Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Luns, 8 de outubro de 2018 Páx. 45085

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 26 de setembro de 2018 pola que se convoca o curso superior A nova lexislación administrativa básica: teoría e práctica.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Publica a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar a cuarta edición do curso superior A nova lexislación administrativa básica: teoría e práctica, de acordo coas seguintes bases:

1. Obxectivos.

As leis 39/2015 e 40/2015, do 1 de outubro, introducen novidades relevantes na regulación do procedemento administrativo común das administracións públicas e do réxime xurídico do sector público, que inciden, entre outros, na organización e funcionamento da Administración, no réxime xurídico dos convenios, na responsabilidade patrimonial das administracións públicas, nos recursos administrativos, na tramitación electrónica dos procedementos e nos dereitos das persoas nas súas relacións coa Administración.

O obxectivo principal deste curso é abordar o estudo das citadas modificacións do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común desde unha perspectiva práctica, para o cal, nunha primeira parte de cada sesión, se procederá á análise, estudo e debate dos temas propostos e, na segunda parte, á súa aplicación a través da resolución de supostos prácticos.

2. Contido.

O curso estrutúrase en 8 sesións, nas cales se tratarán, entre outros, os seguintes temas:

• As relacións administrativas ad intra. Principios xerais de actuación do sector público e os órganos das administracións públicas. Relacións interadministrativas.

• As relacións administrativas ad extra. Os dereitos das persoas nas súas relacións coa Administración pública.

• Cuestións xerais do procedemento administrativo común I: os prazos. Cómputo. Efectos da extemporaneidade nas actuacións administrativas, en especial, caducidade, silencio administrativo e prescrición.

• Cuestións xerais do procedemento administrativo común II: a eficacia dos actos administrativos. Especial referencia ao procedemento notificador e ás notificacións electrónicas.

• A tramitación electrónica do procedemento administrativo. Identidade dixital. Presentación documental electrónica. Expediente, documento e arquivo electrónicos. Interoperabilidade.

• O procedemento administrativo común I: os interesados. Iniciación de oficio e por instancia de parte. As medidas preventivas.

• O procedemento administrativo común II: ordenación, instrución e finalización do procedemento. Especial referencia á resolución do procedemento administrativo.

• Os principios da potestade sancionadora. As especialidades do procedemento sancionador.

• Os principios da responsabilidade patrimonial das administracións públicas. As especialidades do procedemento de responsabilidade patrimonial.

• O sistema de recursos administrativos.

• Nulidade e anulabilidade. A revisión dos actos en vía administrativa.

• A iniciativa lexislativa e a potestade regulamentaria.

• Os convenios na Lei 40/2015.

3. Prazas: 80.

4. Persoas destinatarias.

O curso diríxese ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local e de xustiza, dos entes instrumentais da Comunidade Autónoma e das universidades do Sistema universitario de Galicia que estea en posesión do título de doutoramento, licenciatura, diplomatura, grao, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica ou enxeñaría técnica.

No caso de non cubrir a totalidade das prazas convocadas, ás vacantes que resulten poderán acceder os profesionais que estean en posesión do título de doutoramento, licenciatura, diplomatura, grao, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica ou enxeñaría técnica.

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP do 26 de outubro de 1994 (BOE núm. 267, do 8 de novembro, e corrección, BOE núm. 311, do 29 de decembro), pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos da Administración local en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, e no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG núm. 52, do 16 de marzo), e corrección (DOG núm. 77, do 22 de abril), sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 1,5 puntos.

5. Desenvolvemento.

O curso desenvolverase na EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela, nas seguintes datas: 25 e 31 de outubro; 8, 15, 22 e 29 de novembro, e 13 e 20 de decembro de 2018.

Terá unha carga lectiva de 45 horas presenciais, distribuídas en 8 sesións: 7 sesións de 6 horas lectivas, que se impartirán en horario de mañá (das 11.00 ás 14.00 horas) e en horario de tarde (das 16.00 ás 19.00 horas), e unha sesión de 3 horas, o último día do curso, en horario de mañá (das 11.00 ás 14.00 horas).

6. Inscrición: prazo e documentación requirida.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través do espazo «área de matrícula» da web da EGAP: https://egap.xunta.gal/matricula/login.php.

O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación da convocatoria do curso no Diario Oficial de Galicia ata as 23.00 horas do día 14 de outubro de 2018.

As persoas solicitantes, agás as que pertenzan á Administración autonómica ou á Administración de xustiza, deberán enviar un correo electrónico á dirección novas.egap@xunta.gal, no que acrediten a súa condición de persoal empregado público, así como estar en posesión da titulación solicitada.

Así e todo, a EGAP poderá solicitar documentación complementaria en caso necesario.

Serán excluídas aquelas solicitudes que non acrediten o cumprimento dos requisitos con anterioridade ao último día habilitado para a inscrición, isto é, o 14 de outubro de 2018.

7. Criterios de admisión.

A orde de admisión virá determinada pola data de presentación das solicitudes e darase preferencia ao persoal empregado público.

8. Matrícula.

8.1. Importe.

O importe da matrícula é de cen euros (100 €) para as persoas destinatarias que non teñan a condición de persoal empregado público que, no caso de seren seleccionadas, recibirán as instrucións para realizar o pagamento.

8.2. Pagamento.

As persoas seleccionadas poderán facer efectivo o pagamento da matrícula nun prazo único ou en dous prazos.

O pagamento, total ou do primeiro prazo (60 %), deberá efectuarse dentro dos tres días seguintes á comunicación por parte da EGAP de que o/a alumno/a foi seleccionado/a. No caso de optar polo pagamento fraccionado, o 40 % restante farase efectivo entre o 12 e o 19 de novembro de 2018.

Unha vez formalizado o pagamento da matrícula, total ou fraccionado, deberá enviarse xustificante bancario ao enderezo de correo novas.egap@xunta.gal, especificando o nome e apelidos do/da alumno/a. A formalización da inscrición no curso quedará condicionada ao envío do devandito xustificante no prazo establecido.

A EGAP non devolverá as cantidades aboadas en concepto de matrícula no caso de renuncia ou abandono unha vez iniciado o curso.

9. Publicación da lista de persoas seleccionadas e prazo de presentación de alegacións.

9.1. Na parte deste curso da páxina web da EGAP (http://egap.xunta.gal/) publicarase a listaxe de persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas sexa superior ao número de prazas.

O prazo de presentación de alegacións será de dous días naturais contados desde o día da súa publicación.

9.2. Unha vez que transcorra o prazo de alegacións, publicarase, no mesmo espazo, a listaxe definitiva das persoas admitidas no curso.

10. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

10.1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

10.2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por correo electrónico, dirixido a novas.egap@xunta.gal, cunha antelación mínima de tres días naturais anteriores ao comezo da actividade formativa, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

10.3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante os/as responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días, contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

11. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

12. Certificado electrónico de aproveitamento.

Ao final do curso emitirase un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2018

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública