Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Luns, 15 de outubro de 2018 Páx. 45716

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 4 de outubro de 2018 de modificación da data final de xustificación de investimentos para a anualidade 2018 en relación coas resolucións de concesión de axuda da submedida 19.2 e 19.4 B do PDR de Galicia 2014-2020 que foran emitidas durante a citada anualidade 2018.

A Axencia Galega de desenvolvemento Rural (en adiante Agader) é un ente de dereito público creado pola disposición adicional sexta da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, modificada tanto pola Lei 12/2008, do 3 de decembro, pola que se modifica á Lei 7/1996 e a Lei 5/2000, como pola Lei 15/2010, do 28 de decembro de medidas fiscais e administrativas.

No marco das funcións que esas normas lle atribúen á Agader, correspóndelle a esta a xestión dos recursos destinados á dinamización das áreas rurais.

O Regulamento 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), fixa os obxectivos a que debe contribuír a política de desenvolvemento rural e as correspondentes prioridades da Unión en materia de desenvolvemento rural.

Sobre a base deste regulamento, e no marco das directrices estratéxicas comunitarias de desenvolvemento rural para o período 2014-2020, do Acordo de asociación e do Marco nacional de Desenvolvemento rural a Comunidade Autónoma de Galicia elaborou o PDR de Galicia 2014-2020, que foi aprobado mediante Decisión de execución da Comisión Europea, do 18 de novembro de 2015 (CCI: 2014ES06RDRP011), e modificada pola Decisión de execución da Comisión C (2018) 5236 final, do 30 de xullo de 2018.

No citado PDR prevese que a Agader xestione a medida 19 (Leader) e, dentro dela, as submedidas 19.2 (apoio á implementación de operacións conforme á estratexia de desenvolvemento local participativo do GDR) e 19.4 B (animación e promoción territorial).

Neste senso, a Agader materializou a xestión das submedidas 19.2 e 19.4 B a través dos seguintes instrumentos:

– Resolución do 29 de decembro de 2016 pola que se publica o Acordo do Consello de Dirección do 29 de decembro de 2016 polo que se aproban as bases reguladoras das axudas que se tramiten ao abeiro da medida Leader (submedidas 19.2 e 19.4), cofinanciadas co Feader no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (DOG núm. 12, do 18 de xaneiro de 2017).

– Resolución do 12 de decembro de 2017 pola que se convocan, mediante tramitación anticipada de gasto, subvencións para a execución de proxectos ao abeiro da submedida 19.2 (apoio para a realización de operacións conforme a estratexia de desenvolvemento local participativo), da medida Leader do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, para as anualidades 2018 e 2019, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (DOG núm. 245, do 28 de decembro de 2017).

O artigo 34.1.f) e g) das citadas bases reguladoras (Réxime de axudas da medida Leader do PDR de Galicia 2014-2020) establece, no ámbito do calendario de xestión da medida, que a data final, tanto de pagamento dos investimentos ou gastos subvencionables polos promotores aos seus provedores, como de xustificación de investimentos, é o 15 de outubro de cada ano.

Non obstante, o punto 2 do citado artigo 34 establece a posibilidade de que o director xeral da Agader, en previsión dunha ordenada xestión, execución e peche da medida Leader do PDR, poida variar as datas sinaladas, así como fixar outras para axeitar o ritmo de execución de proxectos á proximidade das datas límites sinaladas.

Tendo en conta a proposta do subdirector de Relacións cos GDR, o sinalado nos parágrafos anteriores, o ritmo de verificacións dos informes control de elixibilidade (ICES) por parte da Subdirección de Relacións cos GDR, a data na que foi posible emitir as resolucións de concesión de axuda e, non en menor medida, o ritmo de execución dun gran número de proxectos, e coa finalidade de facilitar unha execución o máis eficiente posible da medida Leader do PDR de Galicia 2014-2020,

RESOLVO:

En relación coas resolucións de concesión de axuda emitidas durante a anualidade 2018 e que se tramitan no marco das submedidas 19.2 (apoio á implementación de operacións conforme á estratexia de desenvolvemento local participativo do GDR) e 19.4 B (animación e promoción territorial) do citado PDR, e só para a anualidade 2018:

1. Modificar as datas máximas, tanto de pagamento dos investimentos ou gastos subvencionables polos promotores aos seus provedores, como de xustificación de investimentos, de xeito que pasen a ser as seguintes:

– Data final de pagamento dos investimentos ou gastos subvencionables polos promotores aos seus provedores: 30 de outubro de 2018.

– Data final de xustificación de investimentos: 30 de outubro de 2018.

A modificación das datas finais indicadas nos parágrafos anteriores suporá, á súa vez, a modificación das resolucións individuais emitidas, durante a anualidade 2018, no ámbito das submedidas 19.2 (apoio á implementación de operacións conforme á estratexia de desenvolvemento local participativo do GDR) e 19.4 B (animación e promoción territorial), correspondentes á medida 19 (Leader) do PDR de Galicia 2014-2020 no que respecta ao prazo máximo de execución e xustificación dos gastos correspondentes á anualidade 2018, que pasará a ser, en todos os casos, o 30 de outubro de 2018, manterase o prazo máximo que establezan as ditas resolucións para a execución e xustificación dos gastos correspondentes á anualidade 2019.

2. Esta resolución notificaráselles aos interesados e aos GDR inmediatamente e daráselle publicidade no taboleiro e na páxina web da Agader.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2018

Miguel Ángel Pérez Dubois
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural