Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Xoves, 25 de outubro de 2018 Páx. 47001

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía, Emprego e Industria

DECRETO 135/2018, do 4 de outubro, polo que se regulan os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia (Premios RSE Galicia).

O Decreto 156/2014, do 4 de decembro, instituíu os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia (Premios RSE Galicia), como maneira de poñer en valor e recoñecer publicamente o labor daquelas empresas que adoptan principios e prácticas de responsabilidade social na súa xestión.

O obxectivo dunha nova regulación e da aprobación dun novo decreto que substitúe o Decreto 156/2014, do 4 de decembro, é o de enfocar estes premios para que a valoración da empresa premiada non sexa por modalidade, eliminando a fragmentación en catro modalidades existentes no anterior decreto, senón que o sexa dunha maneira integral nesta materia en todas as dimensións ou ámbitos (laboral-económico, ambiental e/ou de acción social) da RSE, e tamén de maneira singular dar recoñecemento público mediante unha mención a aquela iniciativa e/ou boa práctica desenvolvida polas empresas galegas en materia de conciliación.

O que se persegue, polo tanto, é impulsar que as empresas se asuman dunha maneira integral a RSE e darlles recoñecemento público.

O presente texto respecta os principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficacia previstos no artigo 129.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O Decreto 135/2017, do 28 de decembro (DOG núm. 18, do 25 de xaneiro de 2018), establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria e, en virtude desta normativa, esta consellería é competente, entre outras, nas materias de responsabilidade social empresarial.

Por iso, facendo uso das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de outubro de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e recoñecementos

Os premios RSE Galicia están destinados a recoñecer publicamente e premiar aquelas empresas que, nos seus sistemas de xestión, implanten e poñan en funcionamento os principios e prácticas de responsabilidade social empresarial. Contarán con dous recoñecementos, un premio en materia de responsabilidade social empresarial para aquelas entidades en que a súa actividade empresarial poida considerarse como un exemplo integral nesta materia, e unha mención para recoñecer publicamente o labor desenvolvido polas empresas galegas no ámbito da conciliación.

Artigo 2. Convocatoria

Mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de emprego e relacións laborais realizarase a convocatoria de cada edición e a aprobación das correspondentes bases dos premios. En cada orde de convocatoria concretaranse os aspectos establecidos no artigo 4 deste decreto.

Artigo 3. Participantes

1. Poderán optar aos premios as empresas públicas ou privadas galegas, ou que conten con sede ou con centros de traballo en Galicia, que, a través dos seus sistemas de xestión, desenvolvan actuacións responsables nos ámbitos laboral-económico, ambiental e de acción social, demostrando así o seu compromiso activo coa sociedade, sempre que cumpran os requisitos establecidos na orde de convocatoria.

2. Non poderán optar aos premios as entidades sen ánimo de lucro.

Artigo 4. Recoñecementos

1. Premio á Responsabilidade Social Empresarial. Neste recoñecemento valoraranse de forma integral as empresas que opten ao premio, así como as súas actuacións nos seguintes ámbitos:

a) Laboral-económico. Teranse en conta aspectos tales como a creación de emprego, calidade do emprego, igualdade laboral, ou que faciliten ao seu cadro de persoal a conciliación, a través de medidas como a reorganización de tempos e espazos; recursos e estruturas para o coidado doutras persoas; medidas que posibiliten o seu desenvolvemento persoal; modificación de roles entre mulleres e homes que posibiliten a implicación de ambos coa familia, o fogar ou o traballo, a innovación, a calidade e a ética empresarial.

b) Ambiental. Teranse en conta aspectos relativos ao impacto ambiental que xera a empresa na súa actividade.

c) De acción social. Teranse en conta aspectos tales como a diversidade, integración social, formación, acción social, compromiso coa comunidade local ou calquera outro que redunde neste ámbito.

2. Mención á conciliación: distinguirase mediante mención aquela empresa, independentemente do seu tamaño, polo seu labor desenvolvido no ámbito da conciliación laboral, familiar e persoal, a través de medidas como a reorganización de tempos e espazos; recursos e estruturas para o coidado doutras persoas; medidas que posibiliten o seu desenvolvemento persoal; modificación de roles entre mulleres e homes que posibiliten a implicación de ambos coa familia, o fogar ou o traballo.

Artigo 5. Categorías

O Premio á Responsabilidade Social Empresarial, en función do tipo de empresa, contará con tres categorías:

Categoría a) Pequena empresa: para empresas que ocupen ata 49 persoas traballadoras.

Categoría b) Mediana empresa: para empresas que ocupen a 50 e ata 249 persoas traballadoras.

Categoría c) Grande empresa: para empresas que ocupen a 250 ou máis persoas traballadoras.

Artigo 6. Xurado

1. Para os efectos de concesión dos premios actuará un xurado, que estará presidido pola persoa con rango mínimo de director/a xeral competente en materia de emprego e relacións laborais, e do que formarán parte, como vogais, a persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións Laborais e unha persoa representante por cada unha das consellerías con competencias en materia de economía, política social, igualdade e de ambiente, designadas polas persoas titulares das consellerías respectivas; así como, representantes das organizacións empresariais e sindicais máis representativas de Galicia.

2. Tamén formarán parte do xurado dúas persoas expertas en materia de responsabilidade social empresarial designadas pola Presidencia deste.

3. Actuará como secretario/a deste xurado un persoa funcionaria designada pola Presidencia do xurado con voz pero sen voto.

4. Na composición do xurado procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres. A dita composición e o seu funcionamento concretaranse mediante a orde de convocatoria do premio.

Artigo 7. Xestión, concesión e retirada

1. A xestión dos premios RSE Galicia correspóndelle ao órgano directivo competente en materia de emprego e relacións laborais.

2. Os premios RSE Galicia concederanse por resolución da persoa titular da consellería competente en materia de emprego e relacións laborais unha vez elevada a proposta do xurado.

3. A consellería competente en materia de emprego e relacións laborais poderá resolver a retirada da dita distinción ás empresas galardoadas, ante incumprimentos graves coñecidos con posterioridade a outorgarse o premio ou mención correspondente.

Artigo 8. Características dos premios

1. Os premios RSE Galicia teñen carácter honorífico e carecen de dotación económica.

2. Os premios serán outorgados no transcurso dun acto público que poderá ser obxecto de difusión nos medios de comunicación social.

3. A entidade galardoada poderá facer publicidade da devandita concesión en anuncios, publicacións e memorias, especificando o ano no que foi premiada, así como publicar ou difundir a concesión do premio en calquera medio de comunicación, de acordo coa imaxe gráfica do premio, desenvolvida pola consellería competente en materia de emprego e relacións laborais.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 156/2014, do 4 de decembro, polo que se institúen os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia (Premios RSE Galicia).

Disposición derradeira primeira. Facultades de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de emprego e relacións laborais para convocar mediante orde os Premios RSE Galicia e ditar as disposicións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de outubro de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria