Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Venres, 21 de decembro de 2018 Páx. 53275

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 5 de decembro de 2018 de delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos desta consellería.

O Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, supuxo a creación da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e da Consellería de Cultura e Turismo, que asumen separadamente as competencias anteriormente asumidas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

A disposición transitoria primeira do devandito Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, estableceu que mentres non se desenvolva a estrutura contida neste decreto os órganos superiores e de dirección manterán a súa estrutura e funcións.

Coa finalidade de garantir o correcto funcionamento dos servizos públicos implicados e procurar un funcionamento áxil e rápido dos distintos órganos, resulta necesario articular un réxime que regule a delegación de competencias nos seguintes órganos superiores, directivos e periféricos da Consellería.

A delegación de competencias, da persoa titular da consellería noutros órganos desta, redunda en beneficio tanto da Administración como dos interesados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas como a tutela dos intereses públicos, de acordo cos principios informadores da actividade administrativa, e que a Constitución recolle no artigo 103.1.

A presente orde regula a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, nas persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica, da Secretaría Xeral de Universidades, das direccións xerais e das xefaturas territoriais, no ámbito dos servizos centrais e periféricos correspondentes.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Delegacións na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica

Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica as seguintes atribucións:

a) Resolver os recursos administrativos, a suspensión dos actos impugnados en vía administrativa, así como as reclamacións en materia de responsabilidade patrimonial e os procedementos de revisión de oficio que lle correspondan á persoa titular da consellería, nos casos en que non estean expresamente delegados noutros órganos, e sempre que o órgano delegado non ditase o acto obxecto de recurso ou reclamación.

b) Autorizar e dispoñer os gastos xerais dos servizos da consellería ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, así como recoñecer as obrigas de gasto e propoñer os pagamentos, agás o disposto nos artigos 2.a) e 5.d) desta orde.

c) As funcións que como órgano de contratación correspóndenlle á persoa titular da consellería de acordo coa lexislación vixente, agás nos casos en que estean expresamente delegadas noutros órganos.

d) As funcións que, en relación coas encomendas de xestión, tanto intrasubxectivas como intersubxectivas, así como as encomendas a outras entidades, lle corresponden á persoa titular da consellería de acordo coa lexislación vixente, agás nos casos en que estean expresamente delegadas noutros órganos.

e) A formalización dos acordos de colaboración propios do ámbito competencial da consellería.

f) Designar as comisións de servizos con dereito a indemnización previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, do persoal adscrito a esta secretaría xeral técnica, así como dos altos cargos da consellería.

g) Autorizar a asistencia do persoal adscrito a esta secretaría xeral técnica a cursos e actividades de formación e perfeccionamento.

h) Dispoñer canto concirne ao réxime interno da consellería, agás o reservado legalmente á competencia exclusiva do conselleiro/a ou que estea atribuído ou delegado noutros órganos.

i) As funcións que derivan do exercicio do protectorado das fundacións de interese galego adscritas a esta consellería.

Artigo 2. Delegacións na persoa titular da Secretaría Xeral de Universidades

Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral de Universidades as seguintes atribucións:

a) Autorizar e dispoñer os gastos ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, así como recoñecer as obrigas de gasto e propoñer os pagamentos, respecto dos créditos asignados a esta secretaría xeral nas correspondentes leis de orzamentos xerais, sen prexuízo do disposto nos artigos 1.b) e 5.d) desta orde.

b) Designar as comisións de servizos con dereito a indemnización previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, do persoal adscrito a esta secretaría xeral, así como autorizar a asistencia do persoal adscrito a esta secretaría xeral a cursos e actividades de formación e perfeccionamento.

c) Resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas.

d) Exercer, dentro do seu ámbito de competencias, as funcións que lle corresponden á persoa titular da consellería como órgano de contratación, en relación cos contratos cualificados menores consonte a normativa vixente en materia de contratación pública, incluído a correspondente autorización do gasto.

Artigo 3. Delegacións na persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa as seguintes atribucións:

a) Resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas.

b) Designar as comisións de servizos con dereito a indemnización previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, do persoal adscrito a esta dirección xeral, así como autorizar a asistencia do persoal adscrito a esta dirección xeral a cursos e actividades de formación e perfeccionamento.

c) Exercer, dentro do seu ámbito de competencias, as funcións que lle corresponden á persoa titular da consellería como órgano de contratación, en relación cos contratos cualificados menores consonte a normativa vixente en materia de contratación pública, incluída a correspondente autorización do gasto.

Artigo 4. Delegacións na persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos

Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos as seguintes atribucións:

a) As competencias que lle correspondan á persoa titular da consellería en materia de persoal.

b) Resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas.

c) Resolver os recursos de alzada que se interpoñan contra actos en materia de persoal ditados polas xefaturas territoriais.

d) Asinar os concertos educativos aprobados pola consellería.

e) As funcións relativas á homologación e á validación de títulos e estudos estranxeiros en ensinanzas non universitarias, asignadas á consellería polo Decreto 204/2008, do 28 de agosto.

f) Designar as comisións de servizos con dereito a indemnización previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, do persoal adscrito a esta dirección xeral, así como autorizar a asistencia do persoal adscrito a esta dirección xeral a cursos e actividades de formación e perfeccionamento.

g) Exercer, dentro do seu ámbito de competencias, as funcións que lle corresponden á persoa titular da consellería como órgano de contratación, en relación cos contratos cualificados menores consonte a normativa vixente en materia de contratación pública, incluída a correspondente autorización do gasto.

Artigo 5. Delegacións nas persoas titulares das xefaturas territoriais

Deléganse nas persoas titulares das xefaturas territoriais desta consellería as seguintes atribucións:

a) Formalizar os contratos do profesorado de relixión e anexos aos contratos vixentes, os de carácter temporal do persoal non docente e os nomeamentos do persoal en prácticas, interino e substituto docente, para impartir ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

b) Recoñecer os servizos previos, os trienios e os sexenios aos funcionarios docentes pertencentes a corpos ou escalas adscritos a esta consellería e ao profesorado de relixión.

c) Designar as comisións de servizos con dereito a indemnización, previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo, ao persoal con destino na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, do persoal da consellería con destino no correspondente ámbito territorial, así como autorizar a súa asistencia a cursos e actividades de formación e perfeccionamento.

d) Respecto dos créditos desconcentrados, autorizar e dispoñer os gastos, recoñecer as obrigas e propoñer os pagamentos correspondentes a tales créditos, sen prexuízo das competencias que pola normativa vixente corresponden ao Consello da Xunta de Galicia, e do disposto nos artigos 1.b) e 2.a) desta orde.

e) Respecto dos créditos desconcentrados indicados no punto anterior, as funcións que como órgano de contratación lle corresponden á persoa titular da consellería de acordo coa lexislación vixente, sen prexuízo do previsto no artigo 1.c) desta orde.

f) Exercer, dentro do seu ámbito de competencias, as funcións que lle corresponden á persoa titular da consellería como órgano de contratación, en relación cos contratos cualificados menores e outros contratos que se tramiten polo procedemento aberto simplificado previsto no artigo 159.6 da Lei de contratos do sector público, nos casos en que o correspondente gasto sexa imputable ao capítulo II do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, incluída a correspondente autorización do gasto.

Artigo 6. Réxime xurídico das delegacións

1. Os actos e as resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia, con referencia ao número e á data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e consideraranse ditadas polo órgano que as conferiu.

2. En calquera momento, a persoa titular da consellería poderá avocar para si o coñecemento dun asunto cuxa resolución lle corresponda por delegación a un órgano administrativo dependente, cando haxa circunstancias de índole técnica, económica, social, xurídica ou territorial que o fagan conveniente, e así mesmo, poderá acordar a súa revogación.

3. A delegación de competencias e a súa revogación deberán publicarse no Diario Oficial de Galicia e figurar dun xeito permanente e accesible no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia.

4. En todo caso, quedarán excluídos das delegacións contidas nesta orde os supostos previstos no artigo 6.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

5. En caso de vacante, ausencia ou enfermidade das persoas titulares dos órganos superiores e directivos desta consellería, as competencias delegadas contidas nesta orde serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, polo órgano superior ou directivo que corresponda seguindo a orde de prelación que se establece noDecreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro.

Nos mesmos supostos, as competencias delegadas nos/as xefes/as territoriais serán desempeñadas polas persoas titulares das xefaturas de servizo segundo a orde de prelación establecida no artigo 19 do Decreto 138/2018, do 8 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

Disposición adicional única. Delegacións en materia de axudas e subvencións públicas

O réxime de delegacións en materia de axudas e subvencións públicas será o que se estableza, se é o caso, nas correspondentes ordes de convocatoria.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas a Orde do 25 xaneiro de 2012 de delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Orde do 11 de xaneiro de 2016 pola que se modifica a Orde do 25 xaneiro de 2012 de delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos desta consellería, a Orde do 30 de abril de 2018 pola que se modifica a Orde do 25 xaneiro de 2012 de delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos desta consellería, todas elas unicamente na parte relativa á área educativa, así como cantas outras disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao previsto nesta orde.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2018

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional