Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Luns, 7 de xaneiro de 2019 Páx. 579

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 18 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa do bono de alugueiro social do Plan RehaVIta, Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020.

O 12 de febreiro de 2015 o Consello da Xunta aprobou o Plan RehaVita, Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020. Este plan, que está dividido en varios eixes de actuación, inclúe no seu eixe 3º un programa específico, tendente a paliar os efectos dos desafiuzamentos por non pagamento das rendas de vivendas alugadas, como é o bono de alugamento social.

O 10 de xaneiro de 2018 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 15 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa do bono de alugamento social do Plan RehaVIta, Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, e se procedía á súa convocatoria para o ano 2018, con financiamento plurianual. Non obstante, a incorporación de novos colectivos como beneficiarios deste programa, o incremento das rendas máximas dos contratos de arrendamento, a ampliación da duración das axudas mediante o establecemento dunha prórroga extraordinaria, así como a actualización dos colectivos beneficiarios xa existentes, fan preciso que se establezan unhas novas bases reguladoras.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e os artigos 4 e 5 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

ACORDO:

I. Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das subvencións do Programa do bono de alugamento social do Plan RehaVIta, Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, que se tramitarán cos códigos de procedemento VI482A e VI482B.

2. A concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, a través de convocatoria pública, mediante resolución da persoa titular da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

II. Bases reguladoras

Artigo 2. Obxecto das bases reguladoras e réxime das subvencións

1. As subvencións do Programa do bono de alugamento social están destinadas a atender con carácter urxente as seguintes unidades de convivencia:

a) Aquelas que precisen dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da súa vivenda, por estaren inmersas en situacións de especial dificultade que determinaron que a persoa arrendadora interpuxese unha demanda de desafiuzamento por non pagamento das rendas.

b) As das vítimas de violencia de xénero que teñan dificultade para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que no momento da solicitude estean residindo nun recurso de acollida dos integrados na Rede galega de acollemento para este colectivo e adscrito a unha Administración pública.

Para os efectos deste programa, consideraranse vítimas de violencia de xénero as mulleres, os seus fillos e fillas menores orfos, vítimas tamén desta violencia, así como as mulleres e nenas vítimas de trata con fins de explotación sexual. Terán tamén esa consideración as mulleres que padecesen violencia vicaria ou violencia por interpósita persoa.

c) Aquelas con dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que fosen privadas da súa vivenda habitual, que posúen en calidade de propietarias ou usufrutuarias, por danos sufridos nesta, derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc.

d) Aquelas que, tendo sido beneficiarias do programa Aluga, regulado polo Decreto 84/2010, do 27 de maio, para o fomento do alugamento de vivendas na Comunidade Autónoma de Galicia, desfrutasen na súa totalidade da subvención do dito programa e lles rematase o período máximo de desfrute desa axuda dentro dos seis meses anteriores á data da presentación da súa solicitude de subvención do Programa de bono alugamento social.

e) Aquelas ás cales, tendo sido arrendatarias dunha vivenda de promoción pública de titularidade do IGVS, finalizase a vixencia do seu contrato, a partir da entrada en vigor desta orde.

f) Aquelas ás cales, por concorrer circunstancias de emerxencia social e non acadar o límite mínimo de ingresos establecido no Programa de vivendas baleiras, a comisión de seguimento e coordinación do citado programa lles propoña a adxudicación dunha vivenda no marco do citado programa.

g) Aquelas que sendo residentes en vivendas de entidades financeiras ou da Sociedade de Xestión de Activos procedentes de Reestruturación Bancaria (Sareb), en virtude dos convenios de colaboración subscritos entre o IGVS e as citadas entidades, rematasen a vixencia do seu contrato de arrendamento dentro dos seis meses anteriores á data de presentación da súa solicitude de subvención do Programa do bono alugamento social.

Artigo 3. Requisitos das persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias deste programa as que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar empadroadas e ter residencia efectiva nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia durante os doce meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude da axuda. Ademais, no caso das persoas estranxeiras, cando así o exixa a lexislación vixente, deberán posuír o permiso de residencia.

No caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual, será suficiente acreditar que están empadroadas nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia e que posúen autorización de residencia por circunstancias excepcionais.

b) Que sexan titulares ou estean en condicións de subscribir un contrato de arrendamento nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia, cunha duración mínima dun ano, con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.

No caso dos/das menores orfos por violencia de xénero ou vítimas de trata, o contrato de arrendamento poderá ser asinado pola persoa que posúa a patria potestade, tutela ou acollemento familiar permanente do/da dito/a menor, nos termos que se determine na normativa aplicable.

c) Que a vivenda obxecto do contrato de arrendamento constitúa ou vaia constituír o seu domicilio habitual e permanente.

d) Que a renda do contrato de arrendamento que se subvencione non supere os importes sinalados no artigo 5 destas bases reguladoras.

e) Que os ingresos da unidade de convivencia da persoa beneficiaria, computados conforme establece o artigo 4 destas bases reguladoras e a correspondente resolución de convocatoria, sexan iguais ou inferiores a 1,5 veces o indicador público de efectos múltiples (en diante, IPREM) ponderado.

f) Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da unidade de convivencia teña vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora. Así mesmo, que non exista vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata o segundo grado, coa persoa arrendadora. Esta mesma exixencia aplicarase cando a parte arrendadora sexa unha persoa xurídica, respecto de calquera dos seus socios ou partícipes.

g) Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia teña no territorio nacional unha vivenda en propiedade ou en usufruto. Exceptúase o caso, de que, dispoñendo dela, non goce do seu uso e desfrute ou se trate dunha vivenda insuficiente ou inadecuada, por razóns de habitabilidade e mobilidade.

Para os efectos anteriores:

– Considerarase unha vivenda insuficiente aquela en que a cada ocupante lle correspondan menos de 10 m2 de superficie útil. Non se computará, neste suposto, a correspondente a baños, corredores e tendais.

– Considerarase vivenda inadecuada por razóns de habitabilidade aquela que se atope en situación legal de ruína, así como aqueloutra que teña deficiencias que afecten de forma notoria á súa habitabilidade.

– Considerarase vivenda inadecuada por razóns de mobilidade aquela que pola súa configuración arquitectónica e/ou accesos implique unha grave perda de funcionalidade para unha persoa con mobilidade reducida.

h) Que non poidan ser arrendatarias de vivendas xestionadas polo IGVS.

i) Que as persoas membros da unidade de convivencia estean ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Ademais, non deben estar incursos en ningún dos outros supostos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. No caso de persoas afectadas pola interposición dunha demanda de desafiuzamento por non pagamento das rendas deberán cumprir, ademais dos requisitos sinalados no punto 1 deste artigo, os seguintes:

a) Que entre a comunicación da interposición da demanda e a presentación da solicitude da axuda non transcorreran máis de seis meses.

b) Que o contrato de arrendamento que motivou o procedemento de desafiuzamento tivese unha duración igual ou superior aos doce meses.

3. No caso das vítimas de violencia de xénero, só se admitirá unha única solicitude por cada unidade de convivencia, que deberán cumprir, de ser o caso, ademais dos requisitos sinalados no punto 1 deste artigo, os seguintes:

a) Acreditar a situación de violencia de xénero con algún dos documentos establecidos na correspondente convocatoria.

b) Que a situación de violencia de xénero se producise no seo dunha relación de convivencia.

c) Que teña cesado a convivencia co agresor, ou coa persoa que manteña sobre ela unha relación de dominación, no intervalo temporal que comprende os doce meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

No caso de falecemento do agresor, o intervalo temporal será igualmente de doce meses tanto para o feito en si do propio falecemento como da ruptura da convivencia.

d) Que á data de presentación da solicitude leven residindo cando menos dous meses nun recurso de acollida dos integrados na Rede galega de acollemento para mulleres que sofren violencia de xénero e adscrito a unha Administración pública.

e) Que o documento acreditativo da situación de violencia fose emitido dentro dos doce meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

f) No caso de acreditar a situación de violencia de xénero a través da orde de protección ou da medida cautelar, estas deberán estar vixentes na data de presentación da solicitude e manterse na data da resolución desta axuda. Para estes efectos, o órgano xestor solicitará informe ao Punto de coordinación das ordes de protección de Galicia, radicado na Secretaría Xeral da Igualdade.

4. No caso de unidades de convivencia, propietarias ou usufrutuarias da súa vivenda habitual, que fosen privadas dela por danos derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc., ademais dos requisitos sinalados no punto 1 deste artigo, será necesario que a circunstancia imprevisible e sobrevida acaecese dentro dos seis meses anteriores á presentación da solicitude.

5. No caso de unidades de convivencia que, tendo sido beneficiarias do programa Aluga, regulado polo Decreto 84/2010, do 27 de maio, desfrutasen na súa totalidade da subvención do dito programa e lles rematase o período máximo de desfrute desta axuda dentro dos seis meses anteriores á data da presentación da súa solicitude de subvención do Programa de bono alugamento social, deberán cumprir, ademais dos requisitos sinalados no punto 1 deste artigo, os seguintes:

a) Que non lles interpuxesen unha demanda por danos causados na vivenda alugada a través do citado programa.

b) Que non teñan débedas derivadas de subministracións dos recibos de auga, electricidade e/ou gas da vivenda alugada a través do programa Aluga por un período superior aos dous meses.

c) Que non perdesen o dereito nin renunciasen á subvención do programa Aluga antes de rematar o seu período máximo.

6. No caso de unidades de convivencia ás cales, tendo sido arrendatarias dunha vivenda de promoción pública de titularidade do IGVS, lles finalizase a vixencia do seu contrato, ademais dos requisitos sinalados no número 1 deste artigo, será necesario que entre a finalización do contrato de arrendamento e a presentación da solicitude de axuda non transcorresen máis de tres meses.

7. No caso de unidades de convivencia en que, por concorrer circunstancias de emerxencia social e non acadaren o límite mínimo de ingresos establecido no Programa de vivendas baleiras, a comisión de seguimento e coordinación do citado programa lles propoña a adxudicación dunha vivenda no marco do citado programa. Ademais de cumprir os requisitos sinalados no punto 1 deste artigo, será necesario que a circunstancia excepcional que motiva a proposta de adxudicación da comisión de seguimento e coordinación do Programa de vivendas baleiras resulte acreditada en virtude do informe dos servizos sociais do respectivo concello.

8. Non poderán ser beneficiarias deste programa aquelas persoas que tivesen concedida esta axuda nos tres anos anteriores á data de presentación dunha nova solicitude, así como aquelas outras que esgotasen o período máximo de desfrute ordinario desta axuda, coa excepción de aquelas persoas que soliciten a prórroga extraordinaria.

Artigo 4. Cómputo de ingresos para acceder ao programa

1. Para acceder a este programa de axudas é preciso que os ingresos da unidade de convivencia da persoa solicitante sexan iguais ou inferiores aos límites previstos na correspondente convocatoria.

Para estes efectos, considérase unidade de convivencia o conxunto de persoas que habitan e gozan dunha mesma vivenda de forma habitual e permanente e con vocación de estabilidade, con independencia da relación que exista entre todas elas. Unha unidade de convivencia pode estar composta por varias unidades familiares. A composición da unidade familiar será a que se estableza na normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF).

2. Os ingresos da unidade de convivencia da persoa solicitante determinaranse calculando o rateo mensual dos ingresos netos correspondentes a cada unha das persoas membros da dita unidade de convivencia durante os tres meses anteriores ao da presentación da solicitude, incluíndo no seu caso o rateo correspondente ás pagas extraordinarias.

A contía resultante non poderá superar o límite máximo de ingresos que se indique na correspondente convocatoria.

Artigo 5. Renda das vivendas

1. A renda mensual máxima non pode superar os seguintes importes:

a) 450 €, para as vivendas situadas nos seguintes concellos: A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

b) 400 €, para as vivendas situadas nos seguintes concellos:

– Provincia da Coruña: Ames, Ares, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Cee, Cedeira, Culleredo, Fene, Melide, Mugardos, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Ribeira, Sada e Teo.

– Provincia de Lugo: Burela, Cervo, Chantada, Foz, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba, Viveiro,

– Provincia de Ourense: Allariz, A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia.

– Provincia de Pontevedra: A Estrada, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, Gondomar, Lalín, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Redondela, Sanxenxo, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

c) 350 €, para as vivendas situadas no resto de concellos.

2. Estas contías poderán ser incrementadas ata un 20 % no caso de que as persoas arrendatarias sexan integrantes dunha unidade de convivencia que necesite unha vivenda adaptada para algún dos seus membros.

Artigo 6. Contía da axuda

1. O importe mensual desta axuda terá as seguintes contías:

– 225 euros mensuais para os contratos relativos a vivendas situadas nos concellos aos que se refire o artigo 5.1.a).

– 200 euros mensuais para os contratos relativos a vivendas situadas nos concellos aos que se refire o artigo 5.1.b).

– 175 euros mensuais para os contratos relativos a vivendas situadas nos concellos aos que se refire o artigo 5.1.c).

No suposto de que a persoa beneficiaria non dispoña de contrato de alugamento no momento da concesión recoñeceráselle inicialmente unha axuda por importe de ata un máximo de 225 euros mensuais, condicionada á achega do correspondente contrato. Non obstante, a contía definitiva da concesión virá determinada en función do concello no cal estea situada a vivenda obxecto do contrato de alugamento que se achegue.

O importe mensual da axuda non poderá ser superior á renda da vivenda.

2. A axuda ten carácter anual, de xeito que cada unidade de convivencia só poderá percibir unha subvención de doce bonos mensuais consecutivos, que será susceptible de dúas prórrogas ordinarias sucesivas, de doce meses cada unha, ata acadar unha duración máxima de tres anos. Finalizado este período, se así se prevé na correspondente convocatoria, poderase solicitar unha prórroga extraordinaria, cunha duración máxima de tres anos, que deberá ser renovada anualmente, de conformidade co disposto no artigo 9, cos seguintes límites:

– Para o primeiro ano de prórroga extraordinaria: 75 % do importe da renda máxima correspondente á zona territorial do seu contrato, sen que poida exceder da que viña percibindo.

– Para o segundo ano de prórroga extraordinaria: 50 % do importe da renda máxima correspondente á zona territorial do seu contrato, sen que poida exceder da que viña percibindo.

– Para o terceiro ano de prórroga extraordinaria: 50 % do importe da renda máxima correspondente á zona territorial do seu contrato, sen que poida exceder da que viña percibindo.

3. Ademais, poderáselle conceder á persoa beneficiaria unha axuda complementaria, ben para o suposto da inmediata formalización dun contrato de alugamento, para os efectos de atender as obrigas derivadas da constitución de fianza e da alta en subministracións, ben para o caso de permanecer na vivenda obxecto do procedemento xudicial de desafiuzamento, para os efectos de atender cantidades pendentes derivadas do contrato de arrendamento que motivou o devandito procedemento. O importe desta axuda non poderá superar os 600 euros.

No caso das persoas beneficiarias ás que se refire o artigo 2.1.d), procedentes do programa Aluga, só terán dereito á concesión da axuda complementaria no suposto de non manter a residencia na mesma vivenda que ocupaban no citado programa no momento de ditarse a resolución de concesión da subvención.

Artigo 7. Solicitudes

1. A solicitude de concesión realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpore como anexo I á correspondente resolución de convocatoria, debidamente cuberto. Deberá dirixirse á área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Tamén se poderán presentar as solicitudes presencialmente por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No modelo de solicitude a persoa solicitante realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración de que non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para a mesma finalidade e o seu importe.

c) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia ten no territorio nacional unha vivenda en propiedade ou en usufruto, agás os supostos exceptuados no artigo 3.1.g) das bases reguladoras.

d) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa da unidade de convivencia ten vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora. Así mesmo, que non exista vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata o segundo grado, coa persoa arrendadora da vivenda ou con calquera dos socios ou partícipes da persoa xurídica arrendadora, de ser o caso.

e) Compromiso de presentar a documentación acreditativa do pagamento de parte do alugamento dentro dos dez (10) primeiros días naturais de cada mes.

f) Declaración de non estar incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas previstas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

g) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

h) Declaración de que todos os datos da solicitude e dos documentos que se achegan son certos.

Artigo 8. Documentación complementaria e forma de presentación

1. Coa solicitude achegarase a documentación complementaria que se especifique na correspondente resolución de convocatoria.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Tamén se poderá presentar en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Artigo 9. Prórroga da subvención

1. Todas as persoas que resultasen beneficiarias deste programa e que non perdesen o dereito mediante a oportuna resolución, poderán solicitar a prórroga ordinaria ou, de ser o caso, extraordinaria, da axuda do bono de alugamento social dentro dos dous meses anteriores á data de remate da concesión inicial ou, de ser o caso, das prórrogas que estea percibindo. Para tal efecto, deberán presentar, de conformidade co artigo 7 parágrafos 2 e 3, a solicitude de prórroga que figura incorporada á correspondente resolución de convocatoria. Código de procedemento VI482B.

2. Xunto coa solicitude de prórroga, presentarase a seguinte documentación:

a) Declaración responsable, segundo o modelo que se publique coa correspondente convocatoria, das persoas integrantes da unidade de convivencia da persoa solicitante e de autorización para solicitar por vía telemática os datos que se especifiquen nela.

No caso de que unha unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar, deberá cubrir un modelo de anexo por cada unha delas.

b) Declaración da persoa arrendadora da vivenda de que a persoa arrendataria non ten ningunha reclamación pendente por non pagamento das rendas e/ou das subministracións, segundo o modelo que se publique coa correspondente convocatoria.

c) Informe dos servizos sociais municipais, segundo o modelo que se publique coa correspondente convocatoria, en que se faga constar que subsisten as condicións de necesidade que deron lugar á concesión inicial, así como os ingresos da unidade de convivencia dos tres meses anteriores á data de solicitude de prórroga de conformidade co previsto no artigo 4.

d) Declaración formalizada polas/os asinantes do contrato de arrendamento de que este se prorrogará nas mesmas condicións que o anterior.

3. A axuda que se percibirá durante os dous primeiros anos de prórroga ordinaria será a mesma que se viña percibindo, sen prexuízo do seu reaxuste para o caso de cambio de domicilio conforme o artigo 19. No caso de que na correspondente convocatoria se prevexa a prórroga extraordinaria de tres anos, as contías serán as previstas no artigo 6.2. As persoas beneficiarias das prórrogas non terán dereito á concesión da axuda complementaria prevista no artigo 6.3.

4. O cómputo dos ingresos para a concesión das prórrogas do Programa do bono de alugamento social realizarase conforme o establecido no artigo 4 desta orde e co disposto na correspondente convocatoria.

5. A comprobación dos datos necesarios para a tramitación do procedemento de prórroga efectuarase de conformidade co previsto na correspondente convocatoria.

Artigo 10. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución é competencia da área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas.

Artigo 11. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento iníciase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a correspondente convocatoria.

2. O prazo de presentación de solicitudes será o establecido na correspondente convocatoria, e rematará, en todo caso, co esgotamento da dotación orzamentaria da convocatoria, que se fará constar no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

3. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de dez (10) días hábiles a emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndoa de que, no caso de non atender o requirimento, se terá por desistida da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.

5. Unha vez completado o expediente e feitas as comprobacións oportunas, a persoa titular da xefatura da correspondente área provincial do IGVS elevará a proposta de resolución de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS quen, á vista delas e tendo en conta o límite orzamentario, resolverá o que segundo en dereito proceda.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permíteselles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Resolución e recursos

1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dous (2) meses, contados desde a data de remate do prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite e notifique resolución expresa, a persoa solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

2. Contra a resolución poderase interpoñer recurso de alzada, ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, no prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 14. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da subvención o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos na normativa que rexe estas subvencións.

2. Así mesmo, serán denegadas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para estes efectos, o criterio que se utilizará para a súa tramitación será a orde cronolóxica de entrada da solicitude no rexistro da área provincial do IGVS. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que esta quedase validamente presentada por terse cuberto na forma correcta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta orde.

Artigo 15. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras subvencións fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou a súa revogación.

2. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS ditará resolución expresa, debidamente motivada, na cal figure o motivo da modificación ou revogación da resolución de concesión da subvención. De ser o caso, comunicaralle, á persoa beneficiaria a obriga de devolver as cantidades anteriormente percibidas en concepto de subvención.

Artigo 16. Xustificación da subvención

1. A xustificación da concesión da subvención realizarase mediante o correspondente contrato de alugamento.

2. Sen prexuízo do anterior, a persoa beneficiaria deberá xustificar o pagamento da súa parte da renda mensual para poder cobrar a subvención. No suposto de que a renda de alugamento sexa superior ao importe da axuda, a persoa beneficiaria deberá xustificar o pagamento da súa parte da renda mensual mediante a achega do extracto ou certificado bancario que acredite o pagamento que lle corresponde satisfacer no número de conta sinalado pola persoa arrendadora no anexo III, na área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda, dentro dos dez (10) primeiros días naturais de cada mes.

No suposto de que a renda de alugamento sexa igual ou inferior ao importe da axuda, a persoa arrendataria deberá acreditar, dentro dos dez (10) primeiros días naturais de cada mes da vixencia do contrato de arrendamento na área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda que segue residindo na vivenda alugada mediante a presentación dunha declaración responsable.

3. A axuda complementaria prevista no artigo 6.3 desta orde xustificarase coa acreditación da constitución do depósito da fianza, que será comprobada pola área provincial do IGVS, cos contratos de altas de subministracións e/ou os xustificantes de pagamento das cantidades pendentes. Esta documentación xustificativa deberase presentar na área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda dentro do prazo de dous (2) meses, contado desde a data de notificación da resolución da concesión da subvención.

4. No suposto de que fosen aboadas contías da renda de alugamento pola persoa beneficiaria con anterioridade á data de resolución de concesión dunha prórroga, ordinaria ou extraordinaria, e sempre que se xustifique o seu pagamento íntegro co correspondente extracto ou certificado bancario, o importe da subvención correspondente a esas mensualidades será aboado á persoa arrendataria, agás que fosen aboadas como consecuencia do outorgamento dunha axuda por unha Administración pública ou entidade pública ou privada.

Artigo 17. Pagamento anticipado

1. Poderanse realizar pagamentos anticipados da subvención concedida, ata un importe do 25 %, sen que supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario, de acordo co establecido no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. Para realizar o citado pagamento anticipado será necesario enviar a xustificación do pagamento referida no artigo 16 mediante correo electrónico dirixido á correspondente unidade tramitadora na área provincial do IGVS.

Artigo 18. Pagamento da subvención

Unha vez acreditada pola persoa beneficiaria a xustificación do pagamento da súa parte da renda mensual, realizarase o pagamento da subvención mensual do bono de alugamento social mediante transferencia bancaria na conta da persoa arrendadora. O pagamento da axuda complementaria realizarase, unha vez que se xustifique, conforme o sinalado no artigo 16.3, mediante transferencia bancaria na conta da persoa beneficiaria.

Artigo 19. Cambio de domicilio

1. Se durante a vixencia da concesión inicial ou das sucesivas prórrogas a persoa beneficiaria da axuda cambia o seu domicilio dentro da Comunidade Autónoma de Galicia e subscribe un novo contrato de arrendamento de vivenda, quedará obrigada a comunicar o dito cambio á área provincial do IGVS que tramitou a concesión inicial, ou a respectiva prórroga, no prazo máximo de cinco (5) días, contado desde a sinatura do novo contrato de arrendamento. Así mesmo, deberá achegar:

a) O novo contrato de arrendamento, cunha duración mínima dun ano, con indicación expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.

b) O xustificante de empadroamento conxunto dos membros da unidade de convivencia na nova vivenda.

c) Compromiso das persoas asinantes do contrato de arrendamento de someterse ás condicións do Programa do bono de alugamento social, debidamente cuberto, segundo o modelo que se publique coa correspondente convocatoria.

d) Declaración da persoa arrendadora do anterior contrato de que a persoa arrendataria non ten ningunha reclamación pendente por non pagamento das rendas e/ou das subministracións, segundo o modelo que se publique coa correspondente convocatoria.

2. A persoa beneficiaria non perderá o dereito á subvención polo cambio de domicilio, sempre que co novo arrendamento se cumpran os requisitos establecidos nestas bases reguladoras e na correspondente convocatoria e, ademais, o novo contrato de arrendamento se formalice sen interrupción temporal co anterior. Neste caso, a subvención reaxustarase en función do concello onde se sitúe a nova vivenda, sen que en ningún caso poida recibir máis subvención da que viña percibindo.

Artigo 20. Obrigas das persoas beneficiarias

Ademais das recollidas nesta orde e no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, serán obrigas das persoas beneficiarias:

1. Acreditar o pagamento da renda conforme o previsto nestas bases reguladoras.

2. Facilitar toda a información que requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

3. Permitirlle ao IGVS a realización das inspeccións ou as comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados ou o destino da subvención concedida.

Artigo 21. Perda e reintegro da subvención

1. Serán causas de perda e posterior reintegro da subvención, ademais dos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 xuño, a resolución do contrato de arrendamento subvencionado.

2. Na resolución de convocatoria de axudas deste programa poderá establecerse que os remanentes derivados das perdas de subvencións se reasignen á concesión doutras solicitudes, o que se fará atendendo á orde de prelación establecida no artigo 14.2.

Artigo 22. Compatibilidade e incompatibilidade

As subvencións previstas nesta orde serán compatibles coas axudas desta ou doutras administracións públicas, así como de calquera outra entidade, xa sexa pública ou privada, sempre que o importe total concedido por todas elas non supere o custo da renda do contrato de alugamento.

Non obstante, a percepción destas axudas será incompatible coas axudas ao alugamento de vivendas convocadas pola Comunidade Autónoma de Galicia ao abeiro dos plans estatais de vivenda.

Artigo 23. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e demais actos administrativos realizaranse preferentemente por medios electrónicos. A persoa interesada deberá manifestar expresamente na súa solicitude a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). Non obstante, as persoas interesadas poderán comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións que se practiquen en papel tamén estarán á disposición da persoa interesada a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, para que poida acceder ao seu contido de forma voluntaria.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde á posta á disposición da notificación sen que se acceda a este.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, o IGVS practicará a notificación por calquera outro medio dos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o IGVS publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas beneficiarias destas subvencións están obrigadas a subministrar ao IGVS, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no DOG.

Disposición adicional primeira. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Así mesmo, aplicarase o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

Disposición transitoria primeira. Retroactividade das axudas das prórrogas extraordinarias

As axudas correspondentes á primeira prórroga extraordinaria terán efectos económicos retroactivos ao mes seguinte ao de finalización do período de desfrute da segunda prórroga ordinaria para aquelas persoas que resultasen beneficiarias destas axudas ao abeiro da Orde do 7 de agosto de 2015 e da Orde do 23 de decembro de 2015.

Disposición transitoria segunda. Réxime das prórrogas

As disposicións previstas nestas bases reguladoras aplicaranse á tramitación de todas as solicitudes e expedientes de prórroga, tanto ordinarias como extraordinarias deste programa, con independencia do ano da convocatoria no que se fundamente a súa concesión.

Disposición derrogatoria única

A publicación desta orde no DOG deixa sen efecto as bases reguladoras establecidas pola Orde do 15 de decembro de 2017 modificada pola Orde do 27 de febreiro de 2018, así como a Orde do 30 de decembro de 2016 e a Orde do 23 de decembro de 2015 pola que se modifica a Orde do 7 de agosto de 2015.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisas para a xestión desta axuda.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda