Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Xoves, 11 de outubro de 2018 Páx. 45528

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 3 de outubro de 2018 pola que se regulan os permisos ao persoal da Comunidade Autónoma de Galicia en relación coas eleccións sindicais aos órganos de representación do persoal ao servizo da Administración da Xunta de Galicia.

Ante a proximidade das eleccións sindicais para a cobertura da totalidade de delegados de persoal, membros dos comités de empresa e de xuntas de persoal, que se celebrarán no período 2018-2019, faise preciso sinalar o sistema de permisos aos membros de candidaturas, compoñentes das mesas electorais, representantes da Administración, interventores e apoderados das candidaturas e aos electores en xeral; en consecuencia, esta consellería

RESOLVE:

Primeiro. Os compoñentes das mesas electorais e representantes da Administración terán dereito, de ser preciso, a permisos polo tempo indispensable para asistiren ás xuntas da mesa electoral. Así mesmo, disporán dun permiso retribuído de xornada completa no día da votación e unha redución de cinco horas na súa xornada de traballo do día inmediatamente posterior.

Segundo. Os apoderados e interventores das candidaturas que se designen, se é o caso, terán permiso durante todo o día da votación e unha redución da súa xornada de traballo do día inmediatamente posterior nas condicións sinaladas no parágrafo anterior.

Terceiro. Os electores en xeral terán permiso polo tempo indispensable para exerceren o seu dereito ao voto, segundo as instrucións concretas que dite cada órgano de persoal, e este poderá exixirlles un xustificante do acto da votación expedido pola mesa electoral concreta en que vote cando esta estea situada fóra do seu centro de traballo.

Cuarto. Esta disposición non é aplicable nas eleccións aos representantes do persoal ao servizo das institucións sanitarias dependentes do Servizo Galego de Saúde e do persoal funcionario docente non universitario dependente da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2018

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda