Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Mércores, 5 de decembro de 2018 Páx. 51220

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 23 de novembro de 2018 pola que se regulan o Rexistro de Entidades Colaboradoras de Pesca Fluvial, o Rexistro de Embarcacións e Artefactos Boiantes de Pesca Fluvial e mais os formularios normalizados que se van empregar en distintos procedementos en materia de pesca fluvial.

De acordo co disposto no artigo 148.1.11 da Constitución, en virtude do establecido no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, esta comunidade autónoma ten competencia exclusiva en materia de pesca fluvial e lacustre.

Ao abeiro diso ditouse a Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, e o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio). Estas normas recollen diversos procedementos administrativos en que as persoas físicas ou xurídicas deben presentar as súas solicitudes ou documentación ante os órganos competentes, procedementos que convén normalizar e adecuar para a Administración electrónica.

Por outra banda, o Rexistro de Embarcacións e Artefactos Boiantes de Pesca Fluvial previsto no artigo 18 do Regulamento e o Rexistro de Entidades Colaboradoras de Pesca Fluvial creado no artigo 39 do dito regulamento, require dunha normativa que regule o seu funcionamento e demais características.

A Orde do 12 de xaneiro de 2012 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ten atribuída a competencia na conservación, protección, uso sustentable, mellora e restauración do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, segundo o establecido no Decreto 106/2018, do 4 de outubro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e co Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia.

Con base no exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente orde ten por obxecto regular o Rexistro de Entidades Colaboradoras de Pesca Fluvial e o Rexistro de Embarcacións e Artefactos Boiantes de Pesca Fluvial, en aplicación do establecido nos artigos 18 e 39 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, e a tramitación na Comunidade Autónoma de Galicia de procedementos previstos na normativa autonómica, así como habilitar a súa presentación na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Os ditos procedementos habilitaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal e figurarán na guía de procedementos e servizos regulado pola Orde do 12 de xaneiro de 2012 cos seguintes códigos:

a) Solicitude de obtención da licenza de embarcación e do rexistro de embarcacións para a pesca fluvial, establecido nos artigos 6 e 18 do Decreto 130/1997, do 14 de maio (procedemento MT807D).

b) Solicitude de reserva de permisos en coutos de pesca fluvial, establecido nos artigos 30, 32 e 33 do Decreto 130/1997, do 14 de maio (procedemento MT807E).

c) Solicitude de nomeamento, renovación ou renuncia do título de entidade colaboradora de pesca fluvial, establecido nos artigos 37 e 38 do Decreto 130/1997, do 14 de maio (procedemento MT807F).

d) Solicitude de autorizacións especiais de pesca fluvial para a captura de especies piscícolas e invertebrados, establecidos nos artigos 52 e 53 do Decreto 130/1997, do 14 de maio (procedemento MT807G).

e) Solicitude de nomeamento de vixilante xurado de pesca fluvial e renovación anual, establecido nos artigos 85 e 86 do Decreto 130/1997, do 14 de maio (procedemento MT807H).

f) Solicitude de modificación da normativa de coutos de pesca fluvial en datas reservadas, en aplicación do establecido no artigo 46 do Decreto 130/1997, do 14 de maio (procedemento MT807I).

g) Solicitude de xornadas educativas en coutos de pesca fluvial, en aplicación do establecido no artigo 46 do Decreto 130/1997, do 14 de maio (procedemento MT807J).

h) Solicitude de devolución de taxas en materia de pesca fluvial, establecidos nos artigos 4 e 7 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, e o artigo 221 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria (procedemento MT807K).

i) Solicitude xenérica en materia de pesca fluvial (procedemento MT807L).

Artigo 2. Rexistro de Embarcacións e Artefactos Boiantes Autorizados para a Pesca Fluvial

1. De conformidade co artigo 18 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997) en cada servizo provincial do órgano territorial de dirección competente en materia de conservación da natureza figurará un rexistro de embarcacións e artefactos boiantes autorizados para a pesca continental profesional ou deportiva.

2. O Rexistro constará materialmente dun ficheiro sobre soporte informático en que constarán os seguintes datos:

– Data de inscrición.

– Data de vixencia da licenza de embarcación.

– Número de rexistro.

– Nome e apelidos do propietario.

– Enderezo do propietario.

– Características técnicas: manga, eslora e tipo de embarcación.

– Organismo que autoriza a navegación e matrícula, se consta.

– Relación doutros fins a que se destina, se é o caso.

3. A inscrición no rexistro formalizarase de oficio coa expedición da licenza de embarcación nos órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza ou mediante solicitude no caso dos posuidores dunha licenza única interautonómica en materia de pesca continental. A cancelación da inscrición farase igualmente de oficio, coincidindo co fin da vixencia da licenza asociada, sen prexuízo da obtención dunha nova licenza ou unha nova solicitude de inscrición.

Artigo 3. Rexistro de Entidades Colaboradoras de Pesca Fluvial

1. De conformidade co artigo 39 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997) o Rexistro de Entidades Colaboradoras de Pesca Fluvial está adscrito á dirección xeral competente en materia de pesca fluvial, que será a responsable da súa organización, mantemento e custodia, e que formará unha copia actualizada en cada un dos servizos provinciais dos órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza.

2. O Rexistro constará materialmente dun ficheiro sobre soporte informático en que constarán os seguintes datos:

– Clase de asento.

– Data do asento.

– Número de rexistro.

– Denominación da entidade.

– NIF.

– Razón social.

– Datos de contacto: correo electrónico e teléfono móbil.

– Cargo que ostenta a representación legal.

– Representante legal: nome e apelidos, NIF. Correo electrónico e móbil.

– Número de socios actualizado.

3. Os asentos do Rexistro serán de catro clases: inscrición, renovación, anotación e cancelación.

4. A inscrición no Rexistro de Entidades Colaboradoras de Pesca Fluvial formalizarase de oficio cando a dirección xeral competente en materia de pesca fluvial acorde o seu nomeamento, de conformidade co artigo 37 do Regulamento.

5. Os asentos correspondentes ás renovacións e cancelacións formalizaranse tamén de oficio, de conformidade co disposto no artigo 38 do Regulamento. As anotacións corresponderanse con asentos que reflictan modificacións dos datos que figuran xa rexistrados. Calquera cambio neses datos, sexa no procedemento de renovación ou sexa no de anotación, deberase acreditar documentalmente.

6. A formalización e materialización do ficheiro de Rexistro completarase de forma provisional nun prazo de dous meses a partir da publicación desta resolución cos datos estatutarios dispoñibles. A consellería competente en materia de pesca fluvial requirirá ás entidades colaboradoras a información que non estea no seu poder.

Artigo 4. Procedementos administrativos

1. Toda embarcación ou artefacto boiante que se empregue no exercicio da pesca deberá ter unha licenza de embarcación en vigor e figurar no Rexistro de Embarcacións e Artefactos Boiantes Autorizados para a Pesca Continental Profesional ou Deportiva. Ambos os trámites realizaranse de forma conxunta, ou ben poderase facer a inscrición no rexistro para embarcacións de forma illada no caso das persoas posuidoras dunha licenza interautonómica de pesca fluvial en vigor, segundo o formulario de solicitude que figura no anexo I desta orde (procedemento MT807D). As solicitudes presentaranse ante os órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza.

2. As solicitudes de reserva de permisos en coutos de pesca fluvial para festas tradicionais de interese turístico e relacionadas coa pesca, concursos deportivos oficiais ou cotas diarias para entidades colaboradoras realizaranse conforme o modelo que figura no anexo II desta orde (procedemento MT807E). Estas solicitudes presentaranse ante os órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza.

3. As solicitudes para o nomeamento como entidade colaboradora de pesca fluvial, así como para a renovación ou renuncia deste título presentaranse ante os órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza e realizaranse segundo o modelo que figura no anexo III desta orde (procedemento MT807F).

4. As solicitudes de autorizacións especiais para a captura e transporte de especies piscícolas ou de invertebrados presentaranse ante a dirección xeral competente en materia de pesca fluvial segundo o modelo que figura no anexo IV desta orde (procedemento MT807G).

5. As solicitudes de nomeamento de vixilante xurado de pesca fluvial, así como as renovacións deste título presentaranse ante os órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza conforme o formulario do anexo VI desta orde (procedemento MT807H).

6. As solicitudes de modificación de normas en coutos de pesca fluvial reservados para festas tradicionais de interese turístico e relacionadas coa pesca, concursos deportivos oficiais ou cotas diarias para entidades colaboradoras realizaranse conforme o modelo do anexo VIII desta orde (procedemento MT807I) e presentaranse ante os órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza.

7. As reservas de permisos de pesca sen morte en coutos de pesca fluvial para actividades educativas seguirán o modelo de solicitude do anexo IX desta orde (procedemento MT807J). Presentaranse ante os órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza.

8. As solicitudes de devolución de taxas de pesca fluvial asociadas aos peches anticipados da tempada de pesca ou ás incidencias informáticas tramitaranse conforme o modelo que figura no anexo X desta orde (procedemento MT807K). Presentaranse ante os órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza.

9. Establécese un modelo xenérico de solicitude co fin de recoller aqueles casos non recollidos nos parágrafos anteriores conforme o formulario recollido no anexo XI desta orde (procedemento MT807L). Presentaranse ante a dirección xeral competente en materia de pesca fluvial.

Para as solicitudes e/ou comunicacións establecidas neste artigo utilizarase o correspondente formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas representantes dunha das anteriores.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando os formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Consulta do DNI/NIE da persoa solicitante.

b) Consulta do DNI/NIE/NIF da persoa representante da persoa física ou xurídica solicitante (se for o caso).

c) Consulta do NIF da entidade solicitante.

d) Consulta do DNI/NIE da terceira persoa interesada no caso do procedemento MT807H.

e) Licenza única interautonómica en materia de pesca fluvial, no caso do procedemento MT807D para as expedidas na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación dos procedementos

As persoas interesadas, de ser o caso, deberán achegar coa solicitude a documentación que se precisa segundo o procedemento:

1. Solicitudes de licenza e rexistro de embarcacións para pesca fluvial (procedemento MT807D).

a) Acreditación da representación, de ser o caso.

b) Deberase acreditar a autorización para a navegación ou flotación expedida polo organismo competente na zona de desembocadura ou masa de continental afectada ou, de ser o caso, a declaración responsable presentada ante o dito organismo.

c) Deberase presentar copia da documentación técnica da embarcación, en que figuren as dimensións, características técnicas e outros fins a que se destine, de ser o caso.

d) Deberase acreditar o pagamento das taxas correspondentes, no caso das solicitudes de licenza de embarcación.

e) Deberase acreditar a posesión da licenza única interautonómica en materia de pesca fluvial expedida noutras comunidades autónomas, de ser o caso.

2. Reservas de permisos en coutos de pesca fluvial (procedemento MT807E).

a) Acreditación da representación, de ser o caso.

b) No caso das festas tradicionais de interese turístico e relacionadas coa pesca non declaradas ao abeiro do Decreto 4/2015, do 8 de xaneiro, polo que se regula a declaración de festas de interese turístico de Galicia deberase achegar copia do informe favorable da Axencia Turismo de Galicia.

