Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Xoves, 20 de decembro de 2018 Páx. 53041

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

RESOLUCIÓN do 5 de novembro de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se acorda a inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia da fábrica da electricidade da Ponte Nova, sita na parroquia de Betanzos, no concello de Betanzos (A Coruña).

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o teor do disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, en diante (LPCG).

O 20.2.2017 o Concello de Betanzos solicitou á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a inclusión da denominada antiga fábrica da luz da Ponte Nova no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia. Posteriormente, a Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural requiriu ao Concello de Betanzos a ampliación da documentación presentada, circunstancia que levou a cabo o 7.4.2017.

O 13.7.2017 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 23 de xuño de 2017, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia da fábrica de electricidade da Ponte Nova, sita na parroquia de Betanzos, no concello de Betanzos. En relación co que dispón a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e como se recolle na propia resolución pola que se incoa o procedemento, abriuse un trámite de información pública por un período dun mes no cal se puideron presentar as alegacións que se considerasen oportunas. Tamén, foron informados diversos departamentos con competencias no ámbito, ademais do propio Concello de Betanzos, como Augas de Galicia, a Dirección Xeral do Patrimonio Natural ou o Ministerio de Fomento, sen que ningún deles alegase nada contra a catalogación. O departamento de Augas de Galicia achegou unha información de interese das mesmas fontes que as consultadas para o fundamento da incoación e, así mesmo, informou de que neste momento non existen concesións administrativas vixentes para o uso da auga do seu contorno.

Durante a tramitación do expediente foi presentada unha memoria contra o fundamento da incoación, coa solicitude de que non fose incluída a edificación no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia. O 12.2.2018 a directora xeral de Patrimonio Cultural contestou a alegación devandita desestimando a súa pretensión de non catalogar o conxunto, mostra do patrimonio industrial, se ben conclúe a necesidade de realizar algunha modificación no alcance dos criterios de intervención e nos niveis de protección dalgunha das partes do conxunto.

Segundo o artigo 103.1 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, o patrimonio industrial está integrado polos bens mobles e inmobles e os territorios e paisaxes asociados que constitúen testemuños significativos da evolución das actividades técnicas, extractivas, tecnolóxicas, da enxeñaría, produtivas e de transformación cunha finalidade de explotación industrial, nos cales se recoñeza a súa influencia cultural sobre o territorio e a sociedade e que manifesten de forma significativa e característica valor industrial e técnico. Ademais, o artigo 103.2 menciona que o patrimonio industrial forma parte do patrimonio cultural de Galicia e os bens que o integran son expoñentes característicos da historia social, técnica e económica de Galicia.

Por outra parte, o artigo 104.1 da devandita Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, manifesta que concorre un significativo valor industrial nas instalacións, lugares e paisaxes que constitúan expresión e testemuño dos avances da técnica e dos sistemas de produción das actividades extractivas e de explotación dos recursos naturais, sempre que sexan anteriores a 1936.

Por tanto, á vista dos documentos que forman parte deste expediente, no cal se acredita o notable interese arquitectónico do inmoble, despois do trámite de información pública e a revisión do alcance do réxime de protección proposto, é polo que, no exercicio da competencia para a inclusión dun ben no Catálogo do patrimonio cultural prevista no artigo 28 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e que foi delegada pola orde do 14 de marzo de 2018 (DOG, núm. 58, 22 de marzo) e que se mantén vixente segundo a disposición adicional terceira do Decreto 106/2018, do 4 de outubro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Acordar a inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia da fábrica da electricidade da Ponte Nova en Betanzos (A Coruña), segundo a descrición e réxime de protección que consta no anexo I desta resolución.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia, data a partir da cal se producirá a súa inclusión no catálogo con carácter definitivo.

Terceiro. Notificar esta resolución ás persoas interesadas e ao concello de Betanzos.

Cuarto. Segundo o disposto no artigo 35.5 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, esta catalogación obriga ao concello a incorporar esta circunstancia ao seu planeamento urbanístico e a establecer as determinacións específicas para o seu réxime de protección e conservación.

Disposición derradeira

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2018

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral de Patrimonio Cultural

Anexo I

Descrición do ben

1. Denominación:

Fábrica de electricidade da Ponte Nova, tamén coñecida como fábrica da luz.

2. Localización:

Provincia: A Coruña.

Concello: Betanzos.

Lugar: Ponte Nova, Betanzos.

Microtoponimia: Xuncais de Cortadores, Finca da Pesqueira.

Enderezo: avenida da Coruña, núm. 1.

Referencia catastral da parcela ocupada polo ben: 3625614NH6932N.

Coordenadas xeográficas UTM (ETRS 89 e fuso 29): X=563.748, Y= 4.792.469.

3. Descrición:

A fábrica de electricidade atópase na beira oeste do río Mendo, que delimita o conxunto histórico de Betanzos e linda coa Ponte Nova, na saída da cidade cara á Coruña. Ao norte, separados pola estrada nacional, están o parque Pablo Iglesias e diversos equipamentos docentes, ocupando os terreos gañados á ría durante a construción da liña de ferrocarril que vai a Ferrol. Ao oeste, separado por unha rúa de recente apertura, construíuse un edificio de vivendas e, tras el, hai unha nave industrial, a casa da Rega e outros equipamentos docentes. O sur e suroeste están ocupados por naves industriais e de almacenamento.

Na actualidade este ben está composto por catro edificacións independentes asentadas sobre a mesma propiedade: a fábrica de electricidade na parte norte da parcela, o serradoiro no suroeste e un pequeno edificio e un depósito situados entre os anteriores. Asemade, existen outras construcións e instalacións auxiliares.

A fábrica de electricidade está composta por dous volumes arrimados, o primeiro, construído polo enxeñeiro López-Cortón en 1895, é unha nave disposta en paralelo á avenida da Coruña. Nos planos do proxecto deste edificio consta un corpo semioctogonal apegado no extremo oeste da súa fachada norte e unha cheminea de tixolo, hoxe desaparecida, na parte leste do seu alzado sur que seguramente servía á máquina de vapor que xeraba a electricidade inicialmente, ata que se substituíu pola forza hidroeléctrica a comezos do século XX.

Este volume está sustentado por unha estrutura de madeira (piares e tesoiras de cuberta transversais) e está pechado por un cerramento vertical de barrotillo revestido con morteiro de xeso ou cal e fiestras de grandes dimensións con carpintaría de madeira, colocados alternativamente en cada tramo estrutural, deixando vista a cara exterior dos piares, que marcan o ritmo da fachada principal. O pavimento é unha soleira de formigón. A cuberta, de tella plana, voa sobre as fachadas e os pinches dos lados leste e oeste resólvense coas respectivas reixas de listóns de madeira. Os elementos de madeira están pintados da característica cor verde, contrastando co resto dos paramentos, de cor branca. Aínda se conservan as luminarias orixinais baixo o beiril da cuberta. Todo isto confírelle ao volume unha singular estética industrial que contrasta cos materiais e coas técnicas construtivas tradicionais empregados e, como veremos, co estilo do seguinte volume.

O segundo volume da fábrica de electricidade –construído na década de 1910– diferénciase sensiblemente do anterior e está formado por dous corpos, un de planta baixa e cuberta a unha auga, apegado á fachada leste do primeiro volume, e outro corpo de dúas plantas, situado ao norte do anterior, ocupando a parte da parcela máis próxima á Ponte Nova, que acollía as oficinas. O chan da planta baixa é de baldosas cerámicas, o da planta alta é de madeira, igual que o falso teito. Os muros portantes das fachadas son de tixolo macizo, revestidos con morteiro e conteñen dous ocos profusamente decorados por tramo. A fachada norte da planta alta deste volume resólvese cun gran oco singular tripartito conformando un arco rebaixado, que é o elemento máis salientable deste volume. A parte superior da planta alta está recuberta de azulexos cerámicos de cor branca, a mesma cor que se emprega no resto dos paramentos, contrastando coa cor verde das carpintarías de madeira e dos pequenos peitorís metálicos dos ocos. A cuberta do corpo alto voa sobre as fachadas e resólvese con tella plana, a do corpo baixo é de fibrocemento. A estrutura horizontal do piso, da cuberta e da escaleira é de madeira, os materiais e as técnicas construtivas empregadas son tradicionais e o volume é moi sinxelo formalmente; porén, á fachada outórgaselle un tratamento que estilisticamente ten influencias modernistas na configuración do seu oco principal e nos elementos decorativos que adornan as fachadas.

Na fachada sur do edificio hai varios engadidos de distinto tipo: un pequeno volume que prolonga a cuberta do edificio principal, restos dunha estrutura de formigón de soporte dun depósito ou similar e unha torre metálica de grande altura que soporta antenas.

A nave que ocupaba o serradoiro atópase apegada ás naves industriais localizadas ao oeste da parcela. A altura é de 7 m e a estrutura portante é de piares de formigón armado de forma trapezoidal e tesoiras de madeira. O cerramento actual é, na parte inferior, de fábrica de bloque de formigón e, na parte superior, de táboas de madeira colocadas en vertical e separadas entre si para permitir a ventilación. A cuberta, a dúas augas, sobresae das fachadas e actualmente é de fibrocemento. O pavimento é de terra compactada. Na esquina noroeste da nave hai unha torre metálica –que atravesa a cuberta– de soporte dunha liña eléctrica.

O pequeno edificio de planta baixa, situado entre os anteriores na parte oeste da parcela, posúe muros de tixolo oco, con pilastras de reforzo e revestimento de morteiro de cemento, estrutura de madeira, dous ocos con arcos rebaixados en cada unha das fachadas laterais e un portón de acceso, tamén resolto cun arco rebaixado, na fachada oeste. O interior conta cunha lareira, tamén de tixolo oco. O depósito cilíndrico de formigón armado está apoiado nunha base cadrada de pequena altura. Consta que había outra edificación a carón do depósito, hoxe desaparecida.

Por último, tamén cómpre describir o piar illado localizado na esquina noroeste da parcela e a parte do muro de peche orixinal, e o embarcadoiro de pedra, formado por muros, ramplas e escaleiras de pedra, no límite da parcela co río Mendo.

4. Outros datos.

• Datación cronolóxica: o primeiro volume da fábrica de electricidade constrúese no ano 1895 e o segundo na década de 1910. A finais do século XIX tamén se construíu o serradoiro; porén, segundo as fotografías antigas, este ocupaba unha posición máis próxima ao anterior edificio, descoñecéndose a data de construción do actual, como tamén se descoñece a data dos outros edificios auxiliares.

• Autoría: non se puido acreditar a autoría dos proxectos dos edificios. O primeiro volume da fábrica de electricidade podería atribuírse ao propio enxeñeiro López-Cortón. Varios autores atribúen por cuestións estilísticas e de contexto o segundo volume da fábrica ao arquitecto Rafael González Villar.

• Adscrición cultural, período histórico ou estilo artístico: a nave da fábrica de electricidade ten unha estética industrial, o engadido administrativo responde a un estilo ecléctico-modernista e o resto dos edificios teñen un carácter tradicional ou popular.

• Referencia ás persoas ou organizacións asociadas: neste edificio estivo a sede das industrias da familia Núñez, unha das máis representativas da historia empresarial da provincia da Coruña de principios do século XX. Asemade, o seu promotor, o enxeñeiro José López-Cortón Viqueira, estivo vinculado con outros proxectos de modernización na Galicia de principios do século XX, como o tranvía da Coruña.

5. Uso.

• Función actual: abandonado, aínda que hai un centro de transformación eléctrico na planta baixa da fábrica de electricidade.

• Uso orixinal: o edificio principal acolleu a primeira fábrica de electricidade de Betanzos e o seguinte edificio en tamaño acolleu un serradoiro de madeira.

• Cambios no uso: a principios de século deixouse de xerar electricidade nestas instalacións e empregouse como «subcentral» eléctrica, oficinas, almacén, muíños de fariña, venda de aceites e gasolina e outros.

6. Estado de conservación.

• Estado de conservación: O estado de abandono e a falta de mantemento das construcións provocaron a súa deterioración, así, parte da cuberta da nave da fábrica de electricidade está derrubada, o beiril oeste está apuntalado, desprendeuse parte do recubrimento do cerramento de barrotillo, as carpintarías requiren unha intervención integral, hai fendas nos muros de peche e moitas outras deterioracións.

• Riscos e ameazas: os principais riscos para a conservación do edificio son a falta de uso e a ausencia de labores de mantemento. A protección legal en virtude dos seus valores culturais estímase unha medida acaída para a súa salvagarda e evitar a súa desaparición, se ben require de actuacións urxentes para frear a súa deterioración.

• Intervencións prioritarias: consolidación da estrutura da cuberta e dos cerramentos do edificio principal da fábrica de electricidade. Posteriormente, elaboración dun proxecto integral de conservación.

7. Réxime de protección.

• Natureza: inmoble.

• Categoría: monumento.

• Interese específico: patrimonio industrial.

• Nivel de protección:

– Fábrica de electricidade: integral para as súas dúas primeiras fases de construción, sen que alcance á ampliación sur, que carece de valor cultural, coa conservación dos seus elementos orixinais e complementariamente, nos casos de imposible recuperación, elementos análogos en técnica e materia.

– Serradoiro, pequeno edificio intermedio, embarcadoiro, piar e muro descritos: estrutural, que garanta a conservación dos elementos máis significativos.

7.1. Réxime de protección específico:

• Intervencións prioritarias: de maneira urxente é precisa a consolidación da estrutura da cuberta e dos cerramentos do edificio principal da fábrica de electricidade.

• Proxecto integral de conservación: estímase necesario o establecemento como previsión anterior ao resto de intervencións, agás para o caso das obras prioritarias anteditas e as normais de conservación e mantemento, redactar un proxecto integral de conservación, segundo o previsto no artigo 90 da LPCG.

• Actuacións autorizables segundo o nivel de protección: as previstas no artigo 42 da LPCG segundo o nivel de protección.

• Criterios das intervencións: a posición singular deste ben, nos límites do conxunto histórico da cidade medieval de Betanzos, ocupando un espazo natural gañado ao mar, na beira do río Mendo e a singularidade do uso e da arquitectura da fábrica de electricidade, aconsellan limitar as posibles ampliacións en planta da dita fábrica e, no caso de que puideren resultar imprescindibles, deberanse implantar na parte suroeste da parcela. Deben descartarse as ampliacións en altura da construción principal con protección integral.

Tamén cómpre eliminar o peche das torres metálicas. No referido ás ampliacións sen valor cultural, como o volume engadido polo sur da edificación principal, que non está sometido á protección, o proxecto integral de conservación deberá valorar a compatibilidade do seu mantemento ou a posibilidade da súa eliminación.

Así mesmo, no marco do proxecto integral de conservación deberán analizarse posibles solucións para resolver o desfase da rasante e medidas xerais para a mellora ambiental e estética do contorno inmediato (eliminación dos cables aéreos e das conducións vistas, tratamento das medianeiras, mellora da urbanización, etc).

• Determinación detallada dos elementos construtivos protexibles: no edificio da fábrica de electricidade consideraranse protexidos todos os elementos estruturais, a cubrición, os cerramentos verticais, os ocos exteriores (incluíndo a carpintaría e as reixas), os acabamentos exteriores (revestimentos decorativos exteriores) e os elementos singulares como, as lámpadas de iluminación.

Os elementos danados e os que xa foron transformados, poderán ser substituídos de acordo cos criterios de intervención establecidos no artigo 43 da LPCG e que se deberán concretar no proxecto integral de conservación previsto.

No edificio do serradoiro consideraranse protexidos todos os elementos estruturais.

No edificio intermedio consideraranse protexidos todos os elementos estruturais, a cubrición, os cerramentos verticais, os ocos exteriores e os elementos decorativos exteriores.

• Condicións para o tratamento dos elementos de fachada dos bens: non se considera admisible a instalación de rótulos de carácter comercial ou similar sobre as fachadas do edificio principal. Poderán ser autorizadas obras de reforma parcial para eliminar as barreiras arquitectónicas.

7.2. Réxime de protección xeral:

Será de aplicación con carácter xeral o establecido nos artigos 40 a 42 en función do nivel de protección proposto para cada unha das edificacións, e 44, 89, 90 e 105 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, no referido aos documentos e criterios de intervención. Para o establecemento do réxime xeral de protección, así mesmo, observaranse as cuestións relativas a:

• Conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre o inmoble están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

• Acceso: as persoas físicas e xurídicas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e demais titulares de dereitos reais están obrigadas a permitir o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora nos termos previstos no capítulo I do título X; ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios.

• Comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, os titulares de dereitos reais están obrigadas a comunicar á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural calquera dano ou perda que sufrisen e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

• Autorización: as intervencións que se pretendan realizar no ben terán que ser autorizadas previamente á súa execución coa garantía da conservación dos valores que aconsellaron a súa protección.

• Utilización: A utilización do ben catalogado quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural. En calquera caso, a protección do ben implica que as intervencións que se pretenda realizar quedarán subordinadas a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.

8. Fotografía.

missing image file

missing image file

Anexo II

Identificación gráfica

• Delimitación do ben: a delimitación do ben axústase á realidade da parcela física en que se sitúa, que coincide coa parcela catastral, agás que esta última inclúe o tramo da nova rúa ao noroeste e uns terreos ao sueste, fóra do peche sur da parcela, os cales se exclúen da delimitación. A superficie do ben delimitada é de 7.880 m2. As edificacións no seu interior axustaranse aos diferentes niveis de protección indicados no anexo I.

• Contorno de protección do ben: con respecto ao contorno de protección establecido provisionalmente na incoación, considerouse máis axustado á realidade física da protección reducir o contorno tanto polo norte como polo leste, evitando incorporar tanto o último trazado do ferrocarril como unha parte do conxunto urbano da outra beira do río. Polo norte, este abrangue os terreos máis próximos do xardín, incluíndo as parcelas máis próximas da avenida da Coruña e da casa da Rega, da cal tamén se propuxo a súa catalogación. Polo oeste e polo sur, considerouse oportuno axustarse á bolsa de solo rústico apto para urbanizar SAUR1, que delimitaron as vixentes Normas subsidiarias de planeamento urbanístico de Betanzos, aprobadas o 27.6.1996.

• Zona de amortecemento: non se considera preciso, pola natureza do contexto e dos valores protexibles establecer unha zona de amortecemento, pola consolidación dos desenvolvementos territoriais da súa localización.

missing image file