Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Martes, 8 de xaneiro de 2019 Páx. 929

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 18 de decembro de 2018, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se aproba e se fai público o procedemento para a acreditación dos méritos correspondentes á fase de concurso do proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de veterinarios.

Mediante a Orde do 31 de marzo de 2017 (DOG núm. 69, do 7 de abril) convocouse o proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de veterinarios, que establece como sistema selectivo o de concurso-oposición.

A base II.2.3 da convocatoria dispón que os méritos correspondentes á fase de concurso deberán referirse á data de publicación desta convocatoria no DOG e deberán acreditarse de conformidade co procedemento que estableza a Dirección Xeral da Función Pública, e que será publicado no DOG.

En cumprimento da previsión anterior, e co obxecto de que as persoas aspirantes poidan acreditar os méritos con que conten na fase de concurso, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar e publicar o procedemento que se deberá seguir para acreditar os méritos correspondentes á fase de concurso do proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de veterinarios.

Segundo. Para acreditar os méritos recollidos na base II.2.2:

a) No caso de servizos prestados na Xunta de Galicia, as persoas aspirantes presentarán a documentación segundo o modelo de certificación que figura como anexo a esta resolución, e que será expedida e debidamente asinada polas unidades seguintes de acordo co último destino no día de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia:

– Servizos centrais: secretaría xeral técnica, subdirección xeral ou xefatura do servizo que teña atribuídas funcións en materia de xestión de persoal, dependentes da secretaría xeral técnica da consellería respectiva, ou titulares dos órganos ou unidades equivalentes das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.

– Servizos periféricos: xefaturas territoriais ou, de ser o caso, persoal responsable da área de persoal das xefaturas territoriais da consellería respectiva, ou das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.

b) No caso de servizos prestados noutras administracións públicas, as persoas aspirantes presentarán a documentación segundo o modelo de certificación que figura como anexo a esta resolución e que será expedida e debidamente asinada pola unidade responsable da área de persoal da Administración correspondente, e deberán achegar ademais fotocopia do contrato ou nomeamento.

Para os efectos do cómputo dos servizos prestados, os meses consideraranse integrados por 30 días naturais e as fraccións de mes poderán sumarse entre si para acadar un mes completo, depreciándose a fracción resultante inferior ao mes.

Non se terán en conta as certificacións que non se axusten ao establecido neste punto.

Terceiro. Todas as follas de documentación que se acheguen deberán estar numeradas correlativamente.

Cuarto. As persoas aspirantes disporán, para presentar a documentación sinalada no número anterior, dun prazo de 10 días hábiles desde o día seguinte ao da publicación da resolución do tribunal pola que se fagan públicas as notas do terceiro exercicio da fase de oposición no Diario Oficial de Galicia. Esta documentación irá dirixida á Consellería de Facenda, Dirección Xeral da Función Pública, Edificio Administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2018

José Mª Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

missing image file