3. Nomeamento, renovación ou renuncia do título de entidade colaboradora de pesca fluvial (procedemento MT807F).

a) Acreditación da representación, de ser o caso.

b) Copia do acordo do órgano que acordou iniciar a solicitude.

c) Documentación acreditativa de ser unha sociedade ou asociación legalmente constituída (só no caso de nomeamento).

d) Copia autenticada dos estatutos (só no caso de nomeamento).

e) Relación nominal e actualizada de asociados/as: nome e apelidos, DNI e domicilio de cada un deles (nos casos de nomeamento e de renovación).

f) Documentación acreditativa das actividades ou investimentos realizados en relación coa mellora e defensa do medio fluvial (nos casos de nomeamento e de renovación).

g) Memoria das actividades ou investimentos proxectados (nos casos de nomeamento e de renovación).

h) Documentación acreditativa dos cambios nos datos da entidade e outros, de ser o caso.

4. Autorizacións especiais de pesca fluvial (procedemento MT807G).

a) Acreditación da representación, de ser o caso.

b) Memoria en que se describe a natureza dos traballos e metodoloxía de captura e mais un cronograma de execución.

c) Copia do contrato ou acreditación da relación existente entre a entidade que executa o estudo e a entidade que promove o estudo.

d) Copia do contrato ou acreditación da relación existente entre o/os solicitante/s e a entidade que promove o estudo.

e) Copia da memoria do estudo ou proxecto de investigación.

f) Copia do anexo V no caso de pluralidade de persoas solicitantes.

5. Nomeamento e renovación do título de vixilante xurado de pesca fluvial (procedemento MT807H).

a) Acreditación da representación, de ser o caso.

b) Documentación acreditativa da relación laboral existente entre a entidade solicitante e a persoa proposta.

c) Copia do anexo VII asinado pola persoa proposta como vixilante autorizando a comprobación dos seus datos como terceira persoa interesada.

6. Modificación de normas en coutos de pesca fluvial (procedemento MT807I).

a) Acreditación da representación, de ser o caso.

7. Xornadas educativas en coutos de pesca fluvial (procedemento MT807J).

a) Acreditación da representación, de ser o caso.

b) Memoria descritiva dos fins e alcance da xornada educativa.

c) Xustificación dos cambios na normativa do couto, de ser o caso.

8. Devolución de taxas en pesca fluvial (procedemento MT807K).

a) Acreditación da representación, de ser o caso.

b) Copia do permiso ou licenza, de ser o caso.

c) Copia do impreso de pagamento, en que figuren os datos do titular.

d) Calquera outra documentación xustificativa que considere necesaria para a comprobación da incidencia.

9. Procedemento xenérico en materia de pesca fluvial (procedemento MT807L).

a) Acreditación da representación, de ser o caso.

b) Calquera outra documentación que se considere conveniente.

10. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

11. A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Notificacións

As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

Os prazos de presentación de solicitudes serán os seguintes:

1. As solicitudes de todos los procedementos presentaranse a partir do día seguinte á publicación desta orde no DOG.

2. As solicitudes de licenza e rexistro de embarcacións para pesca fluvial (procedemento MT807D), autorizacións especiais de pesca fluvial (procedemento MT807G), nomeamento e renovación do título de vixilante xurado de pesca fluvial (procedemento MT807H) e procedementos xenéricos en materia de pesca fluvial (procedemento MT807L) presentaranse en calquera momento do ano.

3. As reservas de permisos en coutos de pesca fluvial (procedemento MT807E) presentaranse antes do 1 de novembro do ano precedente no caso das festas tradicionais de interese turístico e relacionadas coa pesca e das competicións deportivas oficiais, e antes do 30 de novembro do ano precedente no caso das cotas de permisos correspondentes a entidades colaboradoras.

4. Con respecto ás renovacións do título de entidade colaboradora de pesca fluvial solicitaranse con anterioridade ao 30 de novembro do ano (procedemento MT807F), aínda que os nomeamentos ou renuncias pódense facer ao longo de todo o ano.

5. As modificacións de normas en coutos de pesca fluvial (procedemento MT807I) e as xornadas educativas en coutos de pesca fluvial (procedemento MT807J) solicitaranse cunha anticipación mínima de quince días á data de referencia.

6. As devolucións de taxas en materia de pesca fluvial (procedemento MT807K) solicitaranse no caso de peche anticipado da tempada nun prazo de dez días naturais contados a partir do dito peche e transcorrido este prazo solicitaranse antes da data de vixencia do permiso. Noutros casos, asociados a incidencias do sistema de expedición de permisos, solicitaranse en calquera momento do ano.

Artigo 9. Tramitación

1. As solicitudes remitiranse aos órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza exceptuando as de autorizacións especiais para a captura de especies piscícolas e invertebrados (MT807G) e os procedementos xenéricos en materia de pesca fluvial (MT807L), que se remitirán á dirección xeral competente en materia de pesca fluvial. Os servizos provinciais dos órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza revisarán a documentación acompañante que se especifica no artigo 6 desta orde.

2. No caso de que fosen detectados erros ou omisións, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de dez días contados desde o seguinte ao do recepción do requirimento, emende ou complete a solicitude, coa indicación de que, se non o fixese así, teráselle por desistido da súa petición logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 10. Resolución e recursos

1. A expedición de licenzas e inscrición no rexistro de embarcacións e artefactos boiantes e competencia dos servicios provinciais dos órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza.

2. As reservas de permisos para festas tradicionais e relacionadas coa pesca competen directamente aos servizos provincias dos órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza. As reservas de permisos para concursos deportivos oficiais ou para entidades colaboradoras presentaranse tamén ante os dos órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza, que elevarán as propostas á dirección xeral competente en materia de pesca fluvial para a súa resolución.

3. As solicitudes de nomeamento, renovación ou renuncia das entidades colaboradoras de pesca fluvial serán informadas polos dos órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza e elevadas para a súa resolución na dirección xeral competente en materia de pesca fluvial. Os cambios nos datos destas entidades e o seu asento no rexistro farase de oficio nos ditos servizos.

4. As autorizacións especiais de captura de especies piscícolas remitiranse desde a dirección xeral competente en materia de pesca fluvial aos servizos provinciais dos órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza afectados para o seu informe, de forma previa á resolución.

5. As propostas de nomeamento de vixilante xurado de pesca fluvial elevaranse para a súa resolución á dirección xeral competente en materia de pesca fluvial desde os servizos provinciais dos órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza e tras a realización das probas pertinentes e comprobación do cumprimento dos requisitos. As renovacións anuais faranse directamente nos servizos provinciais dos órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza.

6. A resolución das solicitudes de modificación da normativa de coutos de pesca fluvial en datas reservadas para festas tradicionais e relacionadas coa pesca, concursos deportivos oficiais e actividades de entidades colaboradoras compete á dirección xeral competente en materia de pesca fluvial logo de informe dos servizos provincias dos órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza.

7. As solicitudes de xornadas educativas en coutos de pesca fluvial presentaranse ante os órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza da consellería competente en materia de pesca fluvial que as remitirá, xunto co seu informe, á dirección xeral competente en materia de pesca fluvial para a súa resolución.

8. As solicitudes de devolución de taxas en materia de pesca fluvial remitidas aos órganos territoriais de dirección competente en materia de conservación da natureza da consellería competente en materia de pesca fluvial trasladaranse, tras o seu informe, á consellería competente en materia de facenda e recadación.

9. As solicitudes achegadas a través do procedemento xenérico en materia de pesca fluvial á dirección xeral competente en materia de pesca fluvial tramitaranse e resolveranse conforme o seu contido e obxecto.

10. As resolucións destes procedementos non esgotan a vía administrativa e poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira competente en materia de pesca fluvial, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición adicional primeira. Actualización de modelos normalizados

Os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición adicional segunda

Así mesmo, para os ditos procedementos suprímese a exixencia da documentación que de acordo coa lexislación vixente non se poida solicitar para a súa tramitación ou á cal a Administración galega pode acceder directamente mediante a plataforma de interoperabilidade administrativa.

Disposición adicional terceira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados nestes procedementos serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión destes procedementos e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderanse fundamentar no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor aos vinte (20) días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file