Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Mércores, 5 de decembro de 2018 Páx. 51255

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 14 de novembro de 2018 pola que se adopta decisión favorable en relación coa solicitude de rexistro da modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Betanzos.

De acordo co previsto no punto 6 do artigo 8 do Real decreto 1335/2011, do 3 de outubro, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas no rexistro comunitario e a oposición a elas, o día 28 de xuño de 2018 publicouse no Boletín Oficial del Estado a resolución da Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias pola que se daba publicidade á solicitude de rexistro da modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Betanzos, na cal se recollían os enderezos electrónicos onde se podían consultar tanto o seu prego de condicións modificado coma o documento único e pola que se abría un prazo para que calquera persoa física ou xurídica establecida ou con residencia legal en España cuxos lexítimos intereses considerase afectados, puidese opoñerse ao rexistro da devandita modificación mediante a correspondente declaración de oposición. Co mesmo obxectivo tamén se deu publicidade da dita solicitude no Diario Oficial de Galicia do día 22 de xuño de 2018. A solicitude fora presentada ante a Consellería do Medio Rural polos elaboradores de viño desta indicación xeográfica o día 28 de febreiro de 2018.

Xunto coa publicidade da solicitude estableceuse un prazo de dous meses, contado desde a publicación máis tardía de ambas as dúas, para a presentación de declaracións de oposición.

O dito prazo legal transcorreu sen que se formulase ningunha oposición. Seguíronse todos os trámites preceptivos e constan acreditados no procedemento os fundamentos para a decisión favorable en relación coa solicitude de rexistro da modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Betanzos.

Polo tanto, tendo en conta o establecido no Regulamento (UE) núm. 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios e polo que se derrogan os Regulamentos (CEE) núm. 922/72, (CEE) núm. 234/79, (CE) núm. 1037/2001 e (CE) núm. 1234/2007; de acordo co previsto no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores e segundo o previsto nos artigos 13 e 15 do Real decreto 1335/2011, do 3 de outubro; e de acordo coas competencias da Consellería do Medio Rural nesta materia,

RESOLVO:

Primeiro. Adoptar decisión favorable en relación coa inscrición da modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Betanzos no Rexistro comunitario das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas, unha vez comprobado que se cumpren os requisitos do Regulamento (UE) núm. 1308/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

Segundo. Ordenar a publicación como anexo desta orde da nova versión do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Betanzos, sobre a cal se basea esta decisión favorable. O dito prego de condicións e mais o documento único figuran tamén na páxina web da Consellería do Medio Rural, nos seguintes enderezos electrónicos:

http://mediorural.xunta.gal/fileadmin/arquivos/alimentacion/produtos_calidade/2018/IGP_BETANZOS_Pliego_de_condiciones_nov_2018_CCC.pdf

http://mediorural.xunta.gal/fileadmin/arquivos/alimentacion/produtos_calidade/2018/Documento_unico_IGP_BETANZOS_nov_2018_C.pdf

O citado documento único ofrece un resumo fidedigno do prego de condicións.

Terceiro. Remitir esta resolución, xunto co resto da documentación pertinente, ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, para os efectos da transmisión da solicitude de inscrición á Comisión Europea, de acordo co procedemento legal establecido.

Esta resolución esgota a vía administrativa e fronte a ela os interesados poden interpor con carácter potestativo recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural no prazo dun mes, segundo dispoñen os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, computados ambos os dous prazos desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2018

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO

Prego de condicións da indicación xeográfica protexida (IXP) Betanzos

1. Nome que se debe protexer.

Betanzos.

2. Descrición dos viños.

Os viños da indicación xeográfica protexida Betanzos son viños brancos e tintos que se axustan á categoría 1 do anexo VII parte II do Regulamento (UE) núm. 1308/2013. No momento da súa posta ao consumo o viño terá as seguintes características:

2.a) Características analíticas:

– Gradación alcohólica adquirida mínima (% vol.):

• Viños monovarietais: 11 % vol.

• Resto dos viños: 10 % vol.

– Gradación alcohólica total mínima (%):

• Viños monovarietais: 11 % vol.

• Resto dos viños: 10 % vol.

– Contido máximo en azucres totais: cumpriranse os requisitos que se recollen no anexo XIV parte B do Regulamento (CE) núm. 607/2009 da Comisión, do 14 de xullo, para que os viños teñan a consideración de secos.

– Acidez total mínima:

• Viños monovarietais: 5,0 g/l de ácido tartárico.

• Resto dos viños: 4,5 g/l de ácido tartárico.

– Acidez volátil máxima: non será superior a 0,8 g/l de ácido acético (13,33 meq/l) tanto para os viños brancos como para os viños tintos. No caso dos viños que se comercialicen con polo menos un ano de envellecemento este límite de acidez volátil será de 1 g/l de ácido acético (16,66 meq/l).

– Contido máximo de dióxido de xofre total:

• 200 mg/l para os viños brancos.

• 150 mg/l para os viños tintos.

2.b) Principais características organolépticas:

Son viños lixeiros, de graduacións alcohólicas moderadas; os elaborados a partir de uvas brancas presentan cor amarela pálida con reflexos verdosos; os aromas son froiteiros e florais e o sabor é lixeiramente acedo e con posgusto persistente; os elaborados a partir de uvas tintas presentan cores de intensidade media de vermella-cereixa a vermella-cereixa escura; aromas a froitos do bosque e o sabor é suave con estrutura e persistencia medias.

A expresión das calidades óptimas de aroma e sabor destes viños acentúase cando a elaboración se realiza cun mínimo do 85 % de uva das variedades que se indican como recomendadas no punto 6 deste prego de condicións, obténdose desta maneira viños monovarietais.

3. Prácticas enolóxicas específicas.

As prácticas de elaboración levaranse a cabo de forma controlada, co obxectivo de que o viño resultante manteña os atributos físico-químicos e organolépticos da indicación xeográfica protexida Betanzos.

Estes viños elaboraranse cun mínimo do 60 % das variedades que figuran como recomendadas de acordo co establecido no punto 6 deste prego.

O rendemento na extracción do mosto e a súa separación dos bagazos non será superior a 65 litros de mosto por cada 100 kg de uva.

4. Demarcación da zona xeográfica.

Os viños designados coa indicación xeográfica protexida Betanzos deberán proceder exclusivamente de viñedos da zona de produción e elaboración, constituída polos terreos aptos para a produción de uva dos termos municipais de Bergondo, Betanzos, Coirós, Miño e Paderne, así como das parroquias de Abegondo, Cabanas, Cerneda, Cos, Cullergondo, Leiro, Limiñón, Mabegondo, Meangos, Montouto, Presedo, Sarandós, Vilacova e Viós no termo municipal de Abegondo; das parroquias de Bandoxa, Cis, Cuíña, Mondoi, Oza, Porzomillos, Reboredo, Salto e Vivente do termo municipal de Oza dos Ríos e das parroquias de Osedo e Soñeiro do termo municipal de Sada.

Todos os termos municipais mencionados están na provincia da Coruña, na Comunidade Autónoma de Galicia. No anexo I deste prego de condicións recóllese graficamente o territorio desta indicación xeográfica e a súa localización en Europa.

5. Rendemento máximo.

A produción máxima de uva admitida por hectárea será de 11.000 kg para as variedades brancas recomendadas, 10.000 kg para as variedades tintas recomendadas e 11.500 kg para o resto das variedades.

Dado que para a elaboración destes viños debe utilizarse un mínimo do 60 % de determinadas variedades de uva que se indican como recomendadas e que non se permiten rendementos superiores a 65 litros de mosto por cada 100 kg de uva, as producións máximas de viño admitidas por hectárea serán de 72,80 hl para os viños obtidos a partir de uvas brancas e 68,90 hl para os viños obtidos a partir de uvas tintas. Estas cantidades redúcense, no caso dos viños monovarietais, a 71,99 hl e 66,46 hl, segundo se trate de monovarietais brancos ou tintos respectivamente.

6. Variedades de uvas de vinificación.

Os viños da IXP Betanzos elabóranse coas variedades seguintes:

– Variedades brancas: Godello, Albarín branco (Branco lexítimo), Chenín branco (Agudelo) e Palomino.

– Variedades tintas: Mencía, Brancellao, Merenzao, Gran negro e Garnacha tintureira.

Co obxectivo de conseguir a mellor calidade final para estes viños baixo as condicións de luz e temperatura propias desta área xeográfica, débense de ter en conta como variedades recomendadas para a zona as seguintes: Godello, Branco lexítimo e Agudelo en brancas e Mencía, Brancellao e Merenzao en tintas.

7. Vínculo coa zona xeográfica.

a) Factores naturais e humanos:

O clima da zona caracterízase por ser mediterráneo marítimo con trazas de continental húmido, con temperaturas medias anuais moderadas (próximas a 14 ºC) proporcionando un desenvolvemento vexetativo uniforme.

A influencia atlántica provoca unha moderación das temperaturas especialmente significativa nos períodos de máxima vexetación da vide. Así, o moderado valor da temperatura media de máximas (por baixo de 25 ºC) e aínda das máximas absolutas durante o mes de agosto e principios de setembro, período de maduración das uvas, garante combustións respiratorias moderadas nos acios, con economía no consumo de ácido málico e o consecuente mantemento do potencial aromático. Por outra banda, a moderación nas temperaturas nocturnas, orixinan unha escasa combustión por respiración nocturna, o que proporciona unha boa retención de compoñentes aromáticos e antociánicos e potencial aromático intenso.

O número de horas de luz é un dos factores limitantes para o cultivo da vide nesta área xeográfica, condicionando desta maneira as graduacións alcohólicas e ocasionando valores altos de acidez.

O substrato litolóxico está constituído principalmente por rochas xistosas da denominada Serie de Ordes; nos vales dos ríos preséntanse aluvións e coluvións. Os solos orixinados, en xeral, son solos profundos de texturas francas a franco limosas, permeables e ben aireados. Estas características, unidas á excelente capacidade de quecemento primaveral e á boa retención da calor, son factores chave que propician gromos primaverais temperáns que compensan en parte a brevidade do ciclo vexetativo.

As asociacións de viticultores e adegueiros desta zona fomentan a posta en valor dos viños desta comarca promocionándoos a través de actos como a Feira do Viño de Betanzos que se celebra anualmente desde 1985.

A aposta dos viticultores pola defensa das producións vitícolas propias desta zona xeográfica fundaméntase tanto na reputación histórica da comarca como produtora de viños xa evidenciada en documentos como o Catastro de Ensenada do ano 1.752, que atribúe a esta zona unha superficie vitícola ao redor de 1.100 ha, coa viña configurándose como práctico monocultivo na maior parte dos concellos desta área xeográfica, como na conservación e incremento de cultivo de variedades propias e tradicionais da zona xa citadas por A. Huetz de Lemps (1967) na súa obra Vignobles e vins du nord-ouest de l`Espagne (pax. 154).

b) Detalles do produto.

Son viños cuxa característica fundamental é a súa lixeireza e suavidade, cunha graduación alcohólica moderada.

Nos viños brancos dominan aromas froiteiros e florais, con cores desde amarelo dourado pálido a amarelo limón, con alto potencial aromático; en boca son lixeiros e frescos con toques acedos finais. Nos viños tintos predominan os aromas a froitos do bosque, de capa media, vermello cereixa e reberetes violáceos, estrutura media con paso suave e lixeiramente tánico.

c) Interacción causal.

O rexistro desta indicación xeográfica protexida baséase tanto nas características específicas do produto, claramente vinculadas ao medio natural de produción, como á reputación que alcanzou, basicamente no mercado galego.

Os viños elaborados conforme as prescricións deste prego de condicións son fiel reflexo dos efectos das condicións límite de luz e temperatura para unha vitivinicultura de calidade, suavizados estes efectos mediante o axuste varietal (o viño é elaborado maioritariamente con variedades autóctonas da zona, adaptadas ao medio natural), a implantación das viñas en solos francos e profundos, característicos desta área xeográfica (que foron secularmente escollidos polos viticultores, coa sabedoría que dan os anos de experiencia) así como as adecuadas prácticas culturais, entre as que destaca a poda e condución das viñas, que se realiza manualmente e con mestría para facer un adecuado control do potencial vitivinícola.

A especificidade dos viños desta comarca e a súa reputación serviron como base para que a Administración española os recoñecese como Viño da Terra no ano 2000.

8. Requisitos aplicables.

a) Marco xurídico.

– Lexislación nacional:

• Orde do 8 de novembro de 2000, da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria da Xunta de Galicia, sobre as condicións que deben cumprir para acollerse á denominación Viño da Terra de Betanzos os caldos elaborados nesa comarca vitivinícola (DOG núm. 224, do 20 de novembro), e as súas modificacións posteriores:

• Orde do 21 de decembro de 2006, da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia (DOG núm. 2, do 3 de xaneiro de 2007).

• Orde do 28 de abril de 2008, da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia (DOG núm. 89, do 9 de maio).

b) Requisitos adicionais.

En particular estas normas establecen, entre outras obrigas, as seguintes:

– Requisitos para a elaboración e o embotellado:

Nas adegas de elaboración e/ou embotellado unicamente se elaborarán e embotellarán viños producidos a partir de uvas da zona delimitada.

As adegas de elaboración deberán comunicar á autoridade de control e cunha antelación mínima de sete días a data de recepción da vendima e deberán notificar tamén a finalización desta nun prazo de 48 horas. Presentarán tamén á autoridade de control, antes do 10 de decembro de cada ano, as declaracións de entrada de uva e de produción de viño da campaña.

Os viños serán elaborados e embotellados na zona xeográfica de produción delimitada. O transporte e embotellado fóra da zona de elaboración constitúe un risco para a calidade do viño, xa que se pode ver exposto a fenómenos de óxido-redución, variacións de temperatura e outros, tanto máis graves canto maior sexa a distancia percorrida. O embotellado en orixe permite preservar as características e calidade do produto. Este feito, unido á experiencia e coñecemento profundo das características específicas dos viños adquiridos durante anos polas adegas da indicación xeográfica protexida Betanzos, fan necesario o envasado en orixe, preservando así todas as características fisico-químicas e organolépticas destes viños.

O embotellado destes viños realizarase en botellas de vidro coas capacidades admitidas pola lexislación vixente.

As adegas comercializadoras son responsables de que os viños que comercialicen cumpran as exixencias da norma e someterán a todas as partidas de viño, entendendo por partida aquel volume de viño delimitado pola adega que presenta características homoxéneas, ás necesarias análises que poderán ser realizadas cos medios propios da adega sempre que queden reflectidos nun documento que inclúa a identificación da partida. Este documento estará ao dispor da autoridade de control.

– Requisitos da etiquetaxe:

O viño comercializarase coas correspondentes contraetiquetas fornecidas pola autoridade de control logo da solicitude por parte das adegas; nestas solicitudes as adegas identificarán a/s partida/s a embotellar e achegarán os correspondentes datos analíticos favorables para considerar estes viños como aptos.

Todas as botellas levarán unha contraetiqueta numerada, que incluirá o logotipo da indicación xeográfica que figura no anexo II deste prego de condicións.

Para a indicación xeográfica protexida Betanzos o termo tradicional ao que se refire o artigo 112 a) do Regulamento (UE) núm. 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, é Viño da Terra. Esta mención tradicional poderá substituír na etiquetaxe dos viños á expresión «indicación xeográfica protexida».

9. Controis.

a) Autoridade competente e de control.

– Autoridade competente:

Nome:

Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Consellería do Medio Rural

Xunta de Galicia

Dirección: San Caetano , s/n, 15781 Santiago de Compostela.

Teléfono: 0034 981 54 47 76.

Fax: 0034 981 54 00 18.

Correo electrónico: mediorural.dxpa@xunta.gal

– Autoridade de control:

Nome: Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).

Dirección: avenida do Camiño Francés, nº 10; 15781 Santiago de Compostela.

Teléfono: 0034 881 99 72 76.

Fax: 0034 981 54 66 76.

Correo electrónico: agacal.certificacion@xunta.gal

A Agacal é unha axencia, dependente da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, encargada da comprobación do cumprimento do prego de condicións.

b) Tarefas de control.

b.1) Alcance dos controis:

– Análises químicas:

A Agacal verifica que os elaboradores realizan análises químicas de todas as partidas de viño para comprobar que cumpren os requisitos establecidos no punto 2 deste prego de condicións.

A Agacal entrega contraetiquetas cunha codificación específica para cada botella de cada partida destinada a ser comercializada coa indicación xeográfica protexida Betanzos que se axuste aos parámetros establecidos. As partidas que non reúnan as características analíticas do punto 2 deste prego de condicións non obterán as contraetiquetas e non poderán ser comercializadas baixo o nome da indicación xeográfica protexida.

– Operadores:

A Agacal comproba que os operadores teñen capacidade para cumprir os requisitos do prego de condicións. En particular comproba que os elaboradores dispoñen dun sistema de autocontrol e rastrexabilidade que permite acreditar as especificacións en canto a: procedencia de uva, variedades empregadas, rendementos de produción, rendementos de extracción de mosto, e análise dos parámetros químicos.

– Produtos:

A Agacal mediante toma de mostras, verifica que o viño comercializado baixo a indicación xeográfica cumpre as especificacións establecidas no punto 2, utiliza adecuadamente a contraetiqueta asignada e se cumpren as demais condicións que se recollen neste prego de condicións.

b.2) Metodoloxía nos controis na verificación anual:

– Controis sistemáticos:

A Agacal realiza controis sistemáticos do sistema de autocontrol dos operadores que elaboran ou comercializan viño baixo o abeiro da indicación xeográfica protexida cos obxectivos seguintes:

• Verificar que a uva, o mosto e o viño son orixinarios da zona de produción.

• Controlar o cumprimento das especificacións no referente a variedades e rendemento de produción de uva.

• Comprobar que se realiza unha xestión da rastrexabilidade desde a produción de uva ata o envasado.

• Comprobar que se realizan análises químicas de todas as partidas de viño que permitan acreditar o cumprimento das características definidas no punto 2 deste prego de condicións.

– Controis aleatorios:

A Agacal fai controis aleatorios para comprobar a rastrexabilidade das partidas e o cumprimento dos parámetros analíticos.

ANEXO I

Situación e delimitación da zona xeográfica

missing image file

ANEXO II

Logotipo da indicación xeográfica protexida Betanzos

missing image file