Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Mércores, 19 de decembro de 2018 Páx. 52843

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 5 de decembro de 2018 pola que se regula a pesca de lamprea no río Tea e se fixa o período e as condicións para presentar as solicitudes para participar no sorteo de postos de pesca para o ano 2019.

O Decreto 106/2018, do 4 de outubro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, atribúen á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, dentro das súas competencias, o fomento, a ordenación e o aproveitamento dos recursos piscícolas.

O artigo 8 da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial de Galicia, indica que se deberán establecer os períodos hábiles de pesca para as distintas especies e demais seres vivos que habitan as augas continentais de Galicia e adoptar as medidas excepcionais e os réximes especiais que se consideren pertinentes.

Esta orde ten por obxecto establecer a normativa especial para a pesca da lamprea (Petromyzon marinus) nun ámbito territorial e temporal determinado. A pesca da lamprea presenta aspectos específicos que quedan reflectidos na propia Lei de pesca fluvial de Galicia, que exceptúa esta especie, xunto coa anguía e a angula ou meixón, da prohibición de determinadas artes de pesca e da pesca nocturna. Esta circunstancia xustifica o establecemento dun réxime especial para a pesca destes seres vivos.

A lamprea é unha especie de peixe moi particular no que respecta ao seu aproveitamento, no cal se seguen utilizando procedementos e artes tradicionais que están prohibidos para o resto das especies.

O Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio) establece, no seu artigo 88, os obstáculos, instrumentos, artes e aparellos prohibidos nas augas continentais galegas, coa excepción dos utilizados na pesca de anguías, meixóns, lampreas e especies de esteiro.

Co obxecto de realizar un aproveitamento ordenado da pesca da lamprea no río Tea, establécese un réxime especial para o vindeiro ano 2019.

Por todo o anterior, consonte o disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía e no uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

É obxecto desta norma a regulación do aproveitamento específico da lamprea (Petromyzon marinus) nas augas do río Tea durante o ano 2019 (código do procedemento administrativo: MT823B).

Artigo 2. Ámbito de aplicación

A zona de pesca é o tramo do río Tea comprendido entre a ponte do ferrocarril (Salvaterra de Miño) e a praia da Moscadeira (Ponteareas).

Artigo 3. Modalidade de pesca

Os medios autorizados para a pesca da lamprea no río Tea son a estacada, a fisga (unha por pescador) e a luz artificial. Enténdese por estacada a ponte ou pasarela de madeira ou similar situada voando sobre o río, perpendicularmente á dirección da corrente.

Artigo 4. Características das estacadas

1. As estacadas deberán cumprir as seguintes condicións:

a) Deberán ter acceso desde terra e en ningún caso a súa lonxitude máxima superará a metade do leito fluvial ocupado polas augas en cada momento.

b) Un extremo apoiarase na marxe do río e o resto sobre pilotes ou postes de madeira ou ferro, de xeito que non se impida a libre circulación das augas baixo ela.

c) Deberán estar debidamente numeradas e situadas, de conformidade co recollido no anexo I. A situación exacta será indicada polo persoal da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e non se poderá proceder á súa instalación sen o previo pagamento do prezo público correspondente. Calquera cambio de lugar requirirá solicitude e autorización previa do Servizo de Conservación da Natureza de Pontevedra. No suposto de que as persoas adxudicatarias de dúas estacadas contiguas queiran montalas conxuntamente, solicitarano previamente e, se é o caso, montarase no lugar correspondente á sinalada augas máis abaixo.

d) Calquera modificación da vexetación de ribeira axustarase ao disposto na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, e na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza. No caso de que a suxeición da estacada á terra sexa ás árbores de ribeira, tomaranse as medidas necesarias para que as ditas árbores non resulten danadas.

e) As luces colocaranse en liña paralela á estacada de xeito que todo o tramo quede iluminado coa mesma intensidade. En ningún caso se colocarán as luces por debaixo da estrutura da estacada. Prohíbense os focos ou similares.

f) Unha vez finalizado o réxime especial o día 11 de maio de 2019, os pescadores e as pescadoras disporán dun prazo de quince días para retiraren as estacadas e demais instalacións e deberán deixar o contorno libre de lixo.

2. Do incumprimento dos anteditos requisitos de instalación e retirada das estacadas responderán solidariamente todas as persoas autorizadas.

Artigo 5. Período e horario hábil

1. O período hábil de pesca será desde o 4 de febreiro ata o 11 de maio de 2019.

A pesca realizarase en días alternos: os luns, mércores e venres desde as estacadas impares e os martes, xoves e sábados desde as pares.

2. Poderase pescar desde as 21.00 horas do día autorizado ata as 8.00 horas do día seguinte. Prohíbese a pesca desde as 8.00 horas dos domingos ata as 21.00 horas dos luns.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. As persoas interesadas poderán participar no sorteo público que efectuará o Servizo de Conservación da Natureza de Pontevedra.

Non poderá participar no sorteo quen fose inhabilitado por incumprir o establecido no artigo 14 da Orde do 3 de novembro de 2017 pola que se regula a pesca de lamprea no río Tea e se fixa o período e as condicións para presentar as solicitudes para participar no sorteo de postos de pesca para o ano 2018 (DOG núm. 218, do 16 de novembro).

