Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Martes, 23 de outubro de 2018 Páx. 46863

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 10 de outubro de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica o acordo sobre o deslindamento parcial realizado entre a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Trasmañó e José Luis Riobó Gil, no concello de Redondela, ao respecto da estrema común dos seus montes.

Para os efectos previstos no artigo 54 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade ao acordo adoptado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra o 2 de outubro de 2018, en relación co deslindamento parcial entre a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Trasmañó e José Luis Riobó Gil, no concello de Redondela, ao respecto da estrema común dos seus montes.

Feitos:

Primeiro. O 17 de febreiro de 2017 recíbese no rexistro do Edificio Administrativo de Pontevedra un escrito da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Trasmañó (en diante, CMVMC), concello de Redondela, no cal solicitan a iniciación do procedemento de deslindamento entre a CMVMC de Trasmañó e a propiedade de José Luis Riobó Gil, segundo o establecido no artigo 54 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. Coa solicitude xuntan a seguinte documentación:

Informe de deslindamento, acompañado de documentos de propiedade de José Luis Riobó, plano de deslindamento asinado de mutuo acordo pola comunidade de Trasmañó e José Luis Riobó; acta de deslindamento asinada polo presidente da comunidade e José Luis Riobó; copia da acta de conciliación ante o Xulgado de Paz e certificación do secretario da CMVMC de Trasmañó de que na asemblea do 13.12.2015 se autorizou a xunta reitora para solicitar un informe técnico pericial para o deslindamento do monte con propiedades particulares.

Segundo. O 5.4.2017 a sección de topografía informa do seguinte:

«A planimetría permite a identificación da parcela. Proponse o deslindamento da parcela catastral 36045A04200222 e un anaco da 36045A04200220. A primeira, catastrada a nome da comunidade de montes, que pasaría a ser do solicitante e a segunda, catastrada a nome dun particular que non é o solicitante. Non existen afeccións sobre montes de utilidade pública nin Rede Natura nin elencos. Segundo o Rexistro de Montes Veciñais de Pontevedra, esta comunidade está sen deslindar.

Así mesmo, informo de que nesta parroquia e preto deste deslindamento proposto existiu o antigo monte de utilidade pública número 479-14 (deslindado e non marcado). Este deslindamento presentado inclúe terreos alén do deslindamento número 479-14 como propiedade da comunidade. Ver montaxe sobre o deslindamento número 479-14.

No caso de aprobarse este deslindamento, os accesos as vivendas 1 e 2 serían propiedade da comunidade de montes».

Achega montaxes sobre o deslindamento número 479-14, o esbozo de clasificación e catastro. A liña deslindada está alén da liña do monte de utilidade pública número 479-14 e corta o esbozo de clasificación.

Terceiro. O 9.8.2017 o Servizo de Montes emite informe técnico favorable de deslindamento, sempre que na acta deste conste a notificación expresa ao Concello como titular catastral do camiño 36045A042090030000WH e ao titular catastral da parcela 36045A04200228 ao que dá acceso o camiño citado no informe de topografía, para que poidan presentar documentación, asistir e realizar as alegacións que consideren oportunas na data e hora que se publique no Diario Oficial de Galicia, segundo consta no artigo 54 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Cuarto. O 26.10.2017 publícase o Anuncio do 10 de outubro de 2017, sobre o inicio do procedemento de deslindamento con predios particulares da CMVMC de Trasmañó, concello de Redondela, onde se acorda sinalar o día 30 de novembro de 2017 ás 10.00 horas para o comezo das operacións de apeo.

Quinto. O 11.12.2017 recíbese escrito da CMVMC de Trasmañó no cal se xunta a acta de deslindamento do 30.11.2017, data fixada para o comezo das operacións de apeo. Nesta acta consta o seguinte:

«Que o concello de Redondela non compareceu e que Vicente Amoedo e Francisco Javier Monteiro Viéitez declaran estar de acordo co deslindamento e así o asinan».

Sexto. O 22.6.2018 recíbese un escrito da CMVMC de Trasmañó, xuntando a seguinte documentación previamente requirida:

– Copia da notificación expresa ao Concello de Redondela, titular catastral da parcela 36045A042090030000WH.

– Escrito de Cristina Amoedo Rodríguez, que certifica ser dona da parcela 36045A04200228.

– Identificación dos predios catastrais de que son titulares os asinantes na acta de deslindamento: parcela 36045Z04200220, titular catastral Francisco J. Monteiro Viéitez; parcela 36045A04200228, titular catastral herdeiros de Bernardo Rodríguez Álvarez, herdeira, Cristina Amoedo Rodríguez.

Sétimo. A descrición da liña vén dada na acta de deslindamento asinada por José Luis Riobó Gil e Fernando Magdalena Blanco, presidente da CMVMC de Trasmañó, e no plano de deslindamento sobre ortofoto de máxima actualidade, asinado polas partes e confeccionados polo enxeñeiro de montes Alejandro Arias Otero, segundo os puntos de coordenadas UTM ETRS89:

Puntos

UTM ETRS89

Coordenada X

UTM ETRS89

Coordenada Y

1

528861

4679944

2

528859

4679947

3

528857

4679948

4

528856

4679949

5

528855

4679951

6

528852

4679955

7

528849

4679957

8

528848

4679963

9

528845

4679969

10

528839

4679975

11

528826

4679986

12

528813

4679979

13

528794

4679980

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm. 140, do 23 de xullo), na súa disposición derradeira segunda modifica o artigo 25 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e elimina a obriga da Administración forestal de proceder ao deslindamento e sinalización dos montes veciñais. Por tanto, esta competencia corresponde ás comunidades propietarias consonte os artigos 53 e 54 da Lei de montes de Galicia.

A dita Lei 7/2012 regula nos artigos 52 e 54 o procedemento de deslindamento de montes veciñais en man común e establece, entre outras, a obriga de publicar a resolución do Xurado no Diario Oficial de Galicia.

Segunda. Á vista da información antes relacionada, e cumprindo todos os trámites a que se refire o punto 1 e 2 do artigo 54 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, sen alegacións á liña proposta por parte do Concello, titular catastral do camiño coa referencia 36045A042090030000WH, e coa declaración de estar de acordo co deslindamento as persoas afectadas por este, o Servizo de Montes o 3.7.2018 emite informe favorable á liña provisional de deslindamento entre a CMVMC de Trasmañó e José Luis Riobó Gil, no concello de Redondela, segundo os puntos referidos no feito sétimo.

Revisada a avinza presentada, a documentación achegada e o informe técnico do Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural de Pontevedra e en atención ao disposto nos artigos 53, 54 e na disposición transitoria décimo cuarta da Lei 7/2012, de montes de Galicia, este xurado provincial, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Primeiro. Aprobar o deslindamento parcial realizado entre a CMVMC de Trasmañó e José Luis Riobó Gil, ao respecto da súa estrema común, nos termos indicados no antecedente de feito sétimo e de acordo cos planos topográficos achegados e validados mediante informe técnico do Servizo de Montes.

Segundo. Notificar este acordo á CMVMC de Trasmañó e a José Luis Riobó Gil e publicalo no Diario Oficial de Galicia para dar cumprimento ao disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e cos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 10 de outubro de 2018

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra