Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Xoves, 20 de decembro de 2018 Páx. 53052

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

RESOLUCIÓN do 14 de novembro de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural o denominado castro de Santa María de Cervantes, sito no lugar do Castro, na parroquia de Santa María do Castro, no termo municipal de Cervantes (Lugo).

O xacemento castrexo de Santa María, situado nun pequeno saínte da ladeira do monte que configura un curto meandro do río Quindous, disponse de norte a sur e aproveita as características naturais do terreo. Atópase bastante ben delimitado polo pronunciado do terreo en todo o seu perímetro, agás na zona norte, na cal, a pesar das alteracións sufridas, aínda pode apreciarse a construción dunha muralla parapeto, seguida de varios fosos realizados coa mesma infraestrutura hidráulica da explotación aurífera Viña da Moura, que se localiza nas inmediacións do xacemento pola súa parte noroeste.

O conxunto está integrado, ademais de polo poboado castrexo e dos restos das explotacións mineiras, que permanecen fósiles na paisaxe, por unha necrópole que se remonta cando menos ao século XIV, de rito cristián, e que se localiza sobre o recinto do castro, e por un poboado mineiro de época castrexa, dos séculos I-II da nosa era. A zona arqueolóxica abrangue, por tanto, un ámbito cronolóxico sorprendentemente longo, desde o século I d. C ata a actualidade.

Estes xacementos achegaron moitos datos sobre a investigación do fenómeno castrexo no período de transición das culturas prerromanas ao mundo romano, xa que están asociados ao proceso de integración das poboacións locais na complexa dinámica organizada polo Imperio Romano, que explotaba os xacementos auríferos do río Navia e os seus afluentes, entre eles o río Quindous.

As escavacións levadas a cabo achegaron abundantes datos sobre a arquitectura castrexa como son entalles para os marcos das portas, utilización da soga e tizón, existencia de andeis, cubrición con elementos vexetais, zócolos exteriores, a existencia de varios niveis internos ou o potente alzado dalgúns dos seus muros, de máis de dous metros de altura. As campañas de restauración e consolidación realizadas de forma paralela ás escavacións permitiron a súa posta en valor e hoxe en día os restos atópanse en bo estado de conservación.

O seu marco xeográfico é tamén destacable polas características impoñentes das serras orientais galegas, de tan grande relevancia ambiental, cultural e etnográfica.

As minas son, pola súa banda, mostra dunha interesante corta de explotación a ceo aberto de considerables dimensións, para aproveitar o mineral aurífero primario, asociado a mineralizacións de ferro. Esta explotación realizouse sobre pequenas bandas cuarcíticas do Ordovícico inferior intercaladas entre as lousas e cuarcitas do Cámbrico, da serie dos Cabos, do Cámbrico superior, nun sector onde o terreo non se atopa na súa posición orixinal, polo que podería falarse dunha zona de alteritas, que se manifestan da mesma maneira para as explotacións de Viña da Moura, A Franqueira, Os Focalos, As Raposeiras e Os Grovos. O sistema de extracción é claramente romano, o mesmo que se utiliza en toda a Gallaecia romana e noutras zonas do Imperio.

A superficie que ocupa a zona arqueolóxica proposta é de 56.615 metros cadrados e a do seu contorno de protección de 566.385 metros cadrados. As parcelas que comprenden a superficie do asentamento foron na maior parte adquiridas polo Concello de Cervantes coa intención de poñelo en valor.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural promoveu a redacción dunha memoria técnica, resultado dos traballos de prospección arqueolóxica e documentación para a delimitación e declaración de ben de interese cultural do xacemento arqueolóxico do castro de Santa María do Castro, pertencente ao concello de Cervantes (Lugo), que recibiu o informe favorablemente dos seus servizos técnicos, e solicitou de seguido os informes dos órganos asesores e consultivos en materia de patrimonio cultural.

A resposta dos órganos asesores e consultivos, a Comisión Territorial de Lugo e o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario, respectivamente, foi favorable á declaración, ben que solicitaban a corrección de certos erros existentes na localización, así como a ampliación da zona de respecto de maneira que superase o límite do río Quindous, cuestións que foron tomadas en consideración nesta proposta.

Por tanto, á vista do sinalado e do contido da memoria dos servizos técnicos desta Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, na cal se acredita a concreción da presunción dos valores culturais, en especial o seu valor no proceso de transición das culturas prerromanas ao mundo romano, acórdase a incoación do procedemento de declaración como ben de interese cultural e considérase que a categoría máis acaída é a de zona arqueolóxica, que se define no artigo 10.1, alínea d) como «o lugar no que existen evidencias de bens mobles ou inmobles susceptibles de seren estudados con metodoloxía arqueolóxica, de interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, sempre que estea relacionado coa historia humana, ou antropolóxico».

A directora xeral de Patrimonio Cultural, no exercicio da competencia que lle atribúe o artigo 16 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio) e o artigo 13.1.d) do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 13, do 18 de xaneiro) segundo o previsto na disposición transitoria segunda do Decreto 106/2018, do 4 de outubro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 191, do 5 de outubro), e á vista da documentación recollida no expediente, do contido da memoria dos servizos técnicos desta Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e dos informes dos órganos asesores e consultivos,

RESOLVO:

Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural, coa categoría de zona arqueolóxica, o castro de Santa María de Cervantes, sito no lugar do Castro, na parroquia de Santa María do Castro, no termo municipal de Cervantes (Lugo), e incluír os seus elementos integrantes como bens inmobles do Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, segundo a delimitación e contorno de protección que figuran como anexos I, II e III da presente resolución.

Segundo. Ordenar que se anote esta incoación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se comunique ao Rexistro de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Terceiro. Aplicar de forma inmediata e provisional o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens de interese cultural e para os xacementos arqueolóxicos en particular, con eficacia desde o momento da notificación ás persoas interesadas. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro meses desde a data desta resolución, ou producirase a caducidade do trámite e o remate do réxime provisional establecido.

Cuarto. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Quinto. Abrir un período de información pública durante o prazo dun mes, que comezará a contarse desde o día seguinte ao da publicación, co fin de que as persoas que teñan interese poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente. A consulta realizaríase nas dependencias administrativas da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo, situada no Edificio Administrativo de San Caetano, s/n, bloque 3, piso 2, en Santiago de Compostela, logo da correspondente petición de cita, e no servizo de Patrimonio Cultural da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura e Turismo de Lugo (rolda da Muralla, 70, 27071).

Sexto. Notificar esta resolución ás persoas interesadas e ao concello de Cervantes.

Disposición derradeira

Esta resolución producira efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2018

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación: castro de Santa María de Cervantes.

2. Descrición:

a) Do ben: o castro de Santa María de Cervantes presenta unha disposición de norte a sur asentado nun esporón fortemente transformado. A área da zona arqueolóxica comprende toda a súa superficie habitable, xunto coas estruturas defensivas e de delimitación coñecidas, así como unha área próxima susceptible da ocupación residencial do poboado. Polo norte o castro presenta unha maior complexidade no sistema defensivo, deteriorado pola rectificación, no seu momento, da pista de acceso á igrexa de Santa María. O límite establecido neste sector situase xusto ao norte deste complexo para recoller tamén o sistema hidráulico empregado para construír os foxos do castro.

Polo sector leste o límite trázase a media ladeira, unha vez pasada a derradeira liña de terrazas, e do mesmo xeito pola parte sur, onde ten maior desenvolvemento o castro. O límite axústase á pista que circunvala o esporón e que se atopa por baixo das últimas terrazas. Do mesmo xeito, pola beira oeste, o límite descende en altura e comprende unha serie de predios que presentan uns aterrazamentos relacionados co asentamento castrexo, coñecido como lugar de «Viña Moura».

A escavación do poboado permitiu comprobar a relación que existía entre os elementos de delimitación do castro e a explotación aurífera, polo que podería confirmarse a hipótese de tratarse dun poboado de nova planta no que case todas as cabanas se construíron de forma contemporánea. Esta peculiaridade é claramente visible, xa que todos os espazos exteriores comúns e as pequenas obras realizadas para a evacuación das augas fixéronse todas nun mesmo momento, valorando os problemas que creaba cada construción nos distintos espazos utilizados: así, os desaugadoiros das cabanas situadas a un nivel superior canalízanse por pequenas canles que, nalgúns casos, cruzan algunhas das dependencias dun nivel inferior, o que significa que no momento da súa construción tivéronse en conta os problemas comúns e déronlles unha solución beneficiosa para o conxunto das estruturas levantadas.

Idéntica conclusión reflicte a planificación do ordenamento das cabanas. Nun primeiro momento teñen unha distribución periférica para posteriormente ocupar o espazo central, onde as construcións se apiñan ao redor dun eixe que vai de norte a sur a modo de rúa ou zona de paso que comunica dous sectores do asentamento. O trazo tipicamente prerromano da independencia construtiva de cada unidade familiar, onde nunca se comparten os muros, consérvase, pero, neste caso, ordénanse para que os accesos sexan cara a un mesmo lado en cada sector. O lado cara ao cal se orientan os accesos dos grupos de vivendas son neste caso as zonas de paso comúns no asentamento. Estes espazos de acceso común das vivendas están moi ben acondicionados e aparecen escaleiras para salvar os desniveis, zonas lousadas de uso comunal, etc. Os pequenos espazos que quedan anexos ás cabanas son aproveitados polas vivendas de acceso máis próximo como zonas auxiliares.

Das 25 cabanas escavadas, 16 delas están completas. A súa morfoloxía é moi variada: hai cabanas circulares, cuadrangulares, rectangulares con esquinas curvas, irregulares, o que responde a aspectos como a calidade e os coidados construtivos diferentes de cada construtor. A distribución do espazo dentro das cabanas tiña varios niveis, para o que, nalgúns casos, se acondicionaban dúas entradas á vivenda a diferentes alturas. A disposición de dous ou máis niveis facíase por medio de faiados de madeira apoiados en rebaixes feitos nos muros e que seguramente non pechaban completamente os distintos espazos. No piso inferior construíase o fogar e nalgúns casos aparecen restos de bancos corridos e algúns tallos.

O acceso á vivenda sitúase normalmente a un nivel máis alto que o da rúa e o do interior para evitar humidades. Consérvanse os entalles onde se encaixan os marcos das portas que, na parte inferior, únense cun gran lousa de pedra ou limiar. O interior da vivenda estaba pavimentado a base de terra pisada e barro, formando un piso de gran consistencia. De igual modo os muros do interior estaban recebados coa mesma argamasa que se utilizaba para a construción dos muros.

Respecto dos elementos internos, principalmente de carácter doméstico, son moi similares en todas as cabanas. Teñen bancos ou tallos e unha lareira formada por unha placa de arxila encostada a un pequeno murete que funciona como paramento entre a porta e o interior. En ocasións documentouse tamén un braseiro ou grella de arxila endurecida asociado, e tamén un forno integrado nun oco do mesmo murete. A lareira estaría apoiada nun elemento vertical suxeito polo propio murete que conserva o oco central para encaixar o poste de madeira.

Os paramentos das construcións son de xisto e lousa cun espesor medio entre 50 e 60 cm, e aséntanse sobre a rocha, apreciándose en moitos lugares as marcas dos entalles. Polos cálculos dos derrubes das cabanas mellor conservadas, estímase unha altura total superior a 4,5 m. O teitume das vivendas apoiábase nos paramentos de cachotaría e estaban construídos de palla sobre un armazón de vigas de madeira.

É moi significativo o feito de que non exista, polo menos na superficie escavada, ningún espazo asociado ás cabanas que se utilice como zona auxiliar de traballo, como almacén ou como un anexo onde realizar labores relacionados coa gandaría ou a agricultura, como adoita ocorrer nos poboados prerromanos escavados en zonas próximas, o que reflicte que estes non se realizaban, xa que a ocupación principal dos habitantes do castro era o traballo na mina.

b) Das partes integrantes: bens incluídos na zona arqueolóxica clasificados como bens catalogados.

b.1) A Viña da Moura (GA27012014): xacemento arqueolóxico. Corta de explotación a ceo aberto de considerables dimensións. A rede hidráulica debeu estar baseada nunha infraestrutura complexa de canles a distintas cotas do monte, que non se poden situar correctamente. Porén, pode afirmarse que a canle que chegaba ao depósito intermedio pasaba polo complexo de foxos do asentamento de Santa María do Castro. A infraestrutura procede do río Quindous e é a mesma infraestrutura que abastece as explotacións relacionadas con esta, de clara adscrición ao sistema de extracción romano.

b.2) O Ribadón (GA27012015): xacemento arqueolóxico. Corta de explotación a ceo aberto de considerables dimensións. A rede hidráulica debeu estar baseada nunha infraestrutura complexa de canles a distintas cotas do monte, que non se poden situar correctamente. Porén, pode afirmarse que a infraestrutura e o sistema de extracción é claramente romano, o mesmo que se utilizou en todo o Noroeste peninsular e noutras zonas do Imperio.

b.3) Igrexa de Santa María do Casto: monumento: patrimonio arquitectónico, protección estrutural. Igrexa coa tipoloxía de templo rural habitual na montaña lucense, con peculiaridades como cachotaría en pedra local, un pórtico anteposto á fachada, muros grosos e escasa altura das naves con poucos vans e de pequeno tamaño. A fachada consta dun corte pentagonal rematada cunha espadana sinxela, habitual no barroco rural galego entre o segundo terzo do século XVIII e a metade do século XIX. Nesta zona realizouse en lousa, o que motiva a ausencia de elementos decorativos. A planta é un modelo tamén habitual entre o século XVI e o XIX.

b.4) Casa reitoral de Santa María do Castro: monumento: patrimonio arquitectónico, protección estrutural. Pequena edificación rectangular cuberta a catro augas que consta de dous habitáculos interiores, realizado en cachotaría de pedra e cuberta con lousa.

b.5) Cea do Río: lugar de valor etnolóxico. Trátase dunha acea típica galega, construída ao carón do río, en cachotaría e cuberta de lousas sobre vigas de madeira.

3. Datos históricos y artísticos.

a) Época: prerromana, romana e medieval.

b) Adscrición cultural: poboado castrexo e romanizado, explotacións auríferas romanas e necrópoles cristiás.

4. Estado de conservación: o aspecto máis sobresaínte do poboado castrexo posiblemente sexa o estado de conservación das construcións, a pesar das alteracións sufridas, que nun primeiro momento están a falar dun aproveitamento intensivo do espazo interno do xacemento; asemade, conservan unha potencia estratigráfica considerable. As estruturas foron consolidadas e realizáronse traballos de limpeza e mantemento dos restos en época recente. O xacemento sufriu unha grave alteración pola apertura dunha pista nova de acceso ao cemiterio en 1994, que provocou a súa escavación de urxencia e a súa consolidación. As explotacións mineiras son recoñecibles perfectamente na paisaxe. A igrexa e casa reitoral están en bo estado de conservación, froito de recentes actuacións de restauración. A acea na actualidade atópase sen uso, pero aínda se mantén en pé e conserva as rodas con que, coa forza da auga, moían o millo ou outro tipo de cereal.

5. Uso: na actualidade a maior parte da extensión é solo rústico de diferente natureza, con especial presenza forestal e de vexetación de ribeira. Ademais, a capela e o enterramento católicos están tamén en uso. A maior parte dos terreos do castro son propiedade do Concello de Cervantes e non son obxecto de ningunha alteración. O uso de cemiterio debería ser avaliado en profundidade para determinar a súa compatibilidade coa protección do xacemento.

6. Localización: lugares do Castro e Sabadelle, da parroquia de Santa María do Castro, Cervantes (Lugo). O punto central do castro de Cervantes é a igrexa de Santa María do Castro, que está na coordenadas UTM ETRS 89, fuso 29, X: 659943; Y: 4747670.

7. Réxime e salvagarda provisional: a incoación para declarar ben de interese cultural como zona arqueolóxica do castro de Santa María de Cervantes, sito no lugar do Castro na parroquia de Santa María do Castro no concello lugués de Cervantes, determinará a aplicación inmediata, aínda que provisional, do réxime de protección previsto na presente lei para os bens xa declarados, segundo o artigo 17.4 e 17.5 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG) e complementariamente co establecido na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (LPHE).

Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa conservación. Calquera intervención que se pretenda realizar nel deberá ser autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, segundo proxectos elaborados por técnicos competentes e segundo os criterios legais establecidos (artigos 39 a 40 LPCG). Entre outras consideracións, o réxime implica:

– Suspensión de licenzas: a incoación do procedemento de declaración de interese cultural dun ben inmoble determinará a suspensión da tramitación das correspondentes licenzas municipais de parcelación, edificación ou demolición nas zonas afectadas, así como dos efectos das xa outorgadas, a excepción das de mantemento e conservación. A continuidade da suspensión dependerá da resolución ou da caducidade do expediente incoado. A suspensión levantarase coa resolución do procedemento.

– Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais, están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

– Autorizacións: as intervencións que se pretendan realizar no ben ou no seu contorno de protección terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural, coas excepcións que se establecen na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. Será tamén necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para a realización de calquera actividade arqueolóxica. Calquera actuación que comporte a remoción de terras no xacemento arqueolóxico ou no seu contorno tamén requirirá a devandita autorización previa.

– Visita pública: as persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais sobre os bens de interese cultural especificamente declarados permitirán a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente

– Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais, están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

– Dereito de tenteo e retracto: calquera pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de desfrute dos bens de interese cultural deberá ser notificada, de forma que faga fe, á consellería competente en materia de patrimonio cultural con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizar aquela. En todo caso, na comunicación da transmisión deberá acreditarse tamén a identidade da persoa adquirente.

– Utilización: a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellaron a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

ANEXO II

Delimitación do ben e do contorno de protección

1. Descrición da delimitación do monumento.

A delimitación da zona arqueolóxica e do seu contorno de protección propostas realízanse en función dos xacementos arqueolóxicos descritos e da súa implantación xeográfica.

A delimitación do castro de Santa María de Cervantes, coa consideración de ben de interese cultural, queda definida pola liña que une os puntos 1 ao 6 que, comezando no 1, xusto na pista de acceso ao xacemento na Igrexa de Santa María do Castro, logo de pasar a derradeira curva pronunciada na confluencia entre esta pista e o extremo sur da parcela 92.

• P1.- 660.064 - 4.748.039. Desde o punto 1 séguese en dirección sueste, ladeira abaixo, cruzando a parcela 94 ata chegar á pista que leva aos prados do río, onde se cruza co linde nordés da parcela 154, e localízase o punto 2.

• P2.- 660.115 - 4.747.951. Desde aquí ladeira abaixo, en dirección leste e seguindo polo linde que separa a parcela 94 ao norte da 154 ao sur, ata chegar á intersección coa pista que baixa do castro ao río onde está o punto 3.

• P3.- 660.189 - 4.747.874. Saíndo do punto 3, sóbese pola pista en dirección á igrexa e ao castro bordeando o esporón ata chegar ao punto 4.

• P4.- 659.966 - 4.747.833. Collendo este punto tómase dirección noroeste polo lindeiro sur da parcela 63 ata chegar ao seu extremo oeste onde está o punto 5.

• P5.- 659.938 - 4.747.857. Desde aquí en dirección norte polo lindeiro que separa as parcelas 232, 231 e case enteira a 175, ao oeste, das parcelas 63, 320 e case polo linde entre a 175 e a 4, ao leste, atravesando na metade a parcela 62 ata chegar ao extremo noroeste da parcela 320, en que está o punto 6.

• P6.- 659.918 - 4.748.069. Cóllese en dirección leste atravesando parte da parcela 320 ata chegar ao camiño que leva ao castro onde está o punto 1.

O contorno de protección esténdese cara ao noroeste debido fundamentalmente á inclusión neste ámbito de dúas explotacións auríferas romanas, directamente relacionadas coa actividade do castro. A delimitación baséase en criterios topográficos e de visibilidade e adáptase aos fitos xeográficos e antrópicos, como os regatos, ríos ou estradas. Pola parte norte, o límite defínese polas estradas que discorren a media ladeira. Polo leste e o sur, o límite establécese polo río do Castro e polo nordeste polo regato que vén de Sabadelle. A delimitación do contorno de protección comezaría pola parte norte da área de delimitación, desde a parte sur da aldea de Sabadelle, xusto na intersección da estrada que vai desde San Román a Vilamartín coa pista que leva á igrexa de Santa María do Castro, onde está o punto 1.

• P1.- 659.718 - 4.748.490. Desde aquí cóllese en dirección sueste pola estrada que leva a San Román ata chegar á confluencia desta estrada coa que leva a Quindous onde se atopa o punto 2.

• P2.- 659.976 - 4.748.273. Partindo en dirección sueste pola estrada que leva a Quindous ata chegar á confluencia entre esta estrada co extremo norte da parcela 167, onde se localiza o punto 3.

• P3.- 660.298 - 4.748.441. Saíndo deste lugar cóllese en dirección sur ladeira abaixo polo linde que separa as parcelas 167, ao oeste da 47, ao leste, ata chegar de novo á estrada de Vilamartín a San Román, onde se atopa o punto 4.

• P4.- 660.283 - 4.748.362. Neste lugar continúase en dirección sur polos lindes que separan as parcelas 84 e 85, ao leste, das parcelas 83 e 85, ao oeste, ata chegar ao extremo sueste da parcela 86, onde está o punto 5.

• P5.- 660.273 - 4.748.250. Desde aquí tómase en dirección oeste seguindo polo lindeiro sur da parcela 86 ata chegar ao extremo oeste da parcela 95, onde se atopa o punto 6.

• P6.- 660.221 - 4.748.231. Cóllese ladeira abaixo en dirección sur polo lindeiro que separa a parcela 95, ao leste, da 94, ao oeste, ata chegar ao río do Castro, onde localizamos o punto 7.

• P7.- 660.285 - 4.748.061. Desde este lugar tómase río abaixo seguindo polo curso do río e bordeando o esporón onde se asenta o castro ata chegar á confluencia deste río co extremo noroeste da parcela 6095, onde desemboca o regato que vén de Sabadelle, xusto no punto 8.

• P8.- 659.206 - 4.748.595. Saíndo de aquí sóbese polo regato que vén de Sabadelle ata chegar á confluencia deste regato co extremo nordés da parcela norte 446 do polígono 7, onde está o punto 9.

• P9.- 659.683 - 4.748.726. Desde aquí tomamos en dirección sur polo lindeiro que separa a parcela 446, ao oeste, da 447, ao leste ata chegar á confluencia do extremo sueste da parcela 446 co lindeiro da parcela 455, onde se atopa o punto 10.

• P10.- 659.588 - 4.748.569. Partindo deste punto cóllese en dirección leste, ladeira arriba polo lindeiro norte da parcela 455 ata chegar ao seu extremo nordés, onde está o punto 11.

• P11.- 659.615 - 4.748.566. Desde este punto cóllese en dirección sur-sueste polo lindeiro que separa as parcelas 455-467 e 454, ao sur das parcelas 452 e 453, ao norte ata chegar ao punto 1.

Incluídas no mesmo ámbito do contorno de protección do castro de Cervantes localízanse outros elementos con valor cultural que se recollen como integrantes da zona arqueolóxica pero, polo seu interese cultural, deberán ser incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, e que corresponden coa seguinte identificación básica:

Relación de bens integrantes da zona arqueolóxica
incluídos como bens catalogados

Elemento

Categoría

Nivel de protección

Localización

ETRS89. Fuso UTM 29

Lugar

Parroquia

Código GA

X

Y

Mina romana da Viña da Moura

Xacemento arqueolóxico

Integral

O Castro

O Castro

GA27012014

L-659483

O-659863

N-4747960

S-4747670

Mina romana do Ribadón

Xacemento arqueolóxico

Integral

Sabadelle

O Castro

GA27012015

L-659533

O-659243

N-4748370

S-4748200

Igrexa parroquial de Santa María do Castro

Monumento

Integral

O Castro

O Castro

GA27012HIST001

659943

4747670

Casa Reitoral de Santa María do Castro

Monumento

Estrutural

O Castro

O Castro

GA27012HIST002

659943

4747630

Cea do Río

Lugar de valor etnolóxico

Integral

O Castro

O Castro

GA27012ETN001

659993

4747460

ANEXO III

Delimitación gráfica

1. Delimitación do castro de Santa María de Cervantes e do contorno da zona arqueolóxica.

Delimitación da zona arqueolóxica.

Contorno de protección.

2. Localización dos bens catalogados incluídos no contorno da zona arqueolóxica.

───────

Delimitación do castro de Cervantes

GA27012014

Mina romana da Viña da Mora

GA27012015

Mina romana do Ribadón

HIST 001

Igrexa parroquial de Santa María do Castro

HIST 002

Casa rectoral de Santa María do Castro

ETN 1

Cea do Río

missing image file
missing image file