Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Mércores, 24 de outubro de 2018 Páx. 46915

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 133/2018, do 10 de outubro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Lobios dunhas franxas de terreo de dominio público (DP) da estrada autonómica OU-312.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Lobios solicita á Consellería de Infraestruturas e Vivenda a cesión da vía de servizo que discorre pola marxe dereita da estrada OU-312, entre os puntos quilométricos 5+430 e 6+385, para a construción dunha ciclovía de Vilameá aos Baños de Riocaldo.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, delimita as franxas de terreo cuxa transferencia de titularidade solicita o concello, xa que non todo o camiño de servizo está situado en dominio público viario (DPV), e informa favorablemente á transferencia de titularidade.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de outubro de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Lobios:

– Camiño de servizo e franxa de DP desde o punto quilométrico 5+460 MD ao punto quilométrico 6+140 MD.

– Franxa de DP desde o punto quilométrico 6+250 MD ao punto quilométrico 6+365 MD.

– Franxa de DP desde o punto quilométrico 6+375 MD ao punto quilométrico 6+400 MD.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Lobios deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire o presente decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderalle ao Concello de Lobios, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova administración titular das estradas.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de outubro de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade