidade física ou psíquica, limitacións sensoriais ou que sexan mulleres xestantes.

f) Posuír coñecementos básicos de primeiros auxilios.

Non obstante o anterior, a normativa reguladora de cada concello poderá recoñecer como acreditados aqueles coñecementos que xa fosen demostrados pola persoa aspirante nas probas de capacitación profesional que superase noutros concellos.

4. O certificado de aptitude profesional para prestar servizos de taxi perderá a súa vixencia nos termos que estableza a correspondente ordenanza.

5. Sen prexuízo do disposto neste artigo, a consellería competente en materia de transportes, oída a Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo do Consello Galego de Transportes, poderá establecer, mediante orde, un réxime de capacitación profesional para ser titular dos títulos habilitantes para prestar servizos de taxi, complementario do indicado certificado de aptitude profesional, tal e como establece a disposición adicional primeira da Lei 4/2013, do 30 de maio.

Sección 4ª. Condicións de contratación e prestación do servizo

Artigo 39. Condicións de contratación do servizo

1. Con carácter xeral, a contratación do servizo de taxi farase pola capacidade total do vehículo, entendendo por tal o total de prazas autorizadas de que dispoña o vehículo para o transporte de persoas e os vultos con que viaxen.

O anterior entenderase sen prexuízo de que varias persoas compartan o vehículo, se así o acordan.

2. Excepcionalmente, as administracións competentes poderán contratar coas persoas titulares de títulos habilitantes para desenvolver a actividade de taxi a prestación de servizos de transporte público regular de uso xeral, con suxeición á normativa xeral vixente para licitar e adxudicar este tipo de servizos.

O contrato deberá detallar, como mínimo, a ruta ou rutas que se seguirán, con expresión dos tráficos que se van realizar, os puntos de orixe e destino e paradas, así como o calendario e horario de prestación e as tarifas aplicables. O anterior entenderase sen prexuízo de que a ruta ou rutas que se van seguir se poidan establecer mediante un sistema zonal ou á demanda.

Neste tipo de servizos poderá preverse o cobramento individual por praza e mais a prestación á demanda das persoas usuarias, de acordo co que se estableza no correspondente contrato.

Igualmente, nos termos da disposición adicional segunda da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, os taxis poderán prestar servizos públicos regulares de viaxeiros por estrada de uso xeral en réxime de subcontratación.

3. As ordenanzas municipais poderán establecer un réxime de autorización municipal para prestar servizos de taxi a varias persoas usuarias con cobramento individual por praza, en zonas de baixa densidade de poboación, débil tráfico ou sen as mínimas adaptacións en materia de accesibilidade.

Igualmente, nos termos da disposición adicional segunda da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, os taxis poderán prestar servizos públicos regulares de uso xeral de viaxeiros por estrada en réxime de subcontratación.

En todo caso, a realización do servizo baixo esta modalidade debe supoñer para as persoas usuarias unha redución do prezo que lles correspondería pagar de facer viaxe individualmente cada unha delas.

Por orde da consellería competente en materia de transportes da Xunta de Galicia poderán concretarse os termos en que, en zonas de baixa accesibilidade e tráfico débil, poderá autorizarse o cobramento individual por praza en servizos interurbanos, logo de analizar a cobertura territorial ou temporal das necesidades de mobilidade da poboación en servizos públicos de transporte regular de uso xeral.

4. Só poderá ser autorizado pola Administración competente a prestación de servizos de transporte regular de uso especial en vehículos de turismo cando se dea algún dos seguintes supostos:

a) Cando os grupos homoxéneos e específicos de persoas usuarias que vaian servir teñan un único centro concreto de actividade común en que o transporte teña a súa orixe ou destino.

b) Aínda existindo varios centros de actividade nos cales o transporte teña a súa orixe ou destino, cando polo seu carácter de establecementos da mesma persoa titular ou de similar actividade, unido, se for o caso, á inmediata proximidade xeográfica ou a outras circunstancias concorrentes, quede en todo caso garantido que van servir un grupo homoxéneo e específico de persoas usuarias, cualitativamente diferentes dos servizos de uso xeral.

En todo caso, requiriranse as autorizacións previstas con carácter xeral para prestar este tipo de transporte e, de realizarse transporte escolar ou de menores, deberanse cumprir todos aqueles requisitos que sexan preceptivos conforme as normas que regulan a seguridade dos devanditos transportes.

Artigo 40. Desenvolvemento do servizo

1. A persoa transportista non poderá negarse a prestar o servizo requirido pola persoa usuaria, coas excepcións previstas na Lei 4/2013, do 30 de maio, e neste regulamento.

2. A persoa transportista non poderá transportar un número de persoas viaxeiras superior ao de prazas autorizadas nos correspondentes títulos habilitantes.

3. Para chegar ao destino sinalado pola persoa ou persoas usuarias, a persoa condutora deberá seguir o itinerario máis directo, entendido como o previsiblemente máis curto, tendo en conta tanto a distancia por percorrer como o tempo estimado de duración do servizo, segundo as condicións de saturación da circulación, a menos que aquelas expresasen a súa vontade de realizar outro itinerario. Non obstante, naqueles casos en que, por causa xustificada de perigo para a persoa condutora ou danos para o vehículo de turismo non sexa posible ou conveniente seguir o itinerario máis directo, poderá escoller outro alternativo, informando a persoa ou persoas usuarias deste feito e dos seus motivos.

Artigo 41. Inicio do servizo e posta en marcha do taxímetro

1. Os servizos de transporte interurbano deberán iniciarse no termo do concello a que corresponda a licenza de transporte urbano adscrita ao vehículo que o preste, salvo no caso de contratación ou reserva previa recollido no artigo 33 da Lei 4/2013, do 30 de maio. Para tal efecto, entenderase que a orixe ou inicio do transporte se produce no lugar en que son recollidas as persoas pasaxeiras de maneira efectiva.

2. Sen prexuízo do anterior, mediante resolución da dirección xeral competente en materia de transportes poderase autorizar que vehículos adscritos a licenzas dun concello inicien servizos noutro, no suposto previsto no artigo 36 da Lei 4/2013, do 30 de maio.

Así mesmo, a dita dirección xeral poderá autorizar, de oficio ou por instancia dos concellos afectados, a recollida de persoas viaxeiras naqueles municipios que non dispoñan de licenzas en explotación e nos cales non se considere necesario o seu outorgamento atendendo ás súas especiais características ou ao seu reducido número de poboación. A dita autorización farase a favor de persoas titulares de títulos habilitantes en concellos próximos.

O previsto neste número entenderase sen prexuízo dos supostos de contratación ou reserva previa do servizo, nos termos regulados no artigo 33 da Lei 4/2013, do 30 de maio.

3. O aparello taxímetro entrará en funcionamento ao baixar a bandeira ou elemento electrónico que a substitúa, no momento de acceso da persoa ou persoas usuarias ao vehículo. En ningún caso a realización de paradas intermedias suporá o reinicio do taxímetro ao retomarse o servizo; non obstante, polo tempo de espera o transportista terá dereito ás percepcións que se poidan prever na tarifa aplicable para tal circunstancia.

Non obstante, nos supostos de contratación por mediación de centrais de radiotaxi ou outros sistemas telemáticos equivalentes, ou a través dos teléfonos situados nas paradas de taxi do concello en que estea residenciada a licenza, o servizo considerarase iniciado no lugar e no momento en que o vehículo recibe o encargo de prestar o servizo. En todo caso, o importe máximo do taxímetro no momento da recollida efectiva da persoa usuaria non poderá superar o importe correspondente ao mínimo establecido para o inicio do servizo.

Nos servizos contratados mediante concertación previa aos cales resulte de aplicación un importe fixo, no aparello taxímetro deberá constar a tarifa cero.

4. Ao chegar ao lugar do destino, a persoa condutora deberá poñer o contador en punto morto e, cumprido este requisito, indicará á persoa ou persoas usuarias o importe do servizo; en caso de que lle sexa requirido, entregaralles o recibo correspondente á viaxe realizada.

5. A persoa condutora deberá deter o funcionamento do aparello taxímetro no caso de que, durante o servizo, se produza calquera accidente ou avaría que o interrompa. Se non resulta posible continuar o servizo, o importe que satisfará a persoa usuaria non será superior á cantidade que marque o aparello taxímetro ata o momento do accidente ou avaría.

Artigo 42. Facultades dos concellos en relación coa prestación do servizo

1. Os concellos, logo de informe das asociacións profesionais representativas do sector do taxi e das organizacións das persoas usuarias e consumidoras representativas no seu territorio, poderán establecer:

a) Lugares de paradas en que os vehículos poderán estacionar á espera de pasaxeiros e pasaxeiras, así como determinar, se é o caso, os vehículos concretos ou o número máximo de vehículos que poden concorrer en cada parada, a forma en que deben estacionarse e a orde de tomar persoas viaxeiras, e pódese establecer a preferencia dos taxis adaptados á hora de posicionarse nas paradas. En todo caso, as persoas usuarias poderán escoller o vehículo que lles preste o servizo entre os que ocupen as dúas primeiras posicións na correspondente parada.

b) A obriga de prestar servizos en certas áreas, zonas ou paradas ou en determinadas horas do día ou da noite, e, no devandito suposto, deberanse establecer as oportunas regras de coordinación entre as distintas persoas titulares de licenzas que permitan asegurar a efectiva prestación de tales servizos conforme criterios de equidade, seguridade e demanda xustificadas.

Cando as medidas que se vaian adoptar afecten unha área territorial de prestación conxunta, darase audiencia en todo caso a aqueles concellos directamente afectados.

2. Os vehículos en circulación non poderán tomar persoas viaxeiras a unha distancia inferior ás distancias mínimas respecto aos puntos de parada establecidos no sentido da marcha que, con tal fin, se establezan nas ordenanzas municipais. Non obstante, de conformidade co artigo 31.2 da Lei 4/2013, do 30 de maio, as ditas distancias non serán exixibles para persoas de mobilidade reducida que soliciten un taxi adaptado.

En portos, aeroportos, estacións, recintos feirais e eventos multitudinarios, a recollida de persoas viaxeiras farase sempre nos puntos de parada habilitados para o efecto.

3. Así mesmo, os concellos poderán establecer nas súas ordenanzas regras de organización e coordinación do servizo en materia de horarios, calendarios, descansos, interrupcións da prestación do servizo e vacacións laborais, con suxeición á lexislación laboral e da seguridade social que resulte de aplicación. Nestes casos, darase audiencia previamente ás asociacións do sector do taxi que sexan representativas no seu territorio, e mais á Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo do Consello Galego de Transportes.

As disposicións que se adopten nestas materias deberán garantir a continuidade na prestación do servizo.

Artigo 43. Contratación por medios telemáticos e reserva previa

1. O servizo do taxi poderá contratarse a través do teléfono ou doutros sistemas tecnolóxicos alternativos.

En todo caso, preveranse mecanismos para permitir que os utilicen persoas con discapacidades ou limitacións sensoriais, tales como telefax, correo electrónico ou mensaxes de texto a teléfonos móbiles.

En calquera caso, todas as emisoras de radio e os sistemas de telecomunicación que se utilicen para a concertación do servizo do taxi deberán cumprir o disposto nas correspondentes ordenanzas municipais e no resto da lexislación vixente.

2. Consonte o artigo 33 da Lei 4/2013, do 30 de maio, os servizos de taxi poderán ser obxecto de concertación ou reserva previa entre a persoa titular da actividade e a clientela, ben directamente ben mediante a utilización de centrais de reserva.

Así mesmo, de acordo co número 2 do mesmo artigo, poderá preverse que o acceso das persoas usuarias ao vehículo se efectúe en distinto termo municipal a aquel en que estea domiciliada a licenza de taxi. Neste caso, o servizo concertado deberá ter por destino efectivo o concello en que estea domiciliada a licenza de taxi, ou ha de tratarse dun servizo de taxi para persoas usuarias de mobilidade reducida e en cadeira de rodas, sempre e cando nos municipios de orixe e destino non existan vehículos de taxi adaptados de conformidade co establecido na lexislación vixente. Ademais, o contrato deberá documentarse por escrito entre a persoa usuaria ou mandatario verbal seu, conforme o establecido no artigo 33.2.a) da Lei 4/2013, do 30 de maio, e a persoa que dispoña dos títulos habilitantes e terá o contido mínimo seguinte:

a) Identificación da/s persoa/s usuaria/s que solicita/n o servizo.

b) Número de licenza de taxi a que está adscrito o vehículo que prestará o servizo e identificación da persoa titular destes títulos habilitantes.

c) Número de teléfono e/ou correo electrónico a través do cal as partes contratantes poderán poñerse en contacto. En particular, eses datos deberán ser axeitados para que a persoa usuaria poida contactar de xeito inmediato coa persoa que vaia prestar de maneira efectiva o servizo.

e) Lugar exacto, día e hora en que a persoa profesional do taxi se deberá presentar para iniciar o servizo e destino previsto deste.

f) Lugar, día e hora de celebración do contrato, que será o da aceptación do servizo.

No caso de concertación a través de centrais de reserva ou outros modos de celebración a distancia, o contrato poderá portarse en dispositivos electrónicos en que consten os datos indicados anteriormente, e entenderase perfeccionado coa manifestación de vontades formuladas a través daqueles medios. Os ditos dispositivos deberán permanecer nun lugar visible do vehículo desde o momento en que se inicie o desprazamento para recoller as persoas usuarias e durante a prestación do servizo.

A persoa profesional do taxi deberá remitirlle o contrato así formalizado, por correo electrónico ou outros medios telemáticos, se así llo require a persoa usuaria que concerta o servizo.

3. Os contratos subscritos consonte o previsto no número anterior deberán levarse nun lugar visible do vehículo durante a prestación do servizo, consonte o artigo 33.3 da Lei 4/2013, do 30 de maio. Así mesmo, a persoa profesional do taxi terá que conservalos durante un período mínimo dun ano desde a prestación do servizo, acompañados dun xustificante da realización e pagamento do servizo. Ademais, deberán ser comunicados ás administracións competentes cando así sexan requiridos por estas.

Artigo 44. Servizos particulares

1. Os vehículos adscritos aos títulos habilitantes para prestar servizos de taxi poderán, non obstante, ser utilizados polos seus titulares para a realización de viaxes de carácter particular, en igualdade de condicións a un vehículo privado. Neste caso, non obstante, o módulo indicador deberá estar apagado e exhibirase con claridade a indicación «sen servizo» ou similar.

2. Os vehículos adscritos aos títulos habilitantes para prestar servizos de taxi non poderán realizar transporte de mercadorías, entendido este como aquel en que o carrexador se obriga, a cambio dunha remuneración, a transportar a bordo do vehículo calquera obxecto que non garde relación directa con ningunha das persoas viaxeiras que ocupan praza no vehículo. O incumprimento desta prohibición terá a consideración de prestación de servizos de transporte de mercadorías sen contar coa pertinente autorización e será sancionable de acordo coas disposicións que resulten de aplicación.

Non obstante o anterior, os ditos vehículos poderán realizar o transporte de mochilas ou outros vultos pertencentes a peregrinos/as que estean a realizar algún dos camiños de Santiago como se os ditos peregrinos/as fosen a bordo do vehículo, e resultará de aplicación, en todo caso, a tarifa de servizo de taxi que corresponda.

Sección 5ª. Réxime económico dos servizos de taxi

Artigo 45. Obrigatoriedade e tipos de tarifas

1. Consonte o disposto no artigo 40 da Lei 4/2013, do 30 de maio, a prestación do servizo de taxi estará suxeita a un réxime de tarifas obrigatorias.

2. Para os supostos en que a prestación do servizo presente un custo elevado de prestación, superior en todo caso ao importe ata o cal o taxista estea obrigado a facilitar cambio de moeda, as tarifas aprobadas poderán establecer o importe previsible do custo do servizo a partir do cal a persoa profesional do taxi poderá exixir o pagamento anticipado dunha determinada porcentaxe, a cal non poderá ser superior á que, así mesmo, fixen as ditas tarifas.

3. O disposto nesta sección entenderase sen prexuízo do disposto en relación coa prestación de servizos de transporte público regular de uso xeral, á demanda, con cobramento individual por praza ou de transporte público regular de uso especial.

Artigo 46. Revisión de tarifas

1. De acordo co que establece o artigo 40.3 da Lei 4/2013, do 30 de maio, as tarifas poderán ser revisadas por períodos que serán anuais, con carácter xeral. Nese sentido, as tarifas aprobadas e/ou as súas revisións entrarán en vigor e serán exixibles ás persoas usuarias a partir do primeiro día de xaneiro do ano posterior ao da súa aprobación.

Os informes de órganos colexiados que resulten preceptivos para a aprobación das tarifas ou das súas revisións deberán ser solicitados dentro do terceiro trimestre do ano anterior a aquel en que vaian ser efectivas.

2. Sen prexuízo do disposto no número anterior, tamén se poderán revisar as tarifas excepcionalmente cando se produza unha variación nos custos que altere significativamente o equilibrio económico da actividade. Estas revisións excepcionais non estarán suxeitas a limitacións temporais para entrar en vigor.

CAPÍTULO IV

Áreas territoriais de prestación conxunta

Artigo 47. Áreas territoriais de prestación conxunta

1. De acordo co artigo 44 da Lei 4/2013, do 30 de maio, mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de transportes poderán crearse áreas territoriais de prestación conxunta que engloben varios municipios, sempre que:

a) Exista continuidade xeográfica entre eles.

b) Quede integrada na área a totalidade dos seus termos municipais.

c) Se aprecie unha interacción ou influencia recíproca entre os servizos municipais de taxi.

d) A adecuada ordenación dos servizos de taxi dos municipios en cuestión transcenda o interese de cada un deles.

2. Nas áreas territoriais de prestación conxunta os vehículos con licenza de taxi estarán facultados para prestar calquera servizo, xa teña carácter urbano ou interurbano, que se realice integramente dentro das devanditas áreas, mesmo se excede ou se inicia fóra do termo municipal do concello a que corresponde a licenza orixinaria.

Así mesmo, o dito vehículo poderá facer servizos interurbanos que excedan o territorio dos concellos integrados na área, ao abeiro da correspondente autorización interurbana. Os ditos servizos deberán iniciarse no interior da área, agás no suposto de concertación ou reserva previa previsto no artigo 33.2 da Lei 4/2013, do 30 de maio.

Artigo 48. Creación de áreas de prestación conxunta por iniciativa municipal

1. Os concellos, ou entidades que os agrupen, que desexen constituír unha área territorial de prestación conxunta solicitarán autorización da consellería competente en materia de transportes, achegando a seguinte documentación:

a) Memoria xustificativa en que se xustifique a interacción ou influencia recíproca entre os servizos de taxi existentes no ámbito proposto.

b) Proposta de designación do órgano ou entidade que vaia facerse cargo da xestión da área.

c) Proposta de normas de funcionamento da área, que deberán regular, como mínimo:

1º. Estrutura, funcionamento e recursos do órgano xestor.

2º. Réxime aplicable en caso de modificación ou disolución da área ou separación dalgún ou dalgúns dos seus membros.

3º. Réxime tarifario.

4º. Establecemento de normas e requisitos uniformes para a prestación do servizo de taxi, tales como lugares e réxime de parada, organización de horarios, calendarios, descansos, vacacións ou similares.

5º. A existencia e réxime de funcionamento dun órgano de consulta e representación en que estean representados os concellos afectados e as persoas usuarias do servizo de taxi da área que se pretende crear.

d) Documentación acreditativa da existencia do acordo favorable de todos os concellos propoñentes.

2. Recibida a documentación a que se refire o número anterior, a consellería efectuará unha valoración preliminar en relación coa concorrencia de interacción ou influencia recíproca entre os servizos de transportes dos municipios que a solicitan e a súa propia valoración en relación co encaixe da proposta na planificación do sistema xeral de transporte, podendo:

a) Acordar a procedencia da iniciativa e dispor que se continúe o procedemento de acordo co establecido neste artigo.

b) Propoñer a modificación do ámbito territorial inicialmente proposto mediante a súa redución ou coa integración doutros concellos, por considerar que o ámbito proposto non satisfai as necesidades reais da zona.

c) Denegar, mediante resolución motivada, a procedencia da iniciativa de constitución da área territorial de prestación conxunta por non concorreren os requisitos de interacción ou influencia recíproca entre os servizos de transportes dos municipios que a promovan, ou que a proposta non resulta coherente coa planificación do sistema xeral de transporte.

3. De entenderse procedente a iniciativa de constitución da área territorial de prestación conxunta, iniciarase a tramitación do correspondente procedemento administrativo, no curso do cal se dará audiencia necesariamente ás organizacións sindicais e empresariais e ás asociacións profesionais e de persoas consumidoras e usuarias con maior representatividade no ámbito de que se trate. Solicitarase, así mesmo, informe da Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo do Consello Galego de Transportes.

4. A área territorial de prestación conxunta poderase constituír se a proposta final que resulte da tramitación se axusta ao previsto no artigo 44.3 da Lei 4/2013, do 30 de maio.

5. No caso previsto no número 2, letra b) deste artigo, a consellería competente dará traslado da súa proposta de ampliación aos concellos ou entidades solicitantes, así como a aqueloutros que se pretende engadir á área territorial de prestación conxunta.

Á vista das alegacións que se formulen, poderase continuar co procedemento de creación da área nos termos inicialmente propostos ou, de se contar co acordo favorable á proposta da consellería por parte de todos os concellos afectados, continuarase coa constitución da área coa ampliación suxerida pola consellería.

Artigo 49. Creación de áreas de prestación conxunta por iniciativa autonómica

1. No suposto de que a consellería competente en materia de transportes considere necesario establecer unha área territorial de prestación conxunta pero non exista iniciativa local, acordará o inicio do procedemento e someterá a correspondente proposta aos municipios e entidades incluídos no ámbito previsto, achegando a documentación indicada no número 1 do artigo anterior.

2. Os municipios e entidades incluídos na proposta disporán dun prazo de tres meses para informar sobre esta, transcorrido o cal sen pronunciamento expreso, entenderase que informan en sentido favorable.

Durante a tramitación do procedemento darase audiencia ás organizacións e entidades indicadas no número 3 do artigo anterior e solicitarase, así mesmo, o informe da Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo do Consello Galego de Transportes.

3. A área territorial de prestación conxunta só poderá constituírse cando concorran os requisitos do artigo 44.4 da Lei 4/2013, do 30 de maio.

CAPÍTULO V

Actividade de arrendamento de vehículos con condutor

Artigo 50. Servizos de arrendamento de vehículos con condutor

1. A actividade de arrendamento de vehículos de turismo con condutor para o transporte de persoas prestarase de acordo coas disposicións que para o efecto establece a Lei 4/2013, do 30 de maio, e mais este regulamento, así como as normas que os desenvolvan.

2. Para os efectos das normas indicadas no número anterior, o arrendamento de vehículos con condutor terá a consideración de transporte público e discrecional de persoas viaxeiras.

Artigo 51. Autorización para prestar servizos de arrendamento de vehículos con condutor

1. Durante a prestación de servizos de arrendamento de vehículos con condutor deberá levarse a bordo do vehículo a copia da autorización administrativa que habilite para a súa realización.

2. Mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de transportes poderase limitar o número máximo de autorizacións de arrendamento de vehículos con condutor, o que se fará por referencia ao número de autorizacións interurbanas de taxi que figuren inscritas no Rexistro de Títulos Habilitantes.

Para os efectos de restrinxir o número de autorizacións de arrendamento de vehículos con condutor respecto do continxente máximo vixente en cada momento, a consellería competente en materia de transporte formulará un estudo de mobilidade en que analice a situación existente na actividade de arrendamento de vehículos con condutor e as necesidades reais da súa extensión, formulando unha proposta que será sometida a audiencia do Consello Galego de Transportes.

3. O réxime de visado das autorizacións a que se refire este artigo establecerase mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de transportes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 52. Vehículos adscritos á actividade de arrendamento de vehículos con condutor

1. Os vehículos destinados á actividade de arrendamento con condutor deberán levar visible unha placa de servizo público (SP) e o distintivo identificativo a que se refire a seguinte alínea, e contar cunha capacidade non superior a 9 prazas, incluída a da persoa condutora.

De conformidade co artigo 53.2 da Lei 4/2013, do 30 de maio, as persoas titulares das autorizacións administrativas para o exercicio da actividade de arrendamento de vehículos con condutor están obrigadas a colocar en todos os vehículos adscritos á dita autorización un distintivo identificativo desta actividade, conforme as condicións de deseño, emisión, uso e validez temporal que aprobe a consellería competente en materia de transportes. En todo caso, o dito distintivo consistirá nun autoadhesivo de vinilo que deberá colocarse na parte dianteira e traseira do vehículo, e será emitido aos titulares dos correspondentes títulos habilitantes polos órganos administrativos competentes para o outorgamento ou visado periódico das correspondentes autorizacións administrativas habilitantes. Os vehículos non poderán levar ningunha publicidade nin signos externos identificativos, salvo a placa relativa á súa condición de servizo público e o distintivo indicado.

De acordo coa disposición transitoria décimo segunda da Lei 4/2013, do 30 de maio, a exixencia de disposición deste distintivo será esixible para o conxunto de titulares de títulos habilitantes domiciliados en Galicia ao mes da publicación da orde da consellería competente en materia de transportes pola que se establezan as súas condicións de deseño, emisión e uso, agás que na dita orde se fixe motivadamente un prazo superior, que en ningún caso poderá ser superior ao de seis meses.

Deberán reunir, así mesmo, as condicións de equipamento, potencia, prestacións e antigüidade que se determinen mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de transportes.

2. Durante a prestación do servizo deberán levarse a bordo do vehículo o contrato que ampara a súa prestación e mais a correspondente folla de ruta, sen prexuízo da posibilidade de refundición de ambos os dous documentos que se prevé no artigo 52.3 da Lei 4/2013, do 30 de maio.

Non obstante, a dita documentación non será exixible cando o desprazamento teña como causa a realización de operacións de revisión, reparación ou mantemento do propio vehículo, e así se acredite documentalmente.

Artigo 53. Persoas condutoras

1. De acordo co disposto no artigo 54 da Lei 4/2013, do 30 de maio, as empresas titulares de vehículos destinados á actividade de arrendamento con condutor deberán dispoñer dun mínimo de dúas persoas condutoras por cada tres vehículos.

2. De conformidade cos artigos 47.d) e 54 da Lei 4/2013, do 30 de maio, todas as persoas condutoras deberán estar provistas da habilitación para a condución do vehículo exixible pola normativa de tráfico, estar en réxime de alta na Seguridade Social e contratadas a xornada completa e con dedicación exclusiva na empresa titular da autorización.

Artigo 54. Contratación

1. Consonte o artigo 51 da Lei 4/2013, do 30 de maio, a contratación da actividade de arrendamento de vehículos con condutor deberase facer con carácter previo ao inicio do servizo e por escrito, nos locais da empresa arrendadora situados no municipio en que estea domiciliada a correspondente autorización.

2. Para que produza efectos fronte á Administración, o contrato de arrendamento de vehículo con condutor deberá ter o seguinte contido mínimo:

a) Identificación das persoas que o subscriben, con indicación do seu nome, apelidos, NIF e domicilio, así como, se for o caso, das persoas en cuxo nome actúan.

b) Número de teléfono e/ou correo electrónico a través do cal as partes contratantes poderán poñerse en contacto. En particular, eses datos deberán ser axeitados para que a persoa usuaria se poida poñer en contacto inmediato coa persoa que vaia prestar de maneira efectiva o servizo.

c) Número de autorización de arrendamento de vehículo con condutor da empresa que prestará o servizo.

d) Marca, modelo e matrícula do vehículo ou vehículos previstos para a prestación do servizo.

e) Lugar exacto, día e hora en que comezará o servizo.

f) Duración prevista para o servizo.

g) Prezo do servizo ou criterios obxectivos para o seu cálculo.

h) Indicación da normativa de aplicación ao servizo de que se trate.

i) Lugar e data de sinatura do contrato.

3. Os contratos subscritos polas empresas dedicadas á actividade de arrendamento con condutor deberán ser conservados por estas durante un período mínimo dun ano e estarán á disposición da inspección de transportes no local ou locais que teñan autorizados para exercer a actividade.