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (anexo II desta orde). Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 7. Pluralidade de persoas solicitantes

As pretensións dunha pluralidade de persoas de contido e fundamento idéntico ou substancialmente similar poderán formularse nunha única solicitude. Neste suposto, deberá achegarse coa solicitude a lista completa de persoas solicitantes segundo o modelo dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (anexo III desta orde). As actuacións efectuaranse coa persoa representante ou coa persoa interesada que expresamente sinalen e, na súa falta, coa que figure en primeiro termo.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, o anexo III citado no artigo anterior, e que está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica opcionalmente poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos do DNI ou NIE das persoas solicitantes.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no anexo II ou no anexo III, segundo o caso, e achegar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Período de solicitude

O prazo para solicitar a participación no sorteo será de dez días, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Artigo 13. Sorteo

O sorteo para a adxudicación dos postos de pesca para a colocación das estacadas terá lugar no refuxio da Freixa (Ponteareas) o día 18 de xaneiro de 2019, ás 11.00 horas.

Cada solicitante elixirá a estacada despois de presentar o DNI/NIE, pola orde obtida no sorteo. Non se poderá cambiar ningún posto despois da elección.

Artigo 14. Permisos

De acordo co número obtido no sorteo, cada persoa adxudicataria retirará un lote de permisos de 4ª categoría para toda a tempada logo do pagamento do prezo público que corresponda e da presentación da licenza de pesca.

Os permisos serán persoais e intransferibles, polo que ningunha persoa adxudicataria poderá facer uso doutro permiso que non sexa o seu propio nin pescar desde un posto distinto a aquel que figura no seu permiso.

Xunto cos permisos entregarase un libro ou folla de rexistro de capturas, que deberá ser debidamente cuberto cada día de pesca e estar sempre a disposición do persoal do Servizo de Conservación da Natureza.

Unha vez rematada a temporada de pesca, o libro ou folla de rexistro deberá ser enviado no prazo de quince días ao Servizo de Conservación da Natureza de Pontevedra, na avenida María Victoria Moreno, nº 43, 2º. O cumprimento deste requisito será indispensable para optar ao sorteo da próxima temporada.

Artigo 15. Condicións

Antes de iniciar a actividade, os pescadores e as pescadoras deberán estar en posesión da licenza de pesca correspondente e autorizados cos permisos de 4ª categoría para cada día, documentos que deberán levar consigo xunto co DNI/NIE durante a práctica desta actividade.

Artigo 16. Prohibicións

– Prohíbese ter na estacada un número superior de fisgas ao de persoas adxudicatarias con permiso presentes nela, así como pedras ou calquera outro instrumento ou calquera acción que sirva para bater as augas ou escorrentar os peixes de xeito que se facilite a súa captura.

– Así mesmo, prohíbese atar as fisgas a calquera tipo de cordel.

– A pesca desde as estacadas enténdese selectiva para a lamprea, polo que non poderán causar dano a outras especies de peixes.

– As barcas empregadas nos labores auxiliares da pesca da lamprea deberán estar en posesión da licenza especial para embarcación (licenza clase E) e levar en lugar ben visible o número de estacada que lles correspondese no sorteo. En ningún caso estas barcas poderán ser accionadas por motor.

O persoal que designe o Servizo de Conservación da Natureza de Pontevedra revisará cada estacada e, cando non se axuste ás condicións fixadas ou non exista persoa autorizada para a pesca desde ela, procederase ao seu levantamento.

Do incumprimento destas condicións responderán solidariamente todas as persoas autorizadas.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta do cidadán.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición transitoria única

Para os efectos do establecido no artigo 14 da presente orde, de acordo co disposto na disposición transitoria segunda do Decreto 130/1997, do 14 de maio, e en tanto non se determinen os requisitos para a obtención da licenza da clase D, para o exercicio da pesca con aproveitamento no río Tea, expedirase a correspondente licenza das outras clases segundo corresponda, na cal se indicará a especie autorizada (lamprea) e se especificará a masa de auga en que se pode practicar esta pesca (río Tea).

Disposición derradeira primeira

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural, por proposta do Servizo de Conservación da Natureza de Pontevedra, por razóns hidrobiolóxicas, de estiaxe ou calquera outra que o faga necesario, poderá ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do establecido nesta orde e adoptar as medidas excepcionais previstas no artigo 48 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANEXO I

Estacadas do río Tea 2018

Núm. estacada

Distancia (m)

Ponte do ferrocarril a 1

21

1 a 2

139

2 a 3

60

3 a 4

50

4 a 5

60

5 a 6

370 (ponte romana/ponte PO-412)

6 a 7

100

7 a 8

105

8 a 9

70

9 a 10

305

10 a 11

100

11 a 12

120

12 a 13

120

13 a 14

100

14 a 15

352

15 a 16

50

16 a 17

677

17 a 18

173

18 a 19

280 (Ponte Cordeiro)

19 a 20

1.160

20 a 21

120

21 a 22

400

22 a 23

100

23 a 24

290

24 a 25

210

25 a 26

200

26 a 27

1.350

27 a 28

1.850

28 a 29

180

29 a 30

300 (Ponte das Partidas)

30 a 31

100

31 a 32

100

32 a 33

100

33 a 34

590

34 a 35

100 (desembocadura Uma)

35 a 36

350

36 a 37

110

37 a 38

110

38 a 39

110

39 a 40

120

40 a 41

90

41 a 42

120

42 a 43

120

43 a 44

160

44 a 45

210

45 a 46

80

46 a 47

150

47 a 48

100

48 á praia da Moscadeira

120

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file