Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Mércores, 7 de novembro de 2018 Páx. 48308

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 25 de outubro de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se somete a participación pública a proposta de declaración de espazo natural de interese local da zona denominada Brañas de Sada, pertencente ao concello de Sada.

Vista a solicitude presentada polo Concello de Sada para a declaración do lugar denominado Brañas de Sada como espazo natural de interese local (ENIL, en diante), esta dirección xeral considera que a proposta reúne as condicións adecuadas e establece un período de información pública na tramitación da solicitude con obxecto de cumprir co disposto no artigo 18.2.b) da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co preceptuado pola Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente.

ACORDO:

Primeiro. Someter a consulta pública e audiencia aos interesados, por un prazo de 20 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio, a proposta de declaración do ENIL Brañas de Sada.

Segundo. A proposta de declaración do ENIL Brañas de Sada contén a solicitude normalizada, unha memoria que cumpre e que se axusta ao establecido no artigo 3.3 do Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura de espazo natural de interese local e a figura de espazo privado de interese natural e o compromiso formal de pór en práctica as medidas de conservación e de elaborar o plan de conservación. Conta, ademais, co borrador de orde pola que se declara, de xeito provisional, como ENIL a zona denominada Brañas de Sada.

Terceiro. Durante o citado prazo, poderase consultar o expediente na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, entrando na subsección de documentos en información pública do portal de conservación da natureza http://cmaot.xunta.gal/tema/c/CMAOT_Conservacion

Cuarto. As persoas interesadas poden enviar as súas alegacións:

a) Preferentemente mediante correo electrónico ao seguinte enderezo: planificacion.conservacion@xunta.gal, poñendo no asunto «Declaración do ENIL Brañas de Sada».

b) Alternativamente, mediante a presentación de escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2018

A directora xeral de Patrimonio Natural
P.D. (Resolución do 23.10.2018)
Susana Cuesta Fariña
Subdirectora xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas