Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Mércores, 3 de outubro de 2018 Páx. 44633

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 3 de agosto de 2018 de aprobación definitiva da corrección de erros do Plan xeral de ordenación municipal de Moaña no ámbito do antigo Plan parcial O Rosal Sur (Pontevedra).

I. Antecedentes.

1. O Concello de Moaña conta con Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente, de forma parcial, por Orde do 13 de xullo de 2011 da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, publicada no DOG núm. 146, do 1 de agosto de 2011, publicada normativa e ordenanzas no BOP núm. 216, do 10 de novembro de 2011, e pola Orde da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio do 22 de novembro de 2016, de aprobación definitiva das áreas do Plan xeral de ordenación municipal de Moaña deixadas en suspenso, publicada no DOG núm. 242, do 21 de decembro de 2016, e publicada a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente no BOP núm. 39, do 24 de febreiro de 2017.

2. O 14 de decembro de 2017 tivo entrada no portelo único do Concello de Moaña, Rexistro da Xunta de Galicia, a remisión de diversa documentación (certificado de acordo plenario, CD coa corrección proposta) referida á corrección de erros do PXOM do Concello de Moaña (Pontevedra).

3. Con data do 5 de febreiro de 2018 a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do territorio ditou unha orde en que resolve:

«Primeiro. Non aprobar a corrección de erros do Plan xeral de ordenación municipal de Moaña no ámbito do antigo Plan parcial O Rosal Sur (Pontevedra).

4. O 10 de xullo de 2018 tivo entrada no rexistro electrónico da Xunta de Galicia a remisión de nova documentación relativa á corrección de erros do PXOM do Concello de Moaña (Pontevedra), certificado de acordo plenario, e xustificación da corrección de erros.

II. Análise e consideracións.

O erro advertido na cartografía do plan xeral consiste nun desprazamento en dirección suroeste das aliñacións oficiais no ámbito do antigo Plan parcial O Rosal Sur (clasificado polo plan xeral como solo urbano consolidado, ordenanza 3).

O concello de Moaña, con data do 14 de decembro de 2017, achegou un novo plano das follas 4-3-01 e 4-3-05 do solo urbano de Moaña (Usos pormenorizados) aliñacións e rasantes do PXOM, coas aliñacións corrixidas grafadas cunha liña vermella, superpostas á cartografía actual do PXOM, e un certificado do acordo plenario polo que se outorga validez como aliñación oficial ás novas aliñacións debuxadas con traza de cor vermella.

A Orde do 5 de febreiro de 2018 de non aprobación baséase no seguinte:

«(...) No suposto que examinamos, entre outros requisitos, o erro debe ser un erro evidente e palmario, que poida comprobarse a partir do propio expediente administrativo. Esta circunstancia non concorre no caso examinado porque a constatación do erro precisa de analizar a realidade existente (da cal non se achegan datos no expediente, tales como cartografía, levantamento topográfico, fotografías...) (...)».

Con data do 10 de xullo de 2018 achega xustificación á corrección de erros de data xuño de 2018, asinado polo arquitecto técnico municipal, así como novo acordo plenario do 28 de xuño de 2018.

A corrección de erros está regulada no artigo 109 (Revogación de actos e rectificación de erros) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPAC), que se refire así no seu número 2:

«As administracións públicas poderán, así mesmo, rectificar en calquera momento, de oficio ou por instancia dos interesados, os erros materiais, de feito ou aritméticos existentes nos seus actos».

Constitúe reiterada doutrina xurisprudencial a consideración exposta en sentenzas como a do Tribunal Supremo, Sala 3ª Sección 4ª do 18 de xuño de 2001, na cal «Para que sexa posible a rectificación de erros materiais ao abeiro do artigo 111 da LPA aplicable ao caso axuizado por razóns temporais, segundo constante é mester considerar que o erro material ou de feito se caracteriza por ser ostensible, manifesto, indiscutible e evidente por si mesmo, sen necesidade de maiores razoamentos, e por exteriorizarse prima facie pola súa soa contemplación (fronte ao carácter de cualificación xurídica, seguida dunha declaración baseada nela, que manifesta o erro de dereito), polo que, para poder aplicar o mecanismo procedemental de rectificación de erros materiais ou de feito se require que concorran, en esencia, as seguintes circunstancias:

1) Que se trate de simples equivocacións elementais de nomes, datas, operacións aritméticas ou transcricións de documentos;

2) Que o erro se aprecie tendo que conta exclusivamente os datos do expediente administrativo en que se advirte;

3) Que o erro sexa patente e claro, sen necesidade de acudir a interpretacións de normas xurídicas aplicables;

4) Que non se proceda de oficio á revisión de actos administrativos firmes e consentidos;

5) Que non se produza unha alteración fundamental no sentido do acto (pois non existe erro material cando a súa apreciación implique un xuízo valorativo ou exixa unha operación de cualificación xurídica);

6) Que non padeza a subsistencia do acto administrativo é dicir, que non xere a súa anulación ou revogación en canto creador de dereitos subxectivos producíndose un novo sobre bases diferentes e sen as debidas garantías para o afectado, pois o acto administrativo rectificador deberá mostrar idéntico contido dispositivo, substantivo e resolutorio que o acto rectificado, sen que poida a Administración, so pretexto da súa potestade rectificadora de oficio, encubrir unha auténtica revisión; e

7) Que se aplique cun fondo criterio restritivo».

Na xustificación achegada ponse de manifesto a existencia dun erro na xeoposición da volumetría proposta na ordenación detallada que recollía o plan parcial que, de xeito incorrecto, foi superposto na trama do PXOM.

O informe do arquitecto técnico municipal sinala o seguinte:

«Compróbase no Concello de Moaña unha traslación das aliñacións oficiais fixadas no PXOM no ámbito do antigo Plan parcial O Rosal Sur en dirección suroeste.

Este erro débese a unha incorrecta xeoposición e/ou xeorreferenciación da volumetría proposta na ordenación detallada que recollía o plan parcial e que foron superpostos de xeito incorrecto na trama do Plan xeral de ordenacion municipal.

A xustificación da existencia dun erro material resulta clara e evidente tendo en conta medidas tomadas respecto referencias invariantes, pois baséanse en medidas cotadas e constatables do Plan parcial O Rosal Sur, e que na actualidade contan con edificacións construídas conforme ese plan parcial.

Gráficamente podese comprobar no seguinte (plano do plan parcial):

O plan parcial no plano de ordenación de volumes cotaba a medida de 20 m:

Tendo en conta esta medida invariante e constatable, pois a realidade construtiva existe a día de hoxe e na data de aprobación do PXOM de Moaña, resulta claro que ese erro de xeorreferenciación na planimetría fai que estean desprazadas todas as liñas e non se recolla a realidade dos volumes existentes.

Se trasladamos esa medida de 20 m ás aliñacións que sinala o PXOM, a medida é inferior a 20 m.

Esa diferenza fai que todas as liñas se atopen desprazadas.

Así, pódese comprobar no seguinte plano, onde para cotar os 20 m fai que se traslade, tal e como figura no PXOM, o edificio que está construído.

A traslación indícase coa liña verde, a cal sería a posición correcta da aliñación, que tería que desprazarse en aproximadamente 2,89 m en todo a ámbito.

Ese desprazamento de 2,89 m coincide co desprazamento en todas as aliñacións fixadas en cor verde, polo que é incorrecta a posición das aliñacións do PXOM marcadas nese plano en cor vermello.

missing image file

Asemade, o Concello realiza un levantamento topográfico xeorreferenciado que deixa evidencia do erro.

missing image file

Trátase, por tanto, dun erro material do xeoposicionamento na planimetría do plan xeral que non pode máis que corrixirse a través dunha corrección de erros.

Consonte o establecido na xurisprudencia, sentenzas do Tribunal Supremo do 18 de xuño de 2001 (RX 2001, 9512) (casación 2947/1993 ) –con cita de sentenzas do 18 de maio de 1967, do 15 de outubro de 1984 (RX 1984, 5099), do 31 de outubro de 1984, do 16 de novembro de 1984, do 30 de maio de 1985 (RX 1985, 2325), do 18 de setembro de 1985, do 31 de xaneiro de 1989, do 13 de marzo de 1989, do 29 de marzo de 1989, do 9 de outubro de 1989 (RX 1989, 7033), do 26 de outubro de 1989, do 20 de decembro de 1989, do 27 de febreiro de 1990 (RX 1990, 1521), do 23 de decembro de 1991, do 16 de novembro de 1999 (RX 1998, 8127)– para que sexa posible a rectificación de erros:

«...é mester considerar que o erro material ou de feito se caracteriza por ser ostensible, manifesto, indiscutible e evidente por si mesmo, sen necesidade de maiores razoamentos, e por exteriorizarse prima facie pola súa soa contemplación (fronte ao carácter de cualificación xurídica, seguida dunha declaración basada nela, que manifesta o erro de dereito)».

Aínda que sempre debe empregarse a corrección de erros de xeito restritivo, no caso que nos ocupa o erro da xeorreferenciación, é indiscutible, evidente, manifesto e constatado coa medición nos planos anteriores no ámbito, o que fai que todas as aliñacións se atopen desprazadas en 2,89 m.

Trátase, por tanto, dunha traslación de todos os puntos, sen que exista homotecia, é dicir, sen que exista unha modificación das distintas relacións espaciais, polo que procede a súa rectificación ao abeiro do previsto no artigo 109.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo comun das administracions públicas».

Consonte a xustificación achegada polo Concello de Moaña con data do 10 de xullo de 2018, cúmprense os requisitos do erro material, pois trátase dun erro do xeoposicionamento na planimetría do plan xeral constatable, que non precisa de interpretación nin valoración xurídica.

III. Competencia.

O artigo 109.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas establece que «As administracións públicas poderán, así mesmo, rectificar en calquera momento, de oficio ou por instancia dos interesados, os erros materiais, de feito ou aritméticos existentes non seus actos».

O acto de aprobación definitiva do PXOM de Moaña foi ditado por Orde de aprobación parcial do 13 de xullo de 2011 da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, publicada no DOG núm. 146, do 1 de agosto de 2011, publicada normativa e ordenanzas no BOP núm. 216, do 10 de novembro de 2011, e pola Orde da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio do 22 de novembro de 2016, de aprobación definitiva das áreas do Plan xeral de ordenación municipal de Moaña deixadas en suspenso, publicada no DOG núm. 242, do 21 de decembro de 2016, e publicada a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente no BOP núm. 39, do 24 de febreiro de 2017.

A competencia para resolver corresponde á Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61 e 83.5 da LSG; e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

IV. Resolución.

En consecuencia, visto o que antecede, e de acordo co establecido no artigo 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á corrección de erros do Plan xeral de ordenación municipal de Moaña no ámbito do antigo Plan parcial O Rosal Sur (Pontevedra).

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a corrección de erros do Plan xeral de ordenación municipal de Moaña no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas, unha vez inscrito no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2018

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

missing image file
missing image file