Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Mércores, 19 de decembro de 2018 Páx. 52861

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 5 de decembro de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se regula o procedemento de rexistro de instalacións de protección activa contra incendios en establecementos non industriais.

O Real decreto 513/2017, do 22 de maio, polo que se aproba o Regulamento de instalacións de protección contra incendios, e a súa Guía técnica de aplicación establecen que para a posta en servizo de instalacións de protección activa contra incendios en establecementos non industriais aos cales sexa de aplicación o Código técnico da edificación, documento básico «Seguranza en caso de Incendio (SI)», será precisa a presentación ante o órgano competente da Comunidade Autónoma en materia de industria, antes da súa posta en funcionamento, dun certificado da empresa instaladora e dun contrato de mantemento.

Na disposición adicional do Decreto 51/2011, do 17 de marzo, polo que se actualiza a normativa en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, establécese que todas as actuacións que realicen ante a consellería competente en materia de industria as empresas que presten servizos no ámbito do decreto, en cumprimento da normativa de seguranza industrial que sexa de aplicación, se tramitarán exclusivamente por medios electrónicos.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

1. Regular o procedemento de rexistro de instalacións de protección activa contra incendios en establecementos non industriais, conforme o indicado no Real decreto 513/2017, do 22 de maio, e na súa Guía técnica de aplicación, e que terá asignado o código de procedemento IN620C.

2. Publicar o modelo de comunicación para o rexistro de instalacións de protección activa contra incendios en establecementos non industriais, que se recolle no anexo I desta resolución.

3. O procedemento IN620C é un procedemento administrativo de prazo aberto.

4. As comunicacións presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado recollido no anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Se algunha das persoas interesadas presenta a súa comunicación presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da comunicación aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das comunicacións poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. As persoas interesadas deberán achegar coa comunicación a seguinte documentación:

1. Certificado da empresa instaladora, emitido por un técnico titulado competente designado por ela, no cal se fará constar que a instalación se realizou de conformidade co establecido no Regulamento de instalacións de protección contra incendios e de acordo co proxecto ou documentación técnica.

2. Contrato de mantemento cunha empresa mantedora debidamente habilitada, que cubra, polo menos, os mantementos dos equipamentos e sistemas suxeitos ao Regulamento de instalacións de protección contra incendios.

6. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

7. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– DNI ou NIE da persoa comunicante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da persoa xurídica comunicante.

8. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude.

Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

9. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

10. Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia –Consellería de Economía, Emprego e Industria– coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

11. Os modelos normalizados aplicables na tramitación deste procedemento regulado na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

missing image file
missing image file
missing image file