Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Xoves, 4 de outubro de 2018 Páx. 44787

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 18 de setembro de 2018 de aprobación definitiva parcial do Plan xeral de ordenación municipal de Foz.

O Concello de Foz eleva, para a súa aprobación definitiva, o Plan xeral de ordenación municipal (en diante PXOM), conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).

De acordo coa disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, os plans aprobados provisionalmente antes da entrada en vigor desta lei poderán continuar a súa tramitación segundo o teor do disposto na LOUG.

Analizado o PXOM de Foz redactado por Oficina de Planeamento, S.A. con data de marzo de 2016; e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O planeamento vixente no Concello de Foz está constituído polas normas subsidiarias de planeamento municipais aprobadas en 1981. A Comisión Provincial de Urbanismo aprobou a delimitación dos núcleos rurais da Ermida, O Caritel, Ver-Ferreira Vella, Trasmonte, Vilatuíxe, O Chao-Folgosa, Santo Acisclo e Cordido (6.2.1991); e Vilaronte, Corredoira, Forxán, Fazouro, Nois e Cangas (8.5.1991).

2. Segundo o establecido no artigo 85.1 da LOUG, consta a emisión do informe previo á aprobación municipal (IPAI) con data do 20.11.2006.

3. O Concello Pleno aprobou inicialmente o PXOM o 24.4.2007. Foi sometido a información pública durante dous meses mediante anuncio no DOG e en dous xornais, con audiencia aos municipios limítrofes. Deuse cumprimento ao trámite de consulta do artigo 85.3 da LOUG e remitiuse copia ás administracións afectadas.

4. Posteriormente, abríronse dous novos trámites de información pública, tras o acordo dos Plenos do 30.7.2009, coa incorporación do informe de sustentabilidade ambiental; e do 26.9.2013, coa adaptación á normativa vixente nesa data. Procedeuse ao trámite de consultas e solicitude de informes sectoriais e o documento remitiuse ás administracións afectadas. Asemade, o PXOM foi sometido ao trámite de avaliación ambiental previsto no número 4 e seguintes do artigo 85 da LOUG.

5. O pleno municipal aprobou provisionalmente o PXOM o 3.3.2016.

6. A SXOTU requiriu a emenda dunha serie de deficiencias documentais nas datas 19.3.2016 e 6.7.2016.

7. O 8.9.2016 a Comisión Superior de Urbanismo emitiu informe favorable á redución da franxa de solo rústico de protección de costas no ámbito do SUD-2.

8. O 17.11.2016 o Consello de Xunta autorizou a exclusión do réxime de solo rústico para os terreos clasificados polo PXOM como solo de núcleo rural dentro da Rede Natura 2000 (A Igrexa e A Tellada).

9. O 4.5.2017 o Concello remitiu documentación relativa aos informes de datas 19.10.2016 e 4.4.2017 da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e o Mar.

10. O 27.7.2017 o Concello de Foz solicitou a suspensión do prazo para resolver sobre a aprobación definitiva.

11. O 27.7.2018 entrou documentación relativa ao informe de Augas de Galicia do 23.7.2018 sobre a xustificación do abastecemento de augas de Foz.

12. En data do 31.8.2018 o Concello remitiu a documentación do PXOM dilixenciada coas correccións exixidas pola Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e o Mar.

II. Análise e consideracións.

Analizado o PXOM aprobado provisionalmente o 10.3.2016, púidose comprobar que, en xeral, se deu cumprimento ao indicado no informe do 20.11.2006, previo á aprobación inicial, e ao establecido na lexislación urbanística vixente.

Porén, cómpre formular as seguintes consideracións:

II.1. Informes sectoriais e expediente administrativo.

1. Cómpre integrar no PXOM as seguintes condicións impostas polo informe da DX de Patrimonio Cultural de decembro de 2014:

a) Definiranse as seguintes cuestións (pto.12 informe DXPC):

– Coordenadas do castelo da Frouxeira.

– Ampliación da zona de protección integral do castro de Llas cara ao sur.

– Coordenada UTM Y da ficha do túmulo de Fornelos (GA27019015), para que coincida coa do inventario de xacementos arqueolóxicos da DXPC: 4 821 684.

– Definición da situación dos túmulos 2-4 de Fornelos (REF27019002-4).

b) No relativo ás fichas de predios singulares e conxuntos parroquiais (pto.7 inf. DXPC):

– O elemento B-46 predio singular en Vilatuíxe non ten contorno de protección delimitado diferente e máis extenso que a delimitación do propio predio.

– Os conxuntos parroquiais R-01 San Pedro de Cangas, R-04 San Xiao de Cordido, R-08 Santiago de Foz, R-14 San Xiao de Nois, R-15 San Acisclo do Valadouro, R-16 Santa Cilla do Valadouro e R-19 San Xoán de Vilaronte non teñen contorno de protección delimitado diferente e máis extenso que a delimitación do propio predio nin establecen determinacións específicas para a súa conservación e ordenación.

c) Nas fichas de bens naturais e paisaxísticos do catálogo definiranse os campos de estado de conservación e determinacións específicas (ptos. 4 e 5 inf. DXPC).

Nas fichas E-06 a E-14, relativas a conxuntos de hórreos, no campo do estado de conservación identificarase o estado de conservación de cada elemento que conforma o conxunto (pto.5 inf. DXPC).

d) Definirase unha ficha para o ACH27019002 Achado paleolítico das Chaves, identificado no informe da DXPC como GA27019ACH2 (pto.10 inf. DXPC). Constan na lista dous novos elementos para os cales deberá definirse unha ficha: ACH27019003 e ACH27019004 Achados cerámicos en Porto Fazouro.

2. Integraranse a totalidade das condicións do informe de Augas de Galicia:

– Solicitarase a regularización das captacións sinaladas. Introduciranse expresamente as limitacións sectoriais na zona de fluxo preferente.

– Recolleranse todos os cursos fluviais indicados coa nomenclatura dese informe ou aclararase se algún dos incluídos con outro nome se identifica cos anteriores.

3. Incluirase na normativa a obriga de solicitar informe da DX de Conservación da Natureza para todas as actuacións nos terreos sinaladas nas condicións 1ª e 4ª.

4. Integraranse no PXOM as memorias xustificativas de accesibilidade e habitabilidade e planos modificados do PE-7, achegados tras a aprobación provisional; e o informe do equipo redactor de marzo de 2007 xustificativo do cumprimento do informe previo á aprobación inicial.

II.2. Solo urbano.

1. Os terreos da vía Torques de Castro ao norte da clasificación actual de solo urbano non xustifican ser merecentes da clasificación como solo urbano. En consonancia coa categorización dos terreos estremeiros, será de aplicación o réxime do solo rústico de protección agropecuaria ao oeste da vía, e de espazos naturais ao leste.

2. Segundo a información achegada no PXOM, hai ámbitos en que a rede de servizos de abastecemento ou saneamento, ou a urbanización, son insuficientes e dificulta que os terreos adquiran a condición de soar mediante obras accesorias ou de escasa entidade. Para este fin, o Concello deberá promover as actuacións illadas necesarias, que se recollerán na estratexia de actuación do PXOM (art. 124 LOUG):

– En Cangas, terreos ao longo da vía do tren, camiño Cruz-Cangas, camiño Martín-Santo Acisclo.

– En Raxoá, terreos dos ramais sen servizos da estrada de Ribela.

– En Nois e Ventoeiro, terreos e ramais sen servizos estremeiros co ferrocarril e á N-642 e áreas ao nordeste, suroeste e ao sueste.

– En Fazouro, terreos sen servizos dos ramais da N-642 e da LU-151, terreos da vía Santo Acisclo, lugar da Ponte.

– En Vilaronte, terreos dos camiños entre a estrada Vilaronte-Espiñeira e rúa do Camiño, terreos da estrada Aviadoiro, camiño de Vigo.

– Terreos das rúas Cruz da Veiga, Fonte da Cruz, rúa do Calvario e Camiño do Pilar.

– Terreos ao leste do SUD-1 e ao oeste da rúa Concello de Sarria.

– Terreos ao oeste da avenida Breogán, ata o final do solo urbano.

– Terreos da rúa prevista de acceso ao PE-7, polo sur, desde a rúa Colexio do Pilar.

– Terreos das rúas Camiño Vello, Camiño de Folgueiras e Camiño do Cuartel.

3. Nos terreos estremeiros co ferrocarril, onde se establece unha aliñación a 20 m de distancia, dificúltase que os terreos poidan adquirir a condición de soar mediante obras accesorias ou de escasa entidade. Asemade, débense grafar aliñacións no espazo intermedio entre a estrada N-642 e o ferrocarril.

4. Por razón dunha adecuada coexistencia entre os usos industriais (ordenanza 7) e os residenciais de ordenanza 1, na zona da Pradeira, ás zonas de ordenanza 1 situadas dentro da ordenanza 7, deberáselles asignar esta última ordenanza. Igualmente, na parcela con ordenanza 7 que dá fronte á avenida de Viveiro, ao oeste da rúa Casas Novas, non é admisible a categoría 3ª da ordenanza 7.

II.3. Solo urbanizable.

1. Deberá grafarse nos planos a clasificación dos terreos do parque empresarial (solo urbano consolidado no caso de que finalizase a xestión e urbanización dos terreos) sen prexuízo de que se inclúan como planeamento subsistente.

2. O informe do 23.7.2018 de Augas de Galicia non considera que a concesión E-1816-L do río Ouro cubra o abastecemento para o desenvolvemento dos terreos urbanizables industriais SUND-1 e SUND-2, que cingue ao solo industrial existente na actualidade.

II.4. Solo de núcleo rural.

1. Vistos os artigos 13 e 32.2.e) da LOUG e a determinación excluínte 3.1.5.d) das DOT, as parcelas vacantes ao leste da parte común ao oeste do núcleo de Vilarmea estarán suxeitas ao réxime previsto para o solo rústico de protección de costas.

2. O informe de Augas de Galicia do 23.7.2018 indica que a parroquia de Cordido se abastece mediante unha captación para a cal actualmente se está a tramitar a súa concesión (exp. DH.A27.62860, iniciado o 17.4.2018).

II.5. Solo rústico.

1. A clasificación de solo rústico de protección de infraestruturas axustarase ao sinalado no proxecto sectorial parque eólico Gamoide (AD 15.4.2004).

2. Non se aplicará o réxime de solo rústico de especial protección de costas a terreos que se atopen a unha distancia superior a 200 m do límite interior á ribeira do mar (artigo 32.3 da LOUG) e aplicarase o réxime do solo rústico de protección agropecuaria, en coherencia coa categorización outorgada aos terreos estremeiros.

II.6. Réxime de fóra de ordenación.

As previsións para edificacións en fóra de ordenación incluídas polo PXOM deberán interpretarse en coherencia e cos límites establecidos na lexislación urbanística vixente.

II.7. Integración das determinacións da memoria ambiental.

Para garantir o cumprimento do punto 7 das determinacións finais da memoria ambiental, e en relación co informe sectorial da DX de Conservación da Natureza, calquera tipo de actuación nos espazos destes hábitats e especies deberá contar con informe favorable da DX de Conservación da Natureza.

II.8. Adecuación ao plan de ordenación do litoral.

1. Independentemente doutras, outorgarase a clasificación de solo rústico de especial protección paisaxística ao espazo de especial interese paisaxístico dos Fondós.

2. A área de recualificación identificada no POL (ficha 01_04_011, Costa de Cangas) na contorna da praia de San Pedro, deberá ser delimitada e realizarase unha diagnose das accións precisas. A inclusión nesta área é precisa para xustificar a procedencia do desenvolvemento urbanístico correspondente ao PERI-3 e do PE-5, que cómpre incluír dentro da área de recualificación que se delimite. O desenvolvemento da área no seu conxunto incorporará un estudo de impacto e integración paisaxística (EIIP) que poderá pormenorizar a súa delimitación. Elaborarase unha ficha en que se fixen obxectivos e estratexia para o seu conxunto, así como a inclusión da delimitación na serie 7 de planos do POL.

3. Incluiranse na mesma serie relativa ao POL as delimitacións dos núcleos de identidade do litoral (NIL) de Nois e Foz.

4. Debe incluírse nas partes correspondentes aos PERI-1, 2 e 3 e os SUND-1 e 2 a necesidade de remitir o planeamento de desenvolvemento para a verificación da súa adecuación ao POL, nomeadamente ás normas xerais para os desenvolvementos urbanísticos do artigo 61 da súa normativa. Tamén debe sinalarse nos plans especiais previstos para o acondicionamento do bordo litoral (PE-4, 5 e 6).

5. Realizarase un estudo para deducir as necesidades de aparcadoiros nas praias periurbanas e rurais, especialmente na contorna das máis deficitarias en relación coa súa concorrencia (Peizás, Arealonga, Area da Fame-Praia das Polas, San Pedro...) e formular as oportunas solucións, se procede, en canto a reserva de solo.

6. O PXOM recollerá o tramo da Senda dos Faros que atravesa o concello de Foz, incorporando o seu trazado con carácter orientador ata que se aprobe o plan ou plans especiais que desenvolvan esta senda, co obxecto de que o futuro desta non se vexa comprometido.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 61 e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia; e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva parcial ao Plan xeral de ordenación municipal de Foz, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia, con suxeición ao cumprimento das condicións sinaladas na parte II anterior. Con este fin, o Concello deberá achegar un documento refundido que dea cumprimento a esas consideracións.

2. Deixar en suspenso os ámbitos a que se refiren as consideracións II.2.3, II.3.2 e II.4.2. O Concello deberá emendar as deficiencias sinaladas, elaborar un novo documento coas correccións indicadas e, logo da súa aprobación polo Pleno da Corporación, elevalo ante esta consellería para a súa aprobación definitiva.

3. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio o Plan xeral de ordenación municipal de Foz no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

4. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente, unha vez inscrito no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

5. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

6. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2018

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio