Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Martes, 8 de xaneiro de 2019 Páx. 925

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 14 de decembro de 2018, da Dirección Xeral de Administración Local, sobre modificación da clasificación do posto de colaboración de secretaría adxunta como posto reservado a funcionarios de Administración local de habilitación de carácter nacional no Concello de Teo.

Con data do 15 de novembro de 2018, o concello de Teo solicita á Dirección Xeral de Administración Local a modificación da clasificación do posto de colaboración denominado secretaría adxunta como posto reservado a funcionarios de Administración local de habilitación de carácter nacional.

Este posto de colaboración denominado secretaría adxunta é un posto para o desempeño das funcións propias de colaboración ao posto de secretaría, categoría de entrada, que existe no Concello de Teo. Este posto de colaboración ten a súa razón de ser polo previsto no artigo 15 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

O posto de colaboración do Concello de Teo denominado Ssecretaría adxunta, está actualmente aberto á escala de secretaría-intervención e co complemento de destino 28, pero o Concello xustifica a oportunidade de modificar a súa clasificación por razón das funcións que realiza e polo elevado número de poboación que está próximo aos 20.000 habitantes. Esta modificación non supón incremento de gasto ningún.

O artigo 15.3.c) do citado Real decreto 128/2018 permite ás corporacións locais cuxa secretaría estea clasificada en 2ª, que no caso de haber postos de colaboración, estes estean clasificados en 2ª ou 3ª clase e sexan adscritos, respectivamente, ás subescalas de secretaría, categoría de entrada, ou á subescala de secretaría-intervención.

O expediente tramitado polo Concello é conforme o disposto no artigo 15 do citado Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional e no artigo 10 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, e reúne os requisitos para a súa tramitación de conformidade co informe emitido con data do 12 de decembro de 2018 pola subdirectora xeral de réxime xurídico local.

Polo exposto, e en virtude do artigo 92 bis 7 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, do artigo 15.e) da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, do artigo 10 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos funcionarios con habilitación de carácter nacional, e do artigo 22 do Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza,

RESOLVO:

Modificar a clasificación actual do posto de colaboración denominado secretaría adxunta reservado a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional do Concello de Teo (A Coruña) como posto de clase segunda que queda da seguinte forma:

Entidade local: Concello de Teo.

Posto: secretaría adxunta.

Subescala: secretaría.

Categoría: entrada.

Forma de provisión: concurso.

Complemento de destino: 28.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, os interesados poderán interpoñer recurso administrativo de reposición, ante este órgano directivo, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015. Así mesmo, a entidade local poderá presentar previamente requirimento no prazo de dous meses conforme o disposto ao artigo 44 da dita Lei 29/1998.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2018

Marta Fernández-Tapias Núñez
Directora xeral de Administración Local