4. Sempre que quede garantido o cumprimento da totalidade de requisitos previstos nos números anteriores, a contratación dos servizos de arrendamento de vehículos con condutor poderase facer a través de dispositivos ou aplicacións de contacto telemático.

Para estes efectos, deberanse respectar as disposicións legais vixentes en materia de contratación e comercio electrónico.

Artigo 55. Folla de ruta

1. Cada servizo de arrendamento de vehículo con condutor deberá ir amparado por unha folla de ruta en que conste, conforme o establecido no artigo 52.2 da Lei 4/2013, do 30 de maio, o seguinte:

a) Os datos identificativos do arrendador e do arrendatario.

b) O lugar e a data de celebración do contrato que motiva o desprazamento.

c) O lugar, a data e a hora en que teña que iniciarse o servizo.

d) A data en que o servizo vai finalizar e o lugar de destino.

e) A matrícula do vehículo empregado para o desprazamento.

f) A indicación do percorrido previsto para prestar o servizo.

g) As posibles incidencias acontecidas durante a súa prestación.

h) Aqueloutras disposicións que libremente fagan constar as partes contratantes.

Para estes efectos, entenderase por servizo o que presta un único vehículo, aínda que varios servizos se poidan prestar ao abeiro dun único contrato.

2. As follas de ruta correspondentes a servizos prestados polas empresas dedicadas á actividade de arrendamento con condutor deberán ser conservadas por estas durante un período mínimo dun ano e estarán á disposición da inspección de transportes no local ou locais que teñan autorizados para exercer a actividade.

3. Consonte o artigo 52.3 da Lei 4/2013, do 30 de maio, poderanse refundir nun único documento o contrato e mais a folla de ruta, sempre que se recollan todos os aspectos previstos neste artigo e mais no anterior.

CAPÍTULO VI

Infraccións e sancións

Artigo 56. Infraccións moi graves

De conformidade co establecido no artigo 60 da Lei 4/2013, do 30 de maio, consideraranse infraccións moi graves:

a) A realización de servizos de taxi ou de arrendamento de vehículos con condutor carecendo dos preceptivos títulos habilitantes ou con estes suspendidos, anulados, caducados, revogados, sen ter realizado o visado obrigatorio ou por calquera outra causa ou circunstancia pola que as referidas habilitacións expedidas para exercer a actividade xa non sexan válidas. No suposto de que a infracción consista na falta de visado obrigatorio e este se realizase con anterioridade á data de resolución do procedemento sancionador, a infracción terá a cualificación de leve.

b) Prestar os servizos de transporte de persoas en vehículos de turismo mediante un condutor ou condutora que non estea debidamente autorizado para a condución e habilitado para a prestación do servizo. Inclúense neste tipo infractor os supostos en que a persoa condutora, distinta da titular do título habilitante, non estea contratada a xornada completa e con dedicación exclusiva pola titular da autorización.

c) A cesión ou a transmisión, expresa ou tácita, dos títulos habilitantes por parte das persoas titulares a favor doutras persoas sen a preceptiva autorización.

d) O falseamento de documentos que teñan que ser presentados como requisito para a obtención dos títulos habilitantes ou dos datos que deban figurar nos ditos títulos habilitantes.

e) A negativa ou obstrución á actuación dos servizos de inspección que impidan total ou parcialmente o exercicio das funcións que legal ou regulamentariamente teñan atribuídas. Inclúese neste tipo infractor a desatención dos requirimentos formulados polos servizos de inspección.

En todo caso, incorrerá nesta infracción toda empresa cuxas persoas propietarias, empregadas, auxiliares ou dependentes neguen ou dificulten o acceso ao persoal dos servizos de inspección aos locais ou vehículos en que obrigatoriamente deba encontrarse depositada a documentación da empresa ou á devandita documentación.

f) O incumprimento, por parte da persoa titular do vehículo, da obriga de subscribir os seguros preceptivos.

g) O incumprimento das obrigas de prestación do servizo de taxi impostas pola Administración competente na materia.

h) Non levar o aparello taxímetro no caso de que este sexa exixible, a manipulación deste, facelo funcionar de xeito inadecuado ou impedir a súa visibilidade á persoa usuaria, así como cantas accións teñan por finalidade alterar o seu normal funcionamento, e a instalación de elementos mecánicos, electrónicos ou doutra natureza destinados a alterar o correcto funcionamento do taxímetro ou a modificar as súas medicións, mesmo cando este non estea en funcionamento no momento de se realizar a inspección.

Inclúese neste tipo infractor o suposto en que o taxímetro non estea en funcionamento durante a prestación do servizo, cando for obrigatorio.

A responsabilidade pola dita infracción corresponderá tanto ás persoas que manipulasen o taxímetro ou colaborasen na súa manipulación como ao taxista que o teña instalado no seu vehículo.

i) A prestación de servizos de transporte de persoas con vehículos que incumpran as condicións técnicas sobre accesibilidade de persoas con mobilidade reducida que en cada caso se determinen, sempre que o vehículo sexa un taxi adaptado.

k) O arrendamento de vehículos con condutor incumprindo as obrigas de contratación establecidas na Lei 4/2013, do 30 de maio, e nas súas disposicións de desenvolvemento, ou a recollida de clientela que non contratase previamente o servizo de conformidade co establecido na normativa reguladora.

l) Prestar o servizo cun número de ocupantes do vehículo que supere o número de prazas autorizadas, de conformidade coa normativa vixente.

m) A realización de servizos de transporte de persoas mediante cobramento individual, agás nos casos en que estea expresamente autorizado.

