Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Mércores, 9 de xaneiro de 2019 Páx. 1195

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Sanidade

ORDE do 27 de decembro de 2018 pola que se convoca o sexto procedemento de integración voluntaria no réxime estatutario para o persoal funcionario e laboral dos hospitais dependentes do Servizo Galego de Saúde.

O Decreto 447/1996, do 26 de decembro (Diario Oficial de Galicia número 3, do 7 de xaneiro de 1997) regula as bases para a homologación e integración no réxime estatutario do persoal funcionario e laboral dos centros transferidos e faculta a Consellería de Sanidade para adoptar as medidas de desenvolvemento e execución necesarias. Con base nesa habilitación foron efectuadas cinco convocatorias de integración nas cales participaron voluntariamente as persoas interesadas, optando as demais por manter o seu vínculo xurídico orixinario.

Recentemente, o punto 15 (outras cláusulas) do Acordo polo que se establecen as bases da carreira profesional no ámbito do Servizo Galego de Saúde e as entidades adscritas á Consellería de Sanidade e ao dito organismo, asinado o 6 de xullo de 2018 na mesa sectorial de negociación do persoal estatutario, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 19 de xullo de 2018 e publicado no Diario Oficial de Galicia número 144, do 30 de xullo, dispón que por ordes da Consellería de Sanidade realizaranse, no segundo semestre de 2018, novas ofertas de integración no réxime estatutario dirixidas, entre outros colectivos, ao persoal funcionario e laboral fixo incluído no ámbito de aplicación do referido Decreto 447/1996, do 26 de decembro. Engade que o persoal que resulte integrado poderá acceder ao grao I nas condicións e cos mesmos efectos previstos no réxime transitorio e excepcional de encadramento.

En virtude do anterior, e de conformidade coas atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto regular o procedemento e as condicións para a integración con carácter voluntario na condición de persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde do persoal comprendido no ámbito de aplicación definido no artigo 2.1.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. Poderá solicitar a súa integración no réxime estatutario, nos termos e condicións que se establecen nesta orde, o persoal funcionario de carreira e o persoal laboral fixo, dos centros hospitalarios das xerencias do Servizo Galego de Saúde relacionadas no anexo I, a que se refire o artigo 1 do Decreto 447/1996, do 26 de decembro, sempre que reúna os requisitos de titulación exixidos pola lexislación vixente e que, no momento da entrada en vigor desta orde, se encontre nalgunha das seguintes situacións administrativas:

a) En servizo activo.

b) En situación que implique a suspensión na relación de servizos laboral ou funcionarial, con reserva de posto de traballo, por algunha das causas establecidas na lexislación vixente, así como en situación de servizos especiais, no caso de persoal funcionario.

c) En situación de excedencia voluntaria ou en situación de suspensión do contrato de traballo, sempre que se mantivese o dereito a solicitar o reingreso ou reincorporación á institución e non transcorrese o tempo máximo de permanencia nesa situación previsto legalmente para cada caso. Neste suposto, a integración efectuarase na situación de excedencia voluntaria ou de suspensión do contrato de traballo e a posterior situación de servizo activo obterase de conformidade co previsto no Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde (Diario Oficial de Galicia número 145, do 29 de xullo). A opción de integración poderá formularse no momento de solicitar o reingreso ou no prazo previsto nesta norma para o exercicio da opción.

2. Non poderá exercer o dereito de opción o persoal con vínculo temporal, de carácter funcionarial ou laboral, calquera que sexan as características de tal vínculo.

3. As solicitudes de integración do persoal que non cumpra os ditos requisitos serán desestimadas.

Artigo 3. Categorías homologables

1. O persoal que exerza o dereito de opción integrarase na categoría básica do réxime estatutario que corresponda, segundo as características da praza orixinaria (laboral ou funcionarial) e estatutaria de referencia.

Para tal efecto, será de aplicación a táboa de homologacións que figura no anexo I desta orde, na cal se relacionan as categorías funcionariais e laborais susceptibles de integracións e as correlativas estatutarias.

2. Porén, expedirase, no momento en que se resolva a solicitude de homologación e integración, un nomeamento adicional ao persoal que desempeñe postos de traballo de xefatura adquiridos en virtude dun concurso ou libre designación, no posto equivalente de carácter estatutario. Este nomeamento poderá ser definitivo, se o orixinario tiña tal condición por ser obtido mediante concurso ou concurso-oposición, ou ben provisional, se aquel foi expedido en virtude do sistema de libre designación.

Artigo 4. Exercicio do dereito de opción

1. Prazos.

Sen prexuízo do establecido no artigo 2.1.c), o exercicio da opción de integración deberá realizarse con carácter individual no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da entrada en vigor desta orde, segundo o modelo de instancia que se xunta como anexo II. Entenderase que optan por non integrarse no réxime estatutario, coas consecuencias que se establecen no artigo 7, as persoas que non formulen opción expresa de integración.

2. Procedemento.

As solicitudes, debidamente dilixenciadas pola xerencia do centro, dirixiranse á Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, e poderán ser presentadas nas oficinas de rexistro dos respectivos centros ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Documentación.

O persoal que efectúe a opción de integración presentará, xunto coa súa solicitude, copia compulsada da seguinte documentación:

a) Titulación académica ou, de ser o caso, o libro de escolaridade.

b) No caso do persoal médico, título de especialista que posúa e/ou que o habilite para exercer a praza que vén desempeñando.

c) Certificado oficial acreditativo do centro onde presta servizos, indicativo da categoría profesional, natureza funcionarial ou laboral do vínculo, situación administrativa en que se atopa, así como do seu carácter de fixeza.

Artigo 5. Resolución

1. As solicitudes serán resoltas pola Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde no prazo máximo de tres meses desde que remate o prazo de presentación. De non ter recaído resolución expresa neste prazo, as solicitudes entenderanse desestimadas.

2. A resolución pronunciarase sobre a estimación, desestimación ou inadmisión das solicitudes. Aquelas resolucións polas que se desestime ou inadmita unha solicitude serán debidamente motivadas.

3. As resolucións estimatorias conterán, así mesmo, o pronunciamento sobre a categoría básica en que resulta integrada a persoa solicitante, de conformidade co disposto no anexo I, así como a data dos efectos da integración.

4. As resolucións expresarán os recursos que contra elas procedan, órgano ante o cal se deberán presentar e prazo para a súa interposición.

Artigo 6. Efectos da integración

1. Unha vez emitida a resolución de integración, a correspondente xerencia expedirá o nomeamento estatutario en que se detallará a categoría e o destino do/da profesional, co carácter definitivo ou provisional, segundo corresponda.

2. Ao persoal que resulte integrado aplicaráselle, para todos os efectos, o réxime económico e xurídico propio da categoría estatutaria en que se integre, e a súa prestación de servizos adecuarase á estrutura asistencial das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

3. Ao persoal integrado no réxime estatutario respectaráselle, para todos os efectos, a antigüidade que teña no momento da entrada en vigor desta orde, aínda que os trienios que se lle recoñezan con posterioridade á data en que teña efectividade a integración serán de acordo co previsto na disposición segunda.2 do Real decreto lei 3/1987, do 11 de setembro, e normativa de concordante aplicación.

4. O persoal funcionario e o persoal laboral que se integre no réxime estatutario será declarado na situación de servizos noutras administracións públicas ou excedencia voluntaria por incompatibilidade, segundo o caso, no seu corpo, escala e/ou categoría de orixe.

Artigo 7. Efectos da non integración

1. Ao persoal que non exerza a opción de integración no réxime estatutario respectaráselle o réxime económico e xurídico que derive da súa situación de orixe, tanto funcionarial como laboral de remisión, coa dependencia orgánica e funcional do Servizo Galego de Saúde, de acordo co establecido no artigo 9 do Decreto 447/1996, do 26 de decembro.

2. As lagoas que se produzan na regulación dos colectivos funcionarial e laboral afectados resolveranse aplicando por analoxía a normativa da categoría estatutaria equiparable.

3. A prestación de servizos deste persoal non integrado adaptarase ás características de funcionamento das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, de forma que se integrará e adaptará na estrutura e organización de traballo dos centros sanitarios, debidamente cohonestado co resto do persoal destes.

Artigo 8. Complemento persoal transitorio

1. Ao persoal que, tendo efectuada a opción de integración, percibise con anterioridade retribucións superiores ás correspondentes á categoría de integración, recoñeceráselle un complemento persoal, transitorio e absorbible consistente na diferenza de retribucións.

De conformidade coa normativa orzamentaria, o citado complemento será absorbido por calquera mellora retributiva que se produza neste exercicio ou posteriores, incluídas as derivadas de cambio de posto de traballo ou categoría. No caso de que o cambio de posto de traballo ou categoría determine unha diminución das retribucións, manterase o complemento persoal e transitorio inicialmente fixado no momento da integración, á absorción do cal se lle imputará calquera mellora retributiva ulterior, mesmo a que poida derivar de novo cambio de posto de traballo ou categoría.

2. Para o cálculo do complemento persoal e transitorio, non se terán en conta as cantidades percibidas en concepto de atención continuada, complemento de nocturnidade, complemento de perigosidade, penosidade ou toxicidade, e realización de horas extraordinarias, así como calquera outro equiparable, nin as cantidades que en concepto de antigüidade teñan recoñecidas, ata a data en que remate o prazo de presentación das instancias para o exercicio da opción de integración.

3. Non se procederá a recoñecer ningún complemento persoal transitorio ao persoal do Hospital Santa María Nai de Ourense que por aplicación do acordo entre a Administración sanitaria e a representación dos traballadores e traballadoras, publicado por Resolución conxunta do 29 de xullo de 1994, xa lle foron recoñecidos complementos persoais transitorios para a súa equiparación ao persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde. Tampouco se recoñecerá o dito complemento ao persoal que en virtude do mesmo acordo pasou, despois de terse adoptado este, a prestar servizos no mesmo centro coas mesmas condicións retributivas que o persoal estatutario.

Disposición adicional primeira. Integración na categoría de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría

De acordo co establecido na disposición transitoria segunda da Orde do 26 de decembro de 1986 pola que se introduce a categoría profesional de auxiliar de enfermaría en substitución da de auxiliar de clínica no correspondente Estatuto de persoal da Seguridade Social (Boletín Oficial del Estado número 10, do 12 de xaneiro de 1987); e na disposición adicional segunda do Decreto 447/1996, do 26 de decembro, ao persoal que opte á integración na categoría de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría non lle será exixido o título de formación profesional de primeiro grao, rama sanitaria, para integrarse na devandita categoría, sempre que no momento da entrada en vigor da dita orde estivese prestando servizos en prazas desa categoría que resulten debidamente acreditados. Para tal fin o centro hospitalario expedirá certificación de servizos prestados.

Disposición adicional segunda. Postos e prazas de carácter laboral ou funcionarial

1. Os postos de traballo de orixe do persoal que opte pola súa integración no réxime estatutario consideraranse amortizados e reconvertidos nos correspondentes estatutarios que, para cada caso, determina a táboa de homologacións que se inclúe no anexo I desta orde.

2. As prazas desempeñadas por persoal laboral ou funcionario que non se integre no réxime estatutario e que non estean afectadas polas situacións previstas no artigo 2.1.c) desta orde, declararanse a extinguir. Logo de que queden vacantes producirase a súa amortización e, de ser o caso, a súa transformación en prazas de réxime estatutario do Servizo Galego de Saúde.

3. Os postos de traballo vacantes ocupados polo persoal referido no artigo 2.2 desta norma consideraranse amortizados e reconvertidos en prazas de persoal estatutario, polo que o persoal que os ocupa cesará no seu desempeño. No entanto, con efectos do día seguinte ao do cesamento, expediráselle o nomeamento que corresponda para ocupar a equivalente praza de persoal estatutario, co mesmo carácter temporal.

Disposición adicional terceira. Complemento PRD

1. O complemento PRD por traballo a quendas do persoal sanitario non facultativo e do persoal de xestión e servizos, integrado no complemento específico ou concepto adecuado, incluirase entre as retribucións correspondentes á categoría de homologación para os efectos da determinación do complemento persoal e transitorio a que fai referencia o artigo 8 desta disposición.

A consideración deste complemento no cálculo do complemento persoal e transitorio practicarase sobre a asignación da contía que corresponda segundo a configuración que daquel se fai na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, e logo do acordo da mesa sectorial sobre os criterios para a súa aplicación.

2. No suposto de producirse, con posterioridade á integración, unha alteración no réxime de prestación de servizos do posto de traballo que determine a variación estable do réxime de traballo a quendas tomado en consideración na configuración do complemento específico, ou concepto adecuado para o cálculo do complemento persoal e transitorio, procederase á revisión do devandito complemento para reflectir nel a alteración que pase a resultarlle de aplicación.

Disposición adicional cuarta. Referencia a varias categorías estatutarias

1. No que respecta ao persoal das categorías en que a integración, segundo consta no anexo I, poida efectuarse en varias categorías estatutarias, a dita integración realizarase segundo sexan as funcións que veñan realizando de xeito estable e regular na organización do traballo do centro e que resulten debidamente acreditadas mediante certificación expedida pola dirección deste.

2. En todo caso será condición imprescindible reunir os requisitos de titulación exixidos pola lexislación vixente para cada categoría de integración, sen menoscabo do establecido na disposición adicional primeira desta orde.

Disposición adicional quinta. Carreira profesional

1. De conformidade co previsto no punto 15 (outras cláusulas) do Acordo polo que se establecen as bases da carreira profesional no ámbito do Servizo Galego de Saúde e as entidades adscritas á Consellería de Sanidade e ao dito organismo (Diario Oficial de Galicia número 144, do 30 de xullo), o persoal que solicite a integración no réxime estatutario, e resulte integrado, poderá acceder ao grao I nas condicións e cos mesmos efectos previstos no réxime transitorio e excepcional de encadramento (punto 14 do Acordo).

2. A solicitude do grao I poderá presentarse no mes seguinte á notificación da resolución estimatoria da integración, e nese mesmo prazo realizarase o rexistro e a acreditación de méritos consonte o que establece a Resolución do 31 de xullo de 2018, da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, pola que se inician os procedementos para solicitar un grao de carreira consonte o réxime transitorio e excepcional de encadramento, e para solicitar o grao inicial (Diario Oficial de Galicia número 149, do 6 de agosto).

Disposición transitoria única. Opción polo réxime de dedicación normal ou de dedicación exclusiva

O persoal licenciado sanitario que se integre no réxime estatutario fará no momento da integración a opción polo réxime de dedicación normal ou de dedicación exclusiva ao sector público sanitario coa conseguinte renuncia ou solicitude de percepción do complemento específico, segundo o previsto no Decreto 11/1995, do 20 de xaneiro, polo que se regula o réxime de percepción do complemento específico para o persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde e se establecen os prazos para formular solicitudes e renuncias.

A mencionada opción resolverase, conxuntamente coa solicitude de integración, no prazo establecido nesta norma.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2018

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO I

Xerencia da Coruña

Posto de traballo

Categoría básica de homologación

Cociñeiro/a

Pinche

Xerencia de Ferrol

Posto de traballo

Categoría básica de homologación

Axudante/a de xestión e servizos comúns

Limpador/a

Xerencia de Santiago de Compostela

Posto de traballo

Categoría básica de homologación

Xefe/a de servizo

Facultativo/a especialista de área

Médico/a especialista

Facultativo/a especialista de área

Administrativo/a

Grupo administrativo da función administrativa

Auxiliar administrativo/a

Grupo auxiliar da función administrativa

Axudante/a sanitario/a

Celador/a

Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría

Encargado/a de unidade

Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría

Oficial/a administrativo/a

Grupo administrativo da función administrativa

Auxiliar psiquiátrico/a

Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría

Garda porteiro/a

Celador/a

Auxiliar de cociña

Pinche

Axudante/a de lavandaría

Lavandeiro/a

Técnico/a administración xeral

Grupo técnico da función administrativa

Técnico/a FP2

Técnico/a especialista

Auxiliar de clínica

Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría

Celador/a

Celador/a

Ordenanza

Celador/a

Xerencia de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos

Posto de traballo

Categoría básica de homologación

Xefe/a servizo de farmacia

Facultativo/a especialista de área

Médico/a psiquiatra

Facultativo/a especialista de área

Médico/a

Facultativo/a xerarquizado/a medicina xeral

ATS/DUE

Enfermeiro/a

Coord. aux. enferm.

Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría

Aux. enferm.-udad. terapias

Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría

Auxiliar de enfermaría

Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría

Coidador/a (1)

Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría (1)

Celador/a (1)

Psicólogo/a

Psicólogo/a (persoal de xestión e servizos)

Cociñeiro/a (2)

Cociñeiro/a (2)

Pinche (2)

Celador/a

Celador/a

Obreiro/a lav./lenz.

Pinche

Terapeuta

Monitor/a

Auxiliar asist. social

Grupo auxiliar da función administrativa

(1) De conformidade coa disposición adicional quinta da Orde do 21 de setembro de 2012 pola que se regula o proceso de integración voluntaria no réxime estatutario de determinado persoal transferido en virtude do Decreto 216/2010, do 30 de decembro, de traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións, servizos e medios persoais afectos á asistencia sanitaria prestada pola Deputación Provincial de Lugo.

(2) De conformidade coa disposición adicional sexta da Orde do 21 de setembro de 2012 pola que se regula o proceso de integración voluntaria no réxime estatutario de determinado persoal transferido en virtude do Decreto 216/2010, do 30 de decembro, de traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións, servizos e medios persoais afectos á asistencia sanitaria prestada pola Deputación Provincial de Lugo.

Xerencia de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras

Posto de traballo

Categoría básica de homologación

ATS unidade de hospitalización

Enfermeiro/a

Auxiliar de enfermaría unidade de hospitalización

Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría

Técnico/a especialista

Técnico/a superior en laboratorio de diagnóstico clínico

Técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico

Celador/a de atención directa ao enfermo

Celador/a

Celador/a sen atención directa ao enfermo

Lavandeiro/a

Lavandeiro/a

Facultativo/a xerarquizado/a medicina xeral con CE

Facultativo/a especialista de área

Cociñeiro/a

Cociñeiro/a

Xerencia de Pontevedra e O Salnés

Posto de traballo

Categoría básica de homologación

ATS

Enfermeiro/a

Auxiliar de enfermaría

Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría

Auxiliar psiquiatría

Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría

Técnico/a especialista

Técnico/a superior en laboratorio de diagnóstico clínico

Técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico

Técnico/a superior en anatomía patolóxica e citoloxía

Asistente/a social

Traballador/a social

Administrativo/a

Grupo administrativo da función administrativa

Auxiliar

Grupo auxiliar da función administrativa

Oficial/a cerimonial

Grupo auxiliar da función administrativa

Axudante/a sanitario/a

Celador/a

Axudante/a persoal-oficios

Cociñeiro/a

Pinche

Oficial/a costureiro/a

Costureiro/a

Fontaneiro/a calefactor

Fontaneiro/a

Oficial/a lavandeiro/a

Lavandeiro/a

Mecánico/a electricista

Electricista

Telefonista

Telefonista

Auxiliar administrativo/a

Grupo auxiliar da función administrativa

Operario/a de servizos varios

Peón/peoa

Ordenanza

Celador/a

Xerencia de Vigo

Posto de traballo

Categoría básica de homologación

Técnico/a auxiliar Nicolás Peña

Técnico/a superior en laboratorio de diagnóstico clínico

Auxiliar de enfermaría

Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría

Auxiliar especialista Nicolás Peña

Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría

Auxiliar Hospital Nicolás Peña

Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría

Celador/a

ATS/DUE

Enfermeiro/a

Auxiliar de psiquiatría

Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría

Administrativo/a

Grupo administrativo da función administrativa

Auxiliar

Grupo auxiliar da función administrativa

Axudante/a persoal oficios

Celador/a

Graduado/a social

Grupo de xestión da función administrativa

Encargado/a persoal de oficios

Grupo auxiliar da función administrativa

Telefonista

Telefonista

Asistente/a social

Traballador/a social

Xardineiro/a varredor/a

Xardineiro/a

Operario/a de persoal - oficios

Celador/a

Operario/a de servizos varios

Celador/a

ANEXO II

Solicitude de integración no réxime estatutario (Orde do 27 de decembro de 2018)

DATOS DO/DA SOLICITANTE

Apelidos

Nome

DNI

Enderezo

CP

Localidade

Teléfono

DATOS PROFESIONAIS

Posto de traballo (en propiedade):

Xerencia:

Desempeño da xefatura:

Provisional □ Definitivo □

Nomeamento:

Data:

En situación de (1)

Activo □

Outra (non activo) □

Titulación académica (2)

Data de expedición:

(1) Sinálese cun (x) o que proceda

(2) Xuntar fotocopia compulsada

O/a solicitante abaixo asinante manifesta que son certos os datos que se fan constar na presente solicitude de integración no réxime estatutario na categoría de ..............................................

..., ... de ... de 2019

(Sinatura)

Dilixencia: para facer constar que son certos os datos que o solicitante expón nesta solicitude.

..., ... de ... de 2019

O/a xerente

Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde

Edificio Administrativo San Lázaro

15703 Santiago de Compostela (A Coruña)