Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 16 de novembro de 2018 Páx. 49228

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 6 de novembro de 2018, da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, pola que se procede á apertura dun período de elección de provisor de asistencia sanitaria especializada na Xestión Integrada de Vigo.

O Servizo Galego de Saúde formalizou, con data 1 de setembro de 2014, un concerto coa entidade Hospital Povisa, S.A. para a prestación dos servizos de asistencia sanitaria especializada, incluídos na súa carteira de servizos, á poboación beneficiaria da Seguridade Social e protexida polo Servizo Galego de Saúde, que libremente o elixa, asignada aos centros de saúde dos concellos de Cangas do Morrazo, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar e aqueles outros que a Administración determine do concello de Vigo.

Na cláusula 1.2 do prego de prescricións técnicas particulares deste concerto establécese que a Xerencia do Servizo Galego de Saúde, mediante resolución, establecerá o procedemento e o prazo para que os beneficiarios da Seguridade Social, que ten a obriga de protexer, poidan elixir libremente o provisor de asistencia sanitaria especializada.

Co obxecto de facer efectiva a posibilidade de elección indicada, por medio desta resolución

ACORDO:

Primeiro. Os beneficiarios da Seguridade Social dos centros de saúde dos concellos de Cangas do Morrazo, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar así como os dos centros de saúde de Coia, Coruxo, Navia, López Mora, Pintor Colmeiro, Nicolás Peña e Rosalía-Beiramar, estes últimos no concello de Vigo, poderán solicitar a inclusión no Complexo Hospitalario Universitario da Xestión Integrada de Vigo ou seren asignados á area de Povisa, como provisores de asistencia sanitaria especializada.

Segundo. A solicitude de cambio de provisor de asistencia sanitaria especializada efectuarase pola persoa autorizada ou mediante titor/a legal, quen achegará a seguinte documentación:

a) Solicitude de acordo co modelo que se xunta á presente resolución, que estará dispoñible na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

b) Documento identificativo da persoa solicitante: DNI, tarxeta de identidade de estranxeiro (TIE) ou pasaporte, que deberán ser presentados no momento de formular a solicitude.

No caso de ser presentada a solicitude por un/unha titor/a ou persoa autorizada:

– Fotocopia do DNI, TIE ou pasaporte do interesado/a.

– Documento acreditativo da titoría legal ou, no seu caso, orixinal da autorización específica do interesado/a.

A solicitude presentarase no centro de saúde que, por razón de residencia, lle corresponda á persoa interesada, ou nos servizos de admisión de calquera dos centros hospitalarios integrados na estrutura organizativa de Xestión Integrada de Vigo.

Se a documentación presentada non está completa ou ten algún defecto, requirirase á persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta coa indicación de que, se así non o fixer, considerarase que desiste da súa petición.

Terceiro. Tamén será posible efectuar a opción de cambio a través de internet, nas condicións que se explicitan na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Cuarto. Non será posible tramitar a opción de cambio nos seguintes supostos:

a) Mentres a persoa usuaria estea hospitalizada nun ou noutro hospital, ou ben cando teña iniciado un tratamento de radioterapia e/ou quimioterapia.

b) Cando as solicitudes recibidas pasen o límite máximo de persoas usuarias que Povisa pode ter asignadas segundo o concerto.

Quinto. O período para que os beneficiarios da Seguridade Social indicados no acordo primeiro desta resolución exerzan o seu dereito a elixir libremente o provisor de asistencia sanitaria especializada, será o comprendido nos 30 días naturais a partir do día seguinte á publicación no Diario Oficial de Galicia da presente resolución.

Sexto. As solicitudes de cambio para un ou outro hospital entenderanse estimadas se se cumpren as condicións referidas nesta resolución, sendo a data de cambio a que corresponda á súa mecanización efectiva na Unidade de Tarxeta Sanitaria. Os usuarios poderanse informar deste aspecto na área administrativa do seu centro de saúde.

As solicitudes desestimadas comunicaranse sempre por escrito no cal conste o motivo da desestimación.

Sétimo. A presente resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2018

Antonio Fernández-Campa García-Bernardo
Xerente do Servizo Galego de Saúde

missing image file
missing image file