Artigo 57. Infraccións graves

Consonte o artigo 61 da Lei 4/2013, do 30 de maio, consideraranse infraccións graves:

a) Carecer do preceptivo documento no cal se deben formular as reclamacións das persoas usuarias ou negar ou obstaculizar a súa disposición ao público.

b) Non atender a solicitude a unha demanda de servizo de taxi por parte dunha persoa usuaria estando de servizo, ou abandonar un servizo antes da súa finalización, agás que existan causas xustificadas de perigo fundado para a persoa condutora ou para o vehículo de turismo.

c) A realización de servizos de transporte iniciados nun termo municipal distinto do que corresponde á licenza de taxi, agás nos supostos legalmente exceptuados.

d) Incumprir o réxime de tarifas vixente para o servizo de taxi.

e) A prestación de servizos con vehículos distintos aos identificados adscritos ás licenzas de taxi e ás autorizacións interurbanas de taxi, agás nos casos de substitución debidamente autorizados. Así mesmo, o incumprimento do ámbito territorial dos devanditos títulos habilitantes.

f) A realización de servizos de taxi por itinerarios inadecuados que sexan lesivos economicamente para os intereses da persoa usuaria ou desatendendo as súas indicacións sen causa xustificada de perigo para a persoa condutora ou danos para o vehículo de turismo.

g) Levar a cabo servizos de transporte de persoas en vehículos de turismo sen levar a bordo a documentación acreditativa necesaria para controlar a legalidade do transporte. Para estes efectos, enténdese incluído no tipo infractor tanto o suposto en que non se leve a bordo a documentación como o suposto en que a documentación que se leve a bordo estea incorrectamente cuberta, de xeito que non permita controlar a legalidade do transporte.

h) A realización de servizos de arrendamento de vehículos con condutor sen dispoñer da documentación que resulte obrigatoria para acreditar a correcta utilización do vehículo. Para estes efectos, enténdese incluído no tipo infractor tanto o suposto en que non se leve a bordo a documentación como o suposto en que a documentación que se leve a bordo estea incorrectamente cuberta, de xeito que non permita constatar a legalidade do transporte.

i) A difusión de ofertas comerciais para a realización de actividades de transporte de persoas en vehículos de turismo sen dispoñer dos correspondentes títulos habilitantes para exercer as ditas actividades segundo o disposto na Lei 4/2013, do 30 de maio, tanto se se realiza de forma individual a unha única persoa destinataria ou se fai pública para coñecemento xeral a través de calquera medio.

k) Non dispoñer, no caso de autorizacións de arrendamento de vehículos con condutor, do número mínimo de vehículos, ou carecer das características exixibles a estes, entre as cales se inclúe a utilización do distintivo e a placa de servizo público regulados no número 2 do artigo 53 da Lei 4/2013, do 30 de maio.

l) A retención de obxectos abandonados no vehículo sen dar conta á autoridade competente.

m) A utilización de locais non autorizados para o exercicio da actividade de arrendamento de vehículos con condutor, así como o arrendamento de vehículos fóra das oficinas ou dos locais que se determinen ou a recollida de clientela que non contratasen previamente, cando non deba reputarse infracción moi grave de conformidade co artigo 58.l) deste regulamento.

n) Non ter expostos nos locais á disposición do público os folletos ou as listas impresas nos cales se indiquen os prezos pola realización de servizos de arrendamento de vehículos con condutor.

ñ) No arrendamento de vehículos con condutor, a carencia de contrato e de folla de ruta nos locais autorizados ou a ocultación ou a non conservación por parte da empresa dunha copia durante un ano.

o) Non dispoñer dos cadros de tarifas e do resto de documentación que se teña que exhibir para o coñecemento das persoas usuarias.

p) O trato desconsiderado á clientela, así como a non prestación do servizo nas condicións de hixiene e/ou calidade exixibles.

q) Calquera das infraccións previstas como moi graves cando pola súa natureza, ocasión ou circunstancia non deba ser cualificada como moi grave.

Artigo 58. Infraccións leves

De acordo co artigo 62 da Lei 4/2013, do 30 de maio, terán a consideración de infraccións leves:

a) Non levar en lugar visible os distintivos que sexan exixibles ou levalos nunhas condicións que dificulten a súa percepción ou facer un uso inadecuado deles.

b) Non respectar os dereitos das persoas usuarias establecidos na Lei 4/2013, do 30 de maio, salvo que o seu incumprimento estea expresamente tipificado noutro número.

c) A realización da actividade de arrendamento de vehículos con condutor con vehículos alleos sobre os cales non se teñan as condicións de dispoñibilidade legalmente exixibles.

d) Non levar a bordo do vehículo a documentación formal que acredite a posibilidade legal de prestar o servizo, sempre que se dispoña dela e que poida acreditarse de forma fidedigna que o documento existía con anterioridade á denuncia.

e) Incumprir as normas sobre publicidade nos vehículos dedicados ao transporte de persoas en vehículos de turismo.

f) A carencia no vehículo ou nos locais do letreiro que indique a existencia de follas de reclamacións.

g) Non entregar o recibo ou a factura do servizo prestado ás persoas usuarias, se estas o solicitan, ou entregarlles un recibo ou unha factura que non cumpra os requisitos establecidos pola normativa aplicable.

h) O incumprimento polas persoas usuarias dos deberes que lles correspondan.

i) Non levar a bordo do vehículo a folla de ruta ou levala sen cubrir, agás que o seu contido se recolla no contrato subscrito para a prestación do servizo. Para estes efectos, enténdese incluído no tipo infractor tanto o suposto en que non se leve a bordo a folla de ruta como o suposto en que a folla de ruta que se leve a bordo careza dos datos que constitúen o seu contido mínimo, agás que o dito contido mínimo se recolla no contrato subscrito para a prestación do servizo.

k) Non levar a placa relativa á súa condición de vehículo de servizo público.

l) A carencia de cambio de moeda metálica ou de billetes ata a cantidade que estea regulamentariamente establecida.

m) No interior do vehículo, non expoñer ao público os cadros de prezos autorizados ou telos en lugares non visibles.

n) Levar o vehículo sen conexión con centrais de seguridade cando o dito servizo estea concertado cunha entidade pública ou se publicite a dita conexión ás persoas usuarias do servizo.

ñ) Calquera infracción das que teñen consideración de graves cando pola súa natureza, ocasión ou circunstancias non deba ser cualificada como grave. Deberá xustificarse a existencia das ditas circunstancias e motivarse na resolución correspondente.

Artigo 59. Sancións e procedemento sancionador

1. A comisión das infraccións tipificadas na Lei 4/2013, do 30 de maio, e concretadas nos artigos anteriores deste regulamento dará lugar, se for o caso, á imposición das sancións que para o efecto se prevén no artigo 63 da Lei 4/2013, do 30 de maio.

2. En todos aqueles supostos en que a persoa interesada decida voluntariamente facer efectiva a sanción antes de que transcorran os 30 días seguintes á notificación do expediente sancionador, a contía pecuniaria da sanción inicialmente proposta reducirase nun 30 por cento.

3. O pagamento da sanción pecuniaria con anterioridade a que se dite a resolución sancionadora implicará a conformidade cos feitos denunciados e a renuncia a formular alegacións por parte da persoa interesada e a terminación do procedemento, debendo, non obstante, ditarse resolución expresa. Aínda que o procedemento sancionador se dea por rematado deste xeito, a persoa interesada poderá interpoñer idénticos recursos aos que lle corresponderían no suposto de que o procedemento rematase de forma ordinaria.

4. O pagamento das sancións pecuniarias impostas en materia de transportes por resolución que poña fin á vía administrativa será requisito necesario para que proceda a realización do visado obrigatorio dos títulos habilitantes para prestar servizos de taxi e de arrendamento de vehículos con condutor, así como a autorización administrativa á transmisión de licenzas de taxi ou de autorizacións interurbanas de taxi.

5. Para a tramitación do procedemento sancionador observarase o disposto na Lei 4/2013, do 30 de maio, e na normativa básica en materia sancionadora contida na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Disposición adicional primeira. Áreas territoriais de prestación conxunta

Todas as mencións que neste regulamento se efectúan aos concellos deberán entenderse referidas, de ser o caso, ás entidades competentes das áreas territoriais de prestación conxunta creadas ao abeiro da Lei 4/2013, do 30 de maio, e do propio regulamento.

Disposición adicional segunda. Limitación á transmisión de títulos habilitantes

1. O informe previsto no artigo 11 deste regulamento, relativo á tramitación autonómica da autorización de transmisión inter vivos de títulos habilitantes para prestar servizos de taxi, será desfavorable en caso de que se constate que a persoa que pretende transmitir a autorización interurbana obtivo esta por aplicación da disposición transitoria quinta da Lei 4/2013, do 30 de maio, e que non se produciu unha explotación efectiva da dita autorización durante un período mínimo de cinco anos, contados desde que lle foi outorgada.

2. Para estes efectos, o concello correspondente deberá incorporar ao expediente unha certificación acreditativa da efectiva prestación do servizo e poderá solicitar da persoa titular a documentación que considere precisa para tal fin, sen prexuízo do seu dereito a non presentar documentos que xa se atopen en poder das administracións públicas ou que fosen elaboradas por estas, de acordo cos artigos 53 e 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Disposición adicional terceira. Capacitación profesional de persoas condutoras actuais

Aquelas persoas condutoras que estean adscritas á prestación de servizos de taxi nun determinado concello, ou que o tivesen estado ou superasen as probas de cualificación que o dito concello tivese establecidas con antelación á entrada en vigor das ordenanzas que a regulen de acordo co establecido no artigo 38, estarán exentas da capacitación profesional prevista no dito artigo para desenvolver a actividade nese mesmo concello.

Disposición transitoria primeira. Vehículos que superan ou están preto de superar a antigüidade máxima permitida

1. Os vehículos destinados á prestación de servizos de taxi que, no momento de entrar en vigor este regulamento superen a antigüidade máxima prevista no artigo 29.2, segundo parágrafo, deberán ser substituídos por outros no prazo máximo dun ano, contado desde a mesma data.

2. Aqueles outros que, no momento de entrar en vigor deste regulamento, estean a menos dun ano de acadar a antigüidade máxima prevista no artigo 29.2, último parágrafo, deberán ser substituídos por outros antes do momento en que cumpran 13 ou 11 anos de antigüidade respectivamente.

Disposición transitoria segunda. Normativa aplicable ao visado e á rehabilitación de autorizacións interurbanas de taxi

Mentres non se aprobe a normativa de desenvolvemento prevista no artigo 14, o visado e a rehabilitación das autorizacións interurbanas de taxi rexerase pola normativa estatal sobre a materia no non previsto na Lei 4/2013, do 30 de maio, e no presente regulamento.

Disposición transitoria terceira. Exixencia da capacitación profesional de persoas condutoras

Sen prexuízo do disposto na disposición adicional terceira, a capacitación profesional de persoas condutoras a que se refire o artigo 38 deste regulamento só será exixible unha vez que se aproben e/ou se modifiquen as correspondentes ordenanzas municipais que a desenvolvan.

Disposición transitoria cuarta. Normativa aplicable ás autorizacións para prestar servizos de arrendamento de vehículos con condutor

Mentres non se aproben as disposicións de desenvolvemento previstas no capítulo V, no non previsto na Lei 4/2013, do 30 de maio, e neste regulamento, observarase o disposto na lexislación estatal aplicable á actividade de arrendamento de vehículos con condutor.

Disposición transitoria quinta. Concellos fusionados

Mentres non conten con cifras oficiais de poboación incorporadas ao padrón municipal, naqueles concellos xurdidos como consecuencia dos procesos de fusión previstos na normativa sobre réxime local terase en conta, para os efectos previstos neste regulamento, a suma da poboación de todos os concellos fusionados.