Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Mércores, 24 de outubro de 2018 Páx. 46913

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 132/2018, do 10 de outubro, polo que se aproba o cambio de titularidade duns restos da estrada autonómica AC-566 a prol do Concello de Valdoviño.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán incluír estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Valdoviño solicita da Consellería de Infraestruturas e Vivenda o cambio de titularidade de varios treitos antigos da estrada de titularidade autonómica AC-566 en distintos puntos quilométricos.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, clasifica algúns dos treitos solicitados polo Concello como sobrelargos da estrada AC-566. Estes sobrelargos, por razóns de seguridade viaria, non reúnen as condicións necesarias para seren transferidos. O treito antigo localizado entre o p.q. 8+680 e o p.q. 8+790 MD emprégase para acumulación de madeira, polo que tampouco reúne as condicións necesarias para a súa transferencia.

O resto de treitos son treitos antigos sen funcionalidade dentro da Rede autonómica de estradas e cumpren coas condicións necesarias para ser transferidos ao Concello.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de outubro de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Valdoviño, sen prexuízo da configuración, condicións e reordenación dos accesos aos treitos antigos que se teñan que facer posteriormente por cuestións de seguridade viaria na AC-566, dos seguintes restos da estrada AC-566 situados nos seguintes pp.qq.:

p.q. 15+070

a

p.q. 15+180 ME (marxe esquerda)

Coa condición de que o Concello solicite o acceso ao Servizo de Infraestruturas da Coruña, pois actualmente está inhabilitado

p.q. 16+360

a

p.q. 16+480 ME (marxe esquerda)

p.q. 23+940

a

p.q. 24+010 ME (marxe esquerda)

p.q. 25+150

a

p.q. 25+200 MD (marxe dereita)

p.q. 25+230

MD

Ata o estribo da antiga ponte

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Valdoviño deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír os cambios de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello de Valdoviño, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que poida corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de outubro